Unha rede social é unha estrutura social composta por individuos ou organizacións que están relacionados de acordo con algún criterio, como parentesco, amizade (relación interpersoal), profesión (relación formal) etc. A maneira de representar os debanitos vínculos dáse, normalmente, mediante nodos (individuos ou organizacións) e liñas de unión entre eles. Unha rede social en sentido amplo pode definirse como unha ferramenta telemática que ten como base a Web, se organiza a través de perfís persoais ou profesionais dos usuarios e ten como obxectivo conectar secuencialmente estes perfís a través de categorías.[1]

Instagram, rede social á que máis se lle dá uso para o novo fenómeno social das selfies.
Twitter, rede social de máis auxe nos últimos anos.
MySpace, rede de grande importancia para músicos.
Facebook, unha das principais redes sociais.

O termo "rede social" ten un forte vínculo coas comunidades virtuais. Isto débese a que comparten a similitude de que son unha serie de agrupacións de persoas en Internet que teñen temas e intereses en común.

Tuenti, rede social española, agora reconvertida en operador de telefonía.

Historia

editar

É complicado dicir con exactitude cal foi a primeira rede social, xa que non existe un consenso acerca disto. A orixe das redes sociais é moi difusa e o seu crecemento foi moi acelerado, ademais de existir diversos puntos de vista. Malia que para moitos o termo "rede social" poida soar a algo novo e cun curto período de vida o, certo é que conta cunha lonxevidade de máis dunha década.[2]

Para Campos, a rede social comeza no Renacemento co nacemento das universidades europeas. Isto fai que a necesidade de ilustración e comunicación da sociedade moderna se faga cada vez máis necesaria, polo que a aparición do que hoxe coñecemos como redes socias se vai achegando.[3]

Co crecemento das redes de comunicación, como as vías do tren e a tecnoloxía, xunto co nacemento de Internet, construíuse o que hoxe en día entendemos por rede social.

Aínda que se atribúe o nacemento da primeira rede social, en 1994, a Geocities, en certo modo a primeira rede social, tendo en conta a definición mencioada anteriormente e en canto ao ámbito dixital, pódese remontar a 1971 co primeiro correo electrónico, no que se podía intercambiar información con outras persoas.

GeoCities posuía unha estrutura moi dinámica, na cal os usuarios creaban os seus propios perfís, localizándoos en "barrios", para así poder interactuar entre eles.[4]

Un ano despois, en 1995, Randy Conrads funda o enderezo web que levaba por nome classmates, cuxa finalidade era que os seus usuarios puidesen atopar e seguir mantendo o contacto con antigos compañeiros de instituto, universidade ou do ámbito laboral. Neste mesmo ano, a rede theglobe.com comeza a súa andaina como comunidade de usuarios e usuarias capaces de crear as súas propias páxinas persoais e interactuar entre eles.[5]

Non é ata 1997, cando aparece a primeira rede social moderna, SixDegrees. Esta rede partía da base de que para poder comunicarnos con calquera persoa do planeta só eran precisos seis intermediarios, a partir dunha persoa coñecida. Moitos investigadores ven en SixDegrees a primeira rede social que máis se asemella ás características das redes sociais actuais. Este enderezo chegou ao seu fin tres anos despois do seu nacemento.[5]

No ano 2000, coa entrada do novo mileno, Internet acadou os setenta millóns de ordenadores conectados, dando lugar ao que se coñece como "burbulla de Internet". No ano 2003 nacen My Space e Facebook, esta última creada nun primeiro momento como plataforma para conectar os estudantes de Harvard.[2]

A comezos da década de 2000, especialmente entre 2001 e 2002, aparecen os primeiros sitios web que promoven a armaxe de redes baseadas en círculos de amigos en liña. Este era precisamente o nome que se utilizaba para describir as relacións sociais nas comunidades virtuais. Estes círculos popularizáronse en 2003, coa chegada de redes sociais específicas, que se ofrecían xa non só para reatoparse con amigos ou crear novas amizades, senón como espazos de intereses afíns.

Na actualidade existen máis de 200 redes sociais, con máis de 800 millóns de usuarios en todo o mundo. Unha tendencia que crece cada mes.[6] Esta tendencia está xerando a febre das redes sociais, que se incrementa cos avances tecnolóxicos e co grande abano existente de redes.

Usos principais

editar

En canto aos fins básicos que cumpren as redes sociais, encontramos os catro seguintes:[7]

  • Mantemento de amizades: permite seguir en contacto con amigos, excompañeiros de traballo, coñecidos do verán etc. Sen a existencia deste tipo de servizos, a relación entre eles iríase perdendo, como xa sucedeu dende tempos inmemoriais previos á orixe das redes sociais.
  • Creación de amizades: como se apuntaba no punto anterior, as redes manteñen o contacto entre persoas que se coñecen, pero cada unha delas relaciona dunha forma ou doutra os seus contactos con segundas ou terceiras persoas, que poden á súa vez interactuar e coñecerse. Isto conflúe na teoría dos “seis grados de separación” de Frigyes Kartinthy, que indica que non é preciso contactar con máis de seis persoas para atopar alguén seguindo as súas redes de amigos e coñecidos. É dicir, dúas persoas calquera do planeta están destinadas a relacionarse sen sabelo e só habería que acudir a seis “pasos intermedios” para establecer a devandita relación.
  • Entretemento: existe un perfil de usuarios que as utiliza como portal de entretemento, onde exploran e se poñen ao día sobre vidas alleas. Correspóndese cos recursos de observar o que acontece sen ser visto (voyeurismo), o que supón unha forma de relación específica deste tipo de comunicación. Porén, as redes socias tamén ofrecen outras posibilidades, como son as aplicacións coas que conta, facendo que o usuario participe activamente e pase máis tempo conectado. Un exemplo pode ser a “granxa en liña” de Facebook, que compromete o usuario coa súa creación e o seu coidado.
  • Xestión interna de organizacións empresariais: este uso está circunscrito a empresas dentro de cuxa estrutura se crean redes sociais privadas para axilizar trámites, comunicacións, conferencias e informes, ou se crean outras redes simplemente para poder estar en contacto con profesionais do sector, a nivel tanto laboral como persoal.

Clasificación

editar

Unha das clasificacións máis coñecida das redes sociais en Internet é a seguinte[8]:

  • Horizontais ou xerais: non teñen unha temática específica, senón que os usuarios poden participar dun xeito libre. A súa principal función é a de relacionar persoas mediante as ferramentas que cada aplicación facilita. Este tipo de redes sociais posibilita a interrelación xeral, sen un propósito concreto. Algúns exemplos deste tipo de redes son Facebook e Twitter. Cabe mencionar que hai dous tipos de redes sociais horizontais:
    • Abertas: son de acceso libre.
    • Pechadas: para acceder a elas cómpre converterse en membro.[9]
  • Verticais ou especializadas: están destinadas a un público específico. As persoas acoden a elas cun obxectivo compartido entre os seus membros. Á súa vez, estas clasifícanse nos seguintes tipos:
    • Profesionais: o seu fin é establecer conexións para compartir información en torno a determinadas temáticas de interese para os participantes. Un exemplo representativo é Linkedin.
    • De lecer: o seu fin é xuntar persoas que teñen fins comúns en relación ós deportes, á música, ós videoxogos etc. Un exemplo é Dogster (para o mundo dos cans).
    • Mixtas: son unha combinación das dúas anteriores. Un exemplo é Yuglo (relacionada co mundo da arte).
    • Académicas: destinadas a profesores, alumnos e investigadores para que compartan documentos, debatan sobre certos temas de interese académico, publiquen as súas creacións etc. Un exemplo é Stellae, creada na Universidade de Santigo de Compostela co fin de unir un grupo de persoas que están en proceso de aprendizaxe dunha disciplina relacionada coas tecnoloxías aplicadas no ámbito educativo).

Análise de redes sociais

editar

A análise de redes sociais é un método para identificar as estruturas sociais que xorden das distintas formas de relacionarse, e tamén un conxunto de técnicas metodolóxicas, compartido como un novo paradigma nas ciencias sociais.[10]

A análise de redes sociais (ARS), coñecida tamén polas siglas da súa denominación en inglés "SNA" (social network analysis), ten como finalidade a análise das estruturas sociais ou das relacións sociais, emerxentes das relacións entre os distintos actores (individuos, grupos sociais, organizacións, nacións...); en definitiva, na sociedade no seu conxunto.

O obxecto principal da ARS son as redes sociais e mesmo, con elas, a súa morfoloxía, os padróns de comportamento xeral da rede e a relación dos individuos que a compoñen.

Normalmente, a análise de redes sociais e as súas estruturas estuda a conduta dos actores, concretamente dos individuos a dous niveis: a nivel micro (céntrase na conduta individual e estuda os padróns das relacións, a estrutura da rede) e a nivel macro (céntrase nas estruturas sociais e económicas, analiza as interacción entre os dous niveis).

Ademais, a ARS pretende determinar a estrutura xeral da rede de estudo, os grupos e as posicións dos diferentes actores.

Elementos das redes
editar

Os elementos centrais son os actores, as relacións entre os actores e os límites da rede.[11]

  • Os actores poden ser individuos, grupos ou institucións. Unha das formas de caracterizar as redes é con base na natureza e na cantidade, diferenciando distintos modos, que se refiren á cantidade de tipos de entidades sociais vinculados a unha rede. Existen distintos tipos de modos (modo 1, modo 2 e modo N), que se diferencian pola focalización que se lles dá.
  • As relacións son as conexións entre un par ou varios actores. Estas diferéncianse segundo a súa densidade e segundo a súa direccionalidade, distinguido transativa, cando é recíproca, e directiva, cando non existe reciprocidade.
  • Os límites da rede son o criterio que determina a pertenza dos actores á rede.

Riscos nas redes sociais

editar

Co uso das redes socias aparecen diferentes riscos asociados. É de destacar que na rede podemos acceder a contidos inapropiados, transmitir e recibir mensaxes discriminatorias ou vexatorias, ou contidos que promovan enfermidades mentais e doutros tipos (anorexia, por exemplo). Por iso é necesario advertir sobre determinados riscos que poden xurdir na utilización da rede e, máis concretamente, nas redes sociais. Algún deles son:

  • Menores de idade: malia que a maioría das redes sociais establecen unha idade mínima para a creación dunha conta de usuario, é moi doado falsificar esta información. Débese crear conciencia e establecer un control paterno sobre os menores para evitar que estes sexan vítimas dos depredadores da rede.
  • Perfís falsos: existen diferentes motivacións para a creación de perfís falsos, como son: a suplantación de identidade, pedofilia, chantaxes, estafas etc. É importante saber a quen se agrega como amigo, especialmente a xente que non se coñece e que presente unha foto de perfil demasiado chamativa. Tamén debemos coidar a información que compartimos, xa que non sabemos onde pode parar. Facebook conta con xente adicada a rastrexar e eliminar contas falsas; por iso o número delas tende a ser baixo.
  • Phishing: considérase como unha estafa que se desenvolve mediante ligazóns falsas que, na súa maioría, están enfocadas á obtención de información persoal. Un exemplo de phishing é o engano de "Estás neste vídeo?" de Facebook.
  • Privacidade: debemos ser moi coidadosos á hora de compartir información persoal, como o enderezo ou os números de teléfono, entre outros, xa que poden ser empregados por xente con malas intencións para danarnos ou sacar beneficios. Tamén debemos ser coidadosos co que subimos, xa que en moitos traballos está a facerse cotiá a indagación nos perfís dos empregados ou das futuras contratacións É importante establecer unha privacidade para mostrar esta información á xente na que realmente se confía.[12]
  • Acoso ou cyber bulling: as posibilidades de comunicación das redes fan que aumente o risco de intimidación, exclusión, maltrato ou incitación ao odio ou á intolerancia, debido a globalidade das redes e á diversidade de usuarios.[13]
  • Adicción: ademais destes riscos, as redes sociais poden chegar a crear adicción entre os seus usuarios. No caso da adicción existen tamén características individuiais da personalidade que a poden favorecer, como é o caso da impulsividade, a disforia ou a procura excesiva de emocións fortes, a timidez excesiva, a baixa autoestima, a visión distorsianada da imaxe corporal, ou un estilo de afrontamento inadecuado ante as dificultades cotiás.Cando unha persoa ten adicción ao uso da rede poden presentarse algúns destes sinais[14]:
    • Privarse do tempo de sono (inferior a cinco horas) para estar conectado á rede.
    • Descoidar outras actividades, como poden ser as relación sociais, familiares, o estudo...
    • Pensar na rede constantemente e sentirse excesivamente irritado cando a conexión falla ou é lenta.
    • Recibir quixas por parte dos familiares ou amigos acerca do gran número de horas que se pasa diante dunha pantalla.
    • Mentir sobre o tempo dedicado ao uso da rede.
    • Presentar signos de illamento social, irritabilidades e baixo rendemento escolar ou nos estudos.
    • Sentir unha euforia e activación infrecuente cando se está diante do ordendador.

Seguridade na rede social

editar

Para ter unha participación segura na rede debemos ter en conta as seguintes medidas[15]:

  • Manter o ordenador a salvo de software malicioso.
  • Non abrir ningunha mensaxe nin ningún arquivo sospeitoso.
  • Protexer a información persoal, como fotos e outros datos de interese que nos identifiquen.
  • Compartir imaxes e vídeos asegurándose de que non prexudiquen a ninguén.
  • Evitar os conflitos nas redes sociais.
  • Configurar correctamente as opcións de privacidade que a propia rede social ofreza.
  • Cambiar os contrasinais cada certo tempo para impedir que hackeen a conta.
  • Ser consciente de con quen se está usando a cámara web, xa que ofrece moitísima información sobre o usuario.
  • Contrastar toda a información atopada na rede que poida resultante.

As redes sociais no ámbito educativo

editar

O gran poder das redes sociais como ferramenta de comunicación, capaz de poñer en contacto as persoas, fai que estas sexan utilizadas cada vez máis para fins moi diversos, entre os cales se atopa o educativo.

A pesar de que a utilización das redes sociais no ámbito educativo aínda é algo que se está a desenvolver, cada vez son máis os casos que se unen a esta experiencia. Trátase dunhas excelentes ferramentas para poñer en contacto, dialogar, comunicar e compartir coñecementos entre profesores e alumnos, á vez que se realiza unha aprendizaxe colaborativa. Esta colaboración é unha vantaxe para a adquisición de aprendizaxes, xa que, segundo Moreno (como se expuso en García, 2008)[16]

  • A aprendizaxe colaborativa aumenta a motivación.
  • A información e os coñecementos que achega cada membro do grupo enriquece os demais integrantes.
  • A gran diversidade de coñecementos e experiencias que se poñen en xogo contribúe ao enriquecemento da aprendizaxe.
  • Ao poder debater os contidos, promóvese o pasamento crítico e a participación de todos os integrantes.

Ante esta gran revolución dixital que se dá no mundo da ensinanza, tamén se dá un cambio nas estratexias de ensinanza e, como non, nos roles do profesorado e do alumnado. Agora o profesor, en vez de simplemente dar contidos, tamén participa xunto co alumno no proceso de xerar coñecemento, dunha forma colaborativa e compartida. Este actúa como un guía, un orientador, xestionando a información no proceso de construción da aprendizaxe. Por outra parte. o alumnado exerce un papel fundamentalmente activo, é o protagonista da aprendizaxe e convértese nun suxeito máis autónomo e autosuficiente (García, 2008)[16].

Existen diversas formas de usar as redes sociais no ámbito educativo. De Haro expón as seguintes[17]:

  • Redes de materias: dáse cando se crea unha rede específica para unha materia, cuxo fin pode ser moi variado, dende consultar dúbidas ou realizar traballos a ir construíndo entre todos os membros os contidos da materia dun xeito colaborativo e participativo.
  • Redes de centros educativos e grupos para crear comunidades internas: os grupos internos que se crean na rede poden ser de diversos tipos:
    • Grupos como lugar de resolución de dúbidas e de actividade académica dunha materia: é un lugar privado para o alumnado dunha determinada materia e o profesorado. O seu uso pode ser: preguntar dúbidas, consultar notas etc.
    • Grupo como taboleiro de anuncios da materia: emprégase como un lugar onde colgar as tarefas, os traballos etc.
    • Grupos de alumnos: son moi útiles para a realización de traballos conxuntos; neles pódese establecer un foro de discusión entre o alumando, compartir información etc.
    • Grupos para tutorización de traballos.

Vantaxes das redes sociais na escola

editar

As redes sociais non son indiferentes na educación xa que, como campo social, debe preguntarse polas novas necesidades que xorden do uso destes novos espazos. Unha rede social académica ten como fin último a construción e a difusión do coñecemento xerando unha contorna de aprendizaxe cunha serie de implicacións pedagóxicas [18]:

  • Son facilitadoras da comunicación, abrindo unha canle para o encontro e variando as dinámicas interactivas.
  • Son ferramentas de traballo que fomentan a aprendizaxe colaborativa, xa que se intercambian os esforzos entre os compeñentes do grupo. Deste xeito conseguimos beneficios tanto individuais como colectivos.
  • Móstranlle ao estudante un mundo de infromación que pode conectar co mundo real.
  • O alumno pode ser o centro do seu proceso didáctico, realizando aprendizaxes en función das súas motivacións e dos seus intereses (máis autonomía).
  • Fórmase unha intelixencia colectiva froito da colaboración e da compartición de informacións.
  • Reforzan as relacións internas do grupo, creándose unha visión compartida e un sentimento de pertenza.
  • Permiten a actualización dos propios coñecementos acerca da tecnología, xa que fai fácil a adaptación aos permanentes cambios e ás actualizacións tecnolóxicas que se producen.[19]
  1. Castañeda, L. (2010). Aprendizaje con redes sociales: tejidos educativos para los nuevos entornos. MAD. 
  2. 2,0 2,1 Ponce, Isabel (2012). Redes Sociales - Historia de las redes sociales. 
  3. Campos Freire, Francisco. "Las redes sociales trastocan los modelos de los medios de comunicación tradicionales Arquivado 08 de maio de 2017 en Wayback Machine.". En Revista Latina de Comunicación Social. 63. 2008
  4. "Un poco de historia: El nacimiento de las redes sociales". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. 
  5. 5,0 5,1 Sedano, Gloria. "Historia de las redes sociales". 
  6. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xaneiro de 2016. Consultado o 20 de abril de 2016. 
  7. Domínguez, David Caldevilla (2010-01-01). "Las Redes Sociales. Tipología, uso y consumo de las redes 2.0 en la sociedad digital actual". Documentación de las ciencias de la información (33): 45–68. 
  8. Zambrano, F. e Bucarelo, M. "Clasificación de las redes sociales". Consultado o 21/04/2015. 
  9. espais. "EspidiDoctor". www.espididoctor.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2016. Consultado o 2016-05-04. 
  10. Sanz Menéndez, Luis (2003). "Análisis de Redes Sociales: o como representar las estructuras sociales subyacentes" (PDF). Apuntes de Ciencias y Tecnología (7): 21–29. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de marzo de 2016. Consultado o 03 de maio de 2016. 
  11. Aguirre, Julio Leonidas (2011). "Introducción al Análisis de Redes Sociales" (PDF). Centro Interdisciplinario para el Estudio de Políticas Públicas. 
  12. Nacho Carretero (13-5- 2017). "“Los detectives lo tenemos más fácil que nunca”". El País (en castelán). Consultado o 19-3-2018. 
  13. José Mª Torras Coll - Magistrado, Audiencia Provincial de Barcelona. (24.05.2017). "El delito de stalking. Breves consideraciones". Lefebvre - El Derecho (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20-03-2018. Consultado o 19-3-2018. 
  14. Echeburúa, de Corral, Enrique, Paz (s.f.). "Adicción a las nuevas tecnologías y a las redes sociales en jóvenes: un nuevo reto". Adicciones: Revista de socidrogalcohol 22 (2): 91–96. ISSN 0214-4840. 
  15. PantallasAmigas (2013-05-16). "Recomendaciones para el Uso Seguro de Internet y las Redes Sociales". Consultado o 2016-06-21. 
  16. 16,0 16,1 García Sans, Anna (2008). "Las redes sociales como herramientas para el aprendizaje colaborativo: Una experiencia con facebook.". RE-Presentaciones (5). 
  17. De Haro, Juan Jóse. "Redes Sociales en Educación" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de maio de 2016. 
  18. Isabel, Fernández Menor,. "Redes sociales, motivación y participación. El lugar de la evaluación en un estudio de caso". hdl.handle.net. Consultado o 2016-04-17. 
  19. "Conoce las ventajas que otorgan las redes sociales a los estudiantes". About.com en Español. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2016. Consultado o 2016-05-04. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar