Mujeres Libres foi unha organización feminista dentro do anarcosindicalismo español entre abril de 1936 e febreiro de 1939, durante a guerra civil española. Xunto á Confederación Nacional do Traballo (CNT), a Federación Ibérica de Juventudes Libertarias (FIJL) e a Federación Anarquista Ibérica (FAI), constituíu unha das organizacións clásicas do movemento libertario español.

Malia a igualdade de xénero que propuña a CNT dende as súas orixes, moitas das mulleres que militaban no movemento consideraron necesaria unha organización específica para desenvolveren plenamente as súas capacidades e a súa loita política.[1]

Historia editar

 
Cuberta do número 9 da revista "Mujeres Libres" (1938).

En 1934, Amparo Poch y Gascón, Lucía Sánchez Saornil e Mercedes Comaposada fundaron a revista Mujeres Libres, voceira da Federación Mujeres Libres, a prol da liberación da muller obreira. A Federación medrou axiña e en outubro de 1938 tiña máis de 20.000 membros.[2] Era unha revista para mulleres e escrita por estas. Vetou a colaboración de homes, agás o artista Baltasar Lobo, ilustrador e maquetista da publicación.

A educación e a capacitación profesional eran premisas determinantes para conquistar os dereitos das obreiras nunha formación libertaria. O obxectivo era a emancipación da muller da servidume, da ignorancia e da submisión sexual.

As agrupacións Mujeres Libres de Madrid e o Grupo Cultural Feminino de Barcelona fusionáronse en setembro de 1936 na Agrupación de Mujeres Libres. En Barcelona, a Agrupación de Mujeres Libres estabeleceu comedores colectivos, organizou cursos de alfabetización, enfermaría e puericultura e enviou víveres ó Madrid asediado.

A Agrupación Mujeres Libres abriu unha Escola de Choferes para mulleres nos Servizos de Sanidade da retagarda. Tamén impartiu cursos para capacitar a mulleres como condutoras de tranvías.

Notas editar

  1. Liaño Gil (1999), p. 151
  2. Rodrigo (2002), p. 300

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar