Abrir o menú principal

Guillerme V de Orange-Nassau

Guillerme V de Orange-Nassau (en neerlandés: Willem V van Oranje-Nassau), nado o 8 de marzo de 1748 na cidade surholandesa da Haia e finado o 9 de abril de 1806 na localidade baixosaxoa de Brunswick, membro da casa de Orange-Nassau, príncipe de Nassau-Dietz, príncipe de Orange, príncipe de Fulda e conde de Corvey, foi o derradeiro estatúder das Provincias Unidas, entre 1751 e 1795.[1]

Guillerme V de Orange-Nassau
Willem V van Oranje-Nassau
Príncipe de Orange
WillemV.png
Estatúder das Provincias Unidas
PredecesorGuillerme IV de Orange-Nassau
SucesorGuillerme I dos Países Baixos

Nome completoWillem V Batavus van Oranje-Nassau
Nacemento8 de marzo de 1748
A Haia, Provincias Unidas dos Países Baixos
Falecemento9 de abril de 1806 (58 anos)
Brunswick, Baixa Saxonia
Casa realCasa de Orange-Nassau
ProxenitoresGuillerme IV de Orange-Nassau
Ana de Hannover

Escudo de Guillerme V de Orange-Nassau

XenealoxíaEditar

 
Guillerme V e Guillermina de Prusia cos seus fillos

Guillerme V era fillo de Guillerme IV de Orange-Nassau (1711-1751), príncipe de Nassau-Dietz e de Orange-Nassau, e de Ana de Hannover (1709-1759), princesa real de Gran Bretaña e Irlanda, e rexente das Provincias Unidas (1751-1759).[2]

O 4 de outubro de 1767 casou en Berlín con Guillermina de Prusia (1751-1820), sobriña de Federico II, irmá de Federico Guillerme II e neta de Federico Guillerme I de Prusia.

Deste matrimonio naceron cinco fillos:

TraxectoriaEditar

Rexencia e nomeamento como estatúterEditar

O pai de Guillerme V de Orange-Nassau faleceu en 1751, cando el tiña unha idade de tres anos. En 1766, ao cumprir a maioría de idade, converteuse no novo estatúder das Provincias Unidas logo dun período de rexencia encabezado, sucesivamente, pola súa nai, Ana de Hannover (1751-1759), a súa bisavoa, María Luísa de Hesse-Kassel (1759-1765), e a súa irmá, Carolina de Orange-Nassau (1765-1766).

Desde o principio, Guillerme V confiou os asuntos políticos ao duque Luís Ernesto de Brunswick-Wolfenbüttel, cuñado do rei Federico II de Prusia, o que ocasionou unha vehemente oposición do partido patriota. O duque de Brunswick foi quen promoveu o casamento do estatúder coa sobriña do monarca prusiano, Guillermina de Prusia.

Relacións internacionaisEditar

Guillerme V mantivo a neutralidade das Provincias Unidas durante a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, liderando a facción probritánica do Goberno holandés e bloqueando os intentos da facción prorevolucionaria (e posteriormente profrancesa) de levar o goberno a declarar a guerra a Gran Bretaña. No entanto, non foi quen de evitar as hostilidades entre holandeses e británicos cando o intento das Provincias Unidas de unírense á Liga de Neutralidade Armada, dirixida por Rusia, provocou o estoupido da cuarta guerra anglo-holandesa, en 1780.[3][4] As Provincias Unidas non recoñeceron a independencia dos Estados Unidos ata 1782, logo dun intenso debate político e dun esforzo diplomático de franceses e estadounidenses.

Despois de catro anos, a guerra terminou coa derrota holandesa e co país empobrecido. Un grupo de xente nova revolucionaria chamado "facción dos patriotas" desafiou a autoridade de Guillerme V.[5] Ante os tumultos, Guillerme decidiu trasladar a súa corte a Güeldres, unha provincia arredada do centro político, pero non realizou accións decisivas contra os seus adversarios, malia as advertencias da súa esposa, Guillermina, que pretendía viaxar á Haia e restablecer a orde. Guillermina foi detida polos patriotas e obrigada a regresar a Güeldres co seu home. Para Guillermina e o seu irmán, Federico Guillerme II de Prusia, esta acción dos revolucionarios holandeses constituíu un insulto, e Federico enviou un exército prusiano para atacar os disidentes. Os patriotas holandeses fuxiron daquela a Francia, á que chegaron durante a caída do rei Luís XVI e o ascenso do "poder do pobo". Guillerme V amosouse hostil ante a Revolución Francesa e aliouse co resto das monarquías europeas para deter os revolucionarios.

Apoiados polo exército francés, os "patriotas" holandeses regresaron desde París para estender a revolución. Derrotadas as tropas leais ao estatúder na actual Bélxica, o seu país sufriu a conseguinte invasión francesa.

Exilio en Gran BretañaEditar

 
Caricatura en The Orangerie (1796), que representa a Guillerme V no exilio como un Cupido indolente durmindo en bolsas de diñeiro, rodeado de mulleres embarazadas

Ao non poder repeler a invasión, o 12 de xaneiro de 1795 fuxiu a Inglaterra, entanto que no seu país se establecía, baixo a protección francesa, a República Bátava.[6][7] Desde Inglaterra deu instrucións para que as colonias holandesas (que daquela incluían Xava, Malaca e as illas Molucas) fosen cedidas aos británicos e non caesen nas mans francesas.

En 1801, mediante o Tratado de Lunéville, que legalizou a anexión do sur das antigas Provincias Unidas por Francia, recibiu en compensación as terras das abadías de Corvey e Fulda, en Alemaña, que legou ao seu fillo en 1802.

O que foi o derradeiro estatúter holandés morreu durante o seu exilio en 1806, logo de trasladarse coa súa familia á cidade de Brunswick, actualmente en Alemaña. Os seus restos descansan na cripta real da familia Orange-Nassau na Igrexa Nova de Delft.[8]

En 1813 o seu fillo Guillerme regresou ás Provincias Unidas para lle devolver á Casa de Orange-Nassau o poder e, co tempo, asumir o título de rei dos Países Baixos.[9]

TítulosEditar

NotasEditar

  1. "Willem V van Oranje-Nassau (1748-1806)". En AbsoluteFacts.nl (en neerlandés)
  2. Xenealoxía de Guillerme V de Orange-Nassau (en castelán)
  3. "Texto da declaración rusa de neutralidade armada (1780)" (en inglés)
  4. "League of Armed Neutrality" (en inglés)
  5. Schama, Simon. Patriots and Liberators. Revolution in the Netherlands 1780-1813. Vintage Books. 1992 [ISBN 978-0679729495] (en inglés)
  6. Israel (1995), Páxina 1.121.
  7. "Batavian Republic". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
  8. "Cripta Real". Na web oficial da Igrexa Nova de Delft (en castelán)
  9. "William V Prince of Orange and Nasssau". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Herbert H. Rowen. The Princes of Orange: The Stadholders in the Dutch Republic. Cambridge, Cambridge University Press, 1988. [ISBN 978-0-52134-525-5] (en inglés)
  • Israel, Jonathan I. The Dutch Republic: Its Rise, Greatness, and Fall 1477-1806, 1998. Clarendon Press. 1995 [ISBN 978-0-19820-734-4] (en inglés)

Ligazóns externasEditar