Neisseria
Neisseria | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Marcaxe con anticorpos fluorescentes de Neisseria gonorrhoeae. | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
N. bacilliformis |
Neisseria é un gran xénero de bacterias comensais que colonizan as mucosas respiratorias de moitos animais e só unhas poucas son patóxenas. As Neisseria son bacterias gramnegativas do filo Proteobacteria. As Neisseria son diplococos (asociadas en parellas) que lembran a un gran de café vistas ao microscopio. Das 11 especies que colonizan os humanos, só dúas son patóxenas e producen gonorrea e meninxites. N. meningitidis e N. gonorrhoeae a miúdo causan infeccións asintomáticas, e compórtanse como comensais. A maioría das infeccións gonocócicas son asintomáticas e desaparecen por si soas, e as cepas epidémicas dos meningococos poden ser portadas por >95% dos individuos de poboacións nas que a enfermidade sistémica producida por elas só se dá con <1% de prevalencia.[1]
Especies
editarPatóxenas
editarCrecen por parellas e ocasionalmente en tétrades, a unha temperatura óptima de 37 °C no corpo animal ou medio sérico.
O xénero inclúe dúas especies patóxenas:
- N. gonorrhoeae (tamén chamada gonococo), que causa a gonorrea.
- N. meningitidis (tamén chamada meningococo), un dos axentes máis comúns que causan a meninxite bacteriana e a septicemia meningocócica.
Non patóxenas
editarO xénero contén varias especies que se consideran comensais ou non patóxenas, como:
- Neisseria bacilliformis
- Neisseria cinerea
- Neisseria elongata
- Neisseria flavescens
- Neisseria lactamica
- Neisseria macacae
- Neisseria mucosa
- Neisseria polysaccharea
- Neisseria sicca
- Neisseria subflava
- Neisseria flava
Porén, algunhas destas poden ser asociadas con doenzas.[2]
Historia
editarO xénero Neisseria chámase así polo bacteriólogo alemán Albert Neisser, que en 1879 descubriu a primeira especie do xénero, Neisseria gonorrheae, que causaba a gonorrea. Este descubrimento foi posible polo desenvolvemento de novas técnicas de tinguidura que el axudou a desenvolver.
Características
editarOs membros do xénero Neisseria son bacterias en forma de diplococos (crecen en pares), gramnegativos, non esporulados, e inmóbiles. O tamaño medio da bacteria é de 1 µm de diámetro e son aerobios estritos. Só N. elongata é bacilar. En termos xerais son sensibles aos axentes fisicoquímicos como as altas temperaturas, a desecamento e os metais pesados entre outros.
Todas as especies de Neisseria medicamente significativas son positivas para a catalase e a oxidase. As distintas especies de Neisseria poden identificarse polo conxunto de azucres a partir dos cales producen ácidos. Por exemplo, N. gonorrheae produce ácidos a partir de glicosa soamente, pero N. meningitidis prodúceos a partir de glicosa e maltosa.
N. meningitidis ten unha cápsula polisacarídica que rodea a membrana externa da bacteria e protexe contra os mecanismos efectores inmunitarios solubles do soro. Considérase que é un factor de virulencia esencial para esta bacteria.[3] N. gonorrhea non presenta cápsula.
N. sicca, N. flava, N. subflava, N. perflava e N. lactamicus forman parte da flora habitual das vías respiratorias altas e, a última delas, tamén integra a flora vaxinal de mulleres sas, polo cal debe terse coidado nas observacións microscópicas de non confundila con gonococos.
Vacina
editarAs enfermidades causadas por N. meningitidis e N. gonorrhoeae, son un importante problema de saúde en todo o mundo, e o seu control depende en grande medida da utilización de vacinas. O desenvolvemento de vacinas para as Neisseria foi un verdadeiro reto para os investigadoress debido á natureza destes organismos, en especial pola heteroxeneidade, variabilidade e pobre inmunoxenicidade dos compoñentes da súa superficie externa. Como patóxenos estritamente humanos, están moi ben adaptados ao ambiente do seu hóspede pero tamén desenvolveron varios mecanismos para adaptárense aos microambientes cambiantes e evitaren ser eliminados polo sistema inmunitario do seu hóspede. Actualmente, as infeccións meningocócicas dos serogrupos A, C, Y e W-135 poden previrse con vacinas, pero non hai unha vacina para o meningococo do serogrupo B, e as perspectivas de desenvolver unha vacina gonocócica son remotas.[4]
Resistencia a antibióticos
editarAs enfermidades causadas polas Neisseria patoxénicas (N. gonorrhoeae e N. meningitidis) veñen tratándose con éxito con antibióticos desde hai 70 anos. Porén, cada vez son máis frecuentes as cepas con resistencia aos antibióticos. Dada a natureza global das enfermidades gonocócicas e meningocócicas, a distribución mundial de antibióticos, diferentes usos dos mesmos, e diferenzas xeográficas nos réximes de tratamento, é probable que o problema global da resistencia a antibióticos continuará no futuro.[5]
Conferencia Internacional sobre as Neisseria Paroxénicas (IPNC)
editarCada dous anos ten lugar a Conferencia Internacional sobre as Neisseria Patoxénicas (IPNC), que é un foro onde se presentan investigacións de vangarda sobre todos os aspectos do xénero Neisseria. Isto inclúe a inmunoloxía, vacinas e fisioloxía e metabolismo de Neisseria meningitidis, Neisseria gonorrhoeae e as especies comensais. A primeira IPNC tivo lugar en 1978.
Notas
editar- ↑ Ryan KJ; Ray CG (editors) (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. ISBN 0-8385-8529-9.
- ↑ Tronel H, Chaudemanche H, Pechier N, Doutrelant L, Hoen B (2001). "Endocarditis due to Neisseria mucosa after tongue piercing". Clin. Microbiol. Infect. 7 (5): 275–6. PMID 11422256. doi:10.1046/j.1469-0691.2001.00241.x.
- ↑ Ullrich, M (editor) (2009). Bacterial Polysaccharides: Current Innovations and Future Trends. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-45-5.
- ↑ Seib KL, Rappuoli, R (2010). "Difficulty in Developing a Neisserial Vaccine". Neisseria: Molecular Mechanisms of Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-51-6.
- ↑ Shafer WM; et al. (2010). "Molecular Mechanisms of Antibiotic Resistance Expressed by the Pathogenic Neisseria". Neisseria: Molecular Mechanisms of Pathogenesis. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-51-6.