Thinocorus

xénero de aves

Thinocorus

Parellas de Thinocorus orbignyanus (esquerda)
e Thinocorus rumicivorus (esquerda),
lámina do libro The birds of South America
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Suborde: Scolopaci
Familia: Thinocoridae
Xénero: Thinocorus
Eschscholtz, 1829
Especies
Véxase o texto

Thinocorus é un xénero de aves da orde dos caradriformes, suborde dos escolopacios, un dos dous integrados na familia dos tinocóridos.

Trátase de pequenos limícolas gregarios que se adaptaron a unha dieta herbívora.

Taxonomía editar

Descrición editar

O xénero foi descrito en 1829 polo médico, botánico, zoólogo, anatomista, explorador e entomólogo, do grupo dos alemáns do Báltico do Imperio Ruso, Johann Friedrich von Eschscholtz.[1][2]

Etimoloxía editar

O nome científico Thinocorus está formado pola unión dos elementos Thin- e -corus (cun -o- epentético parta facilitar a pronuncia). O primeiro está tomado do grego antigo θιν-, thin-, "esta beira", "banco de area", e o latín vulgar -corus, derivado irregular do grego antigo κόρυς kórys "helmo", "casco", "cabeza".[3]

Especies editar

O xénero comprende tan só dúas especies,[1][2] propias de Suramérica:

Imaxe Nome científico Distribución
  Thinocorus orbignyanus (Saint-Hilaire & Lesson, 1831) Arxentina, Bolivia, Chile e Perú.
  Thinocorus rumicivorus Eschscholtz, 1829 Arxentina, Bolivia, Chile e Perú.

Distribución e hábitat editar

As súas dúas especies teñen unha distribución suramericana, nas rexións andina e patagónica.[4]

Habitan nunha variedade de ambientes, incluíndo prados, estepas herbáceas, desertos semiáridos e hábitats alpinos.[4]

Características editar

A dúas especies son pequenos limícolas gregarios que se adaptaron a unha dieta herbívora.

Teñen cabezas pequenas e picos curtos. Aínda que son herbívoros as sementes non son unha parte importante da súa dieta.[4] Porén, sábese que a especie Thinocorus rumicivorus se alimenta dos pétalos carnosos das flores de Calceolaria uniflora, unha especie da familia das escrofulariáceas. No proceso de alimentárense destes apéndices, ricos en azucre, contribúen á polinización das flores.[5]

Teñen unha aparencia semellante á do paspallás e ás perdices, pero teñen as ás máis longas.[4] O seu tamaño vai desde o dun pardal común até o dunha becacina cabra. Teñen as patas curtas, pero cos dedos longos. A cor da súa plumaxe é xeralmente críptica. Hai certo dimorfismo sexual na plumaxe das especies de Thinocorus: os machos teñen a cara, o pescozo e o peito grises.

As femias poñen 2 ou 3 ovos nun niño consistente nun oco pouco profundo escavado no chan.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Thinocorus Eschscholtz, 1829 na BioLib. Consultada o 12 de setembro de 2022.
  2. 2,0 2,1 Thinocorus Eschscholtz, 1829 no GBIF. Consultado o 12 de setembro de 2022.
  3. Thinocorus no Merriam-Webster Dictionary.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Fjeldså, J. (1996): "Family Thinocoridae (Seedsnipes)" en del Hoyo, J.; Elliot, A. & Sargatal, J., eds. Handbook of the Birds of the World. Volume 3: Hoatzin to Auks. Barcelona, España: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-420-2.
  5. Sérsic, A. N. & Cocucci, A. A. (1996): "A Remarkable Case of Ornithophily in Calceolaria: Food Bodies as Rewards for a Non-nectarivorous Bird". Botanica Acta 109 (2): 172–176.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar