Coordenadas: 42°16′21″N 8°40′10″O / 42.27250, -8.66944

Nueva Pescanova, tamén coñecida como Grupo Nueva Pescanova, é unha sociedade multinacional galega, especializada na captura, cultivo, elaboración e comercialización de produtos do mar.[1]

Nueva Pescanova
TipoSociedade Limitada
Fundación2015 (por transformación da antiga Pescanova)
LocalizaciónRúa José Fernández López, s/n Chapela, Redondela 36320 Pontevedra Galicia Galicia
Persoas claveJacobo González-Robatto (Presidente)
Ignacio González Hernández (Conselleiro delegado)
Industriaalimentación
ProdutosPesca e cultivo de máis de 70 especies de peixes e mariscos.[1]
Beneficio operativo75 millóns de (2018).[1]
Número de empregadosAproximadamente 11 000 en catro continentes (2019).[1] [2]
editar datos en Wikidata ]

Con máis de 10 000 empregados en catro continentes, é unha das poucas multinacionais de produtos do mar presente en toda a cadea de valor, desde a orixe até a súa venda.[1]

Sucesora da empresa Pescanova, ten a súa sede en Chapela, Redondela (Pontevedra).

Historia editar

A orixe desta empresa produciuse polas dificultades financeiras da súa antecesora, Pescanova, que, o 15 de abril de 2013, solicitou un preconcurso de acredores, pese a unha recente ampliación de capital. A empresa optou por esta opción a causa da súa avultada débeda, de 1 522 millóns de euros, cantidade oito veces maior que os seus resultados de explotación anuais.

Ademais coñeceuse, o mesmo día da presentación da insolvencia nos tribunais, que o seu presidente, Manuel Fernández de Sousa-Faro, vendera a metade da súa participación, do 14,4 % da empresa, nos meses previos á presentación do preconcurso.[3]

Tras da presentación do preconcurso de acredores e da saída de Fernández de Sousa da presidencia, tres fondos de investimento multinacionais estaban interesados en reflotar a compañía da creba. Os investidores con interese en reflotar o grupo pesqueiro foron os seguintes:[4]

 
Instalacións na avenida de Beiramar de Vigo.

A xunta directiva e os accionistas minoritarios opuxéronse á entrada dos investidores Damm, Luxempart, KKR e Ergon Capital Partners á fronte da compañía, e inmediatamente produciuse a dimisión do conselleiro Luis Ángel Sánchez-Merlo y Ruiz o 14 de xaneiro de 2014,[5] quen alegou motivos persoais á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Ao mesmo tempo, Pescanova iniciou as xestións para a venda da súa filial Pesca Chile, que contaba con ofertas das pesqueiras Cooke Aquaculture do Canadá e Econsult dos Estados Unidos. Finalmente, foi vendida en 2014 a Marine Harvest de Noruega.[6]

O 2 de maio de 2014, os principais bancos acredores españois acordaron levantar o concurso de acredores, e a compañía conseguiu manterse durante a crise como unha das principais multinacionais de Galicia. Unha vez que se produciu a saída do proceso concursal, os investidores Damm e Luxempart abandonaron a xestión da compañía, o cal supuxo as dimisións dos conselleiros José Carceller, de Damm, e François Tesch, de Luxempart.[7]

 
Vista das instalacións de Chapela coa ría de Vigo ao fondo.

O 22 de maio a consultoría Deloitte informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores, a dimisión de Juan Manuel Urgoiti (do grupo Damm), que fora presidente da multinacional desde setembro de 2013.

O 23 de maio Pescanova conseguiu saír definitivamente do concurso de acredores, despois de 403 días. O plan de reestruturación empresarial recibira o apoio do 65 % dos principais bancos acredores españois. A compañía continuou funcionando con normalidade baixo a tutela da consultora Deloitte.[8]

O 2 de febreiro de 2015 a compañía regresa á senda dos beneficios, cunha facturación de 1 600 millóns de euros no ano 2014, cifras que contrastan coas perdas dun ano antes.[9] Nese mesmo ao, Broadbill Investment Partners, fondo de investimento con sede en Nova York, adquire o 3,69 % do accionariado da compañía, e a Comisión Nacional do Mercado de Valores informa que o expresidente, Manuel Fernández de Sousa, continuaba como o maior accionista da compañía, cun 7,5 % do accionariado, seguido de Carolina Masaveu Herrero (Crisgadini), cun 7,1 % e, en terceiro lugar, a cervexeira Damm, cun 6,2 % do accionariado.[10]

 
Envases de diversos produtos do mar comercializados por Pescanova.

O 8 de xaneiro de 2015, como consecuencia da creba e a entrada en concurso de acredores da compañía, o Xulgado Central de Instrución número 5 de Madrid, ordena o embargo de todos os bens do expresidente Manuel Fernández de Sousa. Ademais do propio Fernández de Sousa, o xulgado tamén ordena embargar aos exdirectivos Afonso Paz-Andrade, Antonio Táboas Moure, Carlos Turci, Fernando Fernández de Sousa e Alfredo López Uroz.[11]

En setembro de 2015 celebrouse unha xunta de accionistas na cal aprobouse por maioría o plan de rescate, unha ampliación de capital e a refundación da compañía co nome de Nueva Pescanova. Como consecuencia desta xunta, créase un holding empresarial que absorbería as compañías filiais españolas, e tamén a entrada da banca acredora como socio maioritario da compañía, cun 80 % do accionariado; ademais, os accionistas minoritarios aumentan a súa participación cun 19,99 % da nova sociedade.[12]

 
Gastrobús de Nueva Pescanova no festival Vigo SeaFest de 2017.

Tras a xunta de accionistas, o repartimento accionarial de Nueva Pescanova distribuíuse da seguinte maneira: Pescanova S.A. 20 %, CaixaBank 15,55 %, Banco Sabadell 14,46 %, Grupo Popular 9,17 %, HSBC Bank 8,93 %, Abanca 8,19 %, Banco Bilbao Vizcaya Argentaria 6,25 %, SPV Global 5,84 %, Bankia 4,59 %, UBI Banca 4,14 %, outros 2,88 %.

En decembro de 2015 o novo consello de administración incorpora ao departamento de mercadotecnia da compañía ao cociñeiro Pepe Rodríguez Rey, membro do xurado do programa Masterchef, para protagonizar xunto a Rodolfo Langostino spots de receitas cociñadas con produtos de Nueva Pescanova.[13] Tamén en decembro dese mesmo ano é designado como novo conselleiro delegado da multinacional a Ignacio González Hernández, procedente de Campofrío.[14]

En 2017 a compañía aproba o seu plan de negocio mediante unha capitalización de créditos de aproximadamente 350 millóns de euros. Con esta operación a banca acredora faise co control do 85 % do accionariado, buscando ademais deste xeito, e como obxectivo a medio prazo, a estabilidade económica de Nueva Pescanova, así como a realización de novas inversións, entre as que destacan a renovación da frota pesqueira, contratando a construción de 7 novos buques á factoría naval de Astilleros Armón no mes de novembro,[15] a modernización das plantas acuícolas, ou a posta en marcha no Grove dun Centro de I+D+i, o Pescanova Biomarine Center.

En xuño dese mesmo ano, a CNMV anuncia que a partir do día 7 dese mes prodúcese o levantamento da suspensión bolsista de Pescanova S.A. —coñecida como a vella Pescanova e que neses momentos apenas contaba cun 1,6 % do accionariado de Nueva Pescanova— polo que a antiga Pescanova volve a cotizar de novo na bolsa de Madrid tras máis de 4 anos.[16] Un mes despois confírmase que o holding Nueva Pescanova decide desprenderse da súa filial Acuinova ACT. Piscícolas S.A., empresa dedicada ao cultivo e procesamento de rodaballo. A antiga filial encontrábase intervida pola banca portuguesa desde o concurso de acredores da multinacional, sendo finalmente vendida pola banca lusa á sociedade Ondas e Versos L.D.A.[17]

En xullo de 2018 Nueva Pescanova adquire a compañía Unick Fish de Suráfrica; esta operación ten como obxectivo potenciar as vendas de lagostino.[18]

En novembro do ano 2017 a armadora Nueva Pescanova formalizou un contrato co estaleiro Armón Vigo para a construción de sete buques pesqueiros por un importe de 42,5 millóns de euros, o que supuxo o maior encargo de construción naval realizado por unha empresa pesqueira española da historia.[19] Dos sete buques, catro se construirían na factoría de Vigo, mentres que os outros tres serían construídos nas instalacións de Burela.

O día 8 de marzo de 2019 tivo lugar, nas instalacións de Astilleros Armón Vigo en Coia, a botadura do primeiro buque encargado pola compañía galega en máis de tres décadas,[20] dos sete encargados por Nueva Pescanova a Astilleros Armón dous anos antes, co obxectivo de modernizar as súas frotas pesqueiras en Mozambique e Namibia,[21] que serán construídos en Armón Vigo e Burela por 200 operarios, cun investimento de 42,5 millóns de euros.[22] Este primeiro pesqueiro, bautizado como "Lalandii 1",[23] ocuparase da captura de pescada en Namibia.[22] O presidente do Grupo Nueva Pescanova, Jacobo González-Robatto, presentou o primeiro dos buques encargados a Armón para renovar a frota da compañía, como o "símbolo" da "viaxe" realizada por esta durante os últimos anos, e recordou o cambio realizado na compañía hai tres anos e medio e o traballo levado a cabo para alcanzar os "estándares máis altos" de calidade. Así, asegurou a continuidade do crecemento da empresa e puxo en valor que se trate dunha das "poucas" que abarca desde a pesca até a venda de produtos do mar. Así mesmo, incidiu no "compromiso" da compañía coa substentabilidade do medio ambiente a través da eficiencia enerxética e, de paso, recordou que este ano de 2019 creou uns 250 novos postos de traballo en Galicia.[21] Ao acto asistiu Hilaria Mukapuli, alcaldesa de Lüderitz (Namibia), que foi a madriña do Lalandii 1, e que comezara a súa su carreira profesional traballando na factoría de Nova Pescanova en Lüderitz, na empresa filial NovaNam.[24] Pola súa parte, Hilaria Mukapuli insistiu no impacto económico e o emprego que este xera na zona de Lüderitz e asegurou que a súa "continua inversión" permitiu transformar a situación da localidade; e en relación ao barco, sinalou que será "respectuoso co medio ambiente" e destacou a eficiencia enerxética dos seus motores.[25]

Cara ao futuro editar

Aínda que oficialmente o maior grupo pesqueiro de España non está en venda, cando en 2015 a gran banca viuse obrigada a entrar no capital, intercambiando débeda por accións, para evitar a creba e non perdelo todo (pese a unha quita de 2.000 millóns), fíxoo por un período que ten data de caducidade: o ano 2020, cando vence o plan estratéxico a catro anos. E a orde do día do consello de administración co que Nueva Pescanova convocou aos seus o día 26 da xuño, dá a entender que o proceso de saída, vía venda de participacións, está en marcha, porque, entre outras cousas, inclúe a modificación dos estatutos da compañía. Concretamente, a proposta céntrase o artigo seis, que regula o réxime de transmisión das participacións sociais. Na actualidade, Abanca, que comezara en 2016 cunha participación do 5,4 %, é hoxe o primeiro accionista co 31,41 % (tras facerse cos títulos de Bankia e BBVA, entre outros). Pola súa parte, o Banco Sabadell, que liderara a saída da creba da multinacional galega e a capitalización da débeda das entidades financeiras a cambio de accións para facer viábel a empresa, mantense fiel á súa aposta por Nueva Pescanova, e afianza a súa posición cun 24,4 % do capital. Todo apunta a que o bo momento en que vive o sector, coa venda de Iberconsa, a segunda maior pesqueira de España, por 550 millóns e, unha vez finalizado o traballo de "rescate" de Pescanova, buscarase unha boa operación que facilite a saída dos bancos e a entrada de novos investidores. Os donos financeiros, con Abanca e Sabadell á fronte, sempre dixeron que nunca terían en conta unha oferta inferior aos 1 200 millóns de euros.[26]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Nueva Pescanova en nuevapescanova.com
  2. "Con presenza de empresas pertencentes ao grupo en 21 países. A súa frota pesqueira é aproximadamente de 120 barcos e conta cun total de 3.399 empregados." en Pescanova.com
  3. Sueiro, Marcos (1 de marzo de 2013). "Pescanova presenta un preconcurso de acreedores". El Mundo (Unidad Editorial). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  4. Efe (9 de decembro de 2013). "Damm, Luxempart, KKR y Ergon Capital presentan una oferta por Pescanova". El País (Grupo PRISA). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  5. Europa Press (13 de xaneiro de 2014). "Luis Angel Sánchez-Merlo y Ruiz dimite como consejero de Pescanova". www.europapress.es. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  6. Graña, Lara (15 de maio de 2013). "Pesca Chile se venderá entera o por partes después de julio por una deuda de 7 millones". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  7. Europa Press (23 de maio de 2014). "Pescanova sale del concurso de acreedores, una vez aprobado su convenio". El Mundo (Unidad Editorial). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  8. Sío Dopeso, Manuela (23 de maio de 2014). "Pescanova sale del concurso de acreedores". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  9. Redacción (2 de febreiro de 2015). "El Grupo Pescanova ganó 1.649 millones de euros en 2014". El País (Grupo PRISA). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  10. Efe (2 de setembro de 2014). "Masaveu, Damm y Luxempart y Sousa continúan entre los mayores accionistas de Pescanova". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  11. Sío Dopeso, Manuela (25 de abril de 2015). "El juzgado ordena embargar todo el patrimonio de Fernández de Sousa". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  12. Redacción (4 de outubro de 2015). "Conseguida la salvación, ahora toca apuntalar Pescanova en Galicia". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  13. Sío Dopeso, Manuela. "Rodolfo Langostino recupera el empleo". La Voz de Galicia (data=12 de decembro de 2015). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  14. Sío Dopeso, Manuela (16 de decembro de 2015). "Los bancos eligen al jefe de Campofrío para ser consejero delegado de Nueva Pescanova". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  15. Graña, Lara (23 de novembro de 2017). "Pescanova adjudica a Armón la construcción de los siete pesqueros". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  16. Amoedo, Adrián (26 de abril de 2017). "La CNMV afirma ahora que Pescanova SA puede volver a cotizar antes de 2 meses". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  17. Sío Dopeso, Manuela (3 de xullo de 2017). "Pescanova dice adiós a la mayor planta de rodaballo de Europa". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  18. Sío Dopeso, Manuela (6 de xullo de 2018). "Nueva Pescanova crece en África con la adquisición de Unick Fish". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  19. Graña, Lara (23 de novembro de 2017). "Pescanova adjudica a Armón la construcción de los siete pesqueros". Faro de Vigo. Consultado o 10 de setembro de 2019. 
  20. Graña, Lara (8 de marzo de 2019). "El nuevo "Sil", 32 años después". Faro de Vigo. Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  21. 21,0 21,1 Marta G. Brea (23 de xullo de 2019). "Nueva Pescanova presenta el primero de los buques con los que renovará su flota". Faro de Vigo (Prensa Ibérica). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  22. 22,0 22,1 J. C. (9 de marzo de 2019). "Botadura del 'Lalandii', primero de los 7 nuevos buques de Nueva Pescanova". El Correo Gallego (Editorial Compostela). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  23. Redacción (9 de marzo de 2019). "Armon bota el pesquero "Lalandii"". Atlántico Diario (Rías Baixas Comunicación). Consultado o 29 de xullo de 2019. 
  24. Astilleros Armon entrega al Grupo Nueva Pescanova el barco Lalandii 1, el primero de su nueva flota para Namibia en nuevapescanova.com.
  25. Nueva Pescanova presenta el primero de los buques con los que renovará su flota como símbolo del "viaje" de la compañía. Europa Press, 23 de xullo de 2019.
  26. Sío Dopeso, Manuela (12 de xuño de 2019). "Nueva Pescanova convoca a sus socios para preparar la venta de la compañía". La Voz de Galicia. Consultado o 29 de xullo de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar