Taenia saginata

Proglotes grávidas de Taenia saginata, cun característico número de úteros laterais entre 15-20. Tinguidura de tinta chinesa.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Platyhelminthes
Clase: Cestoda
Orde: Cyclophyllidea
Familia: Taeniidae
Xénero: Taenia
Especie: T. saginata
Nome binomial
Taenia saginata

Taenia saginata ou tenia da vaca é unha especie de verme platihelminto cestodo ciclofílido parasito da vaca e do ser humano. É unha das especies que se chama "solitaria" (a outra é Taenia solium), xa que normalmente vive unha soa en cada persoa afectada, e produce a teníase, pero non a cisticercose no home. As súas formas adultas viven no intestino delgado humano, onde atinxen de 2 a 5 m de lonxitude e poden chegar a 10 m. A fase larvaria intermedia transcorre no gando vacún, no que se produce unha infestación xeralmente asintomática, localizada na musculatura do animal.

Características

editar

Como en todos os cestodos, a forma adulta é un verme segmentado que nace do escólex ou "cabeza", fixada nesta especie por 4 poderosas ventosas, xa que, a diferenza de T. solium, a outra especie de solitaria, non posúe ganchos no seu rostelo, polo que se di que é inerme.

 
Escólex de Cysticercus bovis (=inermis), nótese a ausencia de ganchos no rostelo.

Ao escólex segue a porción xerminal ou colo, a partir da cal se desenvolve o estróbilo ou cadea de segmentos, chamados proglotes, que forman o corpo do animal. A medida que estas proglotes se afastan do escólex desenvólvense en cada un deles aparatos xenitais masculinos e femininos, xa que son hermafroditas. As proglotes maduras teñen un útero (non ramificado, pero ramifícase no útero grávido), ovario, un poro xenital, testículos, e unha glándula vitelina. Trala autofecundación, o aparato xenital masculino atrófiase e prodúcense os ovos ou embrióforos dentro do útero, que pasa a ocupar practicamente todo o interior das proglotes, os cales se desprenden do estróbilo en pequenas cadeas e saen ao exterior xunto coas feces do hóspede ou a través da súa propia acción motriz (poden moverse unha vez desprendidos), o que lles permite atravesar o esfínter anal, característica que non ten T. solium, que ademais é máis curta e delgada. Desta maneira, os segmentos da tenia poden verse frecuentemente nas feces ou adheridos á roupa interior.

O estóbilo de T. saginata é o maior do xénero Taenia en número de segmentos, e consta de 1000 a 2000 proglotes e ten cor abrancazada. Pode vivir 25 anos no intestino do hóspede.[1] Como os outros cestodos carece de aparato dixestivo, boca ou ano.[2]

As formas intermedias larvarias son de tipo cisticerco, e coñécense tradicionalmente como Cysticercus bovis; teñen o aspecto dunha vesícula de forma ovoide, miden 6–8 mm por 3–5 mm, posúen unha parede delgada, translúcida que encerra un líquido lixeiramente rosa, con trazas de mioglobina. Nun punto da superficie, entre o ecuador e un dos dous polos, hai un punto opaco que corresponde ao escólex invaxinado que está desprovisto de rostelo e ganchos, pero ten catro ventosas fortes de forma elíptica de 800 μm no seu eixe maior.[3]

Ciclo biolóxico

editar
 
Ciclo de vida de T. saginata.

Os ovos, que conteñen a oncosfera, teñen características moi parecidas aos de T. solium, dos cales son practicamente imposibles de diferenciar ao microscopio óptico. Encóntranse nas proglotes que saen coas feces, xeralmente en cadeas de 4 a 5 segmentos. Pode ocorrer a inxestión completa dos mesmos por cochos ou cans coprófagos ou ter lugar a súa destrución por putrefacción da envoltura, coa conseguinte liberación dos ovos ao medio ambiente, onde contaminan a auga e os alimentos que inxiren os hóspedes intermediarios, neste caso o gando vacún. No tracto dixestivo as oncosferas son liberadas por acción dixestiva; unha vez libres atravesan a parede do intestino e por vía sanguínea ou linfática dispérsanse practicamente por todo o organismo, onde se transforman en cisticercos despois duns tres meses. Invaden en especial o tecido muscular estriado, particularmente os músculos maseter, corazón, lingua, costas, diafragma e intercostais. En menor grao ocupan o esófago, a graxa do fígado, pulmóns, os ganglios linfáticos e o tecido celular subcutáneo, dando orixe á cisticercose bovina. A esta forma enquistada chamóuselle tradicionalmente Cysticercus bovis ou inermis. Cando estes cisticercos viables (metacestodos, ou formas larvarias ou intermedias) son inxeridos polo ser humano coa carne, ou outros tecidos crus ou pouco cocidos, o protoescólex que conteñen sae da súa envoltura, evaxínase e fíxase á parede intestinal, dando orixe ao parasito adulto, e despois de tres meses obsérvase a eliminación de proglotes grávidas ou período prepatente.[4]

Ademais do gando bovino, sinálanse como hóspedes intermedios a ovinos, caprinos, llamas e outros ruminantes, aínda que é dubidoso.

O home constitúe o único hóspede definitivo da forma adulta de T. saginata, igual que de T. solium, pero, a diferenza desta, por razóns que se descoñecen, non produce cisticercose no ser humano. Como contrapartida, a súa presenza é moito máis frecuente, ata 10 veces maior.

Diagnóstico

editar

O diagnóstico bromatolóxico faise para examinar se a carne ten cisticercos e é apta para o consumo. O cisticerco pode distribuírse por todo o corpo do ruminante. Debido á súa localización nos tecidos, o diagnóstico xeralmente faise post mortem en cortes de músculo, en especial o corazón, a lingua e os músculos maseter e tríceps braquial. Certas probas inmunitarias (ELISA) detectan antíxenos circulantes con grande especificidade.

As técnicas de laboratorio frecuentemente utilizadas para este cestodo e para os demais, son as técnicas coproparasitoscópicas (CPS) cualitativas e cuantitativas, o peneirado de feces, tinguidura de Ziehl-Neelsen, técnica de Graham[5] e frotis directo. Pode facerse unha PCR para detectar os xenes do ARNr 5,8S.[6][7]

Ao microscopio os ovos non se diferencian dos doutros da familia Taeniidae. O exame do escólex e proglotes pode servir para identificala.[2] Cando o útero grávido se inxecta con tinta chinesa poden contarse as súas ramas, que son máis de 12 (de 12 a 20) en T. saginata e só de 5 a 10 en T. solium.[7]

Tratamento

editar

Utilízase o fármaco praziquantel, que abre os canais de calcio causando a parálise do verme, o que axuda a que os movementos peristálticos do intestino expulsen o parasito. Tamén se usa a niclosamida.

Prevención

editar

Hixiene para evitar a contaminación por feces, cocer debidamente (56 °C durante 5 minutos) a carne e vísceras de vaca para matar os cisticercos, conxelación (-10 °C durante 9 días), longos períodos de salazón, inspección e control nos matadeiros.

  1. Bogitsh BJ, Carter CE (2005). Human Parasitology, 3rd Edition. Academic Press, pp. 273-277. ISBN 0-12-088468-2
  2. 2,0 2,1 Roberts L, Janovy JrJ, Schmidt GD (2005). Foundations of Parasitology (8th edn). McGraw-Hill Companies, Inc., New York. ISBN 0-07-128458-3
  3. Centro de Estudios Científicos y Tecnológicos "Diodoro Antunez Echegaray". [1] Arquivado 16 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  4. "University of Cambridge: Department of Pathology". Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  5. Parasitología general - Método de Graham
  6. González LM, Montero E, Harrison LJ, Parkhouse RM, Garate T. (2000). "Differential diagnosis of Taenia saginata and Taenia solium infection by PCR.". J Clin Microbiol. 38 (2): 737–744. PMC 86191. PMID 10655377. 
  7. 7,0 7,1 Zarlenga DS. (1991). "The differentiation of a newly described Asian taeniid from Taenia saginata using enzymatically amplified non-transcribed ribosomal DNA repeat sequences.". Southeast Asian J Trop Med Public Health. 22 (suppl): 251–255. PMID 1822899. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar