Neisseria meningitidis
Neisseria meningitidis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Fotomicrografía de N. meningitidis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Neisseria meningitidis' Albrecht & Ghon 1901 |
Neisseria meningitidis, tamén chamada meningococo, é unha especie de bacterias que pode causar a meninxite meningocócica[1] e outras formas de infección como a meningococcemia (unha septicemia que pode ser mortal). Porén, hai outros axentes infecciosos que poden causar tamén meninxite. N. meningitidis é unha causa importante de morbilidade e mortalidade durante a infancia nos países industrializados e foi responsable de epidemias en África e Asia.[2] Coa tinguidura de Gram mostra ser un diplococo gramnegativo e os cultivos da bacteria dan positivo na proba do encima citocromo c oxidase.[3]
A bacteria vive como parte da flora normal non patoxénica na nasofarinxe dun 5-15% dos adultos.[4] Causa a única forma de menixite bacteriana que orixina epidemias. O Streptococcus pneumoniae (ou pneumococo) é outra especie bacteriana común causante de meninxite. Os meningococos só infectan a humanos e nunca foron illados de animais porque a bacteria só pode obter ferro de fontes humanas, como as proteínas transferrina e lactoferrina.[5]
O meningococo espállase por medio do intercambio de saliva e outras secrecións respiratorias durante actividades como tusir, bicar ou morderen xoguetes os nenos. Infecta a célula hóspede ao adherirse a ela utilizando adhesinas autotransportadoras triméricas (TAA). Aínda que produce inicialmente síntomas xerais como fatiga, pode rapidamente progresar desde a febre, dor de cabeza e rixidez de pescozo ao coma e morte. Os síntomas da meninxite meningocócica confúndense doadamente cos producidos por outros organismos como Hemophilus influenzae e Streptococcus pneumoniae.[6] Prodúcese a morte en aproximadamente o 10% dos casos.[5] Os que teñen a súa inmunidade alterada teñen maior risco de contraer infeccións por meningococo (por exemplo, os que teñen síndrome nefrótica ou sufriron esplenectomía); adminístranse vacinas cando foi estirpado ou non funciona o bazo.
Historia
editarAnton Weichselbaum en 1887 descubriu a enfermidade en pacientes infectados con meningococos.[7]
Subtipos
editarClasifícanse segundo a súa estrutura antixénica. Os antíxenos utilizados máis importantes son o polisacárido capsular, que define o serogrupo das cepas, as proteínas de membrana porinas de clase 2/3, que serven para definir os serotipos e as proteínas de clase 1, tamén porinas, que definen os serosubtipos. Coa nomenclatura actual, as cepas quedan definidas polo seu serogrupo:serotipo:serosubtipo; por exemplo, B:2b:P1.5,10 ou C:NT:P1.13.[8] A distribución de serotipos varía segundo a parte do mundo, o que dificulta o desenvolvemento dunha vacina universal.[9] Hai moitas cepas de meningococos; as máis importantes clinicamente son: A, B, C, Y, X e W135.[10] O 90% dos casos mundiais débense aos serogrupos A, B e C.
- A. O tipo A é o máis frecuente en África e Asia pero está practicamente ausente de América e é raro en España. Para viaxar á zona subsahariana pode administrarse a vacina Men A&C. Na África subsahariana as taxas de infección por N. meningitidis van de 1 de cada 1.000 a 1 de cada 100 (mentres que en países desenvolvidos como EEUU son de 1 de cada 100.000, sobre todo en nenos de menos de 5 anos).[6]
- B. É a forma maioritaria no Estado Español desde a década de 1980. A máis común en Europa e Oceanía. Investígase na produción dunha vacina efectiva contra o serogrupo B, que é pouco inmunoxénico, pero aínda non se deu cunha solución definitiva. En Nova Zelandia desenvolveuse unha vacina específica (MeNZB) contra unha variante concreta do grupo B.[8]
- C. Preveuse coa introdución da vacina conxugada Men C conj, que inmunizaba a nenos, xa que a vacina anterior Men A&C non era efectiva en menores de 2 anos. Produce epidemias de curta duración, xeralmente. Houbo un aumento de casos en España na década de 1990, pero baixaron na década seguinte, xa que se recomendou a inclusión da súa vacina no calendario de vacinación.[8]
- W135. Houbo unha epidemia en 2000 en Arabia Saudita durante a peregrinación á Meca. En Arabia Saudita esíxese que todos os peregrinos teñan certificado de vacinación Men W135. Despois houbo uns poucos casos en Europa e en 2002 unha epidemia importante en Burkina Faso.
- X. Informouse dunha grande epidemia causada polo serogrupo X en Níxer en 2006.[11] Esta epidemia foi grave porque non se dispoñía de ningunha vacina para esta cepa.
- Y. Na última década o serogrupo Y emerxeu como causa da enfermidade en Norteamérica, Colombia e Israel. Raro en España.
Outras cepas son D, 29-E, H, I, K, L, e Z.
Virulencia
editarO lipooligosacárido (LOS) é un compoñente da membrana externa de N. meningitidis que actúa como unha endotoxina e é responsable de choques sépticos e hemorraxias debidas á destrución dos glóbulos vermellos do sangue.[12] Outros factores de virulencia son unha cápsula de polsacárido que impide a fagocitose por parte do hóspede e axuda a que o microbio se evada da acción do sistema inmunitario; e fimbrias que median a adhesión da bacteria ás células epiteliais da nasofarinxe.[13][14]
Recentemente descubriuse unha nova cepa hipervirulenta na China, cuxo impacto aínda non foi determinado.[6]
Mecanismos de invasión celular
editarN. meningitidis é un patóxeno intracelular específico dos humanos responsable de causar meninxite e septicemia. Igual que a maioría dos outros patóxenos intracelulares bacterianos, N. meningitidis aproveita as vías de sinalización celular do hóspede para promover a súa captación polas células hóspedes. A sinalización que leva á internalización bactreriana é inducida polos pili de tipo IV da bacteria, que son o principal medio do meningococo para a adhesión ás células hóspede. A sinalización inducida pola adhesión mediada polos pili de tipo IV é a responsable da formación de estruturas de tipo microvilli no sitio da interacción coa célula bacteriana,[13] as cales desencadedan a internalización da bacteria nas células hóspede. Unha consecuencia principal destes eventos de sinalización é a reorganización da actina do citoesqueleto, o cal leva á formación de protrusións na membrana, que fagocitarán os patóxenos bacterianos dentro de vacúolos intracelulares. Para unha internalización eficiente de N. meningitidis tamén se require a activación dunha vía de sinalización alternativa acoplada coa activación do receptor ErbB2 da tirosine quinase. Ademais de pili de tipo IV, outras proteínas da membrana externa poden estar implicadas noutros mecanismos de internalización da bacteria nas células.[15]
Signos e síntomas
editarA sospeita dun caso de meninxite é unha emerxencia médica e debe ter unha atención médica inmediata. Nos casos en que se sospeita meninxite meningocócica ou septicemia (infección no sangue) xeralmente adminístranse antibióticos intravenosos rapidamente e o paciente debe ser internado nun hospital.[16] Isto implica que por causa do antibiótico o número de bacterias pode quedar moi reducido e é probable que despois as probas de laboratorio para confirmar a presenza de N. meningitidis non a detecten, pero considérase prioritario reducir as taxas de mortalidade.
A septicemia causada por N. meningitidis recibiu menos atención do público do que a meninxite, a pesar de que está asociada con mortes infantís.[17] A septicemia meningocócica causa tipicamente erupcións purpúricas que non perden a súa cor cando as presionamos cun vidro e non causan os síntomas clásicos da meninxite. Esta septicemia ten aproximadamente unha taxa de mortalidade do 50% en poucas horas desdde o seu comezo. Porén, non todos os casos de erupcións de tipo púrpura se deben a septicemia meningocócica, pero as outras posibles causas requiren tamén unha atención rápida (por exemplo a púrpura trombocitopénica idiopática, un trastorno plaquetario, ou a púrpura de Henoch-Schönlein).
Outras complicacións graves son a síndrome de Waterhouse-Friderichsen (unha hemorraxia xeralmente bilateral masiva, hemorraxia nas glándulas adrenais causada por unha meningococcemia fulminante), insuficiencia adrenal, e a coagulación intravascular diseminada.[6]
Diagnose
editarO procedemento estándar de diagnose é o illamento de N. meningitidis de fluídos corporais normalmente estériles.[6] Para a identificación do organismo extráese e envíase unha mostra de líquido cefalorraquídeo ao laboratorio inmediatamente. A dignose depende do cultivo do organismo en placas de ágar chocolate. Outras probas adicionais para identificar a especie son as probas da oxidase, catalase (que en todas as Neisseria son positivas) e as probas do uso de carbohidratos como a maltosa, sacarosa e glicosa nas cales N. meningitidis mostra capacidade de fermentar glicosa e maltosa. A seroloxía determina o subgrupo do microorganismo.
Se a bacteria chega á circulación, poden facerse cultivos de mostras sanguíneas.
As probas clínicas que se utilizan actualmente para a diagnose da enfermidade meningocócica tardan entre 2 e 48 houras e xeralmente dependen do cultivo da bacteria a partir de mostras de sangue ou de líqido cefalorraquídeo. Porén, poden utilizarse tamén as probas de reacción en cadea da polimerase para identificar o organismo mesmo despois de que o uso de antibióticos reducise a infección. Como a doenza ten un risco de mortalidade do 15 % nas primeiras 12 horas de infección, é moi importante iniciar as probas tan axiña como sexa posible e non agardar polos resultados para iniciar a terapia con antibióticos.[6]
Tratmento e prevención
editarAs persoas con infección sospeitosa ou confirmada por N. meningitidis deben ser hospitalizadas e tratadas con antibióticos inmediatamente, debido á rapidez con que se estende a infección.[6] Utilízanse antibióticos de tipo cefalosporina de terceira xeración (como cefotaxime, ceftriaxona).[18]
Para previr a infección, as persoas que estiveron en contacto cun paciente infectado nos últimos sete días poden recibir medicación con antibióticos como a rifampicina oral.[6] A prevención na poboación xeral faise con vacinas.
Vacinación
editarDisponse de vacinas contra os serogrupos C, Y, e W-135, pero non hai vacinas definitivas contra o B. As vacinas poden prepararse contra os polisacáridos da bacteria ou ser vacinas conxugadas, é dicir, formadas polo polisacárido unido a proteínas.
Disponse de vacinas conxugadas fronte ao serogrupo C, que se introduciron no calendario de vacinación español en 2000, que actualmente se aplican no primeiro ano de vida cunha segunda dose recomendada aos 2 anos. Foron vacinados con elas nas campañas realizadas polas Comunidades Autónomas todos os individuos menores de 20 anos. É inmunóxena desde os dous meses de idade, ten unha resposta de longa duración, e reduce a taxa de portadores.[8]
Disponse tamén de vacinas A+C de polisacárido purificado, válidas para nenos de máis de 2 anos, e da vacina similar A+C+Y+W135. Nos Estados Unidos autorizouse unha vacina tetravalente conxugada nova, a A+C+Y+W135. Entre 1996 e 1997 en España realizouse unha campaña de vacinación na poboación entre os 2 e 19 anos, utilizando a vacina entón dispoñible A+C, que foi eficaz durante o primeiro ano despois de administrada, pero que perdía rapidamente eficacia en anos sucesivos.[8]
En 2012, a FDA dos Estados Unidos aprobou unha nova combinación de vacina contra dous tipos de enfermidades meningocócicas e contra Haemophilus influenzae b (Hib) para nenos desde 6 semanas a 18 meses. A vacina, chamada Menhibrix, prevén a enfermidade causada por N. meningitidis dos serogrupos C e Y, e Haemophilus influenzae tipo b.[19]
A vacina contra o serogrupo B está aínda en investigación e está a ser difícil de obter debido á baixa inmunoxenicidade do polisacárido B, posibles efectos de autoinmunidade e a variación dos tipos en diversas partes do mundo. En Nova Zelandia obtiveron unha pero só era específica para a cepa que estaba a producir a epidemia naquel momento, e tamén se fixeron vacinas en Cuba,[20][21][22] e Noruega. En Europa aprobouse unha vacina nova MenB en xaneiro de 2013; seguindo a recomendación positiva do Comitée para Produtos Médicos para Uso Humano, déuselle licenza da Comisión Europea á vacina Bexsero® producida por Novartis.[23]
Notas
editar- ↑ Ryan KJ, Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. pp. 329–333. ISBN 0-8385-8529-9.
- ↑ Genco, C; Wetzler, L (editors) (2010). Neisseria: Molecular Mechanisms of Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-51-6.
- ↑ Neisseria meningitidis at Centers for Disease Control and Prevention. Page last reviewed: 21 xuño 2013
- ↑ "Neisseria meningitidis". Brown University. Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2009. Consultado o 22 October 2009.
- ↑ 5,0 5,1 Meningococcal Disease (2001) Humana Press, Andrew J. Pollard and Martin C.J. Maiden
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Mola SJ, Nield LS, and Weisse ME (February 27, 2008). "Treatment and Prevention of N. meningitidis Infection". Infections in Medicine.
- ↑ van Deuren M, Brandtzaeg P, van der Meer JW (2000). "Update on meningococcal disease with emphasis on pathogenesis and clinical management". Clin Microbiol Rev 13 (1): 144–66. PMC 88937. PMID 10627495. doi:10.1128/CMR.13.1.144-166.2000.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Julio A. Vázquez. Situación actual de la epidemiología de la enfermedad meningocócica. Laboratorio de Referencia de Neisserias, Centro Nacional de Microbiología, Instituto de Salud Carlos III, Majadahonda (Madrid). [1] Arquivado 26 de xuño de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2013. Consultado o 21 de xuño de 2013.
- ↑ OMS (ed.). "Emergence of W135 Meningococcal Disease" (PDF). Consultado o 17 de maio de 2019.
- ↑ Boisier, P.; Nicolas, P.; Djibo, S.; Taha, M.-K.; Jeanne, I.; Mainassara, H. B.; Tenebray, B.; Kairo, K. K.; Giorgini, D. (2007-03-01). "Meningococcal Meningitis: Unprecedented Incidence of Serogroup X--Related Cases in 2006 in Niger". Clinical Infectious Diseases (en inglés) 44 (5): 657–663. ISSN 1058-4838. doi:10.1086/511646.
- ↑ Griffiss JM, Schneider H, Mandrell RE, Yamasaki R, Jarvis GA, Kim JJ, Gibson BW, Hamadeh R, Apicella MA. (1988). "Lipooligosaccharides: the principal glycolipids of the neisserial outer membrane". Rev Infect Dis. 10 Suppl 2: S287–95. PMID 2460911.
- ↑ 13,0 13,1 Jarrell, K (editor) (2009). Pili and Flagella: Current Research and Future Trends. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-48-6.
- ↑ Ullrich, M (editor) (2009). Bacterial Polysaccharides: Current Innovations and Future Trends. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-45-5.
- ↑ Carbonnelle E; et al. (2010). "Mechanisms of Cellular Invasion of Neisseria meningitidis". Neisseria: Molecular Mechanisms of Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-51-6.
- ↑ Health Protection Agency Meningococcus Forum (August 2006). Guidance for public health management of meningococcal disease in the UK. Available online at: http://www.hpa.org.uk/web/HPAwebFile/HPAweb_C/1194947389261
- ↑ Meningococcal Vaccines (2001) Humana Press, Andrew J. Pollard and Martin C.J. Maiden
- ↑ Tunkel AR, Hartman BJ, Kaplan SL, Kaufman BA, Roos KL, Scheld WM, Whitley RJ (2004). "Practice guidelines for the management of bacterial meningitis". Clin Infect Dis 39 (9): 1267–84. PMID 15494903. doi:10.1086/425368.
- ↑ FDA approves new combination vaccine that protects children against two bacterial diseases, FDA Press Release, June 14, 2012
- ↑ Pérez O, Lastre M, Lapinet J, Bracho G, Díaz M, Zayas C, Taboada C, Sierra G (2001). "Immune Response Induction and New Effector Mechanisms Possibly Involved in Protection Conferred by the Cuban Anti-Meningococcal BC Vaccine". Infect Immun 69 (7): 4502–8. PMC 98525. PMID 11401992. doi:10.1128/IAI.69.7.4502-4508.2001.
- ↑ Uli L, Castellanos-Serra L, Betancourt L, Domínguez F, Barberá R, Sotolongo F, Guillén G, Pajón Feyt R (2006). "Outer membrane vesicles of the VA-MENGOC-BC vaccine against serogroup B of Neisseria meningitidis: Analysis of protein components by two-dimensional gel electrophoresis and mass spectrometry". Proteomics 6 (11): 3389–99. PMID 16673438. doi:10.1002/pmic.200500502.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2011. Consultado o 22 de xuño de 2013.
- ↑ "First ever MenB vaccine available for use" Arquivado 25 de outubro de 2014 en Wayback Machine., Oxford Vaccine Group openminds blog article, 24 January 2013