Lucía Sánchez Saornil

Poeta, xornalista, sindicalista, anarquista e feminista

Lucía Sánchez Saornil, nada en Madrid o 13 de decembro de 1895[1][2] e finada en Valencia o 2 de xuño de 1970, foi unha poeta ultraísta, militante anarquista e feminista española. Telefonista, afiliada á CNT desde 1931. En abril de 1936 foi cofundadora da organización Mujeres Libres da que foi Secretaria Nacional.

Infotaula de personaLucía Sánchez Saornil

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento13 de decembro de 1895 Editar o valor em Wikidata
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Morte2 de xuño de 1970 Editar o valor em Wikidata (74 anos)
Valencia, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Ideoloxía políticaAnarquismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalista , escritora , anarcosindicalista , poeta , Emancipação das mulheres (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Partido políticoMujeres Libres Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía Editar o valor em Wikidata
MovementoUltraísmo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Naceu nunha familia pobre, filla de Gabriela Saornil e Eugenio Sánchez, que vivían na rúa Labrador do barrio de Peñuelas. O seu pai traballaba na central de teléfonos na casa do Duque de Alba.[1] Posuían unha pequena biblioteca repleta de libros e folletos herdados dunha tía do seu pai.[2] Estudou nun colexio para orfos, o Centro "Hijos de Madrid", onde concluíu os seus estudos primarios e secundarios.[2] A súa nai e o seu irmán morreron cando ela era moi nova e quedou ao cargo da casa e dunha irmá algo máis nova que ela[1][2]. En 1913 publicou o seu primeiro poema, Nieve, no semanario Avante de Ciudad Rodrigo.[2][2] En 1916 entrou a traballar como telefonista en Telefónica[3] e publicou os seus primeiros poemas na revista Los Quijotes.[4][1] En Los Quijotes, iniciativa do propietario dunha imprenta, Emilio G. Linera, comezaron a publicar algúns dos poetas que foron despois representativos do Ultraísmo, como Guillermo de Torre.[1] Os poemas de Sánchez Saornil son arrebatos sentimentais cos compoñentes do modernismo.[1] Paralelamente, proseguiu os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e comezou a relacionarse cos movementos vangardistas en particular co movemento ultraísta, cuxos trazos amosa o poema Cuatro Vientos, publicado en 1919 e que son máis evidentes nos poemas publicados en Ultra en 1921.[1] Publicou os seus poemas en revistas como Tableros, Plural, Manantial e La Gaceta Literaria, utilizando o pseudónimo Luciano de San-Saor.[2] Foi motivo de controversia o uso do pseudónimo, ofrecéndose dúas explicacións: unha, porque eran meras creacións estéticas; a segunda, porque así podía reflectir sen temor o seu desexo lésbico.[1]

Militancia anarcofeminista editar

Durante a década de 1920 tomou contacto co movemento anarcosindicalista. Foi unha figura importante na realización de dúas folgas dentro de Telefónica, o que provocou, na primeira, o seu traslado a Valencia e finalmente na segunda a súa expulsión da empresa.[1][3] Deixou a poesía pola prosa e non a retomaría ata 1936.[1][3]En 1927 xa en Valencia colaborou en varios xornais anarquistas como Tierra y Libertad e Solidariedad Obrera de Barcelona, Umbral de Valencia e a Fragua social. De volta a Madrid en 1933[1], proseguiu coas súas actividades no movemento anarquista, publicando nos xornais de Madrid El Libertario, La Tierra, Campo Libre e CNT . Deste último chegou a ser secretaria de redacción en 1933.[1]

Guerra Civil, exilio, clandestinidade e morte editar

O anarcosindicalismo deixaba nun segundo plano a cuestión das mulleres, centrándose no ámbito económico.[1] A crítica de Sánchez Saornil non só puña isto de manifesto, senón que incluía tamén o comportamento autoritario dos homes anarquistas no eido privado. Salientaba que non se podía separar a loita contra o Estado e o capitalismo da loita contra o patriarcado.[2] En 1936 fundou, xunto a Mercè Comaposada i Guillén e Amparo Poch y Gascón, a organización feminista e libertaria Mujeres Libres, movemento ao que dedicou parte importante da súa militancia anarcofeminista.[3] Xurdida ao redor da CNT, a asociación naceu en Madrid pasando despois a Barcelona e estendeuse pola zona republicana chegando a alcanzar 147 agrupacións e 20 000 afiliadas en 1938.[Cómpre referencia]

Unha das súas actividades foi a edición da revista Mujeres Libres. O primeiro número foi publicado o 20 de maio de 1936 e esgotouse case inmediatamente. Un segundo número apareceu o 15 de xuño. En total publicáronse 14 números aínda que o último estaba en imprenta cando a fronte de batalla chegou a Barcelona e non se conserva ningunha copia.[5]

 
Emma Goldman (centro) e Lucía Sánchez Saornil.

Cando estalou a Guerra Civil participou activamente na loita antifascista. O 19 de xullo de 1936 saíu á rúa e participou no asalto ao Cuartel da Montaña. Actuou como cronista de guerra nas frontes de Guadalajara para os xornais da CNT Juventud Libre e Frente Libertaria. Tamén colaborou na estruturación das primeiras colectividades campesiñas e obreiras.[2]Na batalla de Madrid compuxo o seu poema Madrid, Madrid, mi Madrid que foi lido por ela mesma na emisora Radio Madrid nunha noite de bombardeos ininterrompidos.[1] Despois marchou á fronte de guerra onde fixo de xornalista.[3] O estoupido revolucionario xurdido tras a sublevación deu outro carácter á revista Mujeres Libres e foi Sánchez Saornil quen propuxo a formación de brigadas femininas de traballo que en caso necesario puidesen substituír os compañeiros combatentes e organizou un servizo de enlace que levase e recollese correspondencia e paquetes entre os loitadores e os seus familiares.[6]

En 1937 regresou a Valencia, onde asumiu o posto de secretaria nacional de todas as agrupacións de Mujeres Libres. Tamén foi redactora xefa no xornal anarquista Umbral.[7] É alí onde coñeceu a América Barroso, que foi a súa compañeira sentimental até a súa morte. De Valencia viaxou a Barcelona e alí a organización solicitoulle que pasase ás colectividades agrarias de Castellar. A colaboración de Sánchez Saornil en Umbral caracterizouse polas súas reportaxes ás que acompañaban documentos gráficos e que informaban dos cambios que se operaban na vida social e económica das diferentes rexións baixo o signo da revolución.[6]

A partir do 20 de agosto de 1937 empezou o Congreso ou Conferencia Nacional de Mujeres Libres onde quedou constituída a Federación Nacional do mesmo nome. Foi unha das oradoras principais.[6]

En maio de 1938 fíxose cargo da secretaría xeral da sección española de Solidaridad Internacional Antifascista (S.I.A) coa que durante un tempo colaborara como secretaría de Prensa e Propaganda. Pasou aos campos de refuxiados de Francia e en 1940 xunto a América Barroso, residiu en París onde se gañou a vida retocando fotografías e posteriormente en Montauban onde traballou como secretaria dunha asociación de cuáqueros que axudaba os refuxiados españois.

Volveron a España de maneira clandestina coa axuda de Electra, irmá de América, que ao vivir na zona fronteiriza de La Jonquera facilitoulles o paso.[3] Residiron primeiro en Madrid onde tentou organizar a Mujeres Libres de forma clandestina coas irmás Carmen e Visitación Lobo, pero fracasaron. Ao ser recoñecida na rúa, decidiron marchar a Valencia onde viviu clandestinamente até 1954, co que carecía de cartón de racionamento. Retomou a pintura, converténdoa no seu oficio e a poesía, aínda que nunca publicou nada. Morreu o 2 de xuño de 1970 dun cancro de peito.[2] Desta última época non deixou nada publicado aínda que si se sabe da lectura de poemas nos faladoiros que facía na casa logo de comezar a súa amizade co pintor Pedro de Valencia.[8]

Pensamento editar

Postura ante o lesbianismo editar

Sánchez Saornil foi primeiro coñecida pola súa posición de loitadora anarcofeminista e a partir dos primeiros anos setenta do século XX, algunha integrante de Mujeres Libres xa no exilio, mencionaría que Lucía fora lesbiana. En datas posteriores, Pepita Carnicer, recoñecería abertamente este feito no vídeo documental de Lisa Berger e de Carol Mazer, titulado De toda la vida. Pepita Carpena e Suceso Portales, na década do oitenta, referiríanse tamén a Lucía facendo frecuentes alusións á súa compañeira Mary (diminutivo de América Barroso). Neste último caso, Martha Ackelsberg, a autora das entrevistas, afirma que Lucía Sánchez Saornil mentres estivo en Mujeres Libres, non se preocupou de ocultar este aspecto da súa vida en absoluto, xa que compartía a idea de que todo o mundo debería poder amar a quen quixese porque a propia sexualidade non era unha cuestión “política” sobre a que o movemento libertario debía pronunciarse. A súa maneira de vivir o lesbianismo foi pioneira, xa que a relación sentimental e sexual non normativa que mantivo con América Barroso, libre e visible en certos círculos, converteuse nun dos primeiros testemuños de afirmación da homosexualidade feminina en España. A súa identidade lésbica sufriu unha evolución desde a II República e a Guerra Civil ao franquismo, en que viviu no anonimato total porque tivo un triplo exilio: como escritora, como muller e como lesbiana.[9]

Para a editora da súa poesía Martín Casamitjana, os seus poemas amorosos están atribuídos xeralmente a un eu lírico masculino e dirixidos a un destinatario feminino porque ou ben son unha mera creación estética ou ben son o reflexo das súas inclinacións lésbicas.[1]

Postura ante o problema da muller editar

As ideas principais sobre a muller recóllense na serie de artigos publicados en Solidaridad Obrera no outono de 1935 baixo o título de La cuestión femenina en nuestros medios e en diversos artigos na prensa anarcosindicalista e na revista Mujeres Libres. Para ela, a muller española era inculta e pouco preocupada polos temas sociais pero isto era debido ao seu papel de sometemento ao longo da historia. O único horizonte da muller na sociedade limitouse ao prostíbulo ou ao matrimonio, como xa afirmara Proudhon. Recollendo unha idea que xa expresara Teresa Claramunt, a explotación da muller foi reforzada aínda máis polo sentimento de superioridade do home. Así, a muller sufría unha dupla explotación, como ser humano ante o capitalismo e como muller ante o home. Aínda que recoñecía que esta última situación mellorara algo, sobre todo entre as intelectuais.[10] Criticou, sen nomealo, a Gregorio Marañón que sostiña a diferenza física entre homes e mulleres. De feito, este endócrino visitou a Ana Martínez Sagi xa que os pais desta estaban preocupados polas rarezas deportivas e intelectuais da súa filla. Para Sánchez Saornil, as diferenzas son polo medio en que se desenvolven homes e mulleres. Tanto no eu poético como no eu político estivo sempre presente o seu espírito crítico. Este non a levou a idealizar ningún credo e con el despregou unha visión feminista total. Realizou unha lectura feminista da psicanálise e das teorías de diferenciación sexual e propuxo como solución á pasividade feminina, a concienciación da existencia de mecanismos represivos e o coñecemento do seu poder limitado na configuración do eu. Así dicía que o mundo masculino oscilara fronte á muller entre dous conceptos extremos da prostituta á nai sen deterse no estritamente humano, é dicir, a muller como ser racional pensante e autónomo.[11]

Postura ante a familia editar

Para o anarquismo a alternativa á familia e ao matrimonio convencional era o amor libre, que permitía entender as relacións sentimentais entre persoas cos mesmos dereitos. Con todo, na práctica non sempre foi así e, de feito, realizáronse cerimonias civís nos Ateneos e sindicatos anarquistas. Por iso, na revista Mujeres Libres escribiu un artigo denunciando este retroceso: "Proyecto para la creación de una fábrica de bodas en serie (Churros auténticos)". Chegou a equiparar o matrimonio coa prostitución cando as mulleres carecían dun salario propio e dun certo grao de equiparación moral.[9]

Postura ante a maternidade editar

Fronte á corrente maioritaria, entre quen estaban Federica Montseny, Amparo Poch e Gascón e Mercedes Comaposada, na que a procreación dos fillos era a culminación da vida da muller, Sánchez Saornil defendía que a maternidade era unha máis entre as posibilidades da muller para se realizar.[9]

Traxectoria poética editar

Poesía editar

A obra poética de Sánchez Saornil comeza co Modernismo adscribíndose despois ao Ultraísmo que abandonará para entregarse a unha literatura de compromiso político e aos romances bélicos da Guerra Civil. Só ao final da súa vida, retoma a poesía impregnada da dor ante a proximidade da morte. O seu único libro publicado en vida foi Romancero de Mujeres Libres en 1938.[11]

Modernismo e Ultraísmo editar

Entre 1917 e 1919 publicou na revista Los Quijotes doce poemas na órbita do Modernismo. Os motivos son recorrentes deste estilo: xardíns, atardeceres, outonos... mais perderon o seu simbolismo de paisaxe interior, son meros recursos espaciais. A súa métrica respecta o metro e a rima: rima consonante, cuartetas, redondillas, sonetos... Tamén plasma nos seus poemas outras artes, a pintura, a escultura e quere captar o mundo sensorial: aromas, sons... Utilizou a linguaxe erótica, o que produciu sorpresa ao coñecerse a súa identidade xa que aludía abertamente ao desexo carnal.[12]

Mais a súa poesía dá un cambio cando comeza a publicar os seus poemas nas revistas máis vangardistas: Grecia, Cervantes e Ultra. En 1918 foi o ano do primeiro manifesto ultraísta. Así, o seu poema en prosa "El madrigal de tus sortijas" xa reflicte a transición na súa forma de ver a poesía. Aínda que o ton sexa modernista, con todo xa inclúe elementos da vida moderna: "las grandes ampollas eléctricas". O seu primeiro poema claramente vangardista é "Cuatro Vientos", publicado en Cervantes en xuño de 1919, dentro dunha selección feita por Cansinos-Anssens co título de "Los poetas del Ultra". O poema fai referencia ao aeródromo de Madrid e un accidente ocorrido. É unha clara exaltación do mundo moderno. Usará a tipografía tamén como as primeiras vangardas.[12] A vinculación de Sánchez Saornil ao Ultraísmo debeuse sen dúbida á coincidencia porque algúns dos 10 asinantes do Manifesto eran colaboradores habituais de Los Quijotes xa que ela non frecuentaba faladoiros nin actos públicos. O primeiro poema que asina co seu nome foi "Hora" no que suprime totalmente os signos de puntuación. Os poemas máis vangardistas son os publicados en Ultra ao longo de 1921 nos que emprega imaxes inconexas, frases inconclusas e motivos da vida urbana. O seu paso da pureza estética ao compromiso político é reflexo da crecente politización da vida española.[1]

A poesía amorosa desta época está marcada pola ambigüidade. Non só polo uso dun pseudónimo senón polo uso de metáforas como a cinza, a noite, o silencio, a escuridade, o espello, a auga, os soños... que responden a un código común compartido con outras poetas lesbianas: Carmen Conde e Ana María Martínez Sagi.[13]

Segundo a teoría queer, nos poemas modernistas e vangardistas Sánchez Saornil denuncia co uso do pseudónimo a necesidade de encaixar nos roles xenéricos asignados pola sociedade patriarcal como único modo de obter lexitimidade en canto escritora. Ademais co uso alternativo do seu nome e do seu pseudónimo, que non era necesario porque era coñecida a autoría feminina dos poemas de tan forte contido erótico no círculo dos ultraístas, consegue presentar identidades alternativas que supoñen unha reconsideración e cuestionamento das categorías feminina e masculina.[14]

Compromiso político editar

Abandonou o movemento ultraísta porque o afán de renovación literaria que este propugnara non estaba a revolucionar o mundo das letras, por iso, dedicouse ao xornalismo e á literatura de compromiso político. Así foi unha gran divulgadora do ideario anarquista que quería rexenerar o país desmontando as estruturas de poder existentes a través da subversión das formas culturais dominantes e creando unha sociedade nova igualitaria cuxos membros se verían libres de forzas externas alienantes como o capitalismo e a relixión. No órgano libertario CNT de Madrid no que traballou como secretaria desde mediados de 1933, publicou o ensaio Literatura nada más no que deu conta do seu persoal paso da estética vangardista a unha literatura politicamente comprometida e atacou as vangardas afirmando delas que só eran "burguesas iconoclastas".[11]

Durante a batalla de Madrid en 1936 escribiu o seu poema: "Madrid, Madrid, mi Madrid", poema que foi portada do número 6 de Mujeres Libres.[15] Este poema incluíuno no seu Romancero de Mujeres Libres. Este libro está composto de poemas escritos desde a militancia nos que tenta exacerbar os sentimentos revolucionarios. Claro exemplo é o "Himno de Mujeres Libres".[1] Nesta etapa o contido é máis importante que a forma. O seu obxectivo é pór de relevo a loita feminina e a presenza da muller na sociedade. Así o "Romance de La Libertaria" ou o "Romance de la vida, pasión y muerte de la lavandera de Guadalmedina" dedicados a dúas das heroínas da revolución, María Silva Cruz e Encarnación Giménez.[16] No "Romance de La Libertaria" glosa a vida da neta de Seisdedos, que escapou da morte tras a matanza de Casas Viejas mais foi fusilada dous anos despois. A súa prosa foi tamén recollida nun folleto Horas de revolución editado tamén por Mujeres Libres . Os trinta e tres artigos que o compoñen non levan ningunha referencia.[6]

Poemas do exilio interior editar

Parece que nunca deixou de escribir poesía. Ao non poder publicar en España decidiu mandar os seus poemas a Suramérica, mais non recibiu resposta e ela non fixo copia deles. Así, só se conservan desta última etapa uns poucos poemas inéditos. Son na súa maioría sonetos que teñen como preocupación fundamental a proximidade da morte, o balance da súa vida e o desexo de transcendencia.[1] Son 23 poemas nos que os temas centrais son a súa non aceptación da morte e as ganas de vivir centrados no autoexame da súa vida, a saudade da mocidade e a súa invocación a Deus en cuxa existencia quere crer aínda que a dúbida persista. O eu poético quere convencerse da existencia dun máis alá xusto e renovador mais sospeita que esa idea é despois de todo unha mentira e soamente lle queda pedir serenidade para aceptar a morte.[11]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 Casamitjana, Rosa Martín (1992). "Lucía Sánchez Saornil: de la vanguardia al olvido". DUODA: estudis de la diferència sexual (3): 45–66. ISSN 1132-6751. Consultado o 20 de abril de 2020. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Lemos, Thiago (2016). "LUCÍA SÁNCHEZ SAORNIL Introducción a la vida y obra de una "Mujer Libre"". La cuestión femenina en nuestros medios.: p.13-28. 2016. São Paulo/Santiago de Chile: Biblioteca Terra Livre/ Editorial Eleuterio. pp. 13–26. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Lucía Sánchez Saornil Luciano de San Saor". Diccionari Biogràfic de Dones - Biografia (en catalán). Consultado o 2021-04-20. 
  4. Raquel Lanseros y Ana Merino, Poesía soy yo. Poetas en español del Siglo XX (1886-1960), Madrid: Visor, 2016, páx. 80.
  5. Ackelsberg, Martha A. (2000). Mujeres libres : el anarquisimo y la lucha por la emancipación de las mujeres (2 ed.). [Barcelona]: Virus. ISBN 978-84-88455-66-6. OCLC 47629566. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Sánchez Saornil, Lucía (2014). Lucía Sánchez Saornil : poeta, periodista y fundadora de Mujeres Libres (1a ed.). Madrid: La Malatesta. ISBN 978-84-941712-2-2. OCLC 908660968. 
  7. Escrivá Moscardó, Cristina (23 de xaneiro de 2017). "Lucia Sánchez Saornil". Rutas culturales (blog). Arquivado dende o orixinal o 08 de marzo de 2017. Consultado o 24 de abril de 2021. 
  8. Soriano Jiménez, Ignacio C. "Lucía Sánchez Saornil . Real Academia de la Historia". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 23 de abril de 2021. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Luz Sanfeliu Gimeno. "Lucía Sánchez Saornil; una vida y una obra alternativas a la sociedad de su tiempo". Google Scholar. Consultado o 25 de agosto de 2016. 
  10. Mary, Nash, (1975). "Dos intelectuales anarquistas frente al problema de la mujer. Federica Montseny y Lucia Sánchez Saornil". ISSN 0010-8235. Consultado o 26 de setembro de 2018. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Capdevila-Argüelles, Nuria (2008). Autoras inciertas : voces olvidadas de nuestro feminismo. Madrid: Horas y Horas. ISBN 978-84-96004-18-4. OCLC 439977729. 
  12. 12,0 12,1 Pilar, Celma Valero, María (2005). "Lucía Sánchez Saornil: una voz “ultra”, más allá de su condición femenina". Consultado o 27 de setembro de 2018. 
  13. Marta, Gómez Garrido, (2013). "Conflicto de identidad: indefinición sexual en tres poetas de la Edad de Plata = Identity Conflict: Sexual Uncertainty in Three Female Poets of the Spanish Silver Age" (en castelán). Consultado o 27 de setembro de 2018. 
  14. Castro, Elena (2014). Poesía lesbiana queer. Cuerpos y sujetos inadecuados. (en castelán). Icaria. p. 18-29. ISBN 978-84-9888-507-1. 
  15. "Mujeres Libres nº 6" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de xuño de 2018. Consultado o 1 de outubro de 2018. 
  16. Chessa, Sara (23 de xullo de 2014). "Perspectivas de género en la traducción de los poemas de Lucía Sánchez Saornil" (en castelán) 11 (0): 93–103. ISSN 2239-0359. doi:10.1285/i22390359v11p93. Consultado o 27 de setembro de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Obra poética completa editar

Antoloxías nas que aparece editar

  • Poesías y poética del ultraismo. Edición de Francisco Fuentes Florido. Editorial Mitre, Barcelona 1989 ISBN 84-7652- 038-7
  • Peces en la tierra. Edición de Pepa Merlo. Fundación José Manuel Lara. 2010. ISBN 9788496824607

Ensaios sobre a súa obra e a súa vida editar

Ensaios sobre Mujeres Libres nos que aparece Lucía Sánchez Saornil editar

Ligazóns externas editar

Artigos en prensa editar

Vídeos editar