Indalecio Armesto

Filósofo, político, xurista, avogado e xornalista galego

Indalecio José Armesto Cobián foi un filósofo, político, xurista, avogado e xornalista galego nado o día 29 de setembro de 1837, na cidade de Pontevedra. Hegeliano e secreto masón a voces, tivo unha axitada vida pública, destacada pola continua loita a favor da república e das reformas sociais. O 22 de febreiro de 1890, despois dun atentado con arma de fogo perpetrado por Carmen Aldao o 19 de abril de 1889, morre en Pontevedra, debido a un repentino derrame cerebral froito dunha posíbel mala recuperación das súas feridas.

Indalecio Armesto
Indalecio Armesto, de Mecachis, Madrid Cómico, 23 de julio de 1887 (cropped).jpg
Nacemento29 de setembro de 1838
Lugar de nacementoPontevedra
Falecemento22 de febreiro de 1890
Lugar de falecementoPontevedra
SoterradoCemiterio de Santo Amaro de Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor, xornalista, xurista, filósofo, político e avogado
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria vitalEditar

Infancia e xuventude (1836-1865)Editar

Indalecio Armesto nace en Pontevedra o día 29 de setembro de 1837, fillo de Ramona Armesto e de pai descoñecido. É bautizado na parroquia de San Bartolomé, recibindo o nome de Indalecio José. Pertence a unha familia de certa fidalguía, na que atopa un ambiente cultural propicio para unha fonda formación, en tolerancia liberal. A saga dos Armesto coa que convivía destacaba por acoller grandes nomes como o de Pedro Armesto (avó), Constantino Armesto (tío), Federico Saiz (cuñado) ou Víctor Said Armesto (sobriño).

Aínda así, a crise económica familiar leva a I. Armesto a non acadar mais que a formación primaria, debido á necesidade de traballar en oficinas de Pontevedra e, posteriormente, A Coruña. Os estudos oficiais nunca reflectiron o seu verdadeiro nivel cultural. Autodidacta de serie, o seu precoz talento quedaba demostrado por múltiples poemas, destacando o seu soneto dedicado ao gobernador José María de Michelena.

Aos 18 anos trasládase a Madrid, traballando nun primeiro intre no Monte Pío, xunto con Melchor Ordóñez, colaborando con publicacións desa Sociedade. Mais tarde acóllese baixo a tutela de Eduardo Chao, bo amigo, traballando na Compañía «La Unión» e incluso escribindo no xornal «El Crédito». Participa nas discusións que se levan a cabo no café «El Iris», nas que participaban grandes figuras como Eugenio Montero Ríos, o seu declarado inimigo político, Juan Bravo Murillo ou Roberto Robert y Casacuberta. Rexeita o krausismo da época, que tiña raíces profundas en Madrid, criticando duramente os seus achegamentos, como a doutrina harmónica de Julián Sanz del Río. Colabora nos xornais «La Discusión», dirixido por Francisco Pi y Margall, e en «La Tutelar», dirixido por José Canalejas. Estableceu amizade cos políticos republicanos Emilio Castelar, Francisco Pi y Margall e José María Rivero.

No ano 1864 é partícipe da ruptura do partido demócrata entre socialistas, como Nicolás Salmerón ou Francisco Pi y Margall, e individualistas, como Emilio Castelar ou Eugenio García Ruiz. Armesto opta pola vía socialista, facendo gala do seu estilo sintético que trata de solucionar as tensións entre sociedade e individuo sen rachar en ambos momentos. É clara a afinidade coas ideas piymargallianas e con Nicolás Salmerón.

De Pontevedra ao exilio en Portugal (1865-1868)Editar

Despois da tráxica «Noite de San Daniel», na que participa activamente, en 1865 regresa a Pontevedra. Formando parte do Comité Democrático, comeza a tomar parte na actividade política e xornalística da cidade. Colabora en «El País», «La Perseverancia» e «El Alerta». A súa máxima actividade terá lugar coa súa entrada no xornal «El progreso», tratando temáticas moi variadas. Escribe filosofía, economía, política, … pasando por ensaios literarios e poesía.

Coa sospeita xeneralizada de que I. Armesto e a súa familia son progresistas e liberais, agudizada polos contactos que este tivera en Madrid, nos que destacan membros do partido demócrata e da intelectualidade do momento, así como pola súa forte actividade política, trátase de acusalo dalgunha forma fronte as autoridades. Nesta sospeita pesaba moito a súa filiación á masonería e ao republicanismo. Fracasado o pronunciamento do 22 de xuño de 1866 contra a monarquía, vívese un ambiente de represalias nas que todos os sospeitosos de participar ideoloxicamente do feito foron perseguidos. I. Armesto é avisado de que ía ser prendido por conspirador, polo que a finais do ano 1867, coa axuda dun contrabandista, escapa a Portugal.

Regreso do exilio e «Gloriosa» actividade (1868-1873)Editar

Tras a «Revolución de La Gloriosa», regresa a Pontevedra en outubro de 1868, nun ambiente de máxima liberdade. No inicio do Sexenio Democrático foi nomeado pola Xunta Revolucionaria presidente da Deputación de Pontevedra o 27 de outubro de 1868. Manifesta as súas ideas e identifícase co credo republicano federal, declarándose posteriormente, coa polémica levada a cabo cos seus colegas pertencentes a La Democracia, como republicano federal «benévolo», en contraposición aos «intransixentes». É director do xornal «La Voz del Pueblo», que ven substituír a «La Revista», sendo a súa etapa mais achegada ao pensamento proudhoniano, preto de Francisco Pi y Margall. Chega a ser Secretario do Goberno da Provincia de Pontevedra.

Aproveita para obter o título de bacharelato en artes por libre, matriculándose en todas as materias, obtendo o título o 22 de setembro de 1869. Tendo xa un título desde tipo, matricúlase na Universidade Central de Madrid, no curso 1869-1870, nas materias de Dereito Romano, Dereito Político e Administrativo e Economía Política, propias da licenciatura en Dereito. O 9 de maio de 1870 concédeselle o traslado á Universidade Literaria de Santiago, onde aproba as materias mencionadas e prosigue matriculándose noutras por libre, ata o ano 1874, obtendo o título oficial en Dereito Civil e Canónico con 37 anos.

A nivel xornalístico, colabora dende 1870 en «El Propagandista» e faise redactor de «El Derecho», sendo o voceiro para a defensa das súas ideas políticas republicanas. Tamén colabora, a partir de 1872, en «La Crónica», publicando «Cuentos filosóficos» relativista-existenciais cun marcado carácter moral. Destacan as súas polémicas con xornais católicos como «La Patria», «La Paz», «La Concordia» ou «La Solidaridad».

O fracaso da Primeira República (1873-1877)Editar

No ano 1873, I. Armesto sae elixido, nas eleccións do 10 de maio, deputado ó Congreso da nacente Primeira República española. Sen embargo, froito dunha campaña contra el, levada a cabo polos republicanos federais «intransixentes» do xornal «El Deber», anúlanlle a acta en Madrid, por ser membro da Comisión Permanente e non ter dimitido con anterioridade (6 meses) as eleccións. Dáse unha forte polémica entre republicanos federais «benévolos» e «intransixentes», sendo o voceiro de Armesto o xornal, recentemente fundado por el, «La República», o cal dirixe.

Tras o fracaso da Primeira República e coa Restauración Borbónica, ten lugar unha paréntese de silencio, persoal e do partido. Son tempos de reflexión nos que aproveita para rematar a licenciatura en Dereito e pensar na súa futura grande obra filosófica, Discusiones sobre la Metafísica.

Reactivación política e xornalística (1877-1882)Editar

Despois da etapa silenciosa, retorna no ano 1877 a actividade, tanto política como xornalística, da man de «El Anunciador», do que será director a partir de 1879. Mantén fortes polémicas con «El Eco del Miño», «El Porvenir», «El Clamor», «El Voto Popular» e «El Libredón». Nestes intres publica o seu famoso ensaio La crisis religiosa. En 1880 comeza a colaborar con «La Ilustración Gallega y Asturiana», xunto cos grandes persoeiros do panorama galego, como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Emilia Pardo Bazán. Publica Las Serenatas de Schubert e, no ano 1881, El pueblo y la revolución. Carta al Sr. D. Nicanor Rey.

Querela, desterro e emigración (1882-1885)Editar

Armesto reproduce no seu periódico «El Anunciador» un solto que aparece en «La Verdad», tamén reproducido en «La Concordia». Nel relátase o chamamento a Madrid de José Elduayen Gorriti, Marqués do Pazo da Mercede, para render contas sobre o seu anterior cargo como Presidente do Banco de España, podendo referir algún tipo de actividade corrupta, como un desfalco. José Elduayen Gorriti denuncia aos tres directores dos respectivos periódicos e son condenados. No caso de Armesto, en segunda instancia, tendo que cumprir un desterro de 3 anos e 7 días. Comunícanllo o 9 de marzo de 1883. As buscas de apoio por parte dos seus amigos e «irmáns» masóns, como Práxedes Mateo Sagasta ou Antonio Romero Ortiz, non serviron de nada para trocar o desterro en multa.

O 31 de marzo de 1883 anúnciase a partida de I. Armesto a Coruña, lugar elixido para o desterro, e un día despois marcha. Tense como unha vítima do xogo político, orquestrado para librarse del e deixar en mans dos seus rivais políticos, como Eugenio Montero Ríos, os asuntos públicos, lonxe da súa potente e atenta crítica. Torcuato Ulloa dedícalle un poema que expresa a tristeza da situación e en «El Anunciador» denúnciase a situación de inxustiza que está a sufrir Armesto, así como se pretenden mostrar as causas profundas da mesma.

Xa en Coruña abre un bufete de avogados e participa da vida política e cultural, colaborando no xornal «La Voz de Galicia», baixo o pseudónimo de «Rameau», aceptando a oferta de Xoán Fernández Latorre, o seu fundador. Destaca a súa recensión crítica de «La cuestión palpitante» de Emilia Pardo Bazán, tratando de facer compatíbel o naturalismo da autora co idealismo hegeliano.

Mal de saúde, mal economicamente, baixo de moral e sufrindo unha terríbel soidade, Indalecio decide marchar de Coruña. O 18 de decembro de 1883 emigra a Arxentina, para conseguir ser nomeado cónsul do país en Vigo. Non o consigue e regresa aos tres meses, o 12 de marzo de 1884. «El Porvenir» realizou unha síntese do proceso completo, dende a condena ata a ida á emigración.

Últimos anos e morte (1885-1890)Editar

Vaise a Madrid a principios de 1885, onde abre un bufete de non moito éxito. Continúa publicando en «El Anunciador». Sae á luz o seu gran ensaio Pasado y Porvenir, onde acomete o devir dende o fracaso da Primeira República, revisando a súa historia persoal e analizando as figuras dos principais representantes do partido republicano: Emilio Castelar, Francisco Pi y Margall e Nicolás Salmerón. A partir da metade de abril de 1885, volve a Galicia e instálase en A Estrada, onde continúa publicando en «El Anunciador».

Pouco antes de rematar a súa condena, José Elduayen Gorriti perdoa a Armesto, o 7 de novembro de 1885. Regresa definitivamente a Pontevedra, continuando a súa actividade política e entrando nunha grande polémica con Miguel Payá y Rico, Arcebispo de Santiago, que remata co seu abandono de «El Anunciador», segundo Armesto, mais pola perda do espírito republicano do xornal que por ver en perigo o seu sustento material. Aos poucos días do abandono de «El Anunciador» funda «La Justicia», xornal feito á súa medida. Publica El Estado e Ruiz Zorrilla, Castelar, y Salmerón. Exercendo como avogado, dedícase a defender causas humildes ao longo da provincia, sendo nomeado no ano 1887 Presidente do Colexio de Avogados de Pontevedra.

O 19 de abril de 1889 é ferido de bala por Carmen Aldao, parente súa coa que se rumoreaban amores. Tras unha recuperación aparentemente doada de 20 días, reincorpórase como director de «La Justicia», tendo en maio unha polémica co xornal «La Integridad» por mor do asasinato de dous albixenses considerados herexes. Morre 10 meses despois, o 22 de febreiro de 1890, dun derrame cerebral, seguramente consecuencia dunha secuela ou deficiente recuperación. Foi soterrado no Cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.

Pensamento políticoEditar

Indalecio Armesto foi durante toda a súa vida un personaxe público comprometido coa reforma social e económica, tendo como máximo ideal a xustiza. As reformas políticas, aínda que relevantes, eran consideradas secundarias. O medio para acadar as reformas sempre foi, para el, a legalidade e o dereito, xa que descartaba totalmente as vías da violencia e da loita armada cidadán. Era de vital importancia lograr un equilibrio harmónico entre o individuo e a sociedade, superando na síntese da antinomía o colectivismo, asociado ao comunismo, e o anarquismo individualista, chegando incluso a falar do equilibrio entre traballo e capital, facendo gala das reminiscencias proudhonianas que lle acompañarían para sempre.

Un exemplo claro do seu pensamento pode verse na defensa do proteccionismo. Tiña reparos en adoptar a corrente librecambista, que se impuña en Europa a partir das publicacións de Adam Smith, xa que trata de evitar que, co librecambismo, a sociedade entre nunha liberdade salvaxe e rompa o equilibrio en favor do individuo, podendo chegar á negación do social mesmo caendo nunha anarquía, na liberdade pola liberdade, onde a competencia non deixaría espazo para a corrección das inxustizas. Tamén apoia a proposta por motivos prácticos, debido a que España non estaba preparada para soportar un comercio internacional baixo os postulados do librecambismo.

Traxectoria republicanaEditar

Dentro do paradigma republicano, pasou por tres etapas ben diferenciadas. Nun primeiro intre, ata o ano 1873, defínese como republicano socialista federal «benévolo», do lado de Nicolás Salmerón e Francisco Pi y Margall, participando das súas ideas democrático-progresistas, e moi influenciado polo proudhonismo e as ideas dos socialistas utópicos. Oponse, polo tanto, á tendencia conservadora de Emilio Castelar. Entrou en varias polémicas cos republicanos federais «intransixentes», debido a que dubidaba en usar o termo federal cando estaba en período electoral por Pontevedra e a que os «intransixentes» coa premisa federal impulsaban medios revolucionarios violentos para acadar os seus fins que Indalecio rexeitaba, pedindo reflexión e prudencia.

Cando a Primeira República fracasa, toma a decisión definitiva de deixar de lado as súas aspiracións federais e prefire ser un republicano, sen mais. A violencia revolucionaria propia dos «intransixentes», en contraposición coa súa mesura política apoiada na vía legal, lévao a afastarse definitivamente do movemento e a criticar duramente a aqueles «egoístas» que considera que fan fracasar o proxecto republicano. Chega un momento de silencio e profunda reflexión política no que se afasta de Francisco Pi y Margall e dos movementos obreiros.

Finalmente, coa coalición de forzas progresistas levada a cabo para facer fronte ao sistema canovista, faise cargo de organizar o partido republicano en Pontevedra, por orde de José Zorrilla e Nicolás Salmerón. A partir de 1887, é afín ao partido republicano centristas salmeroniano, debido á escisión do partido progresista, encabezada polos mesmos. José Zorrilla é visto por el como o paradigma dun vello republicanismo revolucionario e intransixente que comete os mesmos erros do pasado. O partido centrista de Nicolás Salmerón sería a mellor síntese das distintas correntes republicanas, segundo Armesto, e comulgaría con el ata o final da súa vida en 1890.

Relación coa masoneríaEditar

O pensamento e a vida de Indalecio Armesto están atravesados pola súa pertenza a sociedades masónicas. Vive a época de efervescencia destes ideais, ao saír da clandestinidade a partir de 1854 e comezar a manifestarse nas rúas, sobre todo co aumento de liberdades, en 1868. Era moi común que os grandes intelectuais afíns ao republicanismo e, en definitiva, progresistas, pertencesen a algunha sociedade masónica. De feito, os periódicos mais tradicionais cualificaban de masón a todo aquel que tivese un pensamento liberal, racionalista ou progresista.

Armesto pertencía a unha sociedade masónica pontevedresa denominada «Helénica 63», única rexistrada en Pontevedra no século XIX, na que era un dos membros destacados, xunto con Pascual Paz. O seu nome simbólico era Arístides. Aínda así, evitaba manifestar directamente a súa pertenza á ideoloxía masónica, mantendo un segredo de sobra coñecido polos seus contemporáneos. Apoiaba a causa sobre todo de forma indirecta, reproducindo publicacións doutros xornais a modo de soltos, e incluso estivo involucrado na publicación dun Código Masónico no xornal «La Crónica». Tamén destacan as súas polémicas coa prensa conservadora nas que é patente por onde van os tiros do seu pensamento.

Pensamento filosóficoEditar

Fontes do pensamento filosófico de ArmestoEditar

A súa principal fonte de inspiración no referente ao pensamento filosófico será Étienne Vacherot (1809-1897), este é un pensador ecléctico, asociado á corrente espiritualista francesa desenvolta previamente por Victor Cousin (1792-1867).

Ambos autores estarán entre os máis citados por Armesto, a través da súa discusión continua coas posicións de Vacherot, vai Indalecio Armesto formando o seu pensamento metafísico, empregando a Vacherot tanto como inspiración positiva como tamén de contrapunto negativo.

Vacherot será decisivo na concepción de Armesto acerca da maneira de abordar a teorización da relixión, levándoo a investigar a idea mesma de relixión, o que o conduce a unha investigación sobre o papel deste concepto na natureza humana. Ao mesmo tempo, Vacherot representará unha figura mediadora, que porá en contacto a Armesto coas escolas filosóficas francesa e alemá.

Unha segunda fonte de inspiración atoparase na figura de Pierre-Joseph Proudhon, que influenciará a Armesto no seu pensamento político, sobre todo na primacía que lle outorgara á idea de xustiza. Con Proudhon afondará no concepto de dialéctica, que porá en discusión coa noción máis radical de este concepto proposta por Georg Wilhelm Friedrich Hegel. Ao final da súa vida de feito, chegará a considerarse a si mesmo coma un socialista da escola de Proudhon.

Deste xeito, Hegel será tamén unha das súas principais influencias, así, Armesto adoptará o idealismo como o «verdadeiro sistema metafísico», e tomará tamén como modelo as posicións de Hegel acerca da «historia universal». Pese á gran influencia que suporá Hegel no seu pensamento, sempre o abordará dun xeito crítico, estando en desacordo especialmente co seu concepto de relixión.

Respecto do krausismo, o autor pontevedrés manterá sempre un diálogo crítico, do mesmo modo que con outras correntes da súa época, como o evolucionismo e o positivismo, aos que non vai a obviar, pero dos que será crítico como non pode ser de outra maneira dende a súas posicións, máis vinculadas a este «idealismo metafísico», influenciado tamén polo naturalismo romántico, no que se pode sentir a pegada, non so de Hegel, senón tamén de Friedrich Schelling.

Armesto, apostará pola construción de unha metafísica racional e científica, e por unha primacía da investigación apriorística, idealista e inmanentista, por unha metafísica que sirva de apoio a ciencia, seguindo quizais neste aspecto o proxecto kantiano. Esta harmonía entre ciencias positivas e metafísica e unha das pezas vertebrais do pensamento de Indalecio Armesto.

O monismo antropolóxico. Teoría do coñecementoEditar

Indalecio Armesto pretende en Discusiones (1878) tratar con claridade as máis importantes cuestións da metafísica, proporcionando unha idea o máis exacta posible do estado da ciencia. O fundamental no seu estudo é a compaxinación de metafísica e ciencia.

Monismo metafísico. O home como termo da naturezaEditar

Armesto aposta claramente polo monismo metafísico (e psicolóxico). A escola espiritualista sostén que o home é un composto de materia e espírito que se relacionan entre si, pero que na separación o espírito conserva as súas enerxías e propiedades con independencia da materia. Enfrontando materialismo e espiritualismo; o espiritualismo sostén que o materialismo non descubre a realidade das sustancias e forzas químicas, físicas ou fisiolóxicas e é incapaz de explicar os procesos superiores do espírito.

O home aparece como a síntese de infinita variedade de formas, como se fose a causa final da creación, a entelequia do universo. O mesmo principio que preside a harmonía corpórea, preside igualmente a súa vida espiritual. A unidade de principio lévanos á concepción monística da realidade antropolóxica.

Para Armesto non hai separación entre espírito e materia, senón que están unidos intimamente no home, necesarios dun só principio. O home é un ser indivisible: ten por baseamento a animalidade e por natureza a razón. Por iso, o home non pode ser só espírito senón sensación, sentimento, intelixencia e vontade.

A liberdade non é exclusiva do espírito así como non o é a fatalidade do corpo. A fatalidade dáse en ambos. No home, esta fatalidade organízase e equilíbrase baixo unha forza, que é a verdadeira unidade do ser. A liberdade entón non é exclusiva do espírito puro senón que é o mesmo home en canto que como ser sintético se ergue sobre o dobre fatalismo da natureza e o espírito. Así a liberdade convértese en lei e aspiración constante da historia da humanidade.

Ademais da propiedade fundamental da liberdade, considera como características exclusivas do home a conciencia e a personalidade. Para esta definición de personalidade Armesto segue a teoría de Proudhon (con influencias de René Descartes, V. Cousin e Guillermo Tiberghien) en tanto que considera que esta é a integración de distintos elementos: a vontade, o sentimento, o pensamento e a razón.

Conciencia e coñecementoEditar

Ademais da personalidade e a liberdade, Armesto considera a conciencia como propiedade constitutiva do home. A conciencia expresa ó coñecemento dun coñecemento; sempre indica un saber de algo.[Cómpre referencia]

A definición de conciencia en xeralEditar

A conciencia para Armesto é o eu percibíndose no fenómeno, en canto unidade indivisible, idéntica e activa; percepción que a análise descubre no fondo de todo feito psicolóxico, e afirmando a súa existencia como ser pensante.[Cómpre referencia]

Funcións intelectuaisEditar

Considérase que Armesto é, na lóxica e na doutrina da ciencia, kantiano; no referido ó valor obxectivo do coñecemento é hegeliano. Quere, desde Hegel, superar o dualismo e antinomías kantianas. Seguindo o pensamento de Immanuel Kant, reitera que en todo coñecemento hai que distinguir a materia e a forma. Establece a diferencia entre sensacións afectivas (simples modificacións do suxeito) e sensacións representativas, que constitúen a verdadeira materia do coñecemento. A partir de aquí comezan as funcións intelectuais, articuladas sucesivamente en percepción (sensibilidade) e entendemento e razón. A percepción inicia a función intelectual, elemento básico que supón doutro elemento básico previo. Sobre esta variedade de elementos dispares actúa o espírito, que as reduce á unidade da imaxe -a imaxe sen ser puramente subxectiva tampouco existe na realidade como tal imaxe-. O eu percibe unha imaxe que representa un obxecto real pero non directamente o obxecto, interpóndose o simulacro que a imaxinación forma con motivo da sensación. Armesto afirma, como Kant, que o espazo e o tempo non son realidades absolutas; son relacións que existen entre as cousas con independencia do modo de percibilas. A diferencia de Kant, considera que espazo e tempo non son intuicións puras a priori, senón que necesitan da experiencia (neste erro funda toda a súa escéptica).

O entendemento por outra banda é a verdadeira función científica do espírito. A imaxinación sintetiza os elementos da experiencia (imaxe). O entendemento sintetiza as percepcións sensibles reducíndoas á unidade de idea ou noción. As ideas reciben a súa forma do entendemento e toman o seu contido da experiencia.

A razón é a facultade superior da intelixencia e nela debemos buscar a orixe dos conceptos e xuízos que constitúen o obxecto da metafísica. A razón sintetiza as ideas do entendementos reducíndoas á unidade superior do concepto.

Os graos do coñecementoEditar

Armesto distingue entre os conceptos racionais e as ideas do entendemento: os primeiros non poden ser representados nin determinados mentres que as segundas si poden. Neste senso pretende corrixir a Kant no que atinxe á valoración obxectiva das ideas como pensables mais non coñecibles. Está en desacordo tamén na definición de categoría e a distinción fenómeno/noúmeno. Armesto considera o universo é enteiro e é a manifestación progresiva dun só principio -idea-. Por conseguinte entre a intelixencia e o intelixible hai unha necesaria identidade de leis que nos garanten o coñecemento obxectivo. A demostración desta identidade non se pode acadar fóra do sistema. Así, critica as categorías en tanto que estas ademais de ser determinación xerais do coñecemento, designan propiedades comúns das cousas. Igualmente nega a dicotomía fenómeno/noúmeno.

O cosmos e o progresoEditar

Indalecio considera que o Cosmos non era un agregado artificial ou unha suma, senón un organismo vivo e coherente. Deste xeito, o mundo constituiría un Ser infinito dado a través do raciocinio e non da experiencia. Pola inmanencia da infinidade, aparece unha autosuficiencia que elimina a necesidade dunha creación ex nihilo.

Así mesmo, o Ser infinito que é o cosmos non resolve as contradicións como a de liberdade/necesidade senón que mantén aberta unha loita dialéctica, unha tensión patente (inclusive harmónica) de contrarios.

O progreso ocorre como un proceso levado a cabo pola Idea, que actúa como motor mais non se ve afectada por aquel. Se ben o cosmos é un Ser infinito, o que hai de infinito é a perfección dos individuos; a cantidade de especies a seren creadas constitúen un número limitado. Malia á aparente separación dos individuos, todos están suxeitos ao proceso da evolución por medio da reprodución e transmisión xenética.

Cómpre destacar que Indalecio acepta as ideas evolucionistas mais con reparos. As teorías de Jean-Baptiste Lamarck e de Charles Darwin teñen certo grao de verdade, mais non chegan para explicar o conxunto da natureza. Isto ocorre debido á supervivencia de especies inferiores e desaparición de especies superiores. Pola súa banda, o filósofo defende que a Idea é o motor da evolución que guía as especies cara os fins que deben realizar, ou acadar.

A cuestión de DeusEditar

Indalecio define a Deus como o Ser perfecto, un Ideal supremo, en clara contraposición aos seres imperfectos. Agora ben, Deus non é unha creación arbitraria do home senón que existe virtualmente no Cosmos como unha tendencia que non pode chegar nunca á realidade. Deste xeito, o Cosmos é infinito pero non perfecto; está enfocado a buscar unha perfección inacabable.

Deus, o ser perfecto, é infinito porque carece de límite e de negación; universal porque comprende na súa unidade tódalas esencias que se revelan no mundo; e inmutable porque é perfecto desde a eternidade e no caso de cambiar só podería facelo para facerse imperfecto.

Con todo, Deus é, pero non existe. Isto é porque en canto Ideal, como a mesma palabra está a indicar, exclúe a existencia. Real e Ideal non corresponden a dous tipos de seres independentes entre si, senón que son dúas esferas distintas dun principio único que aspira á súa perfección absoluta.

Sendo Deus un ser puramente ideal, xorde a pregunta da moral. Para Indalecio, a moral non ten orixe de Deus, senón da realidade anímica (verdadeira forza interior) que impulsa ao individuo cara á realización do Ideal, cara ao cumprimento do deber, cara á implantación da Xustiza. Así, o supremo ben e a felicidade do individuo consiste no seguimento desta verdadeira forza interior; o ser humano perfeccionase sen chegar a conseguilo na súa vida terreal mais coa tranquilidade de conciencia a causa de seguir a lei moral.

En canto á relixión, Indalecio entende dúas dimensións da relixión. Por unha banda, a relixión é unha forma transitoria, condenada a desaparecer diante da ciencia mesma, que tamén é perfectible e que a substituirá sen se expor ás inevitables consecuencias da fe, da intolerancia e do inmobilismo. Por outra banda, a relixión é unha dimensión necesaria e perenne do espírito humano cuxo obxecto é o mesmo que o obxecto da filosofía.

Recepción e influencia posteriorEditar

Indalecio Armesto Cobián deixaba tras del unha longa obra publicada, a meirande parte dela, na prensa diaria e en revistas de divulgación e folletíns. A pesar de todo, a figura de Indalecio Armesto segue a ser esquecida e silenciada, e parte da súa obra atópase inédita, difícil de identificar ó aparecer sen firma en xornais e revistas.

Pola súa magnitude e densidade destaca a obra Discusiones sobre la Metafísica, publicada no ano 1878, que tivo a maior resonancia no ámbito da filosofía. A maioría das avaliacións filosóficas son testemuñas de admiración e de recoñecemento, por filósofos e amigos, galegos e de ámbito estatal. Entre outros, foi encomiado por Manuel de la Revilla, Emilio Castelar ou Nicolás Salmerón.

A obra Discusiones sobre la Metafísica tamén tivo críticas negativas por motivos relixiosos. Sobre todo destacan tres avaliacións condenatorias, a de Juan Sieiro, a de Octavio Lois e a crítica de Miguel Payá y Rico, o Arcebispo de Santiago, que apareceu nun Boletín Oficial ós seis meses da aparición da obra. As tres avaliacións constatadas na Galicia do seu tempo subliñan un punto considerado escandaloso, a afirmación na obra de que «Dios era, pero no existía». É considerado «el escándalo de Dios», porque era unha doutrina contraria ao dogma católico do tempo.

A avaliación de Manuel de la Revilla considérase a fonte de inspiración de posteriores recensións críticas. Afirma a non-vinculación directa de Armesto a ningunha escola dogmática e destaca a adopción de certos principios ou teses da «escola crítica», da filosofía alamana e da filosofía francesa, é dicir, as influencias do kantismo, hegelianismo e do positivismo na obra de Armesto. Estas pautas serán seguidas, con variantes mínimas, polas posteriores apreciacións críticas, que encárganse nesta liña de interpretación de kantismo-hegelianismo-positivismo.

En 1991, Xosé Luis Barreiro Barreiro publicou unha monografía sobre a vida de Indalecio Armesto, coa que recuperou a súa obra e figura na actualidade, dándolle unha nova dimensión e presencia a nivel científico e filosófico. O escrito de Xosé Luis Barreiro Barreiro, Indalecio Armesto. Filósofo, republicano, masón, consiste nun estudio profundo, que combina a investigación da xénese e a emerxencia do pensamento de Armesto co contexto cultural, científico e político do tempo, en Galicia e España. Tamén é relevante a publicación, no ano 1993, da obra principal de Armesto, Discusiones sobre la Metafísica, a partir dun orixinal, da man de Xosé Luis Barreiro Barreiro, a través do servizo de publicacións e intercambio científico da Universidade de Santiago de Compostela.

ObrasEditar

EnsaioEditar

  • Discusiones sobre la Metafísica, 1878.

NarrativaEditar

  • Ella, su padre y yo.
  • Armando de C.
  • La serenata de Shubert.
  • Vivir llorando.

BibliografíaEditar

  • Barreiro Barreiro, J. L. (1991). Indalecio Armesto: filósofo, republicano, masón. Santiago de Compostela: Universidade. ISBN 84-7191-708-4. 
  • Armesto Cobián, I. J. (1993). Discusiones sobre la Metafísica. Santiago de Compostela: Universidade. ISBN 84-7191-968-0. 

Ligazóns externasEditar


Predecesor:
Ramón de la Maza
  
Presidente da Deputación de Pontevedra
 
1868 - 1869
Sucesor:
Vicente Lobit