Gran Depresión

crise económica mundial do século XX
(Redirección desde «Gran depresión»)

A Gran Depresión, tamén chamada Crise de 1929, foi unha gran recesión económica que tivo inicio en 1929, e que persistiu ao longo da década de 1930, terminando coa chegada da segunda guerra mundial.[1] A Gran Depresión é considerada a peor e o máis longo período de recesión económica do século XX. Este período de recesión económica causou altas taxas de desemprego, caídas drásticas do produto interior bruto de diversos países, así como caídas drásticas na produción industrial, nos prezos de accións, e en practicamente todo medidor de actividade económica, en diversos países do mundo.[2]

A fotografía Migrant Mother, unha das fotos americanas máis famosas da década de 1930, mostrando a Florence Owens Thompson, nai de sete fillos, de 32 anos de idade, en Nipono, California, marzo de 1936, na procura dun emprego ou de axuda social para sustentar a súa familia. O seu marido perdera o seu emprego en 1931, e morrera no mesmo ano.

O día 29 de outubro de 1929 é considerado popularmente o comezo da Gran Depresión. Porén, as taxas na caída da produción industrial americana xa comezaran a caer a partir de xullo do mesmo ano, causando un período de leve recesión económica que se estendeu até o 29 de outubro, cando valores de accións na bolsa de valores de Nova York, a New York Stock Exchange, caeron drasticamente no chamado crac da Bolsa de Nova York, desencadeando o Xoves Negro.[2] Así, milleiros de accionistas perderon, literalmente, da noite ao día, grandes sumas de diñeiro. Moitos perderon todo o que tiñan. Esta quebra na bolsa de valores de Nova York empeorou drasticamente os efectos da recesión xa existente, causando unha gran deflación e caída nas taxas de venda de produtos, que á súa vez obrigaron ao peche de moitas empresas comerciais e industriais, elevando así drasticamente as taxas de desemprego.[3]

Os efectos da Gran Depresión foron sentidos no mundo enteiro. Estes efectos, aínda que a súa intensidade, variaron segundo o país. Outros países, alén dos Estados Unidos, que foron duramente castigados pola Gran Depresión foron Alemaña, Australia, Francia, Italia, o Reino Unido e especialmente o Canadá. No entanto, en certos países pouco industrializados nesa época, como a Arxentina e o Brasil, a Gran Depresión acelerou o proceso de industrialización.[4]

Os efectos negativos da Gran Depresión atinxiron o seu cumio nos Estados Unidos en 1933. Neste ano, o Presidente americano Franklin Delano Roosevelt aprobou unha serie de medidas coñecidas como New Deal. Esas políticas económicas, adoptadas case asemade por Roosevelt nos Estados Unidos e por Hjalmar Schaact na Alemaña nazi foron, 3 anos máis tarde, racionalizadas por Keynes na súa obra clásica.[5]

O New Deal, xuntamente con programas de axuda social realizados por todos os estados americanos, axudaron a minimizar os efectos da Depresión a partir de 1933. A maioría dos países atinxidos pola Gran Depresión pasaron a recuperarse economicamente a partir de entón. Nalgúns países, a Gran Depresión foi un dos factores primarios que axudaron á ascensión de réximes de extrema-dereita, como os nazis comandados por Adolf Hitler en Alemaña. O inicio da segunda guerra mundial terminou con calquera efecto remanescente da Gran Depresión nos principais países afectados.

 
Venres negro, 9 de maio de 1873, bolsa de Viena, que estivo seguido dun pánico económico e unha depresión prolongada.

O termo "A Gran Depresión" atribúese, polo xeral, ao economista británico Lionel Robbins, que o recollía no seu libro The Great Depression[6] (1934). Aínda que se adoita atribuír a popularización do termo a Hoover,[6][7] o certo é que xa o empregara outra xente anteriormente, con usos tales como "a depresión económica non se pode solucionar con accións lexislativas ou ditames executivos" (discurso no congreso estadounidense en decembro de 1930) e "non necesito contarlle que o mundo está a pasar por unha gran depresión" (1931).

O termo "depresión" para referirse a unha recesión económica data do século XIX, cando o utilizaron diversos economistas e políticos, tanto británicos coma estadounidenses. De feito, a primeira gran crise estadounidense, o pánico de 1819, foi descrita polo presidente James Monroe como "unha depresión",[6] e na última crises anterior á Gran Depresión, a depresión de 1920–21, recibiu ese nome de "depresión" polo daquelas presidente Calvin Coolidge.

As crises financeiras recibiron tradicionalmente o nome de "pánicos",como o Pánico de 1907, ou o pánico de 1910–1911, a pesar de que a crise de 1929 recibiu o nome de "Crac", e o termo "pánico" caeu en desuso dende entón. Na época da Gran Depresión, xa se viñera utilizando ese termo anteriormente para se referir ao período dende 1873 a 1896 no Reino Unido, e tamén ao período de 1873 a 1879 nos Estados Unidos, que posteriormente se renomearía como Depresión prolongada.[6]

Causas da Gran Depresión

editar

Economistas, historiadores e científicos políticos crearon diversas teorías para a causa, ou causas, da Gran Depresión, cun sorprendente pouco consenso. A Gran Depresión permanece como un dos eventos máis estudados da historia da economía mundial. Teorías primarias inclúen a quebra da bolsa de valores de 1929, a decisión de Winston Churchill de facer que o Reino Unido pasase a empregar novamente o patrón ouro en 1925, que causou unha masiva deflación no Imperio Británico, o colapso do comercio internacional, a aprobación da Lei da Tarifa Smoot-Hawley, que aumentou os impostos de preto de 20 mil produtos no país, a política da Reserva Federal dos Estados Unidos de América, e outras influencias.[3][8]

Segundo teorías baseadas na economía capitalista concéntranse na relación entre produción, consumo e crédito, estudado pola macro-economía, e en incentivos e decisións persoais, estudado pola micro-economía. Estas teorías están feitas para ordenar a secuencia dos eventos que causaron eventualmente a implosión do sistema monetario do mundo industrializado e as súas relacións de comercio. Teorías baseadas na economía marxista concéntranse na relación do control da produción e da concentración de renda. Para os marxistas, a Gran Depresión é o tipo de crise á que o capitalismo é vulnerable, e sucesos deste tipo non son sorprendentes.[9]

Foron creadas outras teorías heterodoxas sobre a Gran Depresión, que gradualmente comezaron a gañar credibilidade. Estas teorías inclúen a teoría da actividade de longo ciclo e que a Gran Depresión foi un período na intersección da crista de diversos longos e concorrentes ciclos.[10]

Máis recentemente, unha da teoría máis aceptadas entre economistas é que a Gran Depresión non foi causada primariamente pola quebra das bolsas de valores de 1929, alegando que diversos sinais na economía americana, nos meses, e mesmo anos, que precederon á Gran Depresión, indicaban que esta crise estaba xa en camiño nos Estados Unidos e Europa. Actualmente, a teoría máis en voga entre os economistas é a de Peter Temin. Segundo Temin, a Gran Depresión foi causada pola política monetaria desastrosamente mal planeada pola Reserva Monetaria dos Estados Unidos de América, nos anos que precederon á Gran Depresión. A política de reducir as reservas monetarias foi unha tentativa de reducir unha suposta inflación, o que de feito soamente agravou o principal problema na economía americana da época, que non era a inflación, senón a deflación.[11]

Creba na Bolsa de Valores de Nova York

editar
Artigo principal: Xoves Negro.

O 24 de outubro de 1929, os prezos estabilizáronse ao longo do final de semana, para caeren drasticamente novamente o luns, 28 de outubro. Moitos accionistas comezaron a ter pánico. Preto de 16,4 millóns de accións entraron subitamente á venda o martes, 29 de outubro, día actualmente coñecido como Martes Negro. O exceso de accións á venda e a falta de compradores fixeron que os prezos destas acción caese preto do 80%. Con isto, milleiros de persoas perderon grandes sumas de diñeiro. Os prezos destas accións continuarían a flutuar, caendo gradualmente nos seguintes tres anos. Os milleiros de persoas que tiñan todas as súas riquezas en forma de accións eventualmente perderon todo o que tiñan.[12]

A súbita creba da Bolsa de Valores de Nova York causou grande incerteza entre a poboación americana, en canto ao futuro do país. Moitos decidiron cortar gastos superfluos. Outras persoas, aquelas que compraran produtos a través de empréstitos e prestacións, reduciron aínda máis os seus gastos, e así poder economizar cartos para efectuaren os seus pagamentos. A súbita queda nas vendas do sector comercial americano estendeu a recesión ao sector industrial e comercial dos Estados Unidos.

As altas taxas de xuros dos Estados Unidos foron un dos factores que espallaron a Gran Depresión a Europa. Os países europeos (especialmente aqueles que se utilizaban do padrón ouro para manteren un troco fixo cos Estados Unidos) foron obrigados a aumentaren drasticamente as súas propias taxas de xuros, o que levou á redución de gastos por parte dos comerciantes e habitantes destes países, e levou á caída na produción industrial destes.

A economía dos Estados Unidos de América entrou nunha fase de gran recesión económica que perduraría até 1933. Durante este período, milleiros de estabelecementos bancarios, financeiros, comerciais e industriais foron pechados. Outros foron obrigados a despediren parte dos seus traballadores e/ou a reduciren salarios en xeral.[13]

A Gran Depresión nos Estados Unidos de América

editar
 
A Gran Depresión causou pobreza xeral nos Estados Unidos e en diversos países do mundo. Familia desempregada, vivindo en condicións miserables, en Elm Grove, California, Estados Unidos.

Coa creba da Bolsa de Valores de Nova York de 1929, bancos e investidores perderon grandes cantidades de cartos. A situación dos bancos era agravada polo feito de que moitos destes bancos emprestaran grandes sumas de diñeiro a facendeiros. Após o inicio da Gran Depresión, con todo, estes facendeiros tornáronse incapaces de pagaren as súas débedas. Isto, á súa vez, causou a caída das ganancias destas institucións financeiras. Persoas que se servían de bancos, temendo unha posible bancarrota destas, tiraron os seus fondos destes bancos. Así, varias institucións bancarias foron pechadas. O total de institucións bancarias pechadas durante a década de 1920 e de 1930 foi de 14 mil.

O 17 de maio de 1930, o goberno dos Estados Unidos aprobou unha lei, a Lei Tarifaria Smoot-Hawley, que aumentaba as tarifas alfandegueiras en preto de 20 mil produtos imperecedoiros estranxeiros. O Presidente americano Herbert Hoover pedira ao Congreso dos Estados Unidos de América unha diminución nos impostos, mais o Congreso, ao contrario disto, votou a favor do aumento dos impostos. Un manifesto, asinado por mil economistas, pediu ao presidente americano rexeitar este aumento. A pesar disto, Hoover asinou a Lei o 17 de maio. O Congreso e o Presidente pensaban que isto iría reducir a competitividade de produtos estranxeiros no país. Porén, outros países reaccionaran a través da aprobación de leis e actos semellantes, causando unha caída súbita nas exportacións americanas. As taxas de desemprego subiron de 9% en 1930 a 16% en 1931, e 25% en 1933. Durante a década de 1930, a taxa de desemprego nos Estados Unidos non retornaría máis ás taxas de 9% de 1930, manténdose ó redor do 20%.[14]

Co crecente fechamento de institucións bancarias, menos fondos estaban dispoñibles no mercado americano, facendo que a caída na produción industrial americana continuase a caer. En 1929, o valor total dos produtos industrializados fabricados nos Estados Unidos foi de 104 billóns de dólares. En 1933, este valor caera a 56 billóns, unha caída de aproximadamente o 45%. A produción de aceiro caeu preto do 61%, entre 1929 e 1933, e a produción de automóbiles caeu preto do 70% no mesmo período.[15]

1933 foi o ápice da Gran Depresión nos Estados Unidos de América. As taxas de desemprego eran do 25% (ou un cuarto de toda a forza de traballo americana). Preto do 30% dos traballadores que continuaron nos seus empregos foron obrigados a aceptaren reducións nos seus salarios, aínda que gran parte dos traballadores empregados tiveron un aumento nos seus salarios por hora. Outro problema enfrontado foi a gran deflación - caída do prezo dos produtos e custo de vida en xeral. Entre 1929 e 1933, os prezos dos produtos industrializados imperecedoiros en xeral nos Estados Unidos caeron preto do 25%. O prezo de produtos agropecuarios caeu en preto do 50%, por causa do excedente da produción destes produtos - primariamente trigo. A cantidade destes produtos á venda excedía facilmente a demanda, o que causou unha baixada dos prezos destes produtos. Os baixos prezos levaron ao endebedamento de moitos destes facendeiros.

Combate á Gran Depresión e a fin da recesión nos EUA

editar
Artigo principal: New Deal.

O Presidente americano Herbert Hoover acreditaba que o comercio, se non era supervisado polo goberno, iría eventualmente minimizar os efectos da recesión económica. Eventualmente, Hoover pensaba, a economía dos Estados Unidos iría a se recuperar, sen que a intervención do goberno americano na economía do país fose necesaria. Hoover rexeitou diversas leis aprobadas polo Congreso, alegando que daban demasiados poderes ao goberno americano.

Hoover tamén pensaba que os gobernos dos estados americanos deberían axudar aos necesitados. Moitos destes estados, así e todo, non tiñan fondos suficientes para tal. Sendo así, Hoover propuxo a creación dun órgano gobernamental, o Reconstruction Finance Corportation (Corporación de Reconstrución Financeira), ou RFC, en 1932. Este órgano sería responsable de proporcionar algunha axuda financeira a empresas e institucións comerciais e industriais chave, como bancos, ferrovías e grandes empresas, acreditando que a bancarrota destas institucións agravaría o efecto da Gran Depresión. No final de 1932, as eleccións presidenciais americanas foron realizadas. Os dous principais candidatos foron Hoover e Franklin Delano Roosevelt. Moitos estadounidenses pensaban que Hoover fora o principal causante da recesión, ou que pouco fixera para solucionar esta recesión. Roosevelt saíu vencedor da elección, tornándose Presidente dos Estados Unidos o 4 de marzo de 1933.

Roosevelt, ao contrario que Hoover, pensaba que o goberno americano era o principal responsable para loitar contra os efectos da Gran Depresión. Nunha sesión lexislativa especial, sesión coñecida como Hundred Days ("Cen Días"), Roosevelt, xuntamente co congreso americano, crearon e aprobaron unha serie de leis que, por insistencia do propio Roosevelt, foron nomeadas como New Deal ("Novo Acordo"). Estas leis fornecerían a axuda social ás familias e persoas que o necesitasen, proporcionarían empregos a través de parcerías entre o goberno, empresas e os consumidores, e reformou o sistema económico e gobernamental americano, para evitar que unha recesión ocorrese no futuro.[16]

 
Fila de familias agardando por axuda financeira. Diversos programas de axuda social foron ceados polo goberno dos Estados Unidos a partir de 1933.

Diversas axencias gobernamentais foron creadas para administraren os programas de axuda social. A máis importante delas foi a Federal Agency Relief Administration, creada en 1933, que sería responsable do fornecemento de fondos aos gobernos estatais, para que estes os empregasen en programas de axuda social. Outros órganos gobernamentais semellantes foron creados coa intención de fondear, administrar e empregar traballadores na área da construción de aeroportos, escolas, hospitais, pontes e encoros. Estes proxectos federais deron millóns de empregos aos necesitados, aínda que as taxas de desemprego continuasen a ser altas durante toda a década de 1930.

Outros órganos creáronse coa intención de administraren programas de recuperación, como a Agricultural Adjustment Administration, creada en 1933 co obxectivo de regulamentar a produción de produtos agropecuarios. Outro órgano semellante foi a National Recovery Administration, creada en 1933, que estableceu salarios mínimos e límites na carga horaria de traballo. Esta última axencia, malia todo, foi fechada a mando do Congreso, en 1935, por estimular pouco o comercio americano.

Por último, outros órganos federais foron creados co obxectivo de vixiaren as reformas en emprego e finanzas. O Federal Deposit Insurance Corporation foi creado en 1933 co obxectivo de promover as transaccións e o comercio bancario. O Securities and Exchange Commission, creado en 1934, pretendía regular o comercio de bolsa de valores e evitar que accionistas comprasen accións que o órgano considerase "perigosas". O National Labor Relations Board foi creado en 1935, coa intención de regular sindicatos, e de protexer os traballadores e os seus dereitos.[17]

O New Deal axudou a minimizar os efectos da Gran Depresión nos Estados Unidos de América. A economía americana gradualmente, pero lentamente, pasou a se recuperar, desde 1933. O goberno americano tamén diminuíu as tarifas alfandegueiras en certos produtos estranxeiros, estimulando así o comercio doméstico. Ao longo da década de 1930, os Estados Unidos gradualmente abandonaron o uso do patrón ouro, decidindo fortalecer a moeda nacional, o dólar, o que tamén axudou na recuperación da economía americana.

Porén, a pesar dos programas gobernamentais creados co obxectivo de reducir o desemprego, preto do 15% da forza de traballo americana continuaba desempregada en 1940. Foi necesario a entrada do país na segunda guerra mundial para que as taxas de desemprego caesen aos niveis de 1930, de 9%. A entrada do país na guerra acabou cos efectos negativos da Gran Depresión, a produción industrial americana medrou notablemente, e as taxas de desemprego caeron. No final da guerra, apenas o 1% da forza de traballo americana estaba desempregada. Preto do final da guerra, os Estados Unidos e todos os outros 44 países Aliados asinaron o que é coñecido como os Acordos de Bretton Woods, coa intención de evitaren no futuro unha nova crise monetaria e económica da escala da Gran Depresión.

A Gran Depresión noutros países

editar

A Gran Depresión causou unha gran recesión económica en diversos outros países do mundo. En moitos destes países, a recesión provocada pola Gran Depresión xerou efectos similares aos dos Estados Unidos na economía destes países, como o pechamento de milleiros de establecementos bancarios, financeiros, comerciais e industriais, e o despedimento de milleiros de traballadores.

Os efectos da Gran Depresión en varios países víronse agravados pola Lei Tarifaria Smoot-Hawley, unha lei americana introducida en 1930, que aumentaba os impostos a preto de 20 mil produtos imperecedoiros estranxeiros, o que causou a aprobación de leis semellantes noutros países, reducindo drasticamente as exportacións e o comercio internacional.[18]

A gran maioría dos partidos políticos, se non todos, prometían retirar o país (ou unha provincia/estado) da recesión.

A vida durante a Gran Depresión

editar
 
O desemprego fixo que millóns de persoas, inclusive familias enteiras, ficasen á intemperie, especialmente nos Estados Unidos e no Canadá. Aquí, unha familia sen teito de sete persoas, camiñando en Brawley, no condado de Imperial (California).

A maior parte da poboación dos países máis afectados pola Gran Depresión cortaron todo e calquera tipo de gasto considerado superfluo, agravando os efectos da recesión na economía destes países.

Por mor da Gran Depresión, millóns de persoas nas cidades perderon os seus empregos, nos países máis atinxidos pola recesión. Sen fonte de renda, estas persoas non tiñan como se sustentaren a si mesmos e ás súas familias. A desnutrición tornouse común entre a poboación dos países máis afectados.

Moita xente perdeu o seu fogar debido ás débedas. Algúns se mudaron a favelas preto das cidades, outros viaxaban por diversas cidades nos vagóns dos trens.

Non todos sufriron igualmente a Gran Depresión. As persoas que conseguiron manter os seus empregos, a pesar de que a maioría vise reducido o seu salario de cortes, a deflación fixo que os prezos de produtos en xeral caesen considerablemente.[19]

Por outra banda, moitos afroamericanos nos Estados Unidos non conseguían emprego, especialmente no sur americano, por causa da discriminación racial. Os empregos eran dados primariamente aos brancos. Mulleres con familias que sustentar dificilmente atopaban empregos, dado que a prioridade era dada a traballadores do sexo masculino.

 
Hooverville en Oregón, EUA.

Grupos étnicos minoritarios - especialmente inmigrantes - dos países máis atinxidos pasaron a ser discriminados pola poboación dos países máis afectados. Estes grupos étnicos eran discriminados porque, na visión de varias persoas dos países afectados pola Gran Depresión, estes grupos étnicos competían coa "poboación nativa". Isto, aliado á forte recesión económica da década de 1930, fixo que as taxas de inmigración caesen sensiblemente no Canadá e nos Estados Unidos.[20]

Legado

editar

Após a fin da Gran Depresión, moitos dos países máis severamente afectados pasaron a fornecer maior asistencia social e económica aos necesitados. Por exemplo, o New Deal daba ao goberno americano maior poder para fornecer esta axuda para estes necesitados, así como para apousentados.

A Gran Depresión xerou grandes mudanzas na política económica en varios dos países envolvidos. Anteriormente á Gran Depresión, por exemplo, o goberno dos Estados Unidos de América pouco interviña na economía do país. Executivos financeiros e grandes magnates comerciantes eran vistos como líderes nacionais. A Gran Depresión, porén, mudou as actitudes de diversas persoas en relación ao comercio. Moitos pasaron a favorecer o maior control da economía do país por parte do goberno.

  1. John A. Garraty, The Great Depression (1986)
  2. 2,0 2,1 Charles Duhigg, "Depression, You Say? Check Those Safety Nets", New York Times, 23 de marzo do 2008
  3. 3,0 3,1 Frank, Robert H.; Bernanke, Ben S. (2007). Principles of Macroeconomics (terceira ed.). Boston: McGraw-Hill/Irwin. p. 98. ISBN 0-07-319397-6. 
  4. "World Economic Survey 1932–33". League of Nations (en inglés): 43. 
  5. "Commodity Data". US Bureau of Labor Statistics. Consultado o 30 de novembro de 2011. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 When Did the Great Depression Receive Its Name? (And Who Named It?), 16 de febreiro de 2009, por Noah Mendel, History News Network
  7. The Glory and the Dream: A Narrative History of America, 1932–1972, William Manchester
  8. Economics focus: The Great Depression Arquivado 11 de decembro de 2008 en Wayback Machine. The Economist
  9. Cochrane, Willard W. (1958). "Farm Prices, Myth and Reality" (en inglés): 15. 
  10. Klein, Lawrence R. (1947). "The Keynesian Revolution" (en inglés). New York: Macmillan: 56–58, 169, 177–79. ; Rosenof, Theodore (1997). Economics in the Long Run: New Deal Theorists and Their Legacies, 1933–1993. Chapel Hill: University of North Carolina Press. ISBN 0-8078-2315-5. 
  11. Hamilton, James (1987). "Monetary Factors in the Great Depression". Journal of Monetary Economics (en inglés) 19 (2): 145–169. doi:10.1016/0304-3932(87)90045-6. 
  12. "The World in Depression". Mount Holyoke College. Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2008. Consultado o 22 de maio de 2008. 
  13. Fisher, Irving (October 1933). "The Debt-Deflation Theory of Great Depressions". Econometrica (en inglés) (The Econometric Society) 1 (4): 337–357. JSTOR 1907327. doi:10.2307/1907327. 
  14. "Bank Failures". Living History Farm. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2009. Consultado o 22 de maio de 2008. 
  15. Is today's economic crisis another Great Depression?, By John Waggoner, USA TODAY, 11/3/2008
  16. Bernanke, Ben S (June 1983). "Non-Monetary Effects of the Financial Crisis in the Propagation of the Great Depression". The American Economic Review (en inglés) (The American Economic Association) 73 (3): 257–276. JSTOR 1808111. 
  17. Mishkin, Fredric (December 1978). "The Household Balance and the Great Depression". Journal of Economic History (en inglés) 38 (04): 918–37. doi:10.1017/S0022050700087167. 
  18. Fletcher, T. W. (1961). "The Great Depression of English Agriculture 1873–1896". The Economic History Review (Blackwell Publishing) 13 (3): 417–432. JSTOR 2599512. doi:10.2307/2599512. 
  19. Krugman, Paul (20 de marzo de 2009). "The Great Recession versus the Great Depression". The New York Times. 
  20. Lahart, Justin (28 de xullo de 2009). "The Great Recession: A Downturn Sized Up". The Wall Street Journal. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Hayek, Friedrich A. von. Contra Keynes e Cambridge. Unión, Madrid, 1996. ISBN 84-7209-308-5
  • Johnson, Paul M. A History of the American People. Harper Perennial, 1999. ISBN 0-06-093034-9
  • Purvis, Thomas L. A Dictionary of American History. Blackwell Publishers, 1997. ISBN 1-57718-099-2
  • Feinstein. Charles H. The European economy between the wars (1997)
  • Friedman, Milton e Anna Jacobson Schwartz. A Monetary History of the United States, 1867–1960 (1963), monetarist interpretation (heavily statistical)
  • John Kenneth Galbraith, The Great Crash, 1929 (1954), popular
  • Garraty, John A., The Great Depression: An Inquiry into the causes, course, and Consequences of the Worldwide Depression of the Nineteen-Thirties, as Seen by Contemporaries and in Light of History (1986)
  • Garraty John A. Unemployment in History (1978)
  • Garside, William R. Capitalism in crisis: international responses to the Great Depression (1993)
  • Goldston, Robert, The Great Depression: The United States in the Thirties (1968)
  • Haberler, Gottfried. The world economy, money, and the great depression 1919–1939 (1976)
  • Hall Thomas E. e J. David Ferguson. The Great Depression: An International Disaster of Perverse Economic Policies (1998)
  • Kaiser, David E. Economic diplomacy and the origins of the Second World War: Germany, Britain, France and Eastern Europe, 1930–1939 (1980)
  • Kehoe, Timothy J. e Edward C. Prescott, eds. Great Depressions of the Twentieth Century (2007), essays by econists on US, Britain, France, Germany, Italy and on tariffs; statistical
  • Kindleberger, Charles P. The World in Depression, 1929–1939 (terceira ed. 2013)

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar