Meninxite
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A meninxite é a inflamación, xeralmente de causa infecciosa, das envolturas e membranas (meninxes) que recobren o cerebro e a medula espiñal. Aínda que o tipo máis común de microorganismo que a provoca son os virus, algunhas bacterias, axentes químicos, e mesmo as células tumorais poden causar meninxite. A encefalite e o absceso cerebral poden acompañar á meninxite como complicación (debido á extensión da bacteria ás estruturas cerebrais veciñas).
Meninxite | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Unha autopsia revela signos de meninxite no falecido | |
ICD-10 | G00–G03 |
ICD-9 | 320–322 |
DiseasesDB | 22543 |
MedlinePlus | 000680 |
eMedicine | emerg/309 emerg/390 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
As bacterias máis importantes que causan a meninxite son Streptococcus pneumoniae, e Neisseria meningitidis. Aínda que Haemophilus influenzae pode ser causa de meninxite, naqueles países en que a súa vacina se inclúe no calendario vacinal, desapareceu como axente de infeccións graves. Porén, as distintas vacinas existentes só protexen fronte a un tipo de xerme, permanecendo vulnerables ao resto de axentes, e ademais, na actualidade, non hai vacina ningunha para a meninxite B.
A distinción que se fai entre A, B e C débese aos diferentes tipos (serotipos) da bacteria Neisseria meningitidis, que son as bacterias máis frecuentes como causa de meninxite epidémica. No calendario vacinal galego inclúese a vacina contra o tipo C a partir dos dous meses. Foi esta mesma variedade de meninxite a que foi obxecto de campañas vacinais en Galicia (a última no 2006), debido a que se observou un importante ascenso dos gromos por ela producidos.
Os síntomas e métodos de diagnóstico son similares aos da encefalite. O cultivo de líquido cefalorraquídeo é crucial para determinar o axente causante, en ocasións o cultivo do sangue pode determinar a etioloxía. Xunto a febre e vómitos, un dos principais síntomas é a rixidez da caluga que pode determinarse apoiándose no "signo de Brudzinski" que consiste en tombar ao paciente e flexionarlle cara a arriba a cabeza. A rixidez do pescozo fará que non se poida dobrar este ou que flexione involuntariamente as pernas. En nenos menores de 1 ano, non adoita presentarse esta rixidez polo que o pediatra neste caso tamén apalpa a fontanela anterior para determinar o seu abombamento.
Debido a que a meninxite bacteriana é unha urxencia sanitaria grave, con altos niveis de mortalidade e a que a causa é tratable con antibióticos, os pacientes que se sospeite que teñan meninxite deben ser sometidos inmediatamente a unha punción lumbar, tras unha TAC (o que evitará un posible inchazo cerebral que pode causar unha hernia cerebral durante a punción lumbar) e debe comezarse rapidamente o tratamento con antibióticos de amplo espectro unha vez que os estudos de cultivos sexan completados. Se non se pode realizar unha punción lumbar debido a un inchazo cerebral ou a un posible absceso cerebral concomitante, débese comezar o tratamento cun antibiótico de amplo espectro en todo caso e, posteriormente, pode ser substituído por un antibiótico máis específico, dependendo dos resultados dos estudos de cultivos sanguíneos.
A meninxite cáusase xeralmente por enfermidades infecciosas das estruturas veciñas (seos paranasais, células mastoides do oído etc.) Débense de realizar probas diagnósticas para atopar e tratar tamén esas posibles causas de infección. As convulsións aparecen frecuentemente durante o curso da meninxite e son tratadas con medicación anti-espasmódica, como a fenitoína.
Causas de meninxite
editarAs causas de meninxite son moi variables, e abranguen axentes infecciosos múltiples, tóxicos ou neoplasias.
Meninxite de causa infecciosa
editarExisten numerosos axentes infecciosos con capacidade para producir unha meninxite, xa sexa illada ou en forma de meningoencefalite. Os causantes poden ser bacterias, virus, protozoos ou outros parasitos. Os distintos axentes poden dar lugar a cadros clínicos moi semellantes, diferenciándose en pequenos matices clínicos e analíticos entre elas.
Meninxite bacteriana
editarA meninxite bacteriana pode ser causada por numerosas bacterias, tanto grampositivas, coma gramnegativas coma ácido-alcol-resistentes. As bacterias máis comúns son:
- Streptococcus pneumoniae ou pneumococo: causa moi frecuente en adultos. Adoita acompañarse de descenso no nivel de conciencia.
- Neisseria meningitidis ou meningococo: causa frecuente en nenos e adolescentes. Actualmente existen vacinas contra o meningococo do grupo A, C e outros serogrupos menos comúns. Estase investigando a vacinación do meningococo serogrupo B. As infeccións reiteradas de meningococo, especialmente meninxite, deben ser estudadas para descartar anomalías no sistema inmune, como o déficit de complemento ou defectos na adherencia celular. A meninxite por meningococo tamén é máis frecuente nos pacientes que por calquera causa fosen esplenectomizados, é dicir, que lles fose extirpado o bazo. Nalgunhos casos hai un defecto conxénito que implica a ausencia de bazo.
- Haemophilus influenzae: é unha bacteria gramnegativa que pode causar diversas enfermidades, entre as que se inclúe a meninxite. Outras son: infeccións diversas de vía aerodixestiva superior (epiglotite, pneumonía, otite etc). Haemophilus é un xermen que causa con moita frecuencia meninxite, mesmo máis que o pneumococo ou o meningococo nalgunhas etapas da vida. Disponse dunha vacina que reduciu notablemente a súa incidencia.
- Listeria monocytogenes: é outra bacteria relacionada coa meninxite. É un bacilo grampositivo, que afecta máis aos recentemente nacidos. A infección por este xerme denomínase listeriose.
- Mycobacterium tuberculosis: é unha bacteria ácido-alcol-resistente implicada en múltiples patoloxías: pulmonares, intestinais, óseas, renais etc. Cando produce meninxite adoita ser moito máis lenta que as anteriores e é moito máis frecuente en individuos inmunodeprimidos, como os infectados por VIH.
Meninxite vírica
editarA meninxite viral é unha entidade frecuente, que acostuma acompañarse dunha infección do tecido cerebral constituíndo unha meningoencefalite. A meninxite vírica pode ser causada, entre outros, por:
Meninxite fúnxica
editarA meninxite fúnxica é unha enfermidade máis común en inmunodeprimidos. Os fungos que poden causar meninxite son: Cryptococcus neoformans, Histoplasma capsulatum, candida etc.
Meninxite parasitaria
editarExisten diversos parasitos que poden producir unha meninxite. Son infeccións pouco comúns na poboación xeral, pero moito máis nas persoas cun sistema inmunitario feble. Os máis comúns son:
- Protozoos: o máis común é o Toxoplasma gondii, común nos enfermos de SIDA.
- Helmintos: numerosos helmintos poden infectar o sistema nervioso central, que inclúen a Taenia saginata e Taenia solium (a infección por estes parasitos denomínase cisticercose); Trichuiris trichiura e outros.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Meninxite |