Monarquía electiva

A monarquía electiva é unha forma de goberno na cal o monarca é elixido por votación a través dalgún mecanismo de natureza variable. A diferenza da democracia, os electores e os candidatos pertencen a algún corpo restrinxido, polo cargo ocupado, a pertenza a un estamento (nacemento), ou algún tipo de condición persoal ou social. Na actualidade Samoa, a Soberana Orde de Malta, a Cidade do Vaticano, os Emiratos Árabes Unidos e Malaisia son as únicas monarquías electivas vixentes.

Antiga Grecia

editar

Ao longo da historia certos pobos elixiron esta como unha forma de goberno como unha modificación entre a monarquía, a república e o despotismo. Un exemplo diso son os espartanos que por voto elixían anualmente os seus dous reis.

Antiga Roma

editar

A monarquía romana foi en principio electiva. A partir do quinto rei, a elección dos últimos fíxose sempre entre membros da mesma familia, aínda que non por descendencia directa de primoxénito varón, que é o que adoita entenderse como monarquía hereditaria.

Pobos xermánicos

editar

Os pobos xermánicos no momento de invadir o Imperio Romano (século III ao século V) dispuñan dunha institución equivalente á monarquía temporal electiva para tempos de guerra, elixida pola asemblea de guerreiros. Co tempo a institución converteuse nunha monarquía vitalicia. Seguiu sendo electiva, aínda que a esencia da elección foise desvirtuando pola práctica da asociación ao trono. Esta consistía en que o rei asociaba o reinado a unha persoa -normalmente, pero non necesariamente o fillo máis vello- nos seus últimos anos, dun modo similar ao que fixeran os emperadores romanos. Mesmo, para garantir a elección do candidato desexado convocaba en vida a asemblea -para entón non composta por todos os homes libres, senón só polos potentados máis importantes, equiparados á nobilitas (nobreza) romana do baixo Imperio, coa que xa se fusionaron mediante enlaces matrimoniais as familias xermanas máis importantes-. A transición a unha monarquía hereditaria fíxose así de forma insensible. O seguinte foi a aplicación á sucesión monárquica das leis ou tradicións das tribos xermánicas en cuestións de herdanza, especialmente as dos francos salios, que se deu en chamar lei sálica (que impedía a herdanza ás mulleres). Tal cousa non tiña sentido na orixe, en que había que optar entre guerreiros destacados polo seu valor probado no combate.[1]

Tíbet

editar

O monarca do Tíbet entre 1391 e 1951, o Dalai Lama, é considerado a encarnación do Boddhisatva Avalokitesvara, por tanto a súa selección dáse cando altos xerarcas da Escola Gelug, a maior das escolas budistas tibetanas, designa un infante como a reencarnación do previo Dalai Lama tras a morte do anterior. Isto foi un sistema de monarquía teocrática e electiva que funcionou até a saída do Dalai Lama tras a anexión chinesa do territorio.

Alemaña e Francia

editar

O Sacro Imperio permaneceu como unha institución electiva, na se foron sucedendo diversas dinastías ao longo da Idade Media e a Idade Moderna (Otónidas, Hohenstaufen, Habsburgo), sen que fose descartable a irrupción da candidatura dun candidato externo (Afonso X o Sabio, Francisco I de Francia, que no entanto non conseguiron a elección). En Francia, os capetos conseguiron manter a sucesión masculina ininterrompida até a crise que suscitou a Guerra dos Cen Anos, nun momento en que os pretendentes á coroa non invocaban un mellor dereito por carisma ou dotes persoais, senón un mellor dereito dinástico.

España

editar

A monarquía visigoda non tivo ocasión de asentar o principio de monarquía hereditaria, e nos primeiros séculos da Reconquista, os reinos cristiáns que se crearon nas montañas setentrionais da Península Ibérica foron construíndo as súas propias institucións, algúns máis próximos ás feudais que se estaban desenvolvendo en Francia, mentres que o reino de Asturias construíu co tempo unha pretendida lexitimidade visigoda. Os primeiros reis de Asturias foron electivos, pero xa para comezos do século XI a institución asentouse como hereditaria: foi posible incluso a repartición de reinos como herdanza entre os fillos de Sancho III o Maior, que unificara case todos os territorios cristiáns peninsulares (a adecuación ou non do feito ao dereito navarro tradicional é cuestionada polos historiadores, pero efectivamente produciuse na práctica). Máis adiante foron posibles incluso a sucesión feminina (non se aplicaba a lei sálica) ou as rexencias por minoría de idade.

Imperio Azteca

editar

O Imperio Azteca foi unha monarquía electiva, sendo única no continente americano. Esta compartía varias características coas polis gregas, como o feito de que o pobo virtualmente elixía o emperador; a pesar da enorme distancia e os períodos históricos que os dividiron. A elección dividíase en 3 etapas: a primeira era cando os macehuales (campesiños), comerciantes e artesáns dun calpulli (barrio de Tenochtitlán) elixían o seu representante; na segunda etapa, os representantes de cada calpulli reuníanse no Gran Consello, onde se escollían os 4 Grandes Señores; na terceira e última etapa os Grandes Señores discutían durante bastante tempo quen debería ser elixido Gran Tlatoani (parecido ao Conclave), segundo fosen -principalmente- os seus logros militares e os seus coñecementos. Ao final, o Gran Tlatoani era considerado como unha deidade.

Cidade do Vaticano

editar

O Estado da Cidade do Vaticano mantén ese sistema, mediante a elección do Papa en conclave, é dicir: a reunión dos cardeais, que teñen o papel de príncipes electores. Nun primeiro momento o Papa, como bispo de Roma, era elixido polo pobo de Roma. Posteriormente restrinxiuse o colexio electoral aos párrocos das igrexas romanas (como ocorreu cos demais bispos de cada cidade). Os cardeais, elixidos á súa vez polo Papa, seguen sendo titulares dunha parroquia en Roma.

Samoa forma unha Monarquía parlamentaria independente. A constitución de 1960, que tomou formalmente efecto despois da independencia do país, baséase na democracia parlamentaria do Reino Unido, modificada para ter en conta os costumes de Samoa. Os dous grandes xefes samoanos dende a independencia veñen sendo designados conxuntamente dende o cargo de xefe de Estado. O anterior xefe de Estado, Malietoa Tanumafili II, que faleceu o 12 de maio de 2007 á idade de 94 anos, ocupou este cargo desde a morte do segundo gran xefe en 1963. O seu sucesor Tuiatua Tupua Tamasese Efi foi designado pola lexislatura para un mandato de 5 anos (sendo reelixido en 2012) e mantivo o título de O le Ao o le Malo e o tratamento de "Alteza" pero ao limitar os mandatos da Xefatura do Estado a cinco anos (re-elixibles), Samoa converteuse de facto nunha república.

  1. Perry Anderson Transiciones de la Antigüedad al Feudalismo, Madrid: Alianza

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar