O voyeurismo ou escopofilia é unha parafilia consistente na consecución da excitación sexual por medio da contemplación secreta de persoas núas ou que realizan algún tipo de actividade sexual.[1]

Unha muller observa unha escena sexual entre homes.

Características

editar
 
Mercurio e Herse, gravado de Gian Giacomo Caraglio.

A actividade do voyeurista non implica ningunha actividade sexual posterior, malia que non a nega. As prácticas voyeuristas poden variar, pero a súa característica principal é a de que o voyeurista non interactúa directamente co suxeito observado, quen permanece case sempre alleo. A masturbación acompaña, a miúdo, ao acto voyeurista. O risco de ser descubertos e a natureza socialmente reprobable do acto actúan decote coma potenciador da excitación.

O voyeurista adoita observar a situación dende lonxe, ben ollando por un fecho, por unha abertura, ou valéndose de medios técnicos coma un espello, unha cámara etc. Nalgúns casos o voyeurista dará a coñecer a súa presenza, invitando á vítima a manter con el algún tipo de actividade sexual. Mesmo se teñen dado casos nos que o voyeurista tentou forzar á vítima, pero son escasos e excepcionais.

O voyeurismo comeza na infancia e dáse durante un período prolongado. A metade das persoas arrestadas por voyeurismo reinciden. Cando os actos de voyeurismo están relacionados cunha situación de estrés, o impulso para cometelos diminúe cando o estrés remite. Normalmente os voyeuristas presentan síntomas de trastornos mentais serios e manteñen relacións heterosexuais insatisfactorias.

Na explicación de Freud, o voyeurismo é unha pulsión parcial non integrada e, polo tanto, non gobernada pola primacía da xenitalidade. Por este motivo durante o acto sexual os elementos voyeuristas teñen primacía sobre os propiamente xenitais. O voyeurismo, se se sublima, pode traducirse en curiosidade intelectual.[2]

Segundo Kinsey, a meirande parte dos voyeuristas son homes: un 72% fronte a un 58% de mulleres consideran excitante a observación dun corpo espido. Cando se trata de fotografías de corpos nus a proporción baixa a un 52% dos homes e 12% das mulleres. Outras investigacións revelaron que o 83% dos homes e o 16% das mulleres senten desexos de observar persoas espidas o tendo sexo, e deles un 65% dos homes e un 20% das mulleres xa o fixo algunha vez.[3]

  1. SARASON, B.; SARASON, I.G. (2006). Psicopatología: psicología anormal : el problema de la conducta inadaptada. Pearson Educación. ISBN 9702608414.  (en castelán)
  2. GALLIMBERTI, U. Diccionario de psicología. Siglo XXI. ISBN 9682326184.  (en castelán)
  3. NAVARRO LINS, R.; BRAGA, F. O livro de ouro do sexo. Ediouro Publicações. ISBN 8500016337.  (en portugués)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar