Manuel Cordo Boullosa

Empresario portugués de orixe galego

Manuel Cordo Boullosa, nado en Lisboa o 5 de decembro de 1905 e finado en Caparide, no concello de Cascais, o 6 de abril de 2000, foi un magnate e filántropo portugués de orixe galega.

Infotaula de personaManuel Cordo Boullosa

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Manuel Cordo Boullosa Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento5 de decembro de 1905 Editar o valor em Wikidata
Lisboa, Portugal Editar o valor em Wikidata
Morte6 de abril de 2000 Editar o valor em Wikidata (94 anos)
Lisboa, Portugal Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadePortugal Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario , magnate , editor Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua portuguesa, lingua galega e lingua francesa Editar o valor em Wikidata
Premios

Traxectoria editar

Fillo de galegos emigrados a Lisboa, desde que tiña un ano ata que fixo os 8 viviu na parroquia pontevedresa de Caritel (Ponte Caldelas), e posteriormente pasou alí moitos veráns. As vivencias no mundo rural deses anos marcaron profundamente toda a súa traxectoria vital. Fundou a empresa petrolífera portuguesa Sonap,[1] na actualidade coñecida como Galp, e outras do sector dos hidrocarburos en varios países africanos coma Mozambique, Suráfrica, Malawi ou Suazilandia.[2] Empresario tamén dos sectores da banca, a agricultura, o comercio, o turismo e o mundo editorial, chegou a ter a quinta fortuna do mundo.[3]

Relación con Galicia editar

Naceu en Lisboa o 5 de decembro de 1905, no 2º andar da Rúa Anchieta número 6, no barrio do Chiado. Cuarto fillo de Manuel María Cordo Martínez (Caritel, 1869) e de Leocadia Boullosa y Muñoz. (Caritel, 1878), un matrimonio galego que se dedicaba ao comercio do carbón e do viño. A pesar de que ao longo da súa vida a Manuel Cordo Boullosa gustoulle destacar as súas orixes humildes, o certo é que o seu pai - que chegara a Lisboa apenas dúas décadas antes (en 1885), percorrendo a pé boa parte do camiño - xa era un comerciante de éxito.

Con un ano de idade, Manuel Cordo Boullosa perdeu á súa nai, que tiña 28 anos de idade e estaba encinta do seu quinto fillo. Por iso o seu pai decidiu envialo a Caritel, parroquia do concello de Ponte Caldelas, a aldea de orixe da súa familia. Alí foi entregue ao coidado das súas tías Amalia e María Esperanza Boullosa Muñoz, ata os oito anos. Fixo o ensino primario nunha escola rural da zona (na actualidade o colexio público de Ponte Caldelas, capital do municipio, leva o seu nome). Regresou a Lisboa en 1913, despois de rematar os seus primeiros estudos.

A partir dese período inicial da súa vida transcorrido en Galicia tivo sempre presentes as súas orixes e pasaba frecuentemente tempadas na casa que posuía en Caritel.

En 1923, Manuel Cordo Boullosa enfermou gravemente de tuberculose, enfermidade para a que en Portugal as posibilidades de tratamento eran moi limitadas. Por iso o seu pai decidiu envialo a un sanatorio de Suíza, en Davos-Platz, onde xa antes enviara á súa irmá Aida, que padecía a mesma enfermidade e que non puido superar.

Nos tres anos que pasou no sanatorio aproveitou o tempo para aumentar os seus coñecementos, lendo os principais clásicos da literatura francesa, aprendendo a falar correctamente o francés e o inglés, e acadando certa fluidez no alemán, o que no futuro lle sería moi útil para a expansión dos seus negocios nos mercados internacionais.

A partir de aí iniciou unha brillante carreira no mundo dos negocios, co núcleo principal da súa actividade en Portugal, pero con moitas relacións comerciais con Francia e con África.

 
Ficha consular de qualificação.

Cordo Boullosa participou tamén en diferentes iniciativas empresariais en Galicia. A máis notábel foi cando en 1959 tivo a idea de instalar unha refinaría de petróleo xunto ao porto de Vigo. Propoñía a creación dunha compañía de maioría de capital galego, chamaríase Petrogasa, e para iso contaba co apoio e coa colaboración do seu amigo Valentín Paz-Andrade. Por presións políticas dende o Instituto Nacional de Industria (INI), dentro do goberno de Francisco Franco, o proxecto foi rexeitado e outras compañías rivais instalaron unha refinaría similar na Coruña en 1964.

Durante a Revolución dos Caraveis, en abril de 1974, tivo que saír de Portugal para evitar ser detido polos insurrectos[4] e foise refuxiar na súa casa de Caritel.[5] Asemade seus negocios en Portugal recibiron un importante dano, xa que o novo goberno revolucionario expropiou e nacionalizou os máis importantes, como a Sonap (Sociedade Nacional de Petróleos).

Xa con 69 anos de idade, e contra todo prognóstico, Manuel Cordo Boullosa non se deixou vencer polas dificultades e marchou para Brasil, onde retomou unha intensa actividade empresarial, fundando varias empresas, como a sociedade agropecuaria Karitel, propietaria de 40.000 hectáreas no estado de Baía, e chegando a adquirir o Banco Pinto de Magalhães.

En 1987 regresou a Portugal e unha vez máis comezou a traballar, acadando importantes participacións nos sectores petrolífero, bancario e dos medios de comunicación.

O 6 de abril do 2000, con 94 anos, faleceu na Quinta dos Pesos, onde residía, en Caparide, no concello de Cascais.

Actividade filantrópica editar

Durante toda a súa vida contribuíu de diversas formas a axudar aos galegos que vivían en Portugal e tamén a moitos que permanecían en Galicia, frecuentemente facéndose cargo do custo dos estudos dos fillos das familias menos favorecidas.

Tamén en África fixo obra social, como a construción en 1968 dunha escola infantil na Matola, en Lourenço Marques (actual Maputo), capital de Mozambique.[6]

En 1973 financiou a restauración total da igrexa de Caritel, o pobo natal dos seus pais.

En 1989, obsequiou á Xuventude de Galicia, unha asociación con sede en Lisboa, un fastoso palacete situado no Campo de Santana. Tratábase da antiga sede do banco Crédito Predial Portugués, do que fora accionista maioritario. Na actualidade alberga o Centro Galego en Lisboa.[7]

 
Busto en homenaxe a Cordo Boullosa en Caritel, Ponte Caldelas.

Premios e recoñecementos editar

Por decreto do 4 de xaneiro de 1956 do goberno francés foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honor ("Chevalier de la Légion d'honneur"), a máis alta condecoración honorífica francesa.

O 31 de agosto de 1967, foi distinguido co grao de "Grande-Oficial da Ordem Civil do Mérito Agrícola e Industrial - Classe Industrial" polo goberno portugués.[8]

Foi nomeado fillo adoptivo do Concello de Ponte Caldelas o 13 de xuño de 1970, nun acto no que Valentín Paz-Andrade pronunciou un discurso.

O 20 de xuño de 1973 recibiu do goberno de España a "Encomienda de Número de la Orden del Mérito Civil".

A Xunta de Galicia, en xuño de 1991, concedeulle a Medalla Castelao (Decreto 130/1991, do 25 de abril,[9] polo que se concede a medalla Castelao no ano 1991).

En 1996 foille concedida a Medalla de Ouro do Eixo Atlántico na súa primeira edición (na mesma tamén recibiron ese galardón o Presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga e o ex-Presidente da República Portuguesa Mário Soares) en recoñecemento á súa contribución á creación e o desenvolvemento económico e social da Eurorrexión formada polo Norte de Portugal e Galicia.[10][11]

A Xunta de Galicia, en reunión do 7 de xuño do 2000 concedeulle, a título póstumo, a Medalla de Ouro de Galicia, en recoñecemento da súa traxectoria empresarial e do seu compromiso con Galicia e coa colonia galega da capital portuguesa.[12]

Notas editar

  1. Lopes Cordeiro, José Manuel (2009). , (2009). "Manuel Cordo Boullosa, 1905-2000 O magnate do petróleo". Empresarios de Galicia 2. CIEF, Centro de investigación económica e financieira, Fundación Caixa Galicia. pp. 546–577. ISBN 978-84-96494-83-1. 
  2. Darch, Colin (2019). Historical Dictionary of Mozambique. Rowman & Littlefield. p. 69. ISBN 9781538111352. 
  3. "Tres Siglos Gallegos de Lisboa", artigo de Santiago Romero en La Opinión, 3 de febreiro de 2008 (en castelán).
  4. "A Revolução dos Cravos levou ao fundador de Galp, Cordo Boullosa, a refugiar em Ponte Caldelas". O Eco de Ponte Caldelas (en portugués). 2012-05-20. Consultado o 2023-09-16. 
  5. Rodríguez, Julian (17 de xaneiro de 2010). "Un rockefeller en Ponte Caldelas". El País. Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  6. "Inauguração da Escola Manoel Boullosa" (en portugués). Consultado o 2023-09-16. 
  7. "Ficha do Centro Gallego de Lisboa".  en Galicia Aberta, Secretaría Xeral da Emigración.
  8. "Entidades Nacionais Agraciadas com Ordens Portuguesas". 
  9. "DOG 81 del 29/04/1991 - DECRETO 130/1991, de 25 de abril, por el que se concede la medalla Castelao en el año 1991.". www.xunta.gal. Consultado o 2023-09-16. 
  10. Vázquez Mao, Xoan (2017). Eixo Atlántico, 25 años construyendo la Eurorregión (PDF). Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. ISBN 978-989-99729-7-1. 
  11. Domínguez Castro, Luis; Pontes, David (2012). Vázquez Mao, Xoan, ed. História dos 20 Anos do Eixo Atlântico. Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. ISBN 978-989-97959-0-7. 
  12. "DOG 111 do 08/06/2000 - DECRETO 141/2000, do 7 de xuño, polo que se lle concede a Medalla de Ouro de Galicia a Manuel Cordo Boullosa (a título póstumo).". www.xunta.gal. Consultado o 2023-09-16. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar