Kazimierz Stronczyński

numismático e paleógrafo polaco

Kazimierz Jakub Stronczyński, nado en Piotrków Trybunalski, voivodato de Łódź, o 14 de xullo de 1809 e finado na mesma cidade o 10 de novembro de 1896, foi un numismático, paleógrafo, historiador, académico e político polaco, que sentou as bases do coñecemento da moeda polaca durante a Idade Media.

Modelo:BiografíaKazimierz Stronczyński
Nome orixinalKazimierz Jakub Stronczynski
Biografía
Nacemento24 de xullo de 1809
Piotrkowie Trybunalskim, voivodato de Lódz.
Morte10 de novembro de 1896
Piotrkowie Trybunalskim, voivodato de Lódz.
Lugar de sepulturaCemiterio católico romano de Piotrków Trybunalski. 
País de nacionalidadePolonia Polaco.
EducaciónUniversidade de Varsovia.
Actividade
Campo de traballoNumismática, historiografía, paleografía, sixilografía.
Ocupaciónhistoriador, sigillographer (en) Traducir, heraldista, numismático, naturalista, paleógrafo, coleccionista Editar o valor en Wikidata
Membro de
Academia das Artes e as Ciencias de Cracovia
Familia
CónxuxeKlementyna Bentkowskil (1834). Editar o valor en Wikidata
PaiWincenty Stronczynski. Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Primeiros anos e formación

editar

Kazimierz Stronczyński naceu en 1809 na vila polaca de Piotrków —posteriormente chamada Piotrków Trybunalski—,[1] fillo de Wincenty Stronczyński (1778-1869), soldado do exército napoleónico e que tamén foi xuíz de paz do distrito de Piotrków.[2][3]

Cursou a súa educación primaria en Pajęczno, e logo a educación secundaria en Piotrków, entre 1817 e 1823, nunha escola da orde dos Escolapios, cunha pausa dun ano na que asistiu a unha escola en Wieluń.[4] En 1825 complementou a súa formación noutro colexio escolapio, xa en Varsovia, e ese mesmo ano comezou os seus estudos superiores no departamento de Ciencias Naturais da Universidade de Varsovia,[5] dos que se graduou en 1828.[6]

A numismática e outros intereses

editar

No mesmo ano da súa graduación comezou a exercer como profesor de Química e de Ciencias Naturais na Escola de Pedagoxía Práctica do Voivodato de Varsovia, e tres anos máis tarde, en marzo de 1831, comezou a traballar no Banco de Polonia, onde exerceu o seu labor profesional paralelamente aos seus intereses culturais e científicos.[7]

Desta época datan as primeiras mostras do interese de Stronczyński pola numismática, xa que consta unha procura levada a cabo por el nos Rexistros Públicos do Reino de Polonia centrada en documentos relacionados coa historia da moeda polaca.[7]

En 1836 ingresou na Oficina de Heráldica do Reino de Polonia, adscrita ao Segundo Consello de Estado, e alí dedicouse á análise de probas documentais para establecer ou confirmar status. Este labor abriu o interese de Stronczyński cara á paleografía, que o levou á publicación en 1839 dun estudo que contiña debuxos de diversos documentos e selos de 1228 a 1536.[7][8]

A partir de aquí, Stronczyński focalizou o seu interese na historia da arte e, sinaladamente, na numismática, influído por Félix Bentkowski —o pai da súa esposa Klementyna, con quen casou en 1834—, creador do Gabinete Numismático da Universidade de Varsovia e autor dun catálogo dos seus fondos.[9] En 1847 Stronczyński publicou a súa primeira e máis salientable obra sobre numismática: Pieniadze Piastów od czasów najdawniejszych do roku 1300 ("As moedas dos Piastas desde os inicios ata 1300"),[10] na que inicialmente presenta o estado da investigación e as publicacións sobre a moeda polaca, e logo aborda a análise e a clasificación do contido dos 32 achados monetarios coñecidos por el.[11]

 
Kazimierz Stronczyński nun gravado de 1889.[12]

Logo da súa xubilación en 1867, Stronczyński propúxose decididamente a actualización, a mellora e a ampliación do seu traballo de 1847 sobre a moeda polaca. Para as ilustracións desta nova obra ampliada, contaba coa colaboración do fotógrafo e numismático Karol Beyer, que se viu truncada polo falecemento deste en 1877. Nunha misiva do 15 de setembro de 1872 ao seu amigo o xurista Romuald Hube falaba dos avances no seu traballo:[13]

A alteración e a complementación do meu traballo anterior sobre as cuñaxes dos Piastas está hoxe case á orde do día e moi avanzado. Mesmo podería estar completado hai moito tempo se non fose polo capricho que me levou a incluír A sixilografía e a tratar tamén en breve outras partes da nosa arqueoloxía [...] O conxunto será moito máis amplo e chegará ata o ano 1506, é dicir, ata a reforma completa da moeda no reinado de Sexismundo I.

Finalmente, esta segunda gran obra numismática de Stronczyński publicouse en tres volumes entre 1883 e 1885 baixo o título xenérico de Dawne monety polskie dynastyi Piastów i Jagiellonów ("Moedas antigas polacas das dinastías Piasta e Xaguelónica"), que abranguen as emisións ata 1586.[13]

 
Placa conmemorativa na casa de Kazimierz Stronczyński en Piotrków Trybunalski.

Á marxe da súa dedicación principal á numismática, Stronczyński encabezou tamén en 1844 unha delegación encargada de realizar un inventario exhaustivo dos monumentos do Reino de Polonia. Durante nove anos, a delegación describiu e ilustrou os monumentos de 386 localidades polacas. O resultado son os coñecidos como álbums Stronczyński, compostos por cinco volumes de texto, acompañados por sete álbums con 417 acuarelas e gouaches elaborados por diversos ilustradores. Este traballo constitúe unha fonte de grande importancia para a historia da arquitectura e dos monumentos polacos.[14][15]

Do mesmo xeito, cultivou tamén os seus estudos no campo da zooloxía, e en 1835 publicou Rozrywki entomologiczne dla młodzieży ("Diversións entomolóxicas para adolescentes").[16][17] Nos anos seguintes, Stronczyński publicou unha nova obra sobre mamíferos e fixo tamén unha reedición dun manual polaco de 1584 sobre a caza de aves.[7]

Kazimierz Stronczyński foi membro da Academia das Artes e as Ciencias de Cracovia.

Carreira pública

editar

En tanto que seguía a cultivar os seus intereses culturais e científicos, Stronczyński desempeñou tamén diversos cargos oficiais. En 1862 accedeu á dirección administrativa do Ministerio de Confesións Relixiosas e Educación Pública de Polonia, e en 1864 foi nomeado membro dos Departamentos de Varsovia do Senado do Goberno Ruso,[18] equivalente ao Tribunal Supremo para o Reino do Congreso, posto que ocupou ata a súa xubilación en 1867, co rango de senador,[19] o que lle permitiu retirarse na súa vila natal, Piotrków, e dedicarse integramente á numismática, á heráldica e ao coleccionismo nos anos posteriores, ata o seu falecemento o 10 de novembro de 1896.[20][21][22]

Publicacións

editar

Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicados por Kazimierz Stronczyński ao longo da súa traxectoria:[23]

Numismática

editar
 
Portada do tomo I de Dawne monety polskie dynastyi Piastow i Jagiellonow. 1883.

Paleografía

editar

Sixilografía

editar

Ciencias naturais

editar
  • (1835). Rozrywki entomologiczne dla młodzieży. Pisemko zawierające w sobie opisy pospolitszych owadów krajowych ["Diversións entomolóxicas para adolescentes. Revista que contén descricións dos insectos domésticos máis comúns"]. Varsovia.
  1. Czyżewski. B. (2019).
  2. Sądownictwo w Królestwie Polskiem, magistratury sądowe, ich skład i etat pracy, dla użytku urzędowego w roku 1853 ["Poder xudicial no Reino de Polonia, maxistrados de tribunais, a súa composición e ética de traballo, para uso oficial no ano 1853"]. 1854. Páxina 73.
  3. Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 43.
  4. Stronczyński, K. (1884). “Wspomnienia szkół piotrkowskich z czasu od 1817 do 1823 r., przez Kazimierza Stronczyńskiego, b. wychowańca tychże szkół["Lembranzas das escolas de Piotrków de 1817 a 1823, por Kazimierz Stronczyński, antigo alumno destas escolas"]. En Kański, J. (ed.), Szkoły piotrkowskie. Piotrków. Páxinas 208-241.
  5. Bieliński, J. (1912). Królewski Uniwersytet Warszawski (1816-1831) ["Real Universidade de Varsovia (1816-1831)"]. Vol. III. Varsovia e Cracovia.
  6. Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 43-44.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 44.
  8. Véxase "(1839)" en "Publicacións".
  9. Bentkowski, F. (1830). Spis medalów polskich lub z dziejami krainy polskiéj stycznych, w Gabinecie Król. Alex. Uniwersytetu w Warszawie znajdujących się, tudzież ze zbiorów i pism rozmaitych lub podań zebrany i porządkiem lat ułożony ["Relación de medallas polacas ou relacionadas coa historia da terra polaca, na ... Universidade de Varsovia..."]. Varsovia.
  10. Véxase "(1847)" en "Publicacións".
  11. Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 44-46.
  12. "Kazimierz Stronczynski". En Klosy. 1889, Tomo 49. Nº 1257. Páxinas 65-66.
  13. 13,0 13,1 Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 47.
  14. Os resultados destes traballos foron publicados en varios volumes entre 2009 e 2014 polo Ministerio de Cultura e Patrimonio NAcional de Polonia, baixo o título de Kazimierza Stronczyńskiego opisy i widoki zabytków w Królestwie Polskim (1844-1855) ["Descricións e vistas de monumentos do Reino de Polonia, de Kazimierz Stronczyński (1844-1855)"],
  15. Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 44-45.
  16. Véxase "(1835)" en "Publicacións".
  17. "History of the Museum and Institute of Zoology". Muzeum i Instytut Zoologii Polskiej Akademii Nauk (Miiz.waw.pl).
  18. Suchodolski , S. (2005). Páxina 5.
  19. Kuczyński , S. K. (2006). Páxina 368.
  20. Esquela polo falecemento de Stronczyński. Jagiellońska Biblioteka Cyfrowa (JBC.bj.uj.edu.pl).
  21. Czyżewski. B. (2019). Páxina 184.
  22. Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 46-47.
  23. "Kazimierz Stronczynski". Polona.pl

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Chabrzyk, Piotr. (2021). "Kazimierz Stronczyński (1809-1896)". En Compte Rendu, 68. International Numismatic Council. Páxinas 43-49.
  • Czyżewski. B. (2019). "Tajemnica narodzin i śmierci Kazimierza Stronczyńskiego rozwiązana". En Wiadomości Numizmatyczne. LXIII. Páxinas 179-187.
  • Delimat, H. (1973). Kazimierz Stronczyński: życie i działalność (1809-1896). PWN.
  • Kuczyński , S. K. (2006). “Stronczyński Jakub Kazimierz (1809-1896)”. En Polski słownik biograficzny. Vol. 44. Parte 3.
  • Suchodolski, S. et al. (1983). Kazimierz Stronczyński. Numizmatyk, sfragistyk i inwentaryzator zabytków. Polskie Towarzystwo Archeologiczne, Lódz. 1983.
  • Suchodolski , S. (2005). "Kazimierz Stronczyński i jego dokonania numizmatyczne". En Kazimierz S. (2005). Dawne monety polskie dynastyi Piastów i Jagiellonów, Część 1. Monety pierwszych czterech wieków rozbiorem wykopalisk objaśnione. Varsovia. Páxinas 4-5.