Token Vexator Canadiensis

antiga moeda do Baixo Canadá
Token da serie Vexator Canadiensis [1]
A/: busto masculino coa inscrición VEXATOR CANADIENSIS R/: busto feminino (quizais Britannia). Lenda: NON ILLOS VIS CAPERE
· Data: 1811.

· Valores: non expresados.

· Territorio: provincia do Baixo Canadá.

· Ceca: privada.

· Metal: cobre ou latón.

· Peso: variable (de 3 g a 8 g).

· Diámetro: variable.

· Peso: varios.

· Canto: liso.

Os tokens Vexator Canadiensis son unha serie de moedas cuñadas en cobre ou en latón, sen indicación de valor, emitidas de xeito privado (tokens) na provincia do Baixo Canadá durante a década de 1830, ás que se lles atribúe carácter satírico-político.

Todas estas pezas presentan unha aparencia moi descoidada e reproducen nos seus anversos un busto vagamente recoñecible como masculino, e unha imaxe feminina no reverso que lembra a de Britannia. A súa lenda do anverso —VEXATOR CANAD(I)ENSIS—, pola que se coñece esta serie, pódese entender como un xeito de protesta satírica contra un gobernador impopular do Canadá ou mesmo como Guillerme IV, como "acosador do Canadá", ou, noutras interpretacións, podería representar simplemente un trampeiro comerciante de peles.[2] Para algúns autores, esta imprecisión sería deliberada para permitir ao seu emisor ser acusado de sedición.[3]

Malia amosaren a data de 1811 —e, probablemente nun só caso, a de 1810— nos seus reversos, considerouse que estas moedas foron emitidas nalgún momento da década de 1830 e que a data anterior serviría para eludir as leis que prohibían a importación de novas emisións de tokens.[4] No entanto, algúns estudos numismáticos recentes cuestionan esta hipótese e sosteñen que serían emitidos máis preto da data que amosan.[5]

Coñécense polo menos tres variedades principais,[3] sen tomar en consideración variantes menores de cuño.[5] Cuñáronse en tiraxes reducidas, polo que son pezas raras que alcanzan no mercado numismático prezos elevados.[6]

Caracterización editar

Algúns destes to tokens están cuñados en cobre e outros en latón, e o seu rango de pesos é moi amplo, desde os 3,0 gramos aos 6,5 gramos.[3] Coñécese mesmo un exemplar que chega aos 8 gramos.[7]

 
Token Vexator Canadiensis catalogado por Pierre-Napoleon Breton coa referencia Breton-558.[8]

Anverso editar

O anverso representa un busto dun home ollando cara á esquerda, co cabelo ondulado e cun aspecto descoidado.[3] Tradicionalmente enténdese que a lenda do anverso é a expresión latina VEXATOR CANADIENSIS, aínda que en ocasións tamén se podería entender como VENATOR CANADIENSIS;[4] e segundo o caso podería traducirse, respectivamente como "acosador do Canadá" ou como "cazador (trampeiro) canadense".[9][10] A lenda está gravada dunha maneira moi descoidada e co "N" de CANADIENSIS invertido.[3] Ademais, algúns autores, na súa descrición do busto, interpretan que este ten a lingua de fóra. Algunhas variedades do anverso presentan tamén unha estrela debaixo do busto.[11]

Reverso editar

No reverso reprodúcese unha figura sedente claramente feminina, tamén cun aspecto moi descoidado, que semella a clásica representación da Britannia da moeda de cobre inglesa,[11] rodeada pola lenda NON ILLOS VIS CAPERE, coa a data 1811 ou, moito máis raramente, 1810 no exergo.[3] Unha interpretación desta lenda é: "Non che gustaría atrapalos?".[4] Partindo a lenda aparece adoito unha estrela de cinco puntas, aínda que existe unha variante con tres estrelas.[12]

Estudo numismático editar

Primeiros estudos editar

 
Ilustración dun token Vexator Canadiensis (Breton 558), reproducida en Breton, P. N. (1894). Popular Illustrated Guide to Canadian Coins, Medals.[8]

O primeiro autor en describir os tokens Vexator Canadiensis foi Alfred Sandham, no seu traballo de 1869 titulado Coins, Tokens and Medal of the Dominion of Canada.[13] Sandham non cuestionou a data que figura impresa nestas moedas e, xa que logo, considerounas como as primeiras emitidas en territorio canadense, no canto de ser importada de fóra do país.[14] No seu catálogo describiu tres exemplares, que situou como os números 5, 6 e 7 baixo a epígrafe "Canada", aínda que menciona que tiña coñecemento doutras variedades, que diferían "no xeito de escribir ou na puntuación". Sandham interpretou que a figura feminina dos reversos estaba "bailando".[15]

 
Retrato do xeneral James Craig, quen para o numismático William Kingsford é o obxecto da sátira dos tokens Vexator Canadiensis.[16]

En 1874 publicouse o segundo estudo acerca destas moedas, obra de William Kingsford, titulado A Canadian Political Coin.[17] A maior parte desta monografía céntrase no trasfondo político do Alto Canadá na década de 1810 que, na súa opinión, conduciu á emisión destes tokens, e menciona que na súa maioría foron atopados no Quebec. Kingsford foi o primeiro en interpretar a lenda dos reversos como "Non che gustaría atrapalos?"[18] Baseándose na data que aparecía nas moedas e na lenda VEXATOR CANADIENSIS, o "acosador do Canadá" corresponderíase co xeneral James Craig, que fora gobernador xeral do Canadá ata ese mesmo ano (1811).[19]

Esta tese de Kingsford foi recollida por Pierre-Napoléon Breton no seu catálogo ilustrado de numismática canadense publicado en 1894,[20] quen, ao describir os antecedentes históricos destas moedas, tamén afondou no carácter ditatorial do Goberno colonial de Craig. Breton tamén menciona que todos os exemplares destes tokens aos que el tivera acceso estaban "mal cuñados" e era "imposible atopar algún en bo estado".[21] En tanto que Sandham mencionaba tres variedades, Breton só enumerou dúas, que catalogou cos números 558 e 559, ao tempo que sinala que cada unha ten as súas propias variantes.[22] Utilizando unha escala de dez graos —na que o 10 lle corresponde á máis rara—, Breton atribúelle a estas pezas un grao de rareza de 3, aínda que sinala que "están a converterse raras".[21]

 
Ilustración de Howland Wood dun token Vexator Canadiensis con data 1810 no anverso e sen a característica lenda.[23]

En 1910, o numismático estadounidense Howland Wood descubriu unha variante dos tokens Vexator Canadiensis que presentaba nos anversos unha cabeza de maior tamaño, sen lenda ningunha e coa data de 1810 baixo o busto. O reverso, que describiu como "variante co vestido da figura feminina que parece feito de plumas", aproximábase ao catalogado por Bretón co número 558 —aínda que coa data de 1811—. Wood especulou, por tanto, con que estes tokens foran concibidos con anterioridade á marcha de John Craig, ou tamén con que o anverso correspondería a un cuño experimental posto en servizo de xeito improvisado.[23] Non apareceu ningún outro exemplar destes tokens coa data de 1810 desde a descuberta de Wood, polo que se considera como "probablemente único". O espécime coñecido forma parte da Colección Nacional de Moeda, do Museo do Banco do Canadá.[24]

O estudo máis exhaustivo sobre os Vexator Canadiensis foi o levado a cabo polo numismático canadense Robert W. McLachlan, no seu artigo "When Was the Vexator Canadensis Issued?", publicado en 1915.[25] Logo de revisar persoalmente entre 25 e 30 espécimes destas moedas, só puido atopar as dúas variantes principais que coincidían coas descritas por Breton. Xa que logo, consideraba as tres variantes sinaladas por Sandham como un erro, e interpretaba o traballo deste como "preparado ás présas, sen un exame axeitado das pezas descritas".[26] McLachlan consultou a dous expertos en lingua latina, que coincidiron na interpretación de Kingsford da inscrición NON NILOS VISCAPERE como "Non che gustaría atrapalos?".[27]

Dada a lixeireza destes tokens, McLachlan pensa que non deberon de ser aceptadas como moedas de medio penique xa en 1811, e que non hai probas de que se produciran cuñaxes no Canadá nunha data tan temperá.[28] Esta situación tería cambiado, no entanto, na década de 1830, cando xurdiron outros tokens lixeiros —entre eles os tokens Blacksmith, aos que McLachlan considera que se parecen os Vexator Canadiensis—,[29] que tamén se caracterizaban polo confuso das súas lendas.[30] McLachlan tamén sinalou que moitos dos tokens cuñados para seren usados no Baixo Canadá a mediados da década de 1830 portaban datas anteriores, como os tokens de Tiffin, que amosaban a data de 1812, os de Harp, de 1820, e os de medio penique británicos, que se emitiron por vez primeira na década de 1730, durante o reinado de Xurxo II.[31]

Ao atopar exemplares dos tokens Vexator Canadiensis en similar proporción en Montreal e en Quebec, McLachlan consideraba máis probable que estes fosen cuñados en Montreal e non antes de 1835. Este autor chegou tamén á conclusión de que o "acosador" ou "torturador" sinalado podería ser moi probablemente Guillerme IV e de que, aínda que o emisor quería satirizar secretamente a Administración do Baixo Canadá desde a perspectiva franco-canadense, a motivación principal era o lucro mediante a emisión de tokens infravalorados para a circulación.[32]

Unha análise das lendas dos tokens Vexator Canadiensis realizada na década de 1960 concluíu que era probable que quen deseñara estas moedas tivese coñecementos numismáticos, xa que debía estar familiarizado con lendas similares dos coñecidos como "tokens de evasión" dos Estados Unidos e de Inglaterra, e só unha persoa ben formada podería ser quen de "idear unha peza así e compor unha lenda orixinal en latín".[33]

Estudos modernos editar

O catálogo de 2012 publicado por W. K. Cross sobre os tokens coloniais canadenses recoñece tres variantes dos tokens Vexator Canadiensis, entre elas as cuñaxes en cobre e en latón.[34] Desde entón apareceron novas variantes, entre elas dous espécimes distintos cunha soa cara gravada.[35][36]

O histórico artigo de McLachlan's acerca destas moedas foi reexaminado en tempos máis recentes, pondo en dúbida aspectos como a súa suposta relación cos tokens Blacksmith, a súa datación na década de 1830, como pensaba McLachlan,[5] e mesmo se estaban destinados á súa posta en circulación.[37] O numismático Wayne Jacobs revisou a historia e os estudos sobre estas moedas nun artigo de 1996, no que propuxo que os "vexators" eran, de feito, un "pase de loxa" utilizado polos membros da Irmandade de Cazadores, polo que nunca estarían destinados á circulación, senón a identificar aos membros desta loxa.[38]

Mediante fluorescencia de raios-X decubriuse que dúas das variedades destes tokens son idénticas na súa composición elemental, o que suxire que se fabricaron ao mesmo tempo ou que, polo menos, procedían do mesmo lote de pranchas de cobre.[39]

A cantidade total de tokens Vexator Canadiensis dispoñibles para os coleccionistas actuais estimouse entre 300 e 400.[40]

Notas editar

  1. Breton, P. N. (1894). Nº 559. Páxina 62.
  2. Willey, R. C. (2011). Páxina 122.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Willey, R. C. (2011). Páxina 123.
  4. 4,0 4,1 4,2 Cross, W. K. (2012). Páxina 204.
  5. 5,0 5,1 5,2 Mayhugh, M. (2008). Páxina 37.
  6. Heritage World & Ancient Coins (2018). Páxinas 81-82.
  7. Mayhugh, M. (2008). Páxina 38.
  8. 8,0 8,1 Breton, P. N. (1894). Nº 558. Páxina 60.
  9. "Lower Canada, Vexator Canadiensis, one halfpenny token, 1811". Coinsandcanada.com
  10. Willey, R. C. (2011). Páxinas 122-123.
  11. 11,0 11,1 Heritage World & Ancient Coins (2018). Páxina 81.
  12. Heritage World & Ancient Coins (2018). Páxina 82.
  13. Sandham, A. (1869).
  14. Sandham, A. (1869). Páxina 7.
  15. Sandham, A. (1869). Páxina 21.
  16. Kingsford, W. (1874). Páxinas 14-15. 22, 25-31.
  17. Kingsford, W. (1874).
  18. Kingsford, W. (1874). Páxina 5.
  19. Kingsford, W. (1874). Páxina 6.
  20. Breton, P. N. (1894).
  21. 21,0 21,1 Breton, P. N. (1894). Páxina 61.
  22. Breton, P. N. (1894). Páxinas 60-62.
  23. 23,0 23,1 Wood, H. (1910). Páxina 233.
  24. Jacobs, W. L. (1996). Páxina 62.
  25. McLachlan, R. W. (1915).
  26. McLachlan, R. W. (1915). Páxina 94.
  27. McLachlan, R. W. (1915). Páxinas 97-98.
  28. McLachlan, R. W. (1915). Páxina 99.
  29. McLachlan, R. W. (1915). Páxina 100.
  30. McLachlan, R. W. (1915). Páxina 102.
  31. McLachlan, R. W. (1915). Páxina 101.
  32. McLachlan, R. W. (1915). Páxinas 102-103.
  33. Willey, R. C. (1969). Páxina 115.
  34. Cross, W. K. (2012). Páxina 205.
  35. Mayhugh, M. (2008). Páxina 36.
  36. Jacobs, W. L. (1996). Páxina 61.
  37. Mayhugh, M. (2008). Páxina 39.
  38. Jacobs, W. L. (1996). Páxina 69.
  39. Lorenzo, J. (2017). Páxina 241.
  40. Kleeberg, J. M., ed. (2000). Páxina 202.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar