Mestre de Sobrado

escultor do século XVI

Coñécese como o Mestre de Sobrado un escultor anónimo de relevancia que deixou a súa obra no mosteiro de Sobrado dos Monxes, ó que lle debe o nome, e mais en Ourense e provincia. Os seus biógrafos cualifícano como "máximo representante da escultura ourensá de mediados do século XVI" (Barriocanal López) ou "figura indiscutible do panorama escultórico galego do segundo terzo do XVI" (Francisco Singul).

Infotaula de personaMestre de Sobrado
Biografía
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , imaxineiro Editar o valor em Wikidata
Período de actividade1540 Editar o valor em Wikidata - 1570 Editar o valor em Wikidata
Influencias
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata


Retablo da Quinta Angustia, na catedral de Ourense

Nada se sabe sobre o seu verdadeiro nome nin sobre a súa biografía, agás a súa actividade artística entre 1540 e 1570. O profesor Juan José Martín González suxire que puido ter unha orixe francesa e que se chamaría Jacques Paris, pero foi el mesmo que lle deu a denominación de Mestre de Sobrado pola que se coñece ó artista.[Cómpre referencia]

Os expertos coinciden en que presenta claras influencias do estilo de Juan de Juni (1506-1577), escultor francés que traballou en León, Salamanca e Valladolid, e mesmo cren que puido formar parte do seu obradoiro. Segundo esta tese, puido chegar a España cara 1533, xunto outros escultores franceses, instalándose en León con Juan de Juni. Cando este marchou en 1538 a Medina de Rioseco (Valladolid), se dispersa o seu obradoiro: uns, como Juan de Angers o Vello, quedan en León; outros marchan a diferentes localidades, como o Mestre de Sobrado, que se despraza a Galicia. Unha das consecuencias desta diáspora será a ampla difusión xeográfica do estilo e modelos iconográficos de Juan de Juni.

Obra en Sobrado editar

En 1540 foi chamado polos monxes do mosteiro de Sobrado para que tallase o retablo do altar maior da súa igrexa; simultaneamente tamén chamaron ó escultor francés Gil Probot para que construíse o coro do mosteiro. Foi este retablo o que lle fixo famoso e o que identifica o escultor como Mestre de Sobrado.

O retablo foi levantado entre 1545 e 1550 pero del só se conservan uns poucos elementos: tres táboas (o Nacemento da Virxe, a Adoración dos Pastores e a Lamentación sobre Cristo Morto) e un Cristo crucificado. As dúas primeiras táboas, Nacemento e Adoración, expóñense hoxe no Museo do Pobo Galego, en Compostela; a terceira, a Lamentación, consérvase na igrexa de San Pedro da Porta, parroquia de Sobrado, así como o Cristo crucificado que procede do Calvario que coronaría o retablo.

Obra en Ourense editar

No ano 1550 e rematado o seu traballo en Sobrado, o Mestre marcha co seu obradoiro á cidade de Ourense, onde se instala e reside polo menos ata 1565-1570 -momento no que se deixan de ter datos sobre el-, traballando para a Catedral e para algunhas igrexas rurais próximas.

Para a Catedral talla o retablo da Quinta Angustia, encargado para o altar da Capela da Alba ou de San Bieito, e situado hoxe na contraportada do brazo norte do cruceiro. Consta que o retablo foi rematado cara 1557, e que foi dourado e policromado cara 1565 por Juan Tomás Celma, tío de Juan Bautista Celma, máis coñecido polas obras que deixou na Catedral compostelá.

No centro do retablo está representado Xesús morto, acabado de baixar da Cruz. A un lado, San Xoán sostenlle a cabeza; ó outro, a Madalena axeonllada ós seus pés. Tras eles, María Salomé rezando, María Cleofás con xesto de desesperanza, Xosé de Arimatea coa coroa de espiñas nas mans, e Nicodemo. No corpo alto do mesmo retablo hai un San Bieito. O retablo foi restaurado en 2007.

Tamén é obra súa un San Xoaquín, situado nun retablo do deambulatorio da Catedral, e un Cristo atado á columna, exposto no Museo da Catedral. Este Cristo forma parte da procesión do Santo Enterro na Semana Santa ourensá, xunto co Cristo do Perdón de Velle.

No Museo Arqueolóxico Provincial consérvase unha pequena táboa (de 41,5 por 17,5 cm), da que se descoñece a procedencia pero que se supón que formou parte dalgún oratorio particular [1]. O relevo representa unicamente a figura da Virxe e formaría parte dun tríptico do Calvario, no que San Xoán estaría na outra porta e a Crucifixión na táboa central. Polo anverso ten pintada unha Anunciación.

Obra na provincia de Ourense editar

Outras obras reseñables do Mestre de Sobrado son o retablo da igrexa de San Salvador de Pazos de Arenteiro (parroquia de Boborás), cun Cristo da Humildade como figura principal (tamén coñecido como Cristo da Pedra Fría). No mesmo retablo hai esculturas de San Xoán Bautista e San Bertomeu, e nun segundo corpo, unha Inmaculada e mais os bustos de San Pedro e San Paulo (estas últimas figuras do segundo corpo foron talladas, probablemente, polo obradoiro do Mestre).

En Santa Marta de Velle, parroquia de Ourense, consérvase outro Cristo da Humildade [2]. En San Mamede de Palmés, outra parroquia do concello de Ourense, unha Virxe co Meniño [1] e un San Mamede. A Virxe apareceu en 1987 mutilada e agochada baixo un altar; e o San Mamede, xa de idade madura e lendo un libro, foi repintado nalgún momento, de forma desafortunada.

En San Xoán de Trasmiras, do concello do mesmo nome, hai un San Xoán Bautista; en Cenlle, unha Santa Lucía; tamén hai outra en San Pedro de Poulo, parroquia do concello de Gomesende. En Santa Baia de Banga, parroquia do concello do Carballiño, o Mestre de Sobrado deixou unha Piedade, unha María Madalena e un Cristo crucificado [2].

Na igrexa parroquial de Montederramo consérvase unha imaxe de San Roque, que procede da igrexa do mosteiro. Aparece coa habitual iconografía de peregrino, coa perna chagada e acompañando do can.

Finalmente, no lugar de Santa Marta (parroquia de Tioira, concello de Maceda) hai unha capela na que se expón unha Santa Marta co dragón ós pés e o hisopo de auga bendita. Tamén esta escultura, como o San Roque anterior, sufriron un repintado esaxerado que oculta a súa calidade, a xuízo de M.A. Rodríguez García.

Notas editar

  1. "Aínda que estas pezas privadas non chegaran ata nós, as fontes do século XVI fanse eco da súa existencia nas máis relevantes moradas ourensáns da época" (Barriocanal López).
  2. Popularmente, este Cristo coñécese como o Ecce Homo aínda que en realidade representa un momento posterior, cando está á espera de ser crucificado, como o evidencian as ferramentas pousadas ós seus pés.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar