Museo do Banco do Canadá

museo numismático en Otava

O Museo do Banco do Canadá (en inglés: Bank of Canada Museum; en francés: Musée de la Banque du Canada), coñecido ata 2013 como Museo da Moeda (inglés: Currency Museum; fancés: Musée de la monnaie), é unha institución museística canadense dependente do Banco do Canadá, que alberga a Colección Nacional de Moedas dese país.

Museo do Banco do Canadá
Edificio do Banco do Canadá (dereita), sede
do Museo do Banco do Canadá

CoordenadasCoordenadas: 45°25′15″N 75°42′11″O / 45.4209, -75.703
País Canadá
Cidade Otava
Inauguración1980
Na rede
https://www.bankofcanadamuseum.ca/ e https://www.museedelabanqueducanada.ca/
Facebook: BoCMuseum Twitter: BoCMuseum Instagram: bocmuseum Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O museo inaugurouse en 1980 ten a súa sede no propio complexo de edificios do Banco do Canadá, en Otava.

A súa colección principal, da que só se amosa ao público unha pequena parte, está composta por máis de 120.000 obxectos procedentes de todo o mundo, relacionados coa moeda e co diñeiro: moedas, billetes, cuños, pranchas e ferramentas de cuñaxe, libros de contabilidade bancaria e gobernamental, pesas e balanzas, caixas rexistradoras, medallas, diñeiro falso etc.[1]

O Museo do Banco do Canadá posúe tamén un arquivo e unha biblioteca con máis de 8.500 rexistros, entre documentos, revistas, catálogos, folletos e libros que, nalgúns casos, se remontan á Idade Media.[1]

Historia da colección editar

 
Moeda de pedra da illa de Yap, no xardín do Museo do Banco do Canadá.

A creación dunha colección numismática nacional no Canadá foi proposta por vez primeira a finais da década de 1950 polo gobernador James Coyne. Con tal fin contratouse en 1959 o consultor numismático G. R. L. Potter, para articular os inicios da colección, e baixo a súa dirección o Banco do Canadá comezou a adquirir obxectos diversos que amosasen o desenvolvemento da moeda canadense durante os 150 anos anteriores.[2]

En 1962, o banco contratou a Sheldon S. Carroll como o primeiro conservador da súa colección, e o gobernador Louis Rasminsky encomendoulle a creación dunha colección o máis completa posible de moedas, fichas comerciais (tokens) e billetes canadenses. Carroll non se limitou a isto, senón que estendeu o obxecto da colección ás moedas estranxeiras, tanto antigas como medievais e modernas, e outros obxectos relacionados cos asuntos bancarios e monetarios. O núcleo da colección actual constituíuse nese período.[2]

Todos estes ítems que compuñan a colección adquiríronselles a coleccionistas particulares e a empresas privadas, e tamén procedían de organismos do sector público. En 1963 comprouse a colección de J. Douglas Ferguson, quizais o numismático canadense máis coñecido daquel momento. Esta operación abranguía papel moeda emitido durante o réxime francés e unha selección de moedas antigas, medievais e contemporáneas.[3]

En 1965 produciuse outra adquisición importante; trátase da incorporación dunha gran colección de moedas procedente dos Arquivos Públicos do Canadá, entre a que estaba a antiga colección Hart, que fora adquirida polo Goberno en 1883.[4]

En 1974 o Banco do Canadá adquiriu unha gran colección do Castelo Ramezay, sede da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal, pioneira no seu xénero no Canadá. Esta adquisición incluía a colección de R. W. McLachlan, o principal numismático canadense de finais do século XIX e principios do XX.[5]

Non foi ata 1977 cando o Secretario de Estado do Canadá declarou formalmente a colección do Banco do Canadá como Colección Nacional de Moeda.[1][6]

O museo actual editar

 
Antiga entrada principal do Museo da Moeda, do Banco do Canadá (ata xullo de 2013)

Finalmente, o museo abriu as súas portas ao público nunha zona resultante da ampliación do Banco do Canadá, o 5 de decembro de 1980, coa denominación de Museo da Moeda.[7] O 2 de xullo de 2013 comezou nun período de catro anos no que o museo permaneceu pechado, co gallo dunha nova remodelación do edificio do Banco do Canadá, e o 1 de xullo de 2017 produciuse a reapertura, xa coa nova denominación de Museo do Banco do Canadá.[8][9]

Á parte da exposición permanente, o novo museo consta de diversas exposicións específicas de carácter temporal, algunhas delas dirixidas particularmente ao público infantil. As moedas e outros obxectos expostos proveñen de todo o mundo, aínda que son na súa maioría canadenses.[10][11] Algunhas das exposicións temporais estiveron dedicadas a aspectos tan diversos como papel moeda como testemuño da identidade nacional, o diñeiro dixital, a figura dos gravadores de moedas e medallas, ou os 150 anos de historia da moeda dun centavo de dólar.[12]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "About the collection". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
  2. 2,0 2,1 "The National Currency Collection". En Bank of Canada (2008). Páxina 21.
  3. Bank of Canada (2008). Páxina 22.
  4. Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxinas 23-24.
  5. Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxina 27-30.
  6. Bank of Canada (2008). Bank of Canada (2008). Páxina 27.
  7. "The National Currency Collection". En Bank of Canada (2008). Páxina 32.
  8. Berge, H. (2017). "Bank of Canada Museum reopens". En Centretown News. 10 de outubro de 2017.
  9. "Bank of Canada Museum Reopens". En The E-Sylum. Vol. 20. Nº 28. 9 de xullo de 2017.
  10. "Permanent Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
  11. "Special Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.
  12. "Past Exhibition". Sitio web do Museo do Banco do Canadá.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar