Xosé Leyra

pintor e escritor galego
(Redirección desde «José Leyra Domínguez»)

Xosé Leyra Domínguez, nado en Ferrol o 6 de maio de 1912 e finado na mesma cidade o 31 de decembro de 1997, foi un escritor e pintor galego.

Infotaula de personaXosé Leyra

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de maio de 1912 Editar o valor em Wikidata
Ferrol, España Editar o valor em Wikidata
Morte31 de decembro de 1997 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Ferrol, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor , escritor Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 3386850
Non confundir con Xosé Leira López.

Traxectoria editar

Xosé Leyra tivo na súa cidade natal unha activa traxectoria en diversos terreos do traballo e da cultura; como mestre, profesor mercantil e licenciado en Dereito; como escritor, xornalista e conferenciante; e como prolífico pintor cunha produción de ao redor de tres milleiros de obras.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1951 e membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes desde 1978. Foi fundador da Asociación de Artistas Ferrolanos en 1956, e Presidente de honra da Sociedad de los Amigos del Paisaje Gallego.

Como escritor foi un autor moi variado. Dúas obras de interese son En torno a Pablo Iglesias (1995), unha detallada biografía sobre o político ferrolán e os acontecementos políticos da súa época, e Xacobe e Prisciliano (1997), un estudo histórico sobre un controvertido personaxe da igrexa galega.

Os seus contos e narracións curtas presentan unhas historias que mostran unha especial habilidade e coñecemento do país, casos de Unha man ao pé do cruceiro, A pousada do Pote Grande, Gurgullos mareiros e A morte do boi. Deixou ademais inéditas varias obras como un traballo autobiográfico titulado Desenterrando recuerdos, El Papa Juan XXIII y el escultor Giacomo Manzú e unha Historia de San Sadurniño.

Pintura editar

Dedicadas de maneira concreta ao seu mestre, o pintor Felipe Bello Piñeiro, escribiu outras dúas obras. En La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino Ferrolano (1963) describe polo miúdo as singulares pinturas modernistas coas que Bello Piñeiro decorou a Sala de conversas do edificio dunha sociedade ferrolá en 1925. Bello Piñeiro y su tiempo (1967) é un ensaio da vida e obra do pintor do Seixo e da pintura galega da época, con prólogo de Otero Pedrayo.

Sobre o tema específico da pintura ferrolá publicou en 1985 Aportación de Ferrol al arte pictórico, tema do seu discurso de recepción na Real Academia Galega, contestado por Juan Naya Pérez, e en 1987 publicou Pintura ferrolana, un completo estudo sobre os pintores de Ferrol, con prólogo por Camilo José Cela. Previamente, en 1980, no Catálogo da Exposición Pintores ferrolanos publicado pola Deputación da Coruña, escribiu o artigo Sahumando recuerdos, no que fai un percorrido pola pintura de Bello Piñeiro, Carmelo González, Rafael Martínez Vilela e Antolín López Porta.

De interese para Ferrol foi a súa obra Ensayo en torno al periodismo ferrolano (1989). Amais da súa faceta como conferenciante sobre temas históricos e culturais, Xosé Leyra publicou numerosos ensaios literarios e traballos críticos en diversas publicacións como Aturuxo, Nordés, Vida Gallega, Arte Galicia, Abrente, Finisterre, Libredón (Santander), Alborada (Barcelona) e Vida Galega (Bos Aires).

Como pintor, Leyra Domínguez, que baixo a firma de moitos dos seus cadros engadía o nome de Galicia, foi un autor de temática esencialmente paisaxística, mostrando nas súas obras un país tradicional moitas veces humanizado pola presenza dos habitantes da terra. Son de grande interese as súas paisaxes de breña e sotos que mostran os canotos e os vellos troncos de árbores, mentres que a súa pintura se ve reforzada cunha paleta rica en cores, onde apuntan os seus característicos verdes, mentres busca a compañía do mellor xogo de luces. Foi tamén pintor de mariñas reflectindo nos seus cadros o mar de fóra, ese mar forte e intenso que bate os lugares máis fragosos da costa ferrolá desde San Xurxo da Mariña a Valdoviño.

Leyra Domínguez non fixo demasiadas exposicións, practicamente todas elas dentro de Galicia. Levou a cabo a primeira delas o ano 1946 na Escola Elemental do Traballo de Ferrol, onde alternou con varios pintores, entre eles Bello Piñeiro. Expuxo tamén, entre outros lugares, no Casino Ferrolano, Asociación de Artistas da Coruña e o Círculo das Artes de Lugo.

A súa última exposición foi unha mostra antolóxica organizada polo Ateneo Ferrolano na súa memoria en novembro-decembro do ano 2000, dous anos despois da súa morte, no Centro Cultural Municipal, mostrando setenta obras seleccionadas entre os tres mil cadros que pintou.

Conservan cadros da súa autoría a Academia de Belas Artes da Coruña, o Concello de Ferrol, o Casino Ferrolán, o Real Coro Toxos e Froles, o Ateneo Ferrolano e a pinacoteca do Hospital de Caridade.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar