Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas

(Redirixido desde "JAE")

A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) foi unha institución creada en 1907,[1] no marco da Institución Libre de Enseñanza, para promover a investigación e a educación científica en España. Presidida por Santiago Ramón y Cajal desde a súa fundación até a súa morte en 1934. Foi desmantelada en 1939 tras a derrota republicana na Guerra Civil, e a partir da súa estrutura creouse o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).[2]

Junta para Ampliación de Estudios
Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE)
Información xeral
Formación 11 de xaneiro de 1907
Disolución 1 de abril de 1939
Substituída por CSIC
Director Santiago Ramón y Cajal (1907-1934)

FundaciónEditar

A creación en 1907 da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, herdeira en gran medida da Institución Libre de Enseñanza (1876), inaugurou unha etapa de desenvolvemento até entón non alcanzado para a ciencia e a cultura españolas. O Real Decreto polo que se crea a xunta foi asinado por Alfonso XIII o 11 de xaneiro de 1907, e a exposición do preámbulo foi escrito polo ministro de Instrución Pública e Belas Artes de entón Amalio Gimeno. En devandita exposición, despois de citar exemplos das iniciativas doutros países, afirmaba:

Porén, non falta entre nós gloriosa tradición nesta materia. A comunicación con xudeus e a mantida en plena Idade Media con Francia, Italia e Oriente; a chegada dos monxes de Cluny, a visita ás Universidades de Boloña, París, Montpelier e Tolosa; os premios e estímulos ofrecidos aos cregos polos Cabidos para ir estudar ao estranxeiro, e a fundación do Colexio de San Clemente en Boloña, son testemuña da relación que en tempos remotos mantivemos coa cultura universal. O labor intelectual dos reinados de Carlos III e Carlos IV, que produciu a maior parte dos nosos actuais Centros de cultura, tivo como punto de partida a finalización do illamento en que caeramos antes, esquecendo a nosa tradición envidiable, e restableceu a comunicación coa ciencia europea, que, interrompida despois por diversas causas, non conserva agora senón manifestacións illadas, como as pensións para viaxes concedidas aos bolseiros de Salamanca e o Colexio de Boloña.

O 15 de xaneiro foron nomeados, por real decreto, como vogais: Santiago Ramón y Cajal, José Echegaray, Marcelino Menéndez Pelayo, Joaquín Sorolla, Joaquín Costa, Vicente Santamaría de Paredes, Alejandro San Martín e Satrústegui, Julián Calleja Sánchez, Eduardo Vincenti, Gumersindo de Azcárate, Luís Simarro, Ignacio Bolívar (segundo e último presidente da xunta), Ramón Menéndez Pidal, José Casares Gil, Adolfo Álvarez-Buylla e González-Alegre, José Rodríguez Carracido, Julián Ribera y Tarragó, Leonardo Torres Quevedo, José Marvá e Mayer, José Fernández Jiménez e Victoriano Fernández Ascarza.[3]

ImportanciaEditar

A xunta foi o organismo que maior impulso deu ao desenvolvemento e difusión da ciencia e cultura españolas a través dun programa moi activo de intercambio de profesores e alumnos e o establecemento de bolsas para estudar no estranxeiro (pensionados),[4] nun intento exitoso de saír do pesimismo decimonónico e abrirse ao estranxeiro establecendo un diálogo aberto cos países máis modernos de Europa como o único medio de avance e progreso. Obra de poucos homes, liderada polo seu presidente, Santiago Ramón y Cajal, e sobre todo polo seu secretario e eminencia gris, José Castillejo,[5] no seu seo formáronse e traballaron os mellores intelectuais e científicos de España entre 1907 e 1939, personalidades como Rafael Altamira, Cándido Bolívar, Odón de Buen, Américo Castro, Miguel Catalán, Francisco Durán Reinals, José Fernández-Nonídez, Cruz Gallástegui, Antonio García Solalinde, Samuel Gili Gaya, María de Maeztu, Faustino Miranda, Enrique Moles, Tomás Navarro Tomás, Juan Negrín, Severo Ochoa, Federico de Onís, Pío del Río Hortega, Julio Rey Pastor, José Royo, ou Luís de Zulueta e Antonio de Zulueta,[6] entre moitos outros e ademais dos xa mencionados Cajal, Bolívar, Cabrera, Castillejo e Simarro, no seu eixo director.[7]

Institutos e centrosEditar

A xunta logrou crear un armazón de centros e laboratorios nos que a ciencia e as humanidades comezaron a ter un desenvolvemento que pronto adquiriría alcance e recoñecemento internacional, algo en certo xeito insólito na España dos vellos valores tradicionais.[6][8]

 
Edificio do Instituto Internacional da rúa Miguel Ángel, primeira sede do Instituto-Escuela e posterior sede do Colexio Estudio.

A lista de centros e institutos resulta tan relevante como os intelectuais e científicos colocados á fronte deles, empezando pola personalidade de Cajal á fronte do conxunto da JAE e de forma máis específica do Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturais (1910), con Cabrera como lugartenente e continuador; ou Ramón Menéndez Pidal, á fronte do Centro de Estudos Históricos, en Madrid, tamén desde 1910. A JAE agrupou, desenvolveu e dotou con novas instalacións (laboratorios, bibliotecas etc) a institucións xa existentes como o Museo de Ciencias Naturales, o Museo Antropológico, o Real Jardín Botánico de Madrid ou a Estación Biolóxica de Santander; así mesmo coordinou laboratorios como o de Investigacións Biolóxicas, o de Investigacións Físicas, a Estación Alpina de Bioloxía do Guadarrama, a Misión Biolóxica de Galicia, ou a Comisión de Investigacións Paleontológicas e Prehistóricas.[6] Ademais, a JAE, desde o seu nivel de alto organismo público, sincronizou e apoiou as actividades de espazos docentes especiais como o Instituto-Escuela ou a Residencia de Estudiantes, para os que habilitou o Seminario Matemático e os Laboratorios de Química, Fisioloxía, Bacterioloxía etc.[6][9]

Influencia exteriorEditar

Por outra banda, a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas xogou un papel decisivo nas relacións con América Latina, potenciadas por unha Real Orde promulgada o 16 de abril de 1910, pola que se apoiaba o intercambio de profesores e alumnos e a edición de obras sobre a sociedade, a evolución da cultura e da economía e a historia natural de América. O intercambio suscitado orixinou unhas novas relacións e maneiras de mirarse e entenderse entre americanos e españois e auspiciou a creación de institutos, departamentos e cátedras universitarias sobre lingua, cultura, historia e civilización españolas, moitos dos cales seguiron o modelo organizativo e científico dos centros españois da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas na súa organización e funcionamento.

DisoluciónEditar

O espírito de modernización e reforma que representaba a xunta non contaba coa simpatía dos sectores que promoveron e apoiaron o golpe de estado en España de xullo de 1936. O goberno de Burgos decretou a súa disolución (19 de maio de 1938), transferindo as súas funcións a un recentemente fundado Instituto de España, aínda que a xunta seguiu funcionando na zona republicana até o final da guerra. Terminada a Guerra Civil, o 24 de novembro de 1939, o ditador Franco promulgou a lei pola que se creaba o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), dispondo que en diante:[10]

[...] tódolos Centros dependentes da disolta Xunta para Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, da Fundación de Investigacións Científicas e Ensaios de Reformas e os creados polo Instituto de España, pasarán a depender do Consello Superior de Investigacións Científicas.

É necesario especificar que o CSIC foi fundado cun espírito diferente e mesmo antagónico ao da JAE, como pode lerse nas súas leis fundacionais,[11] ou no discurso do seu fundador e presidente José Ibáñez Martín, para liquidar:[12]

[...] tódalas herexías científicas que secaron e agostaron as canles da nosa xenialidade nacional e que nos sumiron na atonía e a decadencia...A nosa ciencia actual, en conexión coa que nos séculos pasados nos definiu como nación e como imperio, quere ser ante todo católica.
José Ibáñez Martín
Discurso inaugural do CSIC, outubro de 1940.[13]

Polo que dificilmente podería presentarse o CSIC como continuador da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, aínda que si froito dunha singular substitución.[14][15]

NotasEditar

  1. "Real decreto creando una Junta para ampliación de estudios é investigaciones científicas" (PDF). Gaceta de Madrid (Madrid) (15): 165–167. 15/1/1907. 
  2. Archivo de la Junta para Ampliación de Estudios. Consultado en abril de 2014.
  3. Sánchez e VV. AA. 2012, p. 30-33.
  4. Sánchez e VV. AA. 2012, pp. 15-34.
  5. Muñoz Páez, Adela (11/2/2017). "Heroínas olvidadas: científicas de la II República". El País. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "Centenario de la JAE" (en castelán). 2010. 
  7. "Protagonistas de la JAE". residencia.csic (en castelán). 2007. Base y catálogo de personalidades 
  8. González Ibáñez, C. y A. Santamaría García, Física y química en la Colina de los Chopos: 75 años de investigación en el edificio Rockefeller. CSIC, Madrid (2009).
  9. Visualización en mapa-satélite do conxunto de edificios da Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. Consultado en abril de 2014.
  10. "Jefatura del Estado.- Ley creando el Consejo Superior de Investigaciones Científicas." (PDF) (332). 
  11. "Ley Fundacional del CSIC". Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2018. Consultado o 18 de novembro de 2018. 
  12. Sánchez e VV. AA. 2012, p. 93.
  13. Hacia una nueva ciencia española
  14. Sánchez e VV. AA. 2012, pp. 40-43.
  15. "Antecedentes del csic: la JAE" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de novembro de 2018. Consultado o 18 de novembro de 2018. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Jiménez-Landi, Antonio. La Institución Libre de Enseñanza (en español) (Universidad de Barcelona ed.). Taurus. ISBN 9788430635139.  (4 volumes).
  • Castillo Martos, Manuel e Rubio Mayoral, Juan Luis (2015). Enseñanza, ciencia e ideología en España (1890-1950). Sevilla. Vitela Gestión Cultural.
  • Formentín Ibáñez, Justo e José María Villegas Sanz (1992). Relaciones Culturales entre España y América: la Junta para Ampliación de Estudios. Madrid. Mapfre.
  • Gurriarán, R. (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado. USC. ISBN 84-9750-644-8. 
  • Laporta, F. J., Miguel A. Ruiz, Zapatero, V. e J. Solana (1987). Los orígenes culturales de la Junta para Ampliación de Estudios. Arbor, CXXVI/493 (Madrid, xaneiro).
  • López Sánchez, José María (2006). Heterodoxos españoles. El Centro de Estudios Históricos, 1910-1936. Madrid. Marcial Pons-CSIC.
  • Marín Eced, Teresa (1991). Innovadores de la educación en España: becarios de la Junta de Ampliación de Estudios (en castelán). Universidad de Castilla la Mancha. ISBN 9788477291077. 
  • Naranjo Orovio, Consuelo, L. María Dolores Luque e Miguel Ángel Puig-Samper (editores). Los lazos de la cultura. El Centro de Estudios Históricos de Madrid y la Universidad de Puerto Rico, 1916-1939. Madrid. CSIC-Universidad de Puerto Rico, 2002.[1]
  • Puig-Samper Mulero, M. A. (ed.). Tiempos de investigación: JAE-CSIC, cien años de ciencia en España. Madrid. CSIC. 2007.[2]
  • Sánchez Ron, José María (coordinador). 1907-1987. La Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas 80 años después. 2 vols. Madrid. CSIC. 1988. Vol I Vol II
  • Caballero Garrido Ernesto (coordinador). 'La Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas: historia de sus centros y protagonistas (1907-1939). Autor principal Mª Carmen Azcuenaga Cavia. Asociación Nacional de Estudiantes e Investigadores SIGLO XXI, 2010. ISBN 9788497044950.
  • Sánchez (coordinador), Isidro (2012). ALMUD, ed. Educación, Ciencia y Cultura en España: Augue y colapso (1907-1940). Pensionados de la JAE. Ediciones de Castilla-La Mancha. ISBN 9788493977580. 

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar