Lago Tanganica

(Redirección desde «Lago Tanganyka»)

O lago Tanganica (do seu nome en suahili: Tanganyika) é un dos Grandes Lagos Africanos localizado na zona centro-oriental do continente africano. É o segundo maior lago de África, despois do lago Vitoria, e forma parte de Burundi, República Democrática do Congo, Tanzania e Zambia.

Lago Tanganica
Lago Tanganica
O lago Tanganica desde o espazo, xuño de 1985
Lago Tanganica en Tanzania
Lago Tanganica
Lago Tanganica
Xeolocalización do Tanganica en Tanzania
PaísBurundi Burundi
República Democrática do Congo R.D. do Congo
Tanzania Tanzania
Zambia Zambia
RexiónGran Val do Rift
Superficie32 900 km²
Capacidade18 900 000 hm³
Lonxitude673 km
Ancho72 km
Conca fluvialRío Congo
Cota773[1] msnm
Profundidade1.470 m
Prof. media570 m
TipoLago val tipo rift
AfluentesRíos Malagarasi (475 km), Ruzizi (117 km), Kalambo (50 km), Ifume, Lufubu e Lunangwa
DesauguesRío Lukuga (350 km)
(Lukuga → LuabalaCongo)
CidadesKigoma (TAN), Kalemie (COD) e Bujumbura (BDI)
Lago Tanganica (The University of Texas at Austin - Perry-Castañeda Library Map Collection).

Atópase no brazo occidental do Gran Val do Rift, a unha altitude de 773 m e esténdese por 673 km nunha dirección aproximadamente norte-sur (é o lago máis longo do mundo), cunha largura media de 50 km e ten unha profundidade máxima de 1470 metros (entre os 3° 20' e os 8° 48' S e os 29° 5' e os 31° 15' E). Estímase que este lago é o segundo máis antigo e o segundo máis profundo do mundo, despois do lago Baikal na Siberia[2]. Cobre unha área de 32 900 km² e ten unha liña de costa de 1 828 km e unha profundidade media de 570 m; o seu volume estímase en cerca de 19 000 km³[3].

Existen catro áreas protexidas nas súas marxes: a Reserva da Natureza de Rusizi, no Burundi (un sitio Ramsar), o Parque Nacional de Gombe Stream (onde se encontran os chimpancés de Jane Goodall), o Parque Nacional das Montañas Mahale, na Tanzania e o Parque Nacional de Nsumbu, na Zambia.

Ademais de ser un excelente medio de comunicación entre os países e poboacións ribeirías, o lago Tanganica é rico en peixes, sendo unha importante fonte de proteínas para os pobos da rexión. Estímase que cerca de 45 mil persoas traballan directamente nas pescarías, operando en case 800 centros de pesca; no entanto, pénsase que máis dun millón de persoas dependen desta actividade.

O lago foi descuberto polos europeos en 1858, cando os exploradores Richard Francis Burton e John Speke o acadaron mentres buscaban a fonte do río Nilo. Speke continuou as súas investigacións cara ó norte e realmente encontrou unha das súas fontes, o lago Vitoria.

Etimoloxía editar

"Tanganika" era o nome do lago que Henry Morton Stanley atopou cando estaba en Ujiji en 1876; escribiu que a xente do lugar non estaba segura do seu significado e el mesmo conxecturou que significaba algo como "o gran lago que se estende como unha chaira".[4] Tamén atopou outros nomes para o lago dado por etnias diferentes, como Kimana, Iemba e Msaga.

Xeografía e historia xeolóxica editar

O lago Tanganica está situado dentro do Rift Albertino, a rama occidental do Rift Africano Oriental, e está confinado polas paredes montañosas do val. É o lago de rift máis grande de África e o segundo lago do mundo por volume. É o lago máis profundo de África e ten o maior volume de auga doce, representando o 16 % da auga doce dispoñible no mundo. Esténdese 676 km en dirección xeral norte-sur e ten unha largura media de 50 km. O lago cobre unha superficie de 32 900 km2, cun litoral de 1828 km, unha profundidade media de 570 m e unha profundidade máxima de 1471 m (na cunca norte). Ten un volume aproximado de 18 900 km3.[5]

A área de captación do lago é de 231 000 km2. Dous ríos principais desembocan no lago, así como outros ríos e regatos máis pequenos (cunhas lonxitudes limitadas polas escarpadas montañas arredor do lago). O principal fluxo de saída é o río Lukuga, que desemboca na cunca do río Congo. As precipitacións e a evaporación teñen un papel maior que os ríos. Polo menos o 90 % da afluencia de auga provén da choiva que cae sobre a superficie do lago e polo menos o 90 % da perda de auga é por evaporación directa.[6]

O principal río que desemboca no lago é o río Ruzizi, formado hai uns 10 000 anos, que entra ao norte do lago desde o Kivu.[7] O río Malagarasi, que é o segundo río máis grande de Tanzania, entra no lado leste do lago Tanganica.[7] O Malagarasi é máis antigo que o lago Tanganica e, antes de que se formase, probablemente era unha cabeceira do río Lualaba, principal corrente do río Congo.[6]

O lago ten unha historia complexa de patróns de fluxo cambiantes, debido á súa elevada altitude, gran profundidade, ritmo lento de recarga e situación montañosa nunha zona volcánica turbulenta que sufriu cambios climáticos. No pasado apenas tiña saída ao mar e por ese motivo foi descrito como "practicamente endorreico". A conexión do lago co mar depende dun alto nivel de auga que permite que a auga desborde do lago a través do río Lukuga cara ao Congo.[7] Cando non se desborda, a saída do lago ao río Lukuga normalmente está bloqueada por barras de area e masas de maleza e, no seu lugar, este río depende dos seus propios afluentes, especialmente o río Niemba, para manter o caudal.[6]

Debido á situación tropical do lago, ten unha alta taxa de evaporación. Así, depende dunha entrada elevada a través do Ruzizi fóra do lago Kivu para manter o lago o suficientemente alto como para desbordar. Esta saída aparentemente non ten máis de 12 000 anos de antigüidade, e resultou dos fluxos de lava que bloqueaban e desviaban a saída anterior da cunca do Kivu cara ao lago Eduardo e despois ao sistema do Nilo, e por outra banda desviaban cara ao lago Tanganica. Os sinais das costas antigas indican que ás veces o Tanganica puido ser ata 300 m máis baixo que o nivel actual da súa superficie, sen saída ao mar. Mesmo a súa saída actual é intermitente, polo que é posible que non estivese operativa cando foi visitada polos exploradores occidentais por primeira vez en 1858.

O lago tamén pode ter ás veces entradas e saídas diferentes; propúxose que existiron nalgún momento da historia do lago fluxos interiores desde o máis alto lago Rukwa, o acceso ao lago Malawi e unha ruta de saída ao Nilo.[8]

O lago Tanganica é un lago antigo. As súas tres concas, que en períodos con niveis de auga moito máis baixos eran lagos separados, son de diferentes idades. O central comezou a formarse hai 9-12 millóns de anos , o norte hai 7-8 millóns e o sur 2-4 millóns.[9]

Entre as illas do lago Tanganica, as máis importantes son Kavala, Mamba-Kayenda, Milima e Kibishie na República Democrática do Congo e Mutondwe e Kumbula en Zambia.

Hidroloxía editar

O lago é coñecido pola excepcional claridade das súas augas, o que permite a visibilidade até 25 metros de profundidade. A auga do lago Tanganica é de gran riqueza minela, e os seus parámetros son moi específicos. A auga do lago é alcalina, cun pH de 9,5 na superficie e de 8,6 a -1300 metros.[10] A condutividade segue un patrón similar, movéndose entre arredor de 670 μS/cm na superficie e os 690 μS/cm nas áreas máis fondas.[10]

As temperaturas superficiais adoitan roldar os 24 °C na parte sur a principios de agosto ata os 28-29 °C a finais da tempada de choivas en marzo-abril.[11] A máis de 400 m de profundidade a temperatura é moi estable, de 23.1-23.4 °C.[12] A auga foi quéntandose dende o século XIX e isto viuse acelerado por mor do quecemento global dende a década de 1950.[13]

O TAC é 12-19, de escaso valor en termos de proporcións de sales. Así, os principais sales (os valores son en miligramos por litro) son:[14]

  • Carbonato de sodio. Na2CO3 = 125
  • Cloruro de potasio. KCl = 59
  • Nitrato de potasio. KNO3 = 0,5
  • Carbonato de litio. Li2CO3 = 4
  • Carbonato de calcio. CaCO3 = 30
  • Carbonato de magnesio. MgCO3 = 144
  • Sulfato de aluminio. Al2(SO4)318H2O = 5
  • Sulfato de potasio. K2SO4 = 4
  • Sulfato de sodio. Na2SO4 = 1
  • Cloruro férrico. FeCl36H2O = 0,5
  • Fosfato sódico. Na3PO4H2O = 0,4
  • Silicato de sodio. Na2SiO3 = 13/5

Debido á súa enorme profundidade e localización tropical, as augas do lago non sofren a viraxe estacional propia dos lagos das rexións frías e, como consecuencia, as súas augas profundas considéranse "auga fósil" e son anóxicas (sen osíxeno). Por iso, máis alá dos douscentros metros de profundidade a vida é imposible para a meirande parte dos organismos, principalmente por mor da ausencia de osíxeno e a presenza de sulfuro de hidróxeno.

Os ventos predominantes durante o verán austral, que son ventos do sueste, causan a subida á superficie destas augas anóxicas, polo que os peixes e outros organismos non teñen outra opción que fuxir ou morrer.

Bioloxía editar

 
Lamprichthys tanganicanus, único membro do seu xénero
 
Pescadores no lago Tanganica.

No lago encóntranse polo menos 250 especies de cíclidos,[15] 98 % dos cales son endémicos, o que supón unha importante fonte biolóxica para o estudo da especiación na evolución.[16][17] Os cíclidos dos Grandes Lagos Africanos, incluído o Tanganica, representan a maior diversidade de radiación adaptativa nos vertebrados.[18] A maioría dos cíclidos do Tanganica viven ao longo da costa ata unha profundidade de 100 m, mais algunhas especies de augas profundas baixan regularmente ata os 200 m.[19] Atopáronse especies de Trematocara excepcionalmente a máis de 300 m, a máis profundidade que calquera outro cíclido do mundo.[20] Algúns dos cíclidos de augas profundas como o Bathybates, o Gnathochromis, o Hemibates e oXenochromis, foron capturados en lugares virtualmente baleiros de osíxenos, mais descoñécese como poden sobrevivir.[21]

Habitan tamén unhas 80 especies doutros grupos de peixes, 60 % endémicas,[22][15][23][24] a maioría dos cales vive na zona béntica (no fondo); no entanto, a maior parte da biomasa de peixes vive na zona peláxica (augas abertas) e está dominada por seis especies, dúas de sardiñas do Tanganica (Limnothrissa miodon e Stolothrissa tanganicae) e catro do predador Lates, que está relacionada (mais non é a especie) coa perca do Nilo que devastou a ictiofauna indíxena do lago Vitoria. As catro especies de Lates, todas endémicas do Tanganica foron vítimas da sobrepesca e os individuos grandes agora son estraños.[25] Entre os peixes máis estraños do lago están os parasitos facultativos de niñada endémicos "peixe gato cuco", incluídos polo menos Synodontis grandiops[26] e S. multipunctatus.[22][27]

O elevado endemismo encóntrase tamén nos numerosos invertebrados do lago que son coñecidos pola súa converxencia con especies acuáticas, especialmente moluscos, caranguexos, copépodes etc.[28] Coñécense un total de 83 especies de caracois acuáticos (65 endémicas) e 11 especies de bivalvos (8 endémicas).[29] Os crustáceos tamén son enormemente diversos no lago, con máis de 200 especies, a metade endémicas.[15] Non se coñece ben a diversidade doutros grupos de invertebrados no lago Tanganica, mais hai descritas polo menos 20 especies de sambesugas (12 endémicas),[30] 9 esponxas (7 endémicas), 6 briozoos (2 endémicos), 11 platihelmintos (7 endémicos), 20 nematodos (7 endémicos), 28 anélidos (17 endémicos)[15] e a pequena medusa hidrozoa Limnocnida tanganyicae.[31]

O lago Tanganica e as zonas húmidas asociadas albergan crocodilos do Nilo (incluído o famoso Gustave), tartarugas como Pelusios rhodesianus, Pelusios sinuatus e Pelusios subniger (esta última non no propio lago senón nas lagoas adxacentes).[32] Unha subespecie ameazada da cobra Naja annulata e que se alimenta principalmente de peixes, só se atopa no lago Tanganica, onde prefire as costas rochosas.[32][33]

Pesca editar

O lago Tanganica é un importante lugar de pesca que proporciona, segundo a fonte, entre o 25–40 %[34] ou o 60 % da proteína animal da dieta dos pobos da rexión.[13][35]

A pesca comercial no lago comezou a mediados da década de 1950 e tivo un crecemento rápido até finais dos anos 70, cando parece ter atinxido o rendemento máximo sustentábel; en 2016 a captura total acadou preto das 200 000 toneladas,[13] mais téñense verificado grandes flutuacións interanuais (o que é normal en peixes peláxicos). Existen dous proxectos internacionais para a xestión das pescarías do lago Tanganica, un organizado pola FAO e outro pola IUCN e o Banco Mundial, para a xestión da biodiversidade.

Historia editar

Os primeiros occidentais coñecidos que viron o lago foron os exploradores británicos Richard Burton e John Speke, en 1858. Localizárono mentres buscaban a fonte do río Nilo. Speke continuou e atopou a fonte real, o lago Vitoria. Máis tarde David Livingstone pasou polo lago. Anotou o nome "Liemba" pola súa parte sur, unha palabra probablemente da lingua fipa, e en 1927 foi escollido como novo nome para o barco conquistado da primeira guerra mundial Graf von Götzen que aínda está a serivr no lago. [93]

En Ujiji, na ribeira do lago, tivo lugar o encontro entre o xornalista Henry Morton Stanley e o explorador David Livingstone, en que o primeiro saudou o segundo coa frase Dr. Livingstone, I presume ("Doutor Livingstone, supoño").[36]

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2008. Consultado o 30 de xullo de 2014. 
  2. zambiatourism.com (ed.). "Lake Tanganyika". Consultado o 2 de marzo de 2016. 
  3. worldlakes.org (ed.). "Lake Profile - Tanganyika". Consultado o 2 de marzo de 2016. 
  4. "I made many attempts to discover whether the Wajiji knew why the lake was called Tanganika. They all replied they did not know, unless it was because it was large, and canoes 'could make long voyages on it. They did not call small lakes Tanganika, but they called them Kitanga. The lake of Usukuma would be called Tanganika, but the little lakes in Uhha (Musunya) would be called Kitanga. Nika is a word they could not explain the derivation of, but they suggested that it might perhaps come from Nika, , an electric fish which was sometimes caught in the lake.Modelo:Pb"A rational definition of Nika I could not obtain until one day, while translating into their language the English words, given in the comparative table of African languages annexed to these volumes, I came to the word 'plain', for which I obtained nika as being the term in Kijiji. As Africans are accustomed to describe large bodies of water as being like plains, 'it spreads out like a plain', I think that a satisfactory signification of the term has finally been obtained, in 'the plain-like lake'." Stanley, H.M., 1899, Through the Dark Continent, Londres: G. Newnes, Vol. One ISBN 0486256677, Vol. Two ISBN 0486256685
  5. "Datbase Summary: Lake Tanganyika". www.ilec.or.jp. Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 1999. Consultado o 2008-03-14. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Kullander, S.O.; Roberts, T.R. (2011). "Out of Lake Tanganyika: endemic lake fishes inhabit rapids of the Lukuga River". Ichthyol. Explor. Freshwaters 22 (4): 355–376. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Scheffel, Richard L.; Wernet, Susan J., eds. (1980). Natural Wonders of the World. Reader's Digest Association, Inc. pp. 366–367. ISBN 978-0-89577-087-5. 
  8. Lévêqu, Christian (1997). Biodiversity Dynamics and Conservation: The Freshwater Fish of Tropical Africa. Cambridge University Press. p. 110. 
  9. Cohen; Soreghan; Scholz (1993). "Estimating the age of formation of lakes: An example from Lake Tanganyika, East African Rift system". Geosciences 21 (6): 511–514. Bibcode:1993Geo....21..511C. doi:10.1130/0091-7613(1993)021<0511:ETAOFO>2.3.CO;2. 
  10. 10,0 10,1 De, Wever; Muylaert; der Gucht, Van; Pirlot; Cocquyt; Descy; Plisnier; Vyverman (2005). "Bacterial Community Composition in Lake Tanganyika: Vertical and Horizontal Heterogeneity". Appl Environ Microbiol 71 (9): 5029–5037. PMC 1214687. PMID 16151083. doi:10.1128/AEM.71.9.5029-5037.2005. 
  11. Edmond; Stallard; Craigh; Weiss; Coulter (1993). "Nutrient chemistry of the water column of Lake Tanganyika". Limnol. Oceanogr. 38 (4): 725–738. Bibcode:1993LimOc..38..725E. doi:10.4319/lo.1993.38.4.0725. 
  12. O'Reilly, Catherine M.; Alin, Simone R.; Plisnier, Pierre-Denis; Cohen, Andrew S.; Mckee, Brent A. (14 de agosto de 2003). "Climate change decreases aquatic ecosystem productivity of Lake Tanganyika, Africa". Nature 424 (6950): 766–768. Bibcode:2003Natur.424..766O. PMID 12917682. doi:10.1038/nature01833. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Jensen, M.R. (8 de agosto de 2016). "Lake Tanganyika Fisheries Declining From Global Warming". University of Arizona. Consultado o 5 de marzo de 2018. 
  14. Segundo o Dr. Kufferath, membro da misión belga hidrobiolóxica de 1946-47.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 West, K. (prepared by) (2001). Lake Tanganyika: Results and Experiences of the UNDP/GEF Conservation Initiative (RAF/92/G32) in Burundi, D.R. Congo, Tanzania, and Zambia. Lake Tanganyika Biodiversity Project.
  16. Takahashi, T.; Hori, M. (2012). "Genetic and Morphological Evidence Implies Existence of Two Sympatric Species in Cyathopharynx furcifer (Teleostei: Cichlidae) from Lake Tanganyika". International Journal of Evolutionary Biology 2012: 980879. PMC 3363988. PMID 22675655. doi:10.1155/2012/980879. 
  17. Kornfield, Ivy; Smith, Peter A (2000). "African Cichlid Fishes: Model Systems for Evolutionary Biology". Annual Review of Ecology and Systematics 31: 163–196. doi:10.1146/annurev.ecolsys.31.1.163. 
  18. Meyer, Matchiner, Salburger, Britta, Michael, Walter (25 November 2013). "A tribal level phylogeny of Lake Tanganyika cichlid fishes based on a genomic multi-marker approach". Molecular Phylogenetics and Evolution 83: 56–71. PMC 4334724. PMID 25433288. doi:10.1016/j.ympev.2014.10.009. 
  19. Kirchberger; Sefc; Sturmbauer; Koblmuller (2012). "Historia evolutiva dos cíclidos depredadores de augas profundas do lago Tanganica". International Journal of Evolutionary Biology 2012: 716209. PMC 3362839. PMID 22675652. doi:10.1155/2012/716209. 
  20. Loiselle, Paul (1994). The Cichlid Aquarium, p. 304. Tetra Press, Alemaña. ISBN 978-1564651464
  21. Lowe-McConnell, R.H. (1987). Ecological Studies in Tropical Fish Communities. ISBN 0-521-28064-8.
  22. 22,0 22,1 Wright, J.J.; and L.M. Page (2006). Taxonomic revision of Lake Tanganyikan Synodontis (Siluriformes: Mochokidae). Florida Mus. Nat. Hist. Bull. 46(4): 99–154.
  23. Brown; Britz; Bills; Rüber; Day (2011). "Pectoral fin loss in the Mastacembelidae: a new species from Lake Tanganyika". Journal of Zoology 284 (4): 286–293. doi:10.1111/j.1469-7998.2011.00804.x. 
  24. Wright, J.J.; Bailey, R.M. (2012). "Systematic revision of the formerly monotypic genus Tanganikallabes (Siluriformes: Clariidae)" (PDF). Zoological Journal of the Linnean Society 165 (1): 121–142. doi:10.1111/j.1096-3642.2011.00789.x. 
  25. Lindqvist, O.V.; H. Mölsä; K. Solonen; J. Sarvala, editors (1999). From Limnology to Fisheries: Lake Tanganyika and Other Large Lakes. pp. 213–214. Springer. ISBN 978-0792360179
  26. PlanetCatfish: Synodontis grandiops. Consultado o 1 de abril de 2017.
  27. Schliewen, U. (1992). Aquarium Fish. Barron's Educational Series. ISBN 978-0812013504
  28. Cirhuza, D.M.; Plisnier, P.-D. (2016). "Composition and seasonal variations in abundance of Copepod (Crustacea) populations from the northern part of Lake Tanganyika". Aquatic Ecosystem Health & Management 19 (4): 401–410. doi:10.1080/14634988.2016.1251277. 
  29. Seddon, M.; Appleton, C.; Van Damme, D.; Graf, D. (2011). Darwall, W.; Smith, K.; Allen, D.; Holland, R.; Harrison, I.; Brooks, E., eds. Freshwater molluscs of Africa: diversity, distribution, and conservation. The Diversity of Life in African Freshwaters: Under Water, Under Threat. An Analysis of the Status and Distribution of Freshwater Species Throughout Mainland Africa (IUCN). pp. 92–119. ISBN 978-2831713458. 
  30. Segers, H.; and Martens, K; editors (2005). The Diversity of Aquatic Ecosystems. p. 44. Developments in Hydrobiology. Aquatic Biodiversity. ISBN 1-4020-3745-7
  31. Salonen; Högmander; Langenberg; Mölsä; Sarvala; Tarvainen; and Tiirola (2012). Limnocnida tanganyicae medusae (Cnidaria: Hydrozoa): a semiautonomous microcosm in the food web of Lake Tanganyika. Hydrobiologia 690(1): 97–112.
  32. 32,0 32,1 Spawls, Howell, Drewes, and Ashe (2002). A Field Guide to the Reptiles of East Africa. Academic Press, Londres. ISBN 0-12-656470-1.
  33. O'Shea, M. (2003). Zambia & Tanzania. Arquivado 02 de decembro de 2017 en Wayback Machine. Consultado o 4 de abril de 2017.
  34. "Global warming is killing off tropical lake fish – Study of Lake Tanganyika". www.mongabay.com. Consultado o 2008-03-14. 
  35. McGrath, M. (8 de agosto de 2016). "Decline of fishing in Lake Tanganyika 'due to warming'". BBC. Consultado o 5 de marzo 2018. 
  36. gutenberg.org (ed.). "How I Found Livingstone by Henry M. Stanley". Consultado o 2 de marzo de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar