Emma Goldman, nada en Kaunas (Imperio ruso) o 27 de xuño de 1869[1] e finada en Toronto (Canadá) o 14 de maio de 1940, foi unha anarquista de orixe lituana-asquenací que foi coñecida polos seus textos e discursos feministas e polos seus testemuños sobre a Revolución Rusa. Tivo un papel fundamental no desenvolvemento da filosofía anarquista da primeira metade do século XX na América do Norte e Europa e introduciu ideas feministas no pensamento anarquista.

Emma Goldman
Portrait Emma Goldman.jpg
Nacemento27 de xuño de 1868, 1869 e 27 de xuño de 1869
 Kaunas
Falecemento14 de maio de 1940
 Toronto
CausaIctus
SoterradaIllinois
NacionalidadeImperio Ruso e Estados Unidos de América
EtniaPobo xudeu
Relixiónateísmo
Ocupaciónactivista política, anarquista, xornalista, filósofo político, feminista, conferenciante, editora, activista pola paz, autobiógrafa, enfermeira e escritora
Coñecido/a porVivendo Minha Vida, Anarquismo e Outros Ensaios, The Social Significance of the Modern Drama, Minha Desilusão na Rússia e My Further Disillusionment in Russia
editar datos en Wikidata ]

De orixe lituana, en 1885 emigrou a Nova York (Estados Unidos)[2] onde coñeceu o anarquismo e no que formaría parte trala revolta de Haymarket. En Nova York, Goldman convértese nunha ensaísta e escritora de sona da filosofía anarquista e anticapitalista e redacta artigos sobre a emancipación da muller, os problemas sociais e a loita sindical.[2] Ela mais o tamén escritor anarquista Alexander Berkman, o seu amante e compañeiro de toda a vida, planearon o asasinato de Henry Clay Frick como un acto de propaganda polo feito. Aínda que Frick sobreviviu ao ataque, Berkman foi condenado a vinte anos. Goldman foi arrestada varias veces por "alentar motíns" e pola distribución ilegal de información sobre a anticoncepción.[3]  En 1906, Goldman fundou o xornal anarquista Mother Earth (en galego, Nai Terra).[4]

En 1917, Goldman e Berkman foron condenados a dous anos de prisión por conspirar para "inducir ás persoas a fuxir"do servizo militar obrigatorio, que se establecera había pouco tempo en Estados Unidos. Tras ser liberados da prisión, foron detidos de novo xunto con centos doutros progresistas e, de alí, Emma foi deportada a Rusia durante a Revolución rusa. Inicialmente, simpatiza coa revolución bolxevique, mais de contado expresa a súa oposición ao uso da violencia por parte dos soviets e a represión das voces independentes. En 1919, expulsada de novo de Estados Unidos pola súa intensa actividade política retornou a Rusia, mais volveu abandona-lo país por disentir do rumbo autoritario tomado polo goberno bolxevique. En 1923, escribiu sobre as súas experiencias entre os bolxeviques, que forman o libro My Disillusionment in Russia (en galego, A miña desilusión con Rusia). Pasou uns anos en Inglaterra , Canadá e o sur de Francia , onde escribiu a súa autobiografía Living My Life (en galego, Vivindo a miña vida).[5] Ao comezo da Guerra Civil española, en 1936, con máis de 60 anos, viaxou a España para apoiar a revolución anarquista.[6]

Ao longo da súa vida, Goldman foi celebrada polos seus admiradores como libre pensadora e "muller rebelde", e ridiculizada polos seus opoñentes como defensora do asasinato de políticos e de revolucións violentas[7]. Os seus escritos e conferencias abranguen unha gran variedade de temas, incluíndo o sistema penal,[8] o ateísmo,[9] a liberdade de expresión,[10] o militarismo, o capitalismo, [11]o matrimonio e a emancipación da muller. Ademais, desenvolveu novas maneiras de incorporar políticas de xénero no anarquismo.[12]

Tras décadas de escuridade, na década de 1970, a vida e obra de Emma Goldman volveron facerse coñecidas na medida que as académicas feministas e anarquistas se foron interesando pola súa figura. Este interese deu lugar a unha nova onda de divulgación do seu legado, con publicacións dos seus artigos e reedicións dos seus libros, e con citas e imaxes súas estampadas en camisetas e carteis. Atribúenselle varias frases rechamantes do anarquismo, entre elas a famosa frase capaz de definir de maneira simple a idea anarquista da liberdade:[13]

Se non podo bailar, non é a miña revolución.

TraxectoriaEditar

OrixesEditar

A familia de Emma Goldman formaba parte dunha comunidade de xudeus ortodoxos que vivía na cidade lituana de Kaunas -entón Kovno-, e formaba parte do Imperio ruso.[14] A nai de Goldman, Taube Bienowitch, casara, primeiramente, cun home con quen tivo dúas fillas: Helena en 1860 e Lena en 1862. Cando o seu primeiro marido morreu de tuberculose, Taube afundiuse. Goldman escribiu máis tarde: "Todo o amor que ela tiña morrera co mozo con quen casou aos 15 anos".[15]

O segundo matrimonio de Taube foi arranxado pola súa familia e, tal como o Emma definiu, foi "bastante diferente do primeiro".[15] O segundo marido da súa nai, Abraham Goldman, investiu a herdanza de Taube nun negocio que pronto fracasou. As dificultades, combinadas coa distancia emocional entre marido e muller, crearon un ambiente de tensión no fogar. Cando Taube quedou embarazada, Abraham desexou desesperadamente que o bebé fose un neno. Segundo el, unha filla só serviría como outro sinal de fracaso.[16] Máis tarde, tivo tres fillos, pero o primeiro fillo que tiveron en común foi en realidade unha nena, Emma.[Nota 1]

Emma Goldman naceu o 27 de xuño de 1869. O seu pai empregaba a violencia para castigar aos fillos, golpeándoos cando desobedecían. Utilizaba un látego soamente con Emma, a máis rebelde.[17] Raramente, a súa nai interviña para pedir a Abraham que moderase as palizas.[18] Goldman, máis tarde, especulou sobre se o temperamento rabioso do seu pai non sería, polo menos en parte, resultado dunha frustración sexual.[19]

As relacións coas súas irmás tamén foron obxecto de estudo polo seu contraste. Con Helena, a maior, atopou o consolo que non atopaba na súa nai. Foi ela quen deu a Emma "tódalas alegrías que por sorte tiven"[20] mentres, Lena, a media, era distante e desapiadada.[21] Ás tres irmás, sumáronse os irmáns Louis (que morreu con seis anos), Herman (nacido en 1872) e Moshe (nacido en 1879).[22]

AdolescenciaEditar

 
A familia de Emma Goldman, en San Petersburgo, Rusia 1882. De esquerda a dereita: Emma, ​​de pé; Helena, sentada, con Morris no colo; Taube, Herman e Abraham.

Cando Emma era nena, a familia Goldman mudouse ao pobo de Papilė (tamén en Lituania), onde o seu pai dirixía unha pousada. Mentres as súas irmás traballaban, fíxose amiga dun criado chamado Petrushka, quen espertou os seus "primeiras senstimentos eróticos".[23] Máis tarde, aída en Papilė, viu a un campesiño sendo azoutado cun látego na rúa. Este evento traumatizouna e contribuíu ao seu desagrado para sempre pola autoridade violenta.[24]

Á idade de sete anos, Goldman mudouse coa súa familia á cidade prusiana de Königsberg (entón parte do Imperio alemán), e inscribiuse nunha escola estatal de secundaria. Mentres un mestre castigaba aos estudantes desobedientes, especialmente a Goldman, golpeándolles as mans cunha regra e outro mestre tratou de molestar ás súas alumnas e foi despedido cando Goldman se defendeu, atopou unha mentora comprensivo na súa mestra de lingua alemá, quen lle prestou seus libros e a levou a unha ópera. Goldman, que era unha estudante apaixonada, aprobou o exame de admisión no instituto, mais o seu profesor de relixión negouse a proporcionar un certificado de boa conduta impedindo, así que fora admitida.[25]

Aos poucos, a familia mudouse á cidade rusa de San Petersburgo , onde o seu pai abriu unha tenda tras outra sen éxito. A pobreza obrigou aos nenos a traballar, e Goldman tomou unha variedade de traballos, incluído un nunha tenda de corsés.[26] Daquela, Goldman rogoulle ao seu pai que lle permitise regresar á escola, pero no seu lugar botou o seu libro de francés ao lume e gritou: "As nenas non teñen que aprender moito! Todo o que unha filla xudía necesita saber é como prepara-lo peixe recheo, curta-los fideos ben e darlle ao home moitos nenos ".[27]

Con todo, Goldman perseguiu unha educación independente pola súa conta e, axiña, comezou a estudar a situación política ó seu redor. Estaba, especialmente, interesada nos nihilistas responsables de asasinar a Alexandre II de Rusia. A confusión resultante intrigou a Goldman, aínda que ela non o entendeu a situación política desa época. Foi coa lectura da obra Что делать (1863) -en galego, Que se debe facer?- de Nikolai Chernyshevskii cando atopou un modelo a seguir na protagonista, Vera. A partir da lectura, Goldman, adopta a filosofía nihilista e escapa da súa represiva familia para vivir libremente e organizar unha cooperativa de costura. O libro cativou a Goldman e seguiu sendo unha fonte de inspiración durante toda a súa vida.[28]

Mentres tanto, o seu pai seguía insistindo nun futuro doméstico para ela e tratou de arranxar que casase á idade de quince anos. Pelexaban polo problema constantemente; mentres el se queixaba de que se estaba a coinverter nunha muller "solteira", ela insistiu en que casaría só por amor.[29] Na tenda de corsés, viuse obrigada a se defender das proposicións non desexadas dos oficiais rusos e doutros homes. Un pretendente persistente levouna a unha habitación de hotel e cometeu o que Goldman describiu como "contacto violento";[30] dous biógrafos chámano violación.[31][32] Ela sorprendeuse pola experiencia, conmocionada "polo descubrimento de que o contacto entre home e muller podería ser tan brutal e doloroso".[33] Goldman sentiu que o encontro marcou para sempre as súas interaccións cos homes.[33]

 
Emma Goldman en 1886

Estados UnidosEditar

En 1885, a súa irmá Helena fixo plans para mudarse a Nova York nos Estados Unidos para unirse á súa irmá Lena e o seu esposo. Goldman quería marcha canda súa irmá, mais o seu pai negouse a permitilo non atendendo a oferta de Helena de pagarlle a viaxe. Emma, desesperada, ameazou con se botar ao río Nevá se non podía ir polo que seu pai rematou por ceder. O 29 de decembro de 1885, Helena e Emma chegaron ao Castle Garden da cidade de Nova York , a entrada para inmigrantes.[34] Establecéronse no norte do estado, vivindo na casa de Rochester que Lena fixera co seu esposo Samuel.

Un ano despois, fuxindo do crecente antisemitismo de San Petersburgo, os seus pais e irmáns uníronse a eles. Goldman comezou a traballar como costureira , cosendo abrigos durante máis de dez horas ao día, gañando dous dólares e medio á semana. Cando foi pedir un aumento e lle foi denegado abandonou o traballo e marchou traballar a unha tenda pequena próxima.[35] No seu novo traballo, Goldman coñeceu a un compañeiro de traballo chamado Jacob Kershner, quen compartiu o seu amor polos libros, o baile e as viaxes, así como a súa frustración coa monotonía do traballo na fábrica. Despois de catro meses, casaron en febreiro de 1887.[36] Ao se mudar a vivir coa familia de Goldman, a súa relación cambaleouse pois, na noite de vodas, Emma descubre que el era impotente, polo que se volveron emocional e fisicamente distantes. Mentres tanto, ela estaba cada vez máis comprometida coa axitación política que a rodeaba, particularmente as secuelas das execucións relacionadas co caso da revolta de Haymarket de 1886 en Chicago e a filosofía política antiautoritaria do anarquismo. Menos dun ano despois da voda, a parella divorciouse; Kershner suplicoulle a Goldman que regresase e ameazou con envelenarse se non o facía. Volveron xuntarse pero despois de tres meses, ela foise unha vez máis. Os seus pais consideraron o seu comportamento como "inmoral" e negáronse a permitir que Goldman entrase á súa casa.[37] Emma abandonou Rochester para se dirixir a Nova York coa súa máquina de coser e unha bolsa con cindo dólares.[38]

 
Emma Goldman e Alexander Berkman (foto polo 1917-1919)

Most e BerkmanEditar

No seu primeiro día na cidade, Goldman coñeceu a dous homes que cambiaron enormemente a súa vida. En Sachs's Café, un lugar de reunión para radicais, presentáronlle a Alexander Berkman , un anarquista que a convidou a un discurso público esa noite. Foron escoitar a Johann Most, editor dunha publicación radical chamada Die Freiheit que era defensor da "propaganda polo feito", o uso da violencia para instigar o cambio.[39] A Emma impresionouna a súa oratoria dura e apaixonada. A partir dese día, Most tomouna baixo a súa protección e formouna nos métodos do discurso político e a animou dicíndolle que ela "tomaría o meu lugar cando me teña que marchar".[40] Unha das súas primeiras conversacións públicas en apoio d "Causa" foi en Rochester. Despois de convencer a Helena de que non lles dixese nada aos seus pais o seu discurso, unha vez no escenario, Goldman quedou en branco. Máis tarde escribiu, de súpeto:

De súpeto, algo raro sucedeu. Nun instante vino claro: cada incidente dos meus tres anos en Rochester: a fábrica de Garson, o seu traballo pesado e a humillación, o fracaso do meu matrimonio, o crime de Chicago ... Comecei a falar. As palabras que nunca antes me escoitou pronunciar saíron, cada vez máis rápido. Chegaron con intensidade apaixonada ... A audiencia desaparecera, o salón en si desaparecera; só era consciente das miñas propias palabras, do meu canto extático.[41]
 
Tenda de xeados de Worcester, Massachusetts (fotografada en 2017)

Emocionada pola experiencia, Goldman refinou a súa personalidade pública durante os compromisos posteriores. Con todo, rapidamente atopouse discutindo con Most pola súa independencia. Despois dun discurso transcendental en Cleveland, sentiu que se convertera "nunha cotorra repetindo os puntos de vista de Most"[42] e resolveu expresarse por si mesma no escenario. Cando regresou a Nova York, Most enfureceuse e díxolle: "Quen non está comigo está na miña contra!".[43] A seguir, abandonou Die Freiheit e uniuse a outra publicación, Die Autonomie.[44]

Xa daquela, Goldman comezara unha amizade con Berkman, a quen ela cariñosamente chamaba Sasha. En pouco tempo fixéronse amantes e mudáronse a un apartamento comunal en Woodstock (Illinois) co seu curmán Modest "Fedya" Stein e a amiga de Goldman, Helen Minkin, na rúa 42.[45] Aínda que a súa relación tivo numerosas dificultades, Goldman e Berkman compartiron un vínculo estreito durante décadas, unidos polos seus principios anarquistas e o seu compromiso coa igualdade persoal.[46]

En 1892, Goldman uniuse a Berkman e a Stein para abrir unha xeadaría en Worcester, Massachusetts. Con todo, despois duns meses de traballar na tenda, Goldman e Berkman separáronse ao participar na folga de Homestead no oeste de Pennsylvania, preto de Pittsburgh.[47]

O incidente de HomesteadEditar

Un dos primeiros momentos que produciu un achegamento político entre Berkman e Goldman foi a folga de Homestead. En xuño de 1892, unha planta de aceiro en Homestead, Pensilvania, propiedade de Andrew Carnegie, converteuse no foco de atención nacional cando se interromperon as conversas entre a Carnegie Steel Company e a Amalgamated Association of Iron and Steel Workers (AA). O xerente da fábrica era Henry Clay Frick, un feroz opositor do sindicato. Cando, a finais de xuño, unha rolda final de conversacións fracasou, a xerencia pechou a planta despedindo os traballadores, quen inmediatamente se declararon en folga. A empresa introduciu crebafolgas e contratou gardas de Pinkerton para protexelos. O 6 de xullo, produciuse unha pelexa entre 300 gardas de Pinkerton e unha multitude de traballadores sindicais armados. Durante o tiroteo de doce horas, sete gardas e nove folguistas foron asasinados.[48]

Cando a maioría dos xornais da nación expresaron o seu apoio aos folguistas, Goldman e Berkman decidiron asasinar a Frick, como unha represalia que había "sementa-lo terror na alma da súa clase" e para "leva-las ensinanzas do anarquismo ante o mundo";[48] esperaban que fose unha acción que inspiraría aos traballadores a rebelarse contra o sistema capitalista. Berkman decidiu levar a cabo o asasinato e ordenou a Goldman quedar para explicar os seus motivos despois de ir ao cárcere. El estaría a cargo do "feito"; ela da "palabra".[49] Berkman tentou facer unha bomba mais ó non conseguilo, dirixiuse a Pittsburgh para mercar unha pistola e un traxe de roupa "decente".

Mentres tanto, Goldman decidiu axudar a financiar o plan a través da prostitución. Lembrando o personaxe de Sonya na novela Crime e castigo de Fiódor Dostoievski (1866), reflexionou: "Converteuse nunha prostituta para manter aos seus irmáns e irmás ... A sensible Sonya podía vender o seu corpo; por que non eu?".[50] Unha vez na rúa, Goldman chamou a atención dun home que a levou a un salón, comproulle unha cervexa, deulle dez dólares e díxolle que non tiña "a habilidade" e que deixase o negocio. Ela estaba "demasiado asombrada para falar".[51] Finalmente, decidiu escribir á súa irmá Helena, alegando unha enfermidade, e pediulle quince dólares.[52]

O 23 de xullo, Berkman obtivo acceso á oficina de Frick mentres levaba unha pistola oculta; disparou tres veces sobre Frick e apuñalouno na perna. Un grupo de traballadores, lonxe de unirse ao seu intento, golpeou a Berkman até deixalo inconsciente, e levárono á policía.[53][54][55] Berkman foi condenado por intento de asasinato e sentenciado a 22 anos de prisión.[56] A súa longa ausencia fixo moi difícil a vida de Goldman[57] pois a policía estaba certa da participación dela no complot e rexistrou o apartamento. Aínda que non atoparon probas, presionaron ao propietario par que a desaloxase.

Por outra banda, o atentado non conseguira esperta-las masas: os traballadores e os anarquistas condenaron por igual a acción de Berkman. Johann Most, o seu antigo mentor, arremeteu contra Berkman e o intento de asasinato. Furiosa por estes ataques, Goldman levou un látego de xoguete a unha conferencia pública e esixiu, no escenario, que Most explicase a súa traizón. El botouna fóra, polo que ela golpeouno co látego, rompeullo no xeonllo e guindoullesos pedazos.[58][59] Máis tarde, arrepentiuse do seu asalto e confesoulle a un amigo: "Con vinte e tres anos, un non razoa".[60]

Incitación á revoltaEditar

O ano seguinte, Estados Unidos sofreu unha das súas perores crises económicas que se coñece como "o pánico de 1893". A finais de ano, a taxa de desemprego era superior ao 20%[61] e as "manifestacións de fame" provocaron, ás veces, disturbios. Goldman comezou a dirixi-los seus discursos ás moitedeumes de homes e mulleres frustrados na cidade de Nova York. O 21 de agosto, nun mitin perante case 3.000 persoas en Union Square, alentou aos traballadores desempregados a tomar medidas inmediatas. Hai diferentes versión sobre as súas palabras exactas: mentres, axentes encubertos insistiron en que alentou aos presentes a "tomar todo ... pola forza"[62] Pero Goldman máis tarde contou esta mensaxe: "Xa que logo, manifestádevos fronte aos palacios dos ricos e demande traballo. Se non vos dan traballo, esixide pan. Se vos negan todo, collede o pan".[63]

Unha semana máis tarde, Goldman foi arrestada en Filadelfia e devolta a Nova York para ser xulgada, acusada de "incitar a disturbios". Durante a viaxe en tren o detective sarxento ofreceulle relira-los cargos na súa contra se ela informaba sobre outros radicais da súa zona, ao que respostou ´guindándolle un cubiño de xeo na cara. Mentres esperaba polo xuízo, recibiu a visita de Nellie Bly, unha reporteira do New York World, quen pasou falando dúas horas con Goldman e escribiu un artigo na súa defensa, alcumándoa como unha "moderna Xoana de Arco".[64]

A pesar desta publicidade positiva, o xurado foi persuadido polo testemuño de Jacobs, polas preguntas do fiscal de distrito asistente a Goldaman sobre o seu anarquismo e o ateísmo, e o xuíz cualificouna de "muller perigosa"[65] e foi sentenciada a un ano na Penitenciaría de Blackwell's Island. Unha vez dentro, ao sofrer un ataque de reumatismo foi enviada á enfermaría onde coñeceu e fíxose amiga dun médico visitante e comezou a estudar medicina. Tamén leu ducias de libros, incluíndo obras de escritores activistas estadounidenses como Ralph Waldo Emerson e Henry David Thoreau, do novelista Nathaniel Hawthorne, do poeta Walt Whitman e do filósofo John Stuart Mill[66]. Cando Goldman foi liberada, despois de dez meses, unha ruidosa multitude de case 3.000 persoas recibiuna no Teatro Thalia na cidade de Nova York. Pronto se viu abrumada polas solicitudes de entrevistas e conferencias.[67]

Para gañar cartos, Goldman decidiu continuar traballando no que estudara en prisión. Con todo, os seus campos de especialización médica preferidos, a obstetricia e masaxes, non estaban dispoñibles para estudantes de enfermaría nos Estados Unidos. Marchou a Europa, dando conferencias en Londres, Glasgow e Edimburgo. Reuniuse con anarquistas de renome como Errico Malatesta , Louise Michel e Piotr Kropotkin . En Viena, recibiu dous diplomas para partería e comezou a empregalos, imediatamente, nos Estados Unidos.

Alternando entre conferencias e partería, Goldman realizou a primeira xira a través do país espallando o anarquismo. En novembro de 1899 regresou a Europa para falar, onde coñeceu ao anarquista checo Hippolyte Havel en Londres. Fóronse xuntos a Francia e axudaron a organizar o Congreso Anarquista Internacional de 1900 nos arredores de París.[68] Despois, Havel emigrou aos Estados Unidos, viaxando con ela a Chicago onde compartiron a residencia alí con amigos de Goldman.

O asasinato de McKinleyEditar

O 6 de setembro de 1901, Leon Czolgosz, un obreiro parado, rexistrado como republicano, e cun historial de enfermidade mental, disparou dous tiros en presidente estadounidense William McKinley durante unha conferencia pública en Buffalo (Nova York). McKinley foi ferido no esterno e o estómago ; morreu oito días despois.[69] Czolgosz foi detido e interrogado durante 24 horas. Durante o interrogatorio, dixo que era un anarquista e que se inspirou para facer o que fixera despois de asistir a unha conferencia de Goldman. As autoridades utilizaron este pretexto para acusala de planear a acción. Seguírona até a residencia en Chicago que compartía con Havel e a parella de anarquistas Mary e Abe Isaak.[70][71] Goldman foi detida, xunto con Abe Isaak, Havel, e outro dez anarquistas.[72]

Anteriormente, Czolgosz tentara sen éxito facer amizade con Goldman e os seus compañeiros. Durante unha charla en Cleveland (Ohio) , Czolgosz achegouse a Goldman e pediulle consello sobre que libros debía ler. En xullo de 1901, aparecera na casa de Isaak, e fixera unha serie de preguntas inusuais. Supuxeron que era un infiltrado, como outros axentes que a policía enviara para espiar aos grupos radicais. Eles mantivéronse distantes con el, e Abe Isaak enviou un aviso de advertencia aos seus amigos sobre "outro espía".[73] Aínda que Czolgosz negara repetidamente que Goldman estivese involucrada, a policía mantívoa baixo custodia, someténdoa ao que ela chamou o "terceiro grao".[74] Explicou a súa desconfianza cara a el, e quedou claro que non mantivera ningún contacto significativo con Czolgosz. Despois de dúas semanas de detención, e non podéndose atopar ningunha proba que unise Goldman co ataque, foi finalmente liberada. Antes da morte do presidente McKinley, Goldman ofreceuse a proporcionarlle coidados de enfermaría, referíndose a el como "simplemente un ser humano".[75] Czolgosz, pese ás considerables evidencias de enfermidade mental, foi declarado culpable de asasinato e executado.[76]

Mentres era retida e trala súa liberación, Goldman rexeitou rotundamente condenar a acción de Czolgosz, e quedou virtualmente soa nesta postura. Amigos e partidarios -tamén Berkman - pedíronlle que abandonase esta causa. Pero Goldman defendía a Czolgosz como "un ser supersensible" e rifou con outros anarquistas para abandonalo.[77] A prensa chamouna "a sacerdotisa do anarquismo",[78] mentres moitos xornais declaraban o movemento anarquista responsable do asasinato[79] e o sucesor de McKinley, Theodore Roosevelt , anunciou a súa intención de terminar "non só cos anarquistas, senón con todos os simpatizantes do anarquismo, activos e pasivos".[80] Por mor deste suceso, o socialismo comezou a ter máis apoios có anarquismo entre os radicais estadounidenses.

Mother Earth e a liberación de BerkmanEditar

Despois de que Czolgosz foi executado, Goldman retirouse do mundo. Desprezada polos seus compañeiros anarquistas, vilipendiada pola prensa e separada do seu amor, Berkman, retirouse no anonimato e na enfermaría. "Foi amarga e difícil afrontar a vida de novo", escribiu máis tarde.[81] Usando o nome E. G. Smith, abandonou a vida pública e atendeu unha serie de traballos privados de enfermaría.[82] Non obstante, cando o Congreso dos Estados Unidos aprobou a Lei de exclusión anarquista (1903), unha nova onda de activismo aumentou para opoñerse a ela e Goldman foi atraída polo movemento. Unha coalición de persoas e organizacións de extrema esquerda do espectro político opúxose á lei porque consideraba que violaba a liberdade de expresión e volveu a oír a nación. Despois de que un anarquista inglés chamado John Turner foi arrestado por mor da Lei de exclusión anarquista, e ameazado coa deportación, Goldman uniu as forzas á Free Speech League (en galego, Liga a prol da Liberdade de Expresión) para apoia-la súa causa. [83] A liga contou coa axuda de notables avogados como Clarence Darrow e Edgar Lee Masters, que levaron o caso de Turner ao Tribunal Supremo estadounidense. Aínda que Turner e a Liga perderon, Goldman considerouno unha vitoria da propaganda.[84] Regresara ao activismo anarquista, pero isto estaba a afectala. "Nunca me sentín tan abrumada", escribiulle a Berkman. "Témome que estou condenada para sempre a seguir sendo propiedade pública e que a miña vida se desgaste polo coidado da vida dos demais". [85]

En 1906, Goldman decidiu comezar unha publicación, "un lugar de expresión para os mozos idealistas en artes e letras".[86] A revista Mother Earth estaba integrada por un cadro de activistas radicais, incluído Hippolyte Havel, Max Baginski e Leonard Abbott. Ademais de publicar obras orixinais dos seus editores e anarquistas de todo o mundo, Mother Earth reimprimiu as seleccións dunha variedade grande de escritores. Entre eles estaban o filósofo francés Pierre-Joseph Proudhon, o anarquista ruso Piotr Kropotkin, o filósofo alemán Friedrich Nietzsche e a escritora británica Mary Wollstonecraft. Goldman escribiu con frecuencia sobre o anarquismo, a política, os problemas laborais, o ateísmo, a sexualidade e o feminismo, e foi a primeira editora da revista.[87][88] O 18 de maio do mesmo ano, Alexander Berkman foi liberado de prisión. Cun ramo de rosas, Goldman atopouse con el na plataforma do tren e atopouse "atrapada polo terror e a pena"[89] mentres contemplaba a súa forma pálida e demacrada. Ningún dos dous puido falar; volveron á súa casa en silencio. Durante semanas, luchou para reaxustarse a vida no exterior. Unha xira de conferencias rematou en fracaso, e en Cleveland comprou un revólver coa intención de se suicidar.[90][91] Porén, cando regresou a Nova York, enterouse que Goldman fora arrestada cun grupo de activistas reunidos para reflexionar sobre Czolgosz. Alentado, de novo, por esta violación da liberdade de reunión, declarou: "Chegou a miña resurrección!"[92] e dispúxose a consegui-la súa liberación.[93]

Berkman tomou o temón de Mother Earth en 1907, mentres Goldman estaba a percorre-lo país para recadar fondos para mantela operativa. A edición da revista foi unha experiencia revitalizante para Berkman. Pero a súa relación con Goldman enfriouse e tivo unha aventura cunha anarquista de 15 anos chamada Becky Edelsohn. A Goldman doeulle o seu rexeitamentoa, pero considerouno unha consecuencia da experiencia na prisión.[94] Máis tarde, nese mesmo ano, participou como delegada dos Estados Unidos no Congreso Anarquista Internacional de Amsterdam. Anarquistas e sindicalistas todo o mundo reuníranse para resolver a tensión entre as dúas ideoloxías, pero non se chegou a un acordo decisivo. Goldman regresou aos Estados Unidos e continuou a falar diante de grandes audiencias.[95]

Principais obrasEditar

NotasEditar

  1. A orde dos nacementos non está clara. Wexler (1984, p. 7) indica que aínda que Emma Goldman refírese a si mesma como o cuarto fillo da súa nai, o seu irmán Louis (que morreu con 6 anos), probablemente, naceu despois dela.
  1. Chalberg (1991), p. 12
  2. 2,0 2,1 "Emma Goldman Collection". University of Illinois at Chicago. (Arquivado o 11 de setembro de 2013,en Wayback Machine). Consultado o 9-11-2019. 
  3. Wexler (1984), p. 210
  4. Goldman (1970), p. 377
  5. Wexler (1989), pp. 56-58
  6. Wexler (1984), p. 232
  7. Streitmatter (2001), pp. 122-134
  8. Goldman (1910), p. 120
  9. Goldman, E. (abril de 1913). "The Failure of Christianity". Mother Earth
  10. Rabban (1997)
  11. Goldman (1910), p. 54
  12. Wexler (1984), p. 94
  13. Marshall (1992), pp. 408–409
  14. Goldman (1970) , p. 24
  15. 15,0 15,1 Goldman (1970). p.447
  16. Drinnon (1961), p. 5
  17. Chalberg (1991), p. 13
  18. Drinnon (1961), p. 12
  19. Goldman (1970), p. 447
  20. Goldman (1970), p.11
  21. Wexler (1984), p.12
  22. Wexler (1984), pp. 13-14
  23. Goldman (1970), p. 20
  24. Goldman (1970), p. 28
  25. Drinnon (1961), pp. 6-7
  26. Chalberg (1991), p. 15
  27. Goldman (1970), p.12
  28. Wexler (1984), pp. 23-26
  29. Chalberg (1991), p. 16
  30. Goldman (1970), p. 22
  31. Chalberg (1991), p. 16
  32. Falk (1990), p. 14
  33. 33,0 33,1 Goldman (1970), p. 23
  34. Wexler (1984), p. 27
  35. Wexler (1984), pp. 30–31
  36. Falk (1990), pp. 15-16
  37. Drinnon (1961), pp. 15-17
  38. Chalberg (1991), p. 27
  39. Chalberg (1991), pp. 27–28
  40. Goldman (1970), p. 40
  41. Goldman (1931), p. 51
  42. Goldman (1970), p. 52
  43. Goldman (1970), p. 54
  44. Wexler (1984), p. 53
  45. Wexler (1984), p. 57
  46. Wexler (1984), pp. 57-58
  47. "Henry Clay Frick (1849-1919)". pbs.org (en inglés). Consultado o 12-11-2019. 
  48. 48,0 48,1 Wexler (1984), pp. 61-62
  49. Wexler (1984), pp. 63–65
  50. Goldman (1970), p. 91
  51. Goldman (1970), p. 91
  52. Drinnon (1961), p. 45
  53. Chalberg (1991), pp. 42-43
  54. Falk (1990), p. 25
  55. Wexler (1984), p. 65
  56. Goldman (1970), p. 106
  57. Wexler (1984), p. 65
  58. Wexler (1984), pp. 65-66
  59. Goldman (1970), p. 105
  60. Wexler (1984), p. 66
  61. "Panic of 1893". Ohio History Central (en inglés). Consultado o 14-11-2019. 
  62. Chalberg (1991), p. 46
  63. Goldman (1970), p. 123
  64. Bly, Nellie (17-9-1893). Universidade de Berkeley, ed. "Interview in the New York World, September 17, 1893". The Emma Goldman Papers (en inglés). (Arquivado en Web Archive 15-4-2015). Consultado o 14-11-2019. 
  65. Drinnon (1961), p. 60
  66. Wexler (1984), p. 78
  67. Wexler (1984), pp. 78-79
  68. Wexler (1984), pp. 84-89
  69. Chalberg (1991), pp. 65–66
  70. Drinnon (1961), p. 68
  71. Chalberg (1991), p. 73
  72. Wexler (1984), p. 104
  73. Drinnon (1961), p. 74
  74. Goldman (1970), p. 300
  75. Chalberg (1991), p. 76
  76. Drinnon (1961), p. 74
  77. Chalberg (1991), pág. 78
  78. Falk (2003), p. 461
  79. Wexler (1984), pp. 106-112
  80. Chalberg (1991), p. 81
  81. Goldman (1970), p. 318
  82. Wexler (1984), p. 115
  83. Falk, Making Speech Free , pág. 557
  84. Chalberg, pp. 84-87
  85. Chalberg (1991), p. 87
  86. Goldman (1970), p. 377
  87. Chalberg (1991), pp. 88-91
  88. Wexler (1984), pp. 121–130
  89. Goldman (1970), p. 384
  90. Chalberg (1991), p. 94
  91. Drinnon, Rebel , págs. 97–98
  92. Citado en Goldman (1970), p. 391
  93. Drinnon, rebelde , p. 98
  94. Chalberg (1991), pág. 97
  95. Wexler (1984), pp. 135-137

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Chalberg, John (1991). Emma Goldman: American Individualist (en inglés). Nova York: HarperCollins Publishers Inc. ISBN 0-673-52102-8. 
  • Drinnon, Richard (1961). Rebel in Paradise: A Biography of Emma Goldman (en inglés). Chicago: University of Chicago Press. OCLC 266217. 
  • Falk, Candace Serena (1990). Love, Anarchy, and Emma Goldman (en inglés). New Brunswick: Rutgers University Press. ISBN 0-8135-1512-2. 
  • Falk, Candace; et al. (2003). Emma Goldman: A Documentary History Of The American Years. Volume 1 – Made for America, 1890–1901 (en inglés). Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-08670-8. 
  • Falk, Candace; et al. (2004). Emma Goldman: A Documentary History Of The American Years, Volume 2 – Making Speech Free, 1902–1909 (en inglés). Berkeley: University of California Press. ISBN 0-520-22569-4. 
  • Goldman, Emma (1970). Living My Life (en inglés). Edición orixinal, 1931. Nova York: Dover Publications Inc. ISBN 0-486-22543-7. 
  • Marshall, Peter (1992). Demanding the Impossible: A History of Anarchism (en inglés). Nova York: HarperCollins. ISBN 0-00-217855-9. 
  • Rabban, David M. (1997). Free Speech In Its Forgotten Years. Colección: Cambridge Historical Studies in American Law and Society Cambridge (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0521620130. 
  • Streitmatter, Rodger (2001). Voices of Revolution: The Dissident Press in America (en inglés). Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-12249-7. 
  • Wexler, Alice (1984). Emma Goldman: An Intimate Life (en inglés). [Reeditado como Emma Goldman in America (1984). Boston: Beacon Press. ISBN 0-8070-7003-3]. Nova York: Pantheon Books. ISBN 0-394-52975-8. 
  • Wexler, Alice (1989). Emma Goldman in Exile: From the Russian Revolution to the Spanish Civil War (en inglés). Boston: Beacon Press. ISBN 0-8070-7004-1. 

Ligazóns externasEditar