Lobeto (en inglés Wolverine)


Figura de cera de Lobeto.

Editorial Marvel Comics
Primeira aparición The Incredible Hulk #180-181 (outubro-novembro de 1974)
Creado por John Romita, Sr. e Len Wein
Datos vitais
Nome real James Howlett
Nacionalidade
Afiliacións X-Men, The New Avengers, X-Treme Sanctions Executive, Mega Morphs
Compañeiros
Outros alias Logan, Death (Morte), Patch (Parche), Weapon X (Arma X), Mutated 9601 (Mutado 9601).
Parentes Elizabeth Howlett (nai, falecida), John Howlett (suposto pai adoptivo, falecido), Thomas Logan (suposto pai biolóxico, falecido), Dog Logan (suposto medio irmán), Amiko (filla adoptiva), X-23 (clon), Viper (ex-esposa), Mariko Yashida (prometida, falecida), Daken (fillo).
Poderes Factor curativo acelerado, sentidos hiperdesenvolvidos, garras e esqueleto cuberto de Adamantium.

Lobeto[1] (en inglés, Wolverine) é un superheroe de banda deseñada membro dos X-Men. Recibe o seu nome do glutón (Gulo gulo), un mustélido moi agresivo que habita nas taigas e tundras euroasiáticas e norteamericanas. Creado por John Romita, Sr. e Len Wein para Marvel Comics, apareceu por primeira vez en The Incredible Hulk #180 (só na última viñeta) e en The Incredible Hulk #181 (en profundidade) (ambos de 1974). Posibelmente é o segundo personaxe máis popular de Marvel despois de Spider-Man.

Características editar

Mutante, Lobeto cura rapidamente, posúe sentidos e reflexos semellantes ós dos animais e tres garras retráctiles duns 30 cm en cada brazo. Todo o seu esqueleto está cuberto por unha aliaxe virtualmente irrompíbel chamada adamantium.

A súa fereza natural axudou a forxar o estereotipo do antiheroe do cómic. A súa predisposición a empregar a forza mortal, os seus esforzos por reconciliarse co seu cuestionábel pasado e os seus angustiosos conflitos internos convertéronse nun estándar para os antiheroes. É un mestre da loita que non dubida en empregar técnicas mortais en ningún momento.

Lobeto foi creado por Len Wein e John Romita Sr., con algunhas influencias de Herb Trimpe. A súa personalidade foi amplamente desenvolvida polo célebre dúo creativo formado por Chris Claremont e John Byrne, popularmente coñecidos polo seu traballo nos X-Men. Frank Miller, coñecido principalmente pola súa revitalización de Daredevil e pola redefinición de Batman, merece tamén crédito por estabelecer importantes matices na serie limitada que coguionizou xunto a Claremont na que Lobeto pasou de ser un asasino psicópata sen escrúpulos a ser un home atormentado que errou no seu intento de converterse nun bo samurai ademais de estabelecer a famosa frase "I'm the best there is at what I do, but what I do best isn't very nice" (Son o mellor no que fago, pero o que fago mellor non é moi agradábel).

Logan uniuse ós X-Men en 1975, na chamada Segunda Xénese (Giant Size X-Men #1), e obtivo a súa propia serie (que se continúa publicando hoxe en día) en 1988. Foi un personaxe principal nas series animadas e filmes adicados ós X-Men.

Actualmente, Lobeto é un protagonista activo nas tres principais series mutantes (Uncanny X-Men, X-Men e Astonishing X-Men). En 2005 pasou a formar parte dos Novos Vingadores.

Evolución das súas publicacións editar

Lobeto apareceu por primeira vez na última viñeta (oculto nas tebras) de The Incredible Hulk #180 (outubro de 1974), un episodio guionizado por Len Wein e debuxado por Herb Trimpe. A súa presentación completa produciuse no seguinte episodio, o #181 (novembro de 1974), no que levaba un disfrace deseñado por John Romita, Sr.: spandex amarelo e azul, bigotes felinos nunha máscara que lle cubría case toda a cara e ostentando garras de metal duns 30 cm. A súa presentación produciu unha impresión ambigua, revelando simplemente que era un axente do goberno canadense con poderes superhumanos. As características básicas do personaxe aínda non estaban estabelecidas.

A súa seguinte aparición foi no Giant-Size X-Men #1 (marzo de 1975), no que se uniu ós X-Men. Guionizado por Wein e debuxado por Dave Cockrum (que alterou a máscara eliminando os bigotes), o episodio intentaba revitalizar unha colección (The X-Men) da que só se publicaban reedicións dende o número #67 (outubro de 1970). Conseguiu o seu obxectivo e a serie comezou a publicar historias do novo grupo dende o número #94 (agosto de 1975), debuxado por Cockrum e guionizado por Chris Claremont. Lobeto viuse inicialmente eclipsado polos demais personaxes (os lectores odiábano porque era un psicópata), e Claremont incluso considerou desfacerse del.

A substitución de Cockrum por John Byrne levou a unha maior importancia de Lobeto dentro da serie. Sendo el mesmo canadense, Byrne non estaba de acordo coa idea de desfacerse do "vello canadense". Unha das súas ideas foi crear Alpha Flight, un grupo de superheroes canadenses, que intentaron capturar a Logan debido á gran suma que o goberno canadense investiu en adestralo. O lóbrego pasado de Lobeto foi gradualmente estabelecido. Logan viuse enfrontado en numerosas ocasións a Ciclope polo interese de ambos en Jean Grey (moza de Ciclope). Byrne deseñou un novo traxe marrón e amarelo tostado para Lobeto, mantendo a distintiva máscara deseñada por Cockrum. O novo aspecto funcionou e os lectores comezaron a interesarse polo personaxe.

Tras a partida de Byrne, Claremont púxose novamente ó cargo do guión da serie, que agora se chamaba Uncanny X-Men (Os Sobrenaturais Homes-X). Neste punto Logan estábase convertendo nun personaxe moi popular e por iso entre setembro e decembro de 1982 apareceu, da man de Claremont e Frank Miller, a súa propia mini-serie de 4 números (coñecida coma Wolverine Vol 1 para diferenciala da serie regular que apareceu anos despois). A mini-serie tivo como punto de partida as páxinas de Uncanny X-Men: Os X-Men viaxaron ó Xapón e atoparon a cidade de Toquio completamente baleira. Lobeto colleu un xornal local e informou ós demais de que evacuaran a tódolos cidadáns debido a un terremoto. Ciclope díxolle que non sabía que falase xaponés e Logan respondeulle "Nunca o preguntaches". Claremont e Miller empregaron este pequeno gag coma escusa para transformaren a Logan nun samurai que fracasara no seu intento de seguir o camiño do guerreiro, convertendo a Logan, a partir de entón e ata os nosos días, nun loitador cun férreo sentido do honor.

Anos despois (entre novembro de 1984 e abril de 1985) Lobeto apareceu noutra mini-serie (de 6 números esta vez) guionizada por Claremont e debuxada por Al Milgrom chamada Kitty Pryde and Wolverine, na que o mestre de Logan, Ogun, secuestraba á nova Kitty, coñecida coma Shadowcat (Gatasombra), para adestrala e convertela nunha asasina.

Lobeto conseguiu finalmente a súa propia serie regular (Wolverine Vol 2) en novembro de 1988, novamente con guións de Claremont acompañado polos lapis de John Buscema. A serie durou ata o número #189 (abril de 2003), momento no que Joe Quesada (editor xefe de Marvel dende o ano 2000) decidiu que as series longas (excepto as clásicas Uncanny X-Men, Fantastic Four e The Avengers) debían comezar nun novo número #1 para atraeren novo público. Así en maio de 2003 publicouse o #1 de Wolverine Vol 3 do que actualmente xa se levan publicados uns 40 números.

Ademais de aparecer na súa propia serie e, puntualmente, en multitude de series do Universo Marvel, Lobeto protagonizou numerosas historias. As máis destacadas serían:

En xaneiro de 2006 anunciouse a próxima publicación dunha segunda serie dedicada a Lobeto, Wolverine: Origins.

Biografía editar

Xuventude editar

A infancia e xuventude de Lobeto foron reveladas gradualmente co paso do tempo. A historia da infancia de Logan foi narrada na serie limitada Wolverine: Origin: Naceu como James Howlett no século XIX en Alberta, no seo dunha rica familia canadense e froito do matrimonio de John e Elizabeth Howlett. Foi un neno enfermizo, polo que o seu pai contratou unha rapaza chamada Rose para que o coidase. Ambos os dous compartían xogos con Dog Logan, que máis tarde se convertería no inimigo de James.

Semella que o primeiro fillo de Elizabeth naceu coas mesmas garras que James, pero morreu nun accidente non especificado anterior ó comezo da historia. Esta experiencia traumática fixo que Elizabeth tolease e fose ingresada nun manicomio durante un tempo. Revelouse que tivo unha aventura co xardineiro da leira dos Howlett, Thomas Logan, un home que semellaba exactamente idéntico ó adulto Lobeto. Anos despois, Elizabeth deu a luz a James.

O fillo de Thomas Logan, Dog, atacaría a Rose, levando a que John Howlett reprendese a Thomas Logan. Despois de que Dog asasinase o can de James, Callie, Thomas foi despedido, pero xunto ó seu fillo coouse na leira dos Howlett para raptar a súa amada, Elizabeth. Thomas Logan matou a John Howlett. Os poderes mutantes de James, en particular as súas garras, xurdiron cando descubriu o asasino onda o cadáver do seu pai. Cos seus novos poderes, James matou a Thomas Logan e feriu a Dog. Tras perder o seu marido e o seu amante e descubrir que o seu segundo fillo tamén era un mutante, Elizabeth suicidouse.

O avó de James culpouno polo acontecido e enviou a James e a Rose ó exilio. Chegaron ata unha colonia mineira na Columbia Británica, onde James medrou ata converterse nun forte e feroz traballador. Alí adoptou o nome de Logan (cando chegaron, Rose deu ese nome para tentar agochar a verdadeira identidade de James) e déronlle o sobrenome de Wolverine (debido á súa ferocidade).

Tres anos despois, Dog, agora enormemente semellante ó adversario de Lobeto, Dentes de Sabre, atopouno. Obrigado a recordar a súa angustiosa mocidade, Logan loitou salvaxemente con Dog. Logan levaba vantaxe, pero cando Rose tentou evitar que matase a Dog, foi empalada polas garras de Logan. Esnaquizado pola dor da morte do seu verdadeiro amor, Logan fuxiu cara ós bosques canda unha manda de lobos.

Primeiras aparicións editar

Inicialmente, Lobeto foi presentado coma un superheroe e un axente do goberno canadense que loitaba contra Hulk e Wendigo para deter a destrución que estaban a causar ó enfrontárense entre eles. Coa súa velocidade e axilidade demostrou ser un rival digno de ambos os dous superhumanos e foi quen de loitar coas dúas criaturas.

O Profesor X ofreceulle unirse ós seus novos X-Men, así que dimitiu do seu posto no Canadá, desatendendo as obxeccións dos seus superiores. Durante o seguinte ano, revelouse que Logan era un mutante que pasara por unha operación na que cubriron de adamantium todo o seu esqueleto. Misántropo e solitario, enfrontouse a miúdo ó líder dos X-Men, Ciclope. Con tendencia a sufrir ataques de rabia entolecida en combate, aprendeu de paseniño a controlar os seus instintos ferais. A pesar do seu temperamento, é a miúdo descrito coma un poeta guerreiro cunha vontade de ferro.

Varios escritores imaxinaron e revisaron o seu misterioso pasado. Revelouse que canda Nick Furia, o Capitán América e a Viúva Negra loitou contra os nazis en Madripoor durante a segunda guerra mundial e tras iso alistouse no exército canadense e participou no Día-D e na liberación dos Países Baixos. É posíbel que tamén actuase como espía para os aliados e que fose capturado e feito prisioneiro no campo de concentración de Sobibor. Durante a década dos 60, formou parte do Team-X, un equipo encuberto do goberno, xunto a Dentes de Sabre, Maverick, Kestrel, Mastodonte e Silver Fox. A tódolos membros do equipo lles foron implantados falsos recordos para garantir a súa fidelidade, e creouse o Proxecto Shiva para evitar que abandonasen o equipo. Logan tiña fortes lembranzas verbo do seu amor por Silver Fox e a súa vida con ela nunha cabana das montañas canadenses antes de seren recrutados polo Team-X, pero as dúbidas sobre se eses recordos eran reais ou non atormentaríano durante moito tempo. Aperentemente o Team-X foi disolto tras unha chapuceira misión relacionada con Omega Red.

O que se sabe seguro sobre o seu pasado é que foi capturado para formar parte dun proxecto chamado Weapon X (Arma X), e que foi neste proxecto onde o dotaron do seu esqueleto de adamantium. Tras fuxir de Arma X foi atopado nas montañas canadenses por James e Heather Hudson, cos cales tiña previsto unirse ó recentemente creado grupo de superheroes canadenses Alpha Flight. Logan debía converterse no líder deste grupo, pero a súa marcha ós X-Men fixo que James Hudson adoptase a identidade de Vindicador (máis tarde Gardián) e liderase o grupo. En varias ocasións Lobeto viuse atacado polos seus amigos de Alpha Flight que tiñan ordes de levalo de volta ó Canadá. Tras varios intentos de captura o goberno canadense desistiu no seu empeño e Lobeto retomou a súa amizade cos membros de Alpha Flight, a pesar de continuar sendo membro dos X-Men.

Notas editar

  1. Nome empregado na serie de animación "X-Men Evolution e Superheroes en acción" emitidas pola TVG.