Tenrec ecaudatus

(Redirección desde «Tenrec (xénero)»)

Tenrec ecaudatus é unha especie de mamífero placentario da orde dos afrosorícidos, familia dos tenrécidos e subfamilia dos tenrecinos,[1] a única do xénero Tenrec.[2] coñecido na bibliografía internacional como tenrec común ou tenrec sen cola.[3]

Tenrec ecaudatus
Tenrec común, tenrec sen cola
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Superorde: Afrotheria
Orde: Afrosoricida
Suborde: Tenrecomorpha
Familia: Tenrecidae
Subfamilia: Tenrecinae
Xénero: Tenrec
Lacépède, 1799
Especie: T. ecaudatus
Nome binomial
Tenrec ecuadatus
Schreber, 1778
Distribución de Tenrec ecuadatus
Distribución de Tenrec ecuadatus

Distribución de Tenrec ecuadatus

É un pequeno insectívoro terrestre co corpo cuberto de pugas coa aparencia dun ourizo cacho, aínda que bastante máis alongado ca este.

Orixinario de Madagascar, foi introducido polo ser humano como fonte de alimentación en varias illas veciñas do océano Índico, como as da Reunión, Mauricio, as Comores, ou incluso nas Seychelles, onde se naturalizaron, xa que a súa carne é moi apreciada na gastronomía local e, en moitos lugares a súa caza está regulamentada.

Taxonomía editar

Descricións do xénero e a especie editar

Xénero editar

O xénero Tenrec foi descrito por primeira vez en 1799 polo zoólogo francés Bernard-Germain de Lacépède, na súa obra Tableau des divisions, sous-divisions, ordres et genres des mammifères.[2]

Sinónimo

Ademais de polo nome que lle impuxo Lacépède, coñécese tamén polo sinónimo Tenrecus Desmarest, 1820.[2]

Especie editar

Á especie Tenrec ecaudatus desribíraa en 1778 o zoólogo alemán, discípulo de Linneo, Johann Christian Daniel von Schreber, en Die Säugetiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen, 3: 590.[1] Non se coñecen subespecies.

Etimoloxías editar

O nome do xénero, Tenrec, deriva do termo francés tenrec, que o incorporou contra 1720-30 adaptando o termo malgaxe tàndraka ou tràndraka (tamén coas variantes tanrac e tandrec).[4][5][6][7][8][9]

O epíteto específico, ecaudatus, é un adxectivo do latín científico formado pola preposición latina e que, como elemento de composición, significa "privación", e o adxectivo latino caudātus, "con cola". Literalmente: "sen cola".

Características editar

O tenrec común é a especie de tenrec terrestre máis grande, xa que mide de 26 a 39 cm de lonxitude e pesa de 1,5 a 2,5 kg. A pesar do seu apelido en varios idiomas de sen cola, en realidade a ten, aínda que moi curta, de 1 a 1,5 cm de lonxitude e normalmnte non visíbel a simple vista. A súa pelaxe é áspera e longa, de cor gris ou gris avermellada; algúns pelos están transformados en pugas distribuídas por todo o corpo, o que lle dá a aparencia de ourizo. A femia ten 12 pares de mamas.[10]

Bioloxía editar

 
Tenrec en posición defensiva.
 
Camada de tenrecs comúns.

Hábitat e distribución editar

O seu hábitat natural son os bosques secos tropicais ou subtropicais, os bosques baixos húmidos tropicais ou subtropicais, as rexións montanas húmidas tropicais ou subtropicais, as sabanas secas, as zonas de matogueiras secas e húmidas tropicais ou subtropicais, as matogueiras de grande altitude tropicais ou subtropicais, as praderías secas e de grande altitude tropicais e subtropicais, as terras arábeis, os pasteiros, os xardíns rurais e mesmo as áreas urbanas.[11]

Comportamento editar

É esencialmente un animal solitario e de hábitos nocturos, e non se reúne con outros espécimes, brevemente, durante a época de cría e, ás veces durante a hibernación.

Cando é ameazado, esta especie de tenrec chía, endereza as súas pugas formando unha especie de crista, salta e morde. Duarante o día refúxiase nun niño de follas baixo unha rocha, un tronco ou un arbusto.

O tenrec común está considerado como un dos mamíferos máis prolíficos do mundo, se non o máis. Despois dun período de xestación de 50 a 60 días, as femias poden parir até 32 crías por camada, cunha media de 15 a 20, o que está confirmado polo menos en exemplares en catividade.[10][12] Estas poden ter unha librea raiada con listas brancas e negras.

O tenrec común é o primeiro mamífero tropical coñecido por hibernar. Durante a estación seca pode pasar até nove meses nun período de dormencia.[10][13]

Alimentación editar

A pesar de estar incluído até pouco entre os insectívoros, non só come insectos, senón tamén pequenos invertebrados, que busca entre as follas caídas, cazando ras e ratos, e tamén consome cadáveres.

Estado de conservación editar

En 2008 foi catalogado na Lista vermella da UICN como especie de status "pouco preocupante" (LC, do inglés Least Concern), por ser unha especie amplamente distribuída e nun hábitat intervido polo ser humano, pero sen ameazas maiores para eles, cualificación que se mantén a día de hoxe (outubro de 2015).[11]

Relación cos humanos editar

O tenrec común foi introducido polo home como fonte de alimentación, desde o seu lugar de orixe, Madagascar, en varias illas veciñas do océano Índico, como as da Reunión, Mauricio, as Comores, ou incluso nas Seychelles, onde se naturalizaron, xa que a súa carne é moi apreciada na gastronomía local e, en moitos lugares a súa caza está regulamentada.

Na Reunión e en Mauricio, a carne do tenrec é un alimento moi popular. Prepárase guisada ou con curry. Nas Comores e en Madagascar tamén se consome.
Os cazadores do tenrec a miúdo van acompañados por un can que lles permite localizar máis facilmente os tobos do animal.
A apertura e o peche dos períodos de caza establécense por decreto das autoridades.

Un tenrec antropomorfo chamado Bayoun foi a mascota oficial dos V Xogos das Illas do océano Índico, organizados na Reunión en 1998. Este evento deportivo, que está recoñecido polo Comité Olímpico Internacional, reúne atletas dunha media ducia de illas do suroeste do océano Índico desde 1979.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Tenrec ecaudatus en MSW.
  2. 2,0 2,1 2,2 Tenrec no MSW.
  3. Castelán, tenrec común, tenrec sin cola; portugués, tanreque sem cauda; catalán, tenrec comú; francés, tenrec acaude (entre outros); inglés, tailless tenrec, common tenrec.
  4. tenrec, no Collins Concise English Dictionary.
  5. Etymology of the French word tenrec Arquivado 02 de outubro de 2015 en Wayback Machine. en MyEtymology.
  6. Word Tenrec Origin Arquivado 02 de outubro de 2015 en Wayback Machine. en explainwords.com
  7. Etymology: French, from Malagasy tàndraka. Date: circa 1785 any of numerous small often spiny mammalian insectivores (family Tenrecidae) chiefly of Madagascar, en Merriam Webster English Dictionary.
  8. Malagasy tàndraka; en francés tenrec (Bernard Germain de Lacépède, 1799) Arquivado 02 de outubro de 2015 en Wayback Machine., en Animalia. Etymology of animal names.
  9. tanrec, tenrec, en Buffon (1764): Hist. nat., t. 12, p. 438: le tanrec et le tendrac). De tandraka, var. dial. de trandraka, nome malg. de cet animal en Le Trésor de la Langue Frnaçaise informatisé.
  10. 10,0 10,1 10,2 Kowalski, K. (1981), p. 284.
  11. 11,0 11,1 Vololomboahangy, R. & Goodman, S., IUCN SSC Afrotheria Specialist Group - Tenrec Section (2008): Tenrec ecaudatus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-3.- Consultada o 2de setembro de 2015.
  12. Stratégie Nationale pour la Gestion Durable de la Biodiversité.
  13. "Madagascan tenrecs are the first known tropical mammals to hibernate for long stretches without waking".

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Bibliografía editar

Schreber, J. C. D. (1777): Die Säugthiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen 1776-1778. Wolfgang Walther, Erlangen, 3: 590, pl.165.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar