Perdiz

perdiz orixinaria do suroeste de Europa
Perdiz, perdiz rubia
Alectoris rufa
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Perdicinae
Xénero: Alectoris
Especie: A. rufa
Nome binomial
Alectoris rufa
(Linnaeus, 1758)

A perdiz,[2] ou perdiz rubia,[3] Alectoris rufa, é unha ave da orde dos galiformes e familia dos fasiánidos e subfamilia dos perdicinos, pertencente ao xénero Alectoris, orixinaria do suroeste de Europa.

Descrición editar

Quen me dera alas ter,
as alas dunha perdiz,
pra lle levar unha carta
ó meu querido Luís.

—Popular[4]

Son aves gordechas e de ás arredondadas. A plumaxe dos individuos adultos é castaña area pola parte superior, ante rosada no ventre e gris pálida no peito. A coroa e a parte superior da caluga dos adultos son de cor castaña rosada, a parte frontal e os lados da coroa son gris azuladas, e teñen unha liña superciliar estreita abrancazada que lles vai ata os lados da parte inferior da caluga. A zona entre o bico e o ollo ten unha barra de plumaxe negra e unha área espida de pel vermella. A barra negra continua ata detrás do ollo, onde se fai máis ancha e espállase cara a abaixo ó redor da mancha da gorxa ata chegar ó colar negro. Na zona dos oídos hai unha mancha parda. A barbadela e a parte superior da gorxa son de cor branca de crema, rodeadas por un colar negro amplo. O negro do colar continúa na parte inferior da gorxa na forma de pinceladas negras sobre fondo gris area. Liñas tamén negras, pero máis estreitas, están tamén presentes na parte superior dos lados do pescozo, que son gris azulados. A parte inferior dos laterais do pescozo son castañas rosadas. O peito ten a plumaxe gris azulada, e a barriga é rosada. Os lados están marcados con barras castañas brillantes, en xeral entre 8 e 10, cada unha delas cunha beira negra estreita, sobre unha cor de fondo abrancazada diante das barras e gris pálida por detrás.

O bico e vermello brillante, igual que o anel ocular. O iris é castaño e as patas vermellas rosadas.

Distribución e hábitat editar

A perdices viven hoxe, ademais de na Península Ibérica, sur de Francia e noroeste de Italia, nos Azores, Gran Canaria, Madeira, illas Baleares e Córsega. En Gran Bretaña foron introducidas como aves de caza ó redor de 1770. As soltas de perdiz chucar provocaron a hibridación das dúas especies en Inglaterra. Ata ó século XVI as perdices vivían máis ó norte, por exemplo nos vales do Neckar, o Rin e o Aar, de onde desapareceron a consecuencia da baixada das temperaturas. As perdices viven no sur da súa distribución ata os 2000 metros de altitude, pero prefiren chairas ou terras onduladas con solos soltos.

Costumes editar

Son aves sedentarias de hábitos terrestres, que forman bandos fora da estación de cría. Se son molestadas prefiren voar que correr, pero se é necesario voan tamén distancias curtas. Poñen os ovos, entre 8 e 13, no chan. A femia encárgase da incubación, que dura unhas tres semanas. Aliméntanse principalmente de sementes, pero, sobre todo os polos, comen tamén, insectos.

Notas editar

  1. BirdLife International (2018): Alectoris rufa na Lista vermella da UICN.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para perdiz.
  3. Penas Patiño et al. 1991, p. 100.
  4. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (1980). Guía das aves de Galicia. Ficha da perdiz rubia. Ilustrado por Calros Silvar. Vigo: Editorial Galaxia. p. 127. ISBN 84-7154-379-6. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar