Corynebacterium diphtheriae
Corynebacterium diphtheriae | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Cultivo de C. diphtheriae con tinguidura de Gram | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
'Corynebacterium diphtheriae' Kruse, 1886 |
Corynebacterium diphtheriae, tamén coñecida como bacilo de Klebs-Löffler é unha especie bacteriana patóxena causante da difteria en humanos.
C. diphtheriae é un bacilo grampositivo, aerobio, catalase positivo e quimioorganótrofo. Foi descuberto en 1884 polo patólogo Edwin Klebs e o bacteriólogo Friedrich Löffler.
A C. diphtheriae contaxiase desde individuos portadores sans ou enfermos aos individuos susceptibles e entra no corpo por vía aérea, infectando a gorxa e as amígdalas.[1]
Morfoloxía
editarEste bacilo (con forma de bastón recto ou lixeiramente curvado), non esporulado, non capsulado e sen mobilidade, mide de 1 a 8 µm de longo e de 0,3 a 0,8 µm de diámetro e forma en cultivo agrupacións ramificadas coa aparencia de ideogramas (letras) chineses.
Biotipos e identificación
editarRecoñécense catro subespecies de C. diphtheriae, que son: C. diphtheriae mitis, C. diphtheriae intermedius, C. diphtheriae gravis, e C. diphtheriae belfanti. As catro subespecies difiren lixeiramente na súa morfoloxía colonial e propiedades bioquímicas, como a capacidade de metabolizar certos nutrientes, pero todas poden ser toxixénicas (e, por tanto, causar difteria) ou non toxixénicas. Utilízase a proba de Elek para a toxixenicidade para determinar se o organismo pode producir a toxina diftérica ou non.
Para identificar adecuadamente C. diphtheriae, realízase unha tinguidura de Gram na que mostra ser grampositiva, e presenta un alto pleomorfismo sen unha forma especial. Cepas especiais como a cepa de Alberts e a cepa de Ponder utilízanse para demostrar a formación de gránulos metacromáticos nas rexións polares. Os gránulos reciben varias posibles denominacións, como gránulos polares, gránulos de Babes Ernst, volutina etc. Utilízase un medio enriquecido, como o medio de Löffler, para cultivar preferencialmente C. diptheriae. Despois diso, úsase unha placa diferencial coñecida como ágar telurito, que permite a C. diphtheriae e a todas as especies de Corynebacterium reducir o telurito a telurio metálico. A redución do telurito está indicada colorimetricamente pola formación de colonias castañas para a maioría das especies de Cornyebacterium ou dun halo negro arredor das colonias de C. diphtheriae.
Patoxenia
editarA toxina diftérica é o principal factor de virulencia de C. diphtheriae. Só as cepas toxixénicas producen esta potente exotoxina, propiedade que se adquire pola conversión lisoxénica ao quedar a bacteria infectada por un virus bacteriófago e este integrar o seu xenoma no da bacteria. No xenoma integrado do virus está o xene da toxina diftérica. A toxina diftérica altera a función proteica no hóspede ao inactivar o factor de elongación (EF-2). Isto causa farinxitre e formación de "pseudomembranas" na gorxa (resultado da resposta inflamatoria dos trecidos da gorxa), que impiden unha correcta respiración[1]. As cepas sen bacteriófago non son toxixénicas e non producen difteria.
Esta toxina proteica (dose letal >0,1 µg/kg) prodúcese no lugar da infección e espállase a través do sangue para ocasionar a sintomatoloxía clínica da difteria, provocando lesións nas vías respiratorias, a orofarinxe, o miocardio (miocardite que en ocasións precede a unha insuficiencia cardíaca mortal), o sistema nervioso (con afectación preferente sobre as fibras motoras provocando parálise) e os riles. Grazas a esta toxina, o microorganismo non necesita penetrar no sangue para producir os sintomas sistémicos da doenza.
Requírese unha baixa concentración de ferro no medio para que haxa produción de toxina. A concentracións altas de ferro, os átomos de ferro únense a un aporrepresor no bacteriófago beta, o cal ten o xene Tox. Cando se une o ferro, o aporrepresor detén a produción de toxina.[2]
Epidemioloxía
editarDesde a introdución das vacinas contra a difteria, primeiro as monovalentes e máis tarde as combinadas co toxoide tetánico e coa vacina antipertusis, a epidemioloxía da difteria modificaouse de forma espectacular. Na actualidade esta infección está practicamente erradicada dos países industrializados e só supón un problema importante nos países en vías de desenvolvemento. En España, a vacinación antidiftérica introduciuse con carácter obrigatorio en 1945, pero non foi ata 1965 cando se iniciou a práctica sistemática da vacinación antidiftérica, coincidindo coa aparición nese país das vacinas combinadas contra a difteria, tétano e tose ferina (DTP). En 1986 rexistráronse os últimos casos de difteria no Estado Español e isto foi posible grazas ás altas taxas de vacinación obtidas. Así, no último estudo de seroprevalencia realizado en España en 1996 obtívose unha taxa de prevalencia do 96% nos nenos menores de 10 anos. Aínda que a situación é moi boa na idade infantil, as taxas de seroprevalencia en adultos son moito máis baixas, e non chegan ao 30%. Xa que logo, esta baixa taxa de protección, unida aos casos importados de Europa do Leste, fan necesario manter unha estreita vixilancia epidemiolóxica e recomendar a revacinación tanto aos 6 e 14 anos de idade coma de forma periódica (cada 10 anos) durante a idade adulta.
Reservorio
editarO home é o único reservorio coñecido de C. diphtheriae. Os portadores da bacteria son xeralmente asintomáticos.
Antibióticos
editarC. diphtheriae é sensible a moitos antibióticos, como a eritromicina (bacteriostático) ou a penicilina G procaína (bactericida). Ademais dos antibióticos no tratamento da difteria utilízase a antitoxina diftérica (un antisoro).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 M. Madigan, J. Martinko, J. Parker. Brock. Microbiología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hill. 2003. Páxinas 872-873. ISBN 84-205-3679-2.
- ↑ Nester, Eugene W.; et al. (2004). Microbiology: A Human Perspective (Fourth ed.). Boston: McGraw-Hill. ISBN 0-07-247382-7.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikispecies posúe unha páxina sobre: Corynebacterium diphtheriae |
- * CoryneRegNet—Database of Corynebacterial Transcription Factors and Regulatory Networks
- Tree of Life web project: Corynebacterineae Proxecto Web da Árbore da Vida.
- OMS: Difteria
- El Instituto Sanger: Corynebacterium diphtheriae Secuencia xenómica completa e análise de C. diphtheriae NCTC13129.