Bacilo
O termo bacilo (e o adxectivo bacilar[1]) úsase para describir calquera bacteria con forma alongada de bastonciño ou barra cilíndrica[2]. Os bacilos poden encontrarse en moitos grupos taxonómicos de bacterias. Non son exclusivos da clase Bacilli ou do xénero Bacillus (que tamén se traducirían por "bacilo").
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3a/E._coli_Bacteria_%287316101966%29.jpg/220px-E._coli_Bacteria_%287316101966%29.jpg)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/69/Bacterial_morphology_diagram.svg/300px-Bacterial_morphology_diagram.svg.png)
Os bacilos son bacterias que se encontran en diferentes ambientes, teñen distintos metabolismos e hainos grampositivos e gramnegativos, polo que teñen pouco en común excepto a súa forma similar. Adoitan aparecer sós, pero tamén en parellas (diplobacilos), en cadeas (estreptobacilos) ou grupos formando unha barreira. As bacterias que teñen forma máis ovoidal, intermedia entre o coco e o bacilo, denomínanse cocobacilos.
Algúns bacilos son patóxenos, pero a maioría son inofensivos, como moitos da flora bacteriana intestinal, os Lactobacillus do iogur, rizobios fixadores de nitróxeno, a bacteria atopada nas costas galegas Gallaecimonas etc. A bacteria máis estudada, E. coli, é un bacilo.
Ademais dos bacilos, outras formas bacterianas importantes son os cocos, vibrións e espirilos.
Exemplos
editarAo longo da historia da medicina e da microbioloxía, varias destas bacterias bacilares adquiriron sona polas enfermidades que causaban e déuselle o nome do científico que as descubriu. Por exemplo:
- Bacilo de Aertrycke: Salmonella
- Bacilo de Bang: Brucella abortus
- Bacilo de Ducrey: Haemophilus ducreyi
- Bacilo de Eberth: Salmonella typhi
- Bacilo de Nicolaier: Tétano (Clostridium tetani')
- Bacilo de Hansen: Mycobacterium leprae
- Bacilo de Klebs-Löffler: Corynebacterium diphtheriae
- Bacilo de Koch: Mycobacterium tuberculosis
- Bacilo de Morex: Xénero Moraxella
- Bacilo de Pfeiffer: Haemophilus influenzae
- Bacilo de Yersin: Yersinia pestis
Notas
editar- ↑ Dicionario da Real Academia Galega - bacilar Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
- ↑ M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. 10ª edición. (2003). Pearson Prentice Hall. Páxina 64. ISBN 84-205-3679-2.