Pazos (apelido)
Pazos é un apelido galego. Atópase hoxe en día moi espallado por mor da emigración galega, tanto pola Península Ibérica, como en Hispanoamérica. Conta coas variantes Pazo, Opazo e Dopazo (orixinariamente do Pazo).
Significado
editarA verba pazo (en portugués: paço) refírese á casa señorial fidalga e xeralmente rural de Galicia. O termo é un cognado de palacio, pois procede do latín palatiu(m). Malia existir exemplos máis antigos, este tipo de construción espállase unha vez concluídas as refregas señoriais do século XV, cando a nobreza galega substitúe a torre -de carácter eminentemente defensivo- polos máis confortábeis pazos, algunhas veces acaroada á vella torre. Como vivenda das familias nobres os pazos atópanse habitualmente brasonados. O mesmo tipo de construción existe noutras zonas feudais de Europa coma Francia (châteaux) ou Gran Bretaña (manor houses).
Se ben corresponde a un tipo de arquitectura propia do ámbito rural, conforme o carácter rural da antiga nobreza, tamén existen exemplos urbanos.
Apelido toponímico
editarEste apelido é considerado de carácter toponímico. O pazo dá lugar a numerosos topónimos galegos, tales como Pazos de Borbén, Pazos de Borela ou Pazos de Reis, tres localidades da provincia de Pontevedra. Porén non sempre existe constancia de que algún pazo dése orixe ao topónimo, o que xera un interrogante, cuestionando o carácter toponímico do apelido.
Á súa vez estes topónimos -ou o pazo mesmo- dan lugar a varios antropónimos, tales como Pazos mais o apelido vólvese indiscutidamente toponímico nalgunha das súas diversas variantes, tal coma Dopazo (do pazo).
Estes antropónimos tórnanse novamente topónimos nalgunhas localidades americanas, levados pola emigración galega, coma o caso de Pazos Kanki, localidade da Provincia de Bos Aires, Arxentina, que lembra a memoria de Vicente Pazos Kanki, crego altoperuano que tivo participación na Revolución de Maio, ou en rúas da cidade de Buenos Aires, como José Pazos, rúa que honra un militar morto durante as Invasións Inglesas, ou José Barros Pazos, xurisconsulto e reitor da Universidade de Bos Aires.
Variantes
editar- A forma máis difundida é o plural Pazos; conta con 7.352 persoas en Galicia (10.983 en todo o estado)[1].
- A forma singular Pazo ten menor difusión, con 1.371 persoas en Galicia.
- A forma Dopazo (orixinalmente: do Pazo) e especialmente Opazo (orixinalmente: o pazo) son as menos difundidas; suman 303 persoas.
Distribución
editarPola distribución xeográfica do apelido infírese de que se trata dun apelido eminentemente galego, aínda que só o 0,5436% da poboación galega leva este apelido.[2]
Residen en Galicia:
- O 67% de quen en España se apelidan Pazos.
- O 62% de quen en España se apelidan Pazo.
- O 78% de quen en España se apelidan Dopazo.
- O 39% de quen en España se apelidan Opazo.
En América
editarO apelido pasou a Hispanoamérica coa conquista e ao Río da Prata tamén coa Grande Inmigración Galega que se produciu entre a segunda metade do século XIX e a primeira do XX. En Bos Aires o apelido, como tantos outros apleidos galegos, é xa tradicional. Durante as Invasións Inglesas actuaron dous militares con este apelido, José, edecán de Javier de Elío, caído en acción, e Ramón, axudante do vicerrei Santiago de Liniers. En honra de José foi designada co nome Pazos ás hoxe rúas Uruguai e San José, entre 1808 e 1822; en 1944 foille restituída a homenaxe nunha rúa do barrio porteño de Nueva Pompeya. Udaondo consigna unha biografía de Ramón Pazos.
Nobiliario
editarNon hai rexistro de nobres titulados con este apelido, polo que as eventuais liñaxes nobres corresponden a fidalgos de sangue, ou sexa membros da pequena nobreza. Porén non todos os apelidados Pazos deben reputarse de orixe nobre.
Existen probanzas de nobreza na Real Chancelaría de Valladolid e unha de 1611 na Orde de Santiago.
Unha liñaxe fidalga corresponde á de Pazos de Probén. Carlos Barros, da Universidade de Santiago de Compostela, presentou un relatorio na asemblea da Sociedade Española de Estudos Medievais celebrada en Betanzos do 13 ao 17 de xullo de 1987, titulada Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén.[3][4]
Existen varias armas relacionadas a este apelido:
- En campo de ouro dúas bandas de goles; bordura de sinople cunha cruz chá de ouro, no alto, e cinco vieiras de prata.
- En campo de azur, un brazo armado, de prata, cunha espada núa na man que lle entra pola boca a un león ao natural, superado dunha estrela de ouro. (Nalgún caso o león é substituído por unha becha)
- En campo de azur un sol alado, de ouro.
- No Río da Prata, escudo acuartelado, 1° e 4° as descritas en primeiro termo, 2° e 3° en campo de goles seis besantes, de ouro, en dous paus (outras veces partido e mantelado, e no mantel as figuras da bordura).[5]
Levan este apelido
editarGalegos
editar- Serxio Pazos, actor e reporteiro.
- Marta Pazos, actriz do CDG.
- Xosé Manuel Pazos, Cangas, 1957, escritor e político galego.
- Andrés Pazos, actor galego-uruguaio nado en Santiago de Compostela.
- Antonio Pazos Figueroa, xurista, eclesiástico e home de estado galego.
- Carlos Pazos Varela, empresario e político galego (m. 1922).
- Carlos Fort Pazos, escritor e historiador galego.
- Xosé Robles Pazos, tradutor e profesor universitario galego.
- Luís Frade Pazos, político galego.
- Manuel Carballal Pazos, criminólogo galego.
- Alexandre Geijo Pazos, futbolista galego nado en Suíza.
- Salustiano Portela Pazos, Cotobade, 1877, crego e historiador galego.
- José Chiarroni Pazos, Vigo, futbolista galego.
- Jose Alberto Pazos Couñago, Redondela, 1972, avogado e político galego do PPdeG.
- Xosé María Pazos (Pulpis), Santiago de Compostela, 1974, adestrador de fútbol sala galego.
- José Blanco Pazos, A Baña, 1929, político galego do PPdeG.
- Antonio Pazos Fontenla, 1866, avogado e político galego.
- Manuel Antelo Pazos, Vimianzo, 1965, profesor e político galego vinculado ao BNG.
- Alfonso Pazos Cid, Ourense, avogado e político galego.
- Sergio Iglesias Pazos, político galego, alcalde de Vila de Cruces.
- Raimundo Julián Vidal Pazos, Marín, avogado e político galego.
- Arsenio Iglesias Pazos, Fene, 1978, escritor galego.
- Mercedes Suárez Pazos, A Coruña, 1950, profesora e investigadora galega.
- Tomás Jesús Juan Abeigón Pazos, Pontevedra, 1896, médico e político galego.
Outros
editar- Andrés Pazos, patriota arxentino.
- Carlos Alberto Pazos Cucullu, presidente da Fundación el libro.
- Celestino Pazos, autor do Proceso del integrismo.
- José Pazos, militar caído en combate durante as invasións inglesas a Bos Aires.
- José Barros Pazos, presidente da Corte Suprema de Xustiza da Arxentina.
- Luis Pazos, xornalista, escritor e poeta arxentino.
- Luis Pazos, economista e político mexicano.
- Liliana A. Cassá de Pazos, botanista arxentina.
- Manuel Romero Pazos, sindicalista gaditano.
- Ramón Pazos, militar que actuou en Bos Aires durante as Invasións Inglesas.
- Vicente Pazos Kanki, eclesiástico, xornalista e político nado en Bolivia que actuou na Arxentina.
- Ivan Pazos, deseñador nado en chile (iquique) .
Notas
editar- ↑ Instituto Nacional de Estadística
- ↑ https://web.archive.org/web/20111206231814/http://servergis.cesga.es/website/apelidos/viewer.asp.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 12 de decembro de 2015.
- ↑ http://www.youtube.com/watch?v=AEdwdORgkjw
- ↑ Cf. Julio de Atienza, Nobiliario español, M. Aguilar-Editor, Madrid 1948