Magno Máximo

emperador romano entre 383 e 388
(Redirección desde «Magno Clemente Máximo»)

Magno Clemente Máximo (latín: Magnus Maximus), nado en Gallaecia, c. 335-40 e morto en Aquileia o 28 de agosto de 388, foi un emperador romano que gobernou na pars occidentalis do Imperio romano desde 383 ata a súa morte.

Infotaula de personaMagno Máximo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(la) Flavius Magnus Maximus Editar o valor en Wikidata
335 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Hispania Editar o valor en Wikidata
Morte27 de agosto de 388 Editar o valor en Wikidata (52/53 anos)
Aquileia (Italia) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte Editar o valor en Wikidata
Emperador romano
Senador romano
Cónsul romano
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata
Período de tempoBaixo Imperio Romano e Antigüidade tardía Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaTheodosian dynasty (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeElen Luyddog
FillosFlávio Vítor (pt) Traducir, Peblig (en) Traducir, Cystennin I, Anwn Dynod (en) Traducir, Owain fab Macsen Wledig (en) Traducir, Sevira (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Maximus-1

Traxectoria

editar

Proclamado emperador en Britania polas súas tropas, logrou impoñerse ao augusto Graciano e gobernar Britania, Galia e Hispania desde Tréveris, sendo recoñecido por Valentiniano II e Teodosio o Grande. En 386 marchou contra Valentiniano, que fuxiu a Oriente, e en cuxo favor interveu Teodosio. Derrotado en batalla, Máximo foi asasinado polas súas propias tropas. É coñecido como Maximiano e Macsen Wledig nas tradicións de Gales.

Orixes e carreira militar

editar

Magno Máximo naceu en Hispania (posibelmente na provincia de Gallaecia, ou quizais na Tarraconense), en torno ao ano 340. Ao parecer, procedía dunha familia humilde emparentada dalgún modo (por sangue ou máis ben por lazos de clientela) co xeneral hispano Teodosio o Vello.

En 368 marchou xunto ao seu patronus e Teodosio o Mozo a Britania, para participar na campaña que rexeitou unha invasión de varios pobos bárbaros na chamada por Amiano Marcelino, Conspiración Bárbara. Alí cimentaría boa parte do seu prestixio persoal ao participar activamente na campaña dun modo destacado pero descoñecido nos seus detalles. Durante estes anos crearía fortes lazos coa poboación britana.

Expulsados os bárbaros por Teodosio o Vello, acompañaríao de novo na súa campaña africana contra Firmo, participando activamente na captura dalgúns dos líderes rebeldes. Descoñecemos a súa actuación ante a conxura palaciana que acabou coa execución de Teodosio o Vello, pero trala morte do seu patronus retirouse da escena militar, do mesmo xeito que Teodosio o Mozo, aínda que marcharía a Britania, en lugar da súa Hispania natal. En 379, trala batalla de Adrianópole, o novo Emperador de Occidente Graciano nomeou a Teodosio Emperador de Oriente. Nese momento, Máximo quizais ocupaba xa o título de Dux ou talvez Comes Britanniae, onde levaría a cabo un magnífico labor na loita contra os piratas saxóns e os pictos e attacotes.

Toma da Púrpura Imperial

editar

A finais de 382 ou na primavera do ano 383 (en 381 segundo outras fontes), no territorio dos attacotes ao norte da fronteira, tras unha esmagadora vitoria contra os pictos durante unha ofensiva, os seus soldados nomeárono Emperador desembarcando pouco despois na Galia para atacar a Graciano quen, tras algunhas escaramuzas preto de Lutetia Parisiorum (act. París), é abandonado en masa polo seu exército trala traizón do seu magister militum (e cónsul para aquel ano) Merobaudes.

O lugar exacto do desembarco discútese. Geoffrey de Monmouth, menciona Armórica e isto fixo que algúns historiadores haxan enfocado as súas procuras sobre Bretaña. Zósimo propón un desembarco na desembocadura do Rin, o que contradí a Geofrey de Monmouth, pero sen identificar nin o lugar exacto do desembarco, nin a ruta que seguiu ata París, onde derrotou a Graciano. Autores máis modernos como Léon Fleuriot, un respectado historiador bretón, falecido en 1987, propuxo que Máximo, tras desembarcar na desembocadura do Rhin, encamiñaríase primeiro cara á rexión de Maastricht para máis tarde caer sobre París antes de conseguir a submisión de Tréveris. Recentemente propúxose como o lugar do desembarco en Saint-Valery-sur-Somme na antiga Leuconos na desembocadura do Somme.

Trala deserción do seu exército que foi gradual pero case total, Graciano fuxiu xunto á súa garda persoal de 300 xinetes alanos, pero foi alcanzado e asasinado en Lión, coa suposta conivencia do gobernador da cidade, por Andragatio, un dos xenerais de Máximo. Trala súa vitoria, favorecida pola deserción de Merobaudes, xeneral de Graciano, Máximo estableceu a súa capital en Tréveris.

Morto Graciano, Máximo tratou de exercer un protectorado sobre Valentiniano II, e compartir o poder con Teodosio, pero unha embaixada enviada por Xustina, nai de Valentiniano II con Ambrosio de Milán, logrou gañar tempo e eludir as intencións de Máximo.

En 384 Máximo, Teodosio e Valentiniano II pactaron en Verona unha repartición do Imperio; Máximo quedou con Britania, a Galia e Hispania, establecendo a súa capital en Tréveris, Teodosio con Oriente e Valentiniano II con Italia, o Ilírico e África.

Aínda que Máximo obtivo o recoñecemento de Milán e Constantinopla, nunca gozou de gran simpatía dentro da corte de Valentiniano II, e os enfrontamentos e manobras políticas estaban á orde do día. Xustina, a nai de Valentiniano II sempre o considerou un usurpador, mentres que Teodosio, se é que non estaba de acordo con Máximo, mantivo, polo menos temporalmente, unha actitude máis temperada, chegando a unha especie de recoñecemento, como se manifesta no feito de que se chegou a cuñar moeda coa súa imaxe e instalar estatuas súas nalgunhas cidades de oriente.

Política relixiosa

editar

A política relixiosa de Máximo viuse marcada por unha pronunciada defensa do credo Niceno, establecido polo Concilio de Constantinopla de 381 O feito máis destacábel da súa política relixiosa foi o proceso coñecido como os Xuízos de Treveris contra os priscilianistas que acabou coa execución do líder da seita, Prisciliano, e dalgúns dos seus seguidores. Malia todo, Máximo mantivo boas e estreitas relacións coa Igrexa, e unicamente lle reprocharon o seu modo de resolver o asunto priscilianista, especialmente por parte do clero galo. O seu enfrontamento máis duro foi con Ambrosio de Milán, quen ademais de censurar a execución de Prisciliano, defendía os intereses de Valentiniano II emperador en Milán. Destacan as excelentes relacións con Martiño de Tours, quen o visitaba con frecuencia entre outros motivos para interceder por Prisciliano e por aqueles que aínda eran leais a Graciano e a quen Máximo sempre tratou con respecto, ata o punto de compartir mesa con el xunto á súa esposa en non poucas ocasións.

Guerra contra Teodosio

editar

No ano 387, aproveitando unha invasión dos alamáns en Retia e respondendo a unha petición de axuda por parte da corte de Milán, Máximo ocupa os territorios pertencentes a Valentiniano II apropiándose así de toda a parte occidental do Imperio romano tras o cal nomeou césar ao seu novo fillo Flavio Víctor e intentou obter o pleno recoñecemento de Teodosio. Este, que acababa de enviuvar da súa muller Aelia Flacila, recibiu unha xugosa oferta da emperatriz Xustina, que lle ofreceu á súa filla Gala en matrimonio a Teodosio coa condición de que se enfrontase e derrotase a Máximo, que foi declarado usurpador. No ano 388 Valentiniano II desembarcou en Ostia tras eludir á frota de Máximo mandada por Andragatio, mentres tanto o exército de Teodosio atacaba a Máximo no Ilírico, que este comezaba a ocupar timidamente a prefectura de Ilírico. Tralas batallas de Siscia (Sisak) e Poetovio (Ptuj), Teodosio ocupa Emona (Liubliana) e obriga a Máximo a refuxiarse en Aquilea, onde foi asasinado polos seus soldados o 28 de xullo ou de agosto de 388. A súa cabeza foi entregada a Teodosio e paseada por todas as provincias. O seu fillo Flavio Víctor foi asasinado pouco despois por orde de Teodosio a mans de Arbogastes.

Balance do seu reinado

editar

En xeral, o goberno de Máximo en Occidente non foi totalmente negativo. Sabemos que recibiu un panexírico, por desgraza perdido, obra de Quinto Aurelio Símaco, e que moitos autores como Zósimo, Sulpicio Severo e Orosio, malia tachalo de tirano, recoñécenlle algunhas virtudes. Só logo de ser derrotado por Teodosio I convertéuselle en usurpador e polo tanto receptor dos ataques dos panexiristas teodosianos quen o criticarían con forza.

O seu reinado considérase como o inicio do fin do dominio romano en Britania.

A súa actuación ante un asunto relixioso, o xuízo a Prisciliano, foi quizais o aspecto negativo e polo que os seus contemporáneos o censuraron, acusándoo de se deixar levar polo consello de bispos.

Desde o punto de vista administrativo, sabemos que creou polo menos, dúas novas provincias de rango presidial unha en Galia (Máxima Sequania) e outra en Hispania, na Tarraconense. Tamén mantivo a salvo o limes de incursións bárbaras, aínda que ao final do seu reinado, mentres loitaba contra Teodosio tivo lugar unha invasión franca que os seus xenerais, Quintinio e Nanieno pola traizón dun deles, non puideron deter. Segundo Sulpicio Alexandre:

Naqueles tempos, os francos que tiñan como xefes a Xenobaudo, Marcomir e Sunnon, entraron en Xermania e, cando invadiron a fronteira, provocaron grandes masacres, devastaron os países máis fértiles e sementaron o pánico en Colonia. Cando a noticia chega a Tréveris, Nanieno, e Quintinio, xefes da milicia, a quen Máximo deixara o coidado do seu fillo, que aínda era un neno, e a defensa das Galias, levantaron un exército e reuníronse en Colonia. Pero os inimigos que tras saquearen as provincia ían cargados de botín, cruzaron o Rhin, deixando no chan romano numerosos préstamos que recoller. Os romanos enfrontáronse a eles con facilidade e moitos francos foron masacrados no Bosque Carbonario.

No aspecto económico creou unha nova moeda de ouro o tremis. No aspecto negativo achácanlle o deixar case sen gornición Britania, de onde procedían as súas tropas máis fieis, iniciando así o proceso que culminaría no seu total abandono por parte de Roma en 409.

Segundo a Historia dos reis de Britania de Godofredo de Monmouth (base para moitas lendas inglesas e galesas), foi Rei de Britania. De acordo co relato dos Mabinogion chamado Breuddwyd Macsen Wledig (''O soño de Macsen Wledig'') a esposa de Máximo era a filla dun poderoso xefe britano de Segontium da rexión de Caernarfon no norte de Gales, coñecida como Elen ou Elen Luyddog (Helena, tamén coñecida como Saint Helen of Caernarfon ou Elen of the Host). A Máximo atribúeselle a iniciativa da colonización da Bretaña que realizaría cos soldados que trouxo desde Britania.

O destino da súa familia énos descoñecido aínda que parece certo que ademais da súa esposa e fillas sobreviviulle a súa nai, perdoadas por Teodosio, e é probábel seguir o rastro dalgúns dos seus descendentes.

  • O seu fillo e colega no trono Flavio Víctor foi asasinado polo xeneral Arbogastes, pouco despois do seu pai por orde de Teodosio.
  • O seu irmán Marcelino, que xa ocupaba algún posto importante durante o goberno de Graciano, serviu ás ordes do seu irmán morrendo probabelmente nalgunha das batallas libradas contra Teodosio.
  • A súa filla Severa énos coñecida por unha inscrición de época altomedieval, procedente do Gales, chamada o Alicerce de Eliseg, nela Severa aparece como a esposa de Vortigern, Rei dos bretóns. Os seus descendentes darían lugar á dinastía Gwerthernion, que gobernaría o reino de Powys en Gales.
  • Outra das súas fillas, de nome descoñecido, foi esposa de Enodio, procónsul Africae en 395.
  • O seu neto, Petronio Máximo, foi outro emperador de tráxico final, tras gobernar Roma durante 77 días, morreu lapidado o 24 de maio de 455.
  • Entre outros posibles descendentes atópanse Anicio Olibrio, emperador en 472, o mesmo que varios cónsules e bispos como San Magno Félix Enodio (bispo de Pavia en 514-21).

Con todo, separadamente de Marcelino, de Flavio Victor e dun tal comes Víctor, que podería ser un tío seu, os outros nomes citados son só suposicións gratuítas, pois non están comprobadas abondo historicamente, aínda que boa parte baséase en tradicións posteriores.

Outra lenda di que San Ilidio de Clermont curou a unha das súas fillas que estaba endemoñada.

Véxase tamén

editar