Santa Alianza

Alianza militar

A Santa Alianza (en alemán: Heilige Allianz; en ruso: Священный союз, en francés: Sainte-Alliance ) foi un tratado celebrado o 26 de setembro de 1815 en París (Francia), trala Batalla de Waterloo, por iniciativa do tsar Alexandre I de Rusia, entre tres das potencias vencedoras do Imperio napoleónico, herdeiro da revolución francesa: o Imperio Austríaco, o Imperio Ruso e o Reino de Prusia. Aínda que esas tres foron as potencias fundadoras, posteriormente adheríronse máis países europeos, agás Gran Bretaña, mentres que Francia non se uniu até 1818. Disolveuse, de feito, en 1825 ao morrer Alexandre I que fora quen a inspirara.

Retrato de Alexandre I de Rusia, principal inspirador da alianza.

A Santa Alianza confúndese, a miúdo, cunha alianza posterior, a Cuádrupla Alianza, que incluíu as tres potencias anteriores máis ao Reino Unido e, dende 1818 no congreso de Aquisgrán, a Francia, co que pasou a ser unha Quíntupla Alianza[1] e que tiña como obxectivo o de defender o acordo de paz europeo e o equilibrio de poder no continente europeo.

Orixe editar

Os tres monarcas invocaron os principios cristiáns, prometendo manter nas súas relacións políticas os «preceptos de xustiza, de caridade e de paz», e tiña como obxectivo o de conter o liberalismo e o secularismo que se implantou en Europa froito da Revolución francesa.[2] No seu pacto comprometíanse a intervir onde fose necesario para defender a lexitimidade monárquica e os principios do Absolutismo e sufocar calquera movemento revolucionario.

É un acordo internacional particular xa que se basea no Cristianismo e, aínda que aceptaba a adhesión doutras casas reais cristiás afíns a esta causa, deixaba deliberadamente fóra a potencias como o Imperio Otomán ou Gran Bretaña.

Tradicionalmente a historiografía española considerou que a Santa Alianza, no Congreso de Verona, deu o mandato a Francia para invadir España e acabar co trienio liberal durante o reinado de Fernando VII de España.[3] Ese mandato concretaríase nun suposto acordo secreto que condenaría a todo réxime liberal e a liberdade de prensa, pero ese acordo só se reflicte na historiografía española, sen existir en ningún arquivo. Algúns historiadores españois como Jerónimo Bécker, consideran que é posible que se trate dunha falsificación, mentres que a historiografía non española dá por seguro a falsificación.[4][5] Para Renouvin existiu polo menos o mandato da Santa Alianza, que non da Cuádrupla dado o rexeitamento inglés a unha intervención, tanto en Verona en 1822 como antes en Troppau e Laibach para dar carta branca a Austria nas revoltas italianas. Con todo estes mandatos só sancionaban unha intervención que se produciría de tódolos xeitos dados os intereses particulares de Francia e Austria en España e os estados italianos respectivamente.[6]

A "Santa Alianza" reuniuse no ano 1818 nun congreso en Aquisgrán, pactando medidas contra os "demagogos e revolucionarios" nos Estados de Alemaña, así como a retirada das súas tropas de chan francés e adherindo a Gran Bretaña ás súas políticas, aínda que o goberno británico presidido por George Canning eludiu todo acordo concreto para axudar á Alianza en calquera intervención militar, sexa con cartos, buques, ou tropas.

Do mesmo xeito, no Congreso de Troppau, no Congreso de Laibach (ambos en 1820) e no Congreso de Verona (de 1822) consagrouse un "dereito de intervención" inspirado polo príncipe Metternich polo cal as grandes potencias europeas loitarían contra gromos de liberalismo en calquera país do continente ao constituír estes unha "ameaza á paz europea". Con iso admitía a Alianza tacitamente que Austria envíe tropas para sufocar revoltas liberais no Reino das Dúas Sicilias e no Reino de Piemonte (en 1820), e logo que Francia elimine toda pegada do seu pasado "revolucionario" enviando tropas contra os liberais de España para repor a Fernando VII como rei absoluto en 1823.

En ambos os crise Gran Bretaña rexeitou intervir en favor da Alianza ao xulgar que os seus intereses (esencialmente de comercio internacional) non estaban a ser afectados e que a mobilización das súas tropas era determinado polo seu Parlamento e non só polo rei, en tanto Gran Bretaña non era unha monarquía absoluta como Austria, Rusia ou Prusia.

Por este mesmo motivo o goberno británico tamén rexeitou axudar á Alianza cando esta autorizou en Verona unha intervención para restablecer o dominio dos Borbóns sobre España e tamén sobre as súas colonias de América, en tanto Gran Bretaña mantiña o lucrativo comercio coa antiga América española e temía que unha reacción de España patrocinada pola Alianza trouxéselle competidores a un lucrativo mercado. En tanto Austria, Prusia, e Rusia carecían dunha frota de guerra que desafiase a negativa británica (e o seu dominio nas augas do Atlántico) os plans da Alianza reducíronse a restaurar o absolutismo de Fernando VII na España metropolitana.

Valoración editar

A longo prazo, a Alianza fracasou ante as políticas dispares dos seus integrantes. Así, ao se produci-la Guerra de Independencia de Grecia en 1821, a Alianza pronunciouse contra os rebeldes gregos pero Gran Bretaña e Francia apoiaron informalmente aos gregos para salvagardar os seus propios intereses no Mediterráneo, zona onde Austria e Prusia tiñan escaso poder e influencia.

Ante isto, Rusia empezou a mostrar grandes dúbidas sobre a conveniencia da posición da Alianza de non intervir en Grecia e trala morte do tsar Alexandre I en 1825, o seu irmán e sucesor Nicolao I determinou apoiar tamén aos gregos ortodoxos sublevados para debilitar ao Imperio Otomán e evitar que británicos e franceses fosen os únicos aliados de Grecia. No Tratado de Londres (6 de xullo de 1827) Rusia, Francia e Gran Bretaña deciden acudir en axuda, diplomática e militar, dos gregos fronte o seu gobernante lexítimo. Isto mostrou unha fractura irremediable na Alianza, ao renunciar aos primitivos principios lexitimistas, polo que practicamente quedou inactiva desde entón.[7]

Notas editar

  1. Pecharromán (2010)
  2. Renouvin (1982), p. 37
  3. Pereira, Juan Carlos, Introducción al estudio de la política exterior de España (siglos XIX y XX), Madrid, 1983.
  4. Bécker (1924), p. 510 (nota 1).
  5. Schellenberg, T. R., “The Secret Treaty of Verona: A Newspaper Forgery”, en The Journal of Modern History, Vol. 7, No. 3 (Sep. 1935), pp. 280-291.
  6. Renouvin, 1982: 41-50
  7. Gutiérrez Ardila, Daniel (2012). El reconocimiento de Colombia: diplomacia y propaganda en la coyuntura de las Restauraciones (1819-1831). Colección Fuentes para la historia. Univ Externado Colombia. p. 31. ISBN 978-9587108378. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bécker, Jerónimo (1924). Historia de las Relaciones Exteriores de España durante el siglo XIX. Apuntes para una Historia diplomática (1800-1839) I. Madrid: Establecimiento tipográfico de Jaime Ratés. 
  • Gil Pecharromán, Julio (2010). Europa Centrooriental Contemporánea. (siglos XIX y XX). Aula Abierta. Madrid: UNED. ISBN 978-84-362-6173-8. 
  • Renouvin, Pierre (1998). Historia de las Relaciones Internacionales. Madrid: Akal. pp. 37–50. Akal Textos nº 14 (3ª ed.). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-597-0.