Abrir o menú principal

Hipólito Otero

médico e político galego

Hipólito Otero Maquieira, nado en Riobó (A Estrada) o 10 de febreiro de 1811[1] e finado en Ribadulla en agosto de 1885[2], foi un médico e político galego.

Hipólito Otero
Hipolito otero retrato.jpg
Retrato de Hipólito Otero Maquieira en 1854.
Nacemento10 de febreiro de 1811
 Riobó
Falecemento1885
 Riobó
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmédico e político
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Cuarto fillo de Cristovo Vicente Otero Pazos (xuíz en Tabeirós) e María do Carme Maquieira Pazos, donos do Pazo da Mota, en Riobó. Foi irmán do alcalde da Estrada, Estevo Manuel Otero Maquieira.

Foi alumno do Real Colexio de Medicina e Cirurxía de San Carlos, onde se fixo doutor. Nas eleccións celebradas o 2 de outubro de 1836, foi elixido deputado ao Congreso pola provincia de Pontevedra, cargo que desempeñou entre o 8 de decembro deste ano e o 4 de novembro de 1837. Durante este mandato adheriuse á progresista Constitución española de 1837, aínda que non puido xurala. Baixo a presidencia de Vicente Alsina Selisis, foi desde o 25 de setembro de 1840 vice-secretario da Xunta Central Gobernativa de Galicia[3], proclamada en Santiago tras a chegada ao poder de Baldomero Espartero, que pouco despois quedou reducida a unha Xunta Provisional Gobernativa da Provincia da Coruña.

Volveuse presentar ás eleccións do 1 de febreiro de 1841 polas provincias da Coruña e Pontevedra, resultando elixido polas dúas. Decantouse por a acta pontevedresa, ficando como suplente na coruñesa, e desempeñou este novo mandato entre o 24 de marzo de 1841 (que xurou catro días despois) e o 3 de xaneiro de 1843. Entre tanto, participou notablemente na política municipal de Santiago de Compostela da man de Pío Rodríguez Terrazo, sendo nomeado en 1841 Comandante da súa Milicia Nacional[4]. Tamén dirixiu o xornal compostelán La Situación de Galicia (25 de outubro de 1842 a 27 de febreiro de 1843), fundado polo propio Rodríguez Terrazo. Unha vez máis, presentouse ás eleccións do devandito 27 de febreiro, nas que tamén resultou elixido polos distritos da Coruña e de Pontevedra, volvendo a decantarse por esta última acta, que ostentou entre o 24 de abril (xurou o día 30) e o 26 de maio do mesmo ano. Foi alcalde de Santiago de Compostela como presidente da Xunta de Goberno a principios de xullo de 1843, sendo substituído por Pío Rodríguez Terrazo.

Estando en Lugo, proclamouse o 15 de xullo do mesmo ano a Xunta Central de Galicia, do que Hipólito Otero resultou elixido secretario[5] baixo a presidencia de José Arias de la Torre, en primeiro lugar, e de José María Suances[6], despois. Este organismo resultou como reacción á rexencia de Espartero, que acabou por dimitir e exiliarse tras o pronunciamento de Ramón María Narváez. O 1 de agosto de 1843 foi elixido Xefe político en comisión (é dicir, gobernador civil) da provincia da Coruña, substituíndo ao Marqués de Casa Pizarro. Desenvolveu este cometido ata 3 de setembro en que chegou un mandato polo que foi substituído por Francisco Moreno, quen finalmente non chegou a tomar posesión e foi á súa vez substituído polo Intendente Subdelegado de Rendas da provincia, José Sandino Miranda. Por derradeira vez, foi elixido deputado suplente a Cortes por Pontevedra nas eleccións do 4 de outubro de 1854. Por renuncia do deputado electo, Manuel Bertemati, desempeñou o cargo entre o 6 de febreiro deste ano e o 2 de setembro de 1856. Durante a Revolución de 1868, que destronou a Isabel II, formou parte como vogal da Xunta Revolucionaria da Coruña, proclamada o 30 de setembro baixo a presidencia de Juan Manuel Pereira de Castro[7][8]. Ao seguinte ano, proclamouse o 7 de xuño a nova Xunta provincial da Coruña da que Otero, quen daquela era deputado provincial da Coruña, pasou tamén a formar parte como vogal baixo a presidencia de Mariano del Castillo Jiménez (Gobernador-presidente)[9]. En 1871 consta que ocupaba o posto de vice-presidente da Comisión de Estatística da provincia da Coruña, dentro do Ministerio de Fomento[10].


Predecesor:
?
  
Alcalde de Santiago
 
1843
Sucesor:
Pío Rodríguez Terrazo
Predecesor:
Andrés Garrido
  
Presidente da deputación da Coruña
 
1868 - 1871
Sucesor:
Ramón Martelo Núñez

NotasEditar

  1. BÉRTOLO BALLESTEROS, José Manuel: Pazo da Mota, páxina 291. Foi bautizado ao día seguinte. Non obstante, segundo a correspondente ficha do Congreso dos Deputados, naceu o 13 de xuño de 1811.
  2. La Voz de Galicia, 18-8-1885, p. 3.
  3. El Eco del Comercio, de Madrid, de 2-10-1840, p. 1.
  4. COLMEIRO, Manuel: Ecsámen [sic] crítico del manifiesto del Ayuntamiento Constitucional de Santiago en 1841, de la Contrata... y de sus resultados económicos; Santiago, 1842, p. 19.
  5. Boletín Oficial de la Provincia de Orense, de 18-7-1843, pp. 2 e 3.
  6. Boletín Oficial de la Provincia de Orense, de 29-7-1843, p. 5.
  7. Boletín Oficial de la Provincia de Logroño, de 1-10-1868, p. 2.
  8. La Correspondencia de España, de Madrid, de 10-10-1868, p. 2.
  9. El Eco de Santiago, de 7-4-1904, p.1, nun artigo de Francisco Tettamancy.
  10. Guía de Forasteros en Madrid, de 1871, p. 756.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Bértolo Ballesteros, José Manuel (2012). "Pazo da Mota" (PDF). A Estrada: Miscelánea histórica e cultural (15): 283–306. Consultado o 23 de novembro de 2014. 

Ligazóns externasEditar