David Livingstone

David Livingstone, nado en Blantyre, South Lanarkshire, (Escocia) o 19 de marzo de 1813 e finado en Chitambo, na actual Zambia o 1 de maio de 1873, foi un explorador, médico e misioneiro escocés, coñecido principalmente polo descubrimento das cataratas Victoria e pola súa actividade antiescravista.

Infotaula de personaDavid Livingstone

Doutor Livingstone
Biografía
Nacemento19 de marzo de 1813
Blantyre, South Lanarkshire, Escocia Escocia
Morte1 de maio de 1873 (60 anos)
Chitambo, Rodesia do Norte
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Malaria Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaAbadía de Westminster Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Reino Unido
Escocia Editar o valor em Wikidata
RelixiónCongregacionalismo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Glasgow
Imperial College School of Medicine (en) Traducir
Charing Cross Hospital Medical School (en) Traducir
Gilbertfield House School (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónexplorador, médico, misioneiro
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMary Livingstone (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosAgnes Livingstone Bruce (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsCharles Livingstone (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesRobert Moffat (explorateur) (en) Traducir (sobriño) Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Livingstone-213 Find a Grave: 1276 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Formación editar

Tras cursa-las carreiras de medicina e teoloxía, Livingstone entrou na Sociedade de Misioneiros de Londres e en 1840 foi enviado a África, á zona de Bechuanalandia (actual Botswana). En 1844 casou con Mary Moffat, quen estivo xunto a el en África algúns anos antes de volver a Inglaterra cos seus fillos.

Primeira viaxe editar

Durante oito anos exerceu a súa actividade misioneira pola rexión, percorrendo o deserto do Kalahari e descubrindo o lago Ngami (1849) e o río Zambeze. No ano 1852 decide atravesar o sur de África de lado a lado; durante a viaxe descubriu as cataratas Victoria (1855) ás que puxo ese nome en honor da raíña Vitoria. Pouco tempo despois volveu a Inglaterra debido a que a sociedade misioneira á que pertencía lle retirou o financiamento. Á súa volta descubriu que a súa familia estaba case na miseria e decidiu publicar un libro narrando a súa viaxe. O libro titulouse Missionary travels ("Viaxes misioneiras") e foi un éxito que o converteu nun heroe e que fixo que a súa familia nunca máis tivese necesidade de cartos. Nese libro, Livingstone facía unha visión demasiado optimista da súa viaxe, dando pouca importancia aos perigos que correu (a viaxe afectou gravemente a saúde de Livingstone que sufriu 27 ataques de malaria e foi mordido por un león en 1843) e máis á beleza do lugar. Sen dúbida, Livingstone pretendía promocionar África como unha posible colonia británica, pero outros exploradores que animados polo seu libro decidiron repetir a súa aventura non tiveron tanta sorte.

Segunda viaxe editar

Sen a axuda da sociedade misioneira, Livingstone propúxose conseguir novas fontes de financiamento para volver a África nunha nova expedición e conseguiunas na Royal Geography Society. En 1858 volveu a África cunha grande expedición inglesa na que o acompañaban moitos eruditos. Explorou o espazo comprendido entre o lago Nyassa e o Zambeze. Porén, o río era innavegable a partir dos rápidos de Kabrabasa e o barco da expedición non era tan manexable como as pequenas canoas que Livingstone utilizou na súa primeira viaxe, que ademais se podían transportar por terra. Livingstone empeñouse en continuar e a expedición acabou en desastre: morreron moitos dos membros occidentais, entre eles a súa muller Mary a causa dun ataque de disentería en 1863, e o seu irmán Charles. En 1864 volveu a Inglaterra coa súa reputación minguada.

 
David Livingstone, Frederick Havill.

Terceira viaxe editar

Livingstone quería volver a África e aproveitou a polémica existente sobre as fontes do Nilo. A pesar da súa caída en desgraza puido convencer a Royal Geography Society e a un investidor independente de que financiasen o seu proxecto para descubrir o nacemento do río. Algúns historiadores opinan que o das fontes do Nilo non foi máis que unha escusa e que o que Livingstone en realidade quería era morrer en África.

En marzo de 1866 Livingstone estaba de novo en África comezando esta vez a súa expedición na illa de Zanzíbar. Descubriu os lagos Bangweulu e Mweru, e o río Lualaba, afluente do río Congo que identificou erroneamente co Nilo. Despois dirixiuse á ribeira do lago Tanganica (1867).

Desaparición e encontro con Stanley editar

A partir de 1868 non se soubo nada do doutor Livingstone e os desertores da expedición espallaron rumores sobre a súa a morte. Con todo, a opinión pública mostrábase escéptica. Un ano despois da desaparición, o xornal New York Herald mandou o seu reporteiro estrela, Henry Morton Stanley, na procura de Livingstone. O reporteiro dirixiuse a Zanzíbar na espera de que o doutor aparecese (ese era o lugar onde repoñía as súas provisións) pero non deu resultado. Así, durante varios meses dedicouse a explora-la zona ata que un día chegou a Ujiji, onde os nativos o informaron de que o Livingstone se atopaba alí. O encontro foi o 11 de novembro de 1871 [1] e é lendaria a frase que Stanley pronunciou ao saudar o explorador: Doutor Livingstone, supoño.

Stanley pensaba quedar moi pouco tempo con Livingstone pero a personalidade deste asombrouno e levouno a pasar máis de catro meses con el, tempo no que exploraron o lago Tanganika. Stanley tentou que o doutor volvese a Inglaterra pero a súa saúde era moi delicada e quedou en África cando ambos se despediron en 1872 en Uyanyembe. Á súa volta, o reporteiro escribiu un libro sobre o seu encontro co doutor no que facía quizais unha visión demasiado optimista del (presentaba o doutor cunha aura de santidade), talvez pareceulle máis comercial presentar un santo que un vello amargado, ou quizais realmente o doutor o impresionou de tal forma que só viu os aspectos positivos da súa personalidade.[Cómpre referencia]

 
Estatua de Livingstone, preto das cataratas Victoria.

Enfermidade e morte editar

Livingstone quería completa-la súa misión, e a pesar da súa mala saúde continuou as exploracións ata o 1 de maio de 1873, data en que morreu en Chitambo, daquela Rodesia Setentrional e agora en Zambia, a causa da malaria e dunha hemorraxia interna producida por unha obstrución intestinal. Susi e Chamah, antigos compañeiros africanos do doutor, extraeron os seus órganos e enterráronos ó pé dunha árbore, encheron o seu corpo de sal e deixárono secar durante 14 días. Despois levárono ata o cónsul británico en Bagamoio que trasladou o cadáver a Inglaterra. Un exame forense no que se identificaron as lesións no brazo esquerdo a causa do ataque do león permitiu asegura-la autenticidade dos restos. O seu ataúde estivo exposto pola Royal Geography Society e o 18 de abril de 1874 (que foi día de loito nacional) foi enterrado na abadía de Westminster, despedido como un heroe.

Notas editar

  1. No seu diario, Livingstone rexistrara a data como o 24 de outubro, como consecuencia do seu erro no cómputo do tempo neses tres anos illado.