Caldeirón tropical

especie de cetáceo da familia dos delfínidos
(Redirección desde «Globicephala macrorhynchus»)

O caldeirón tropical[4][5], Globicephala macrorhynchus Gray, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, subfamilia dos globicefalinos.

Caldeirón tropical
Globicephala macrorhynchus

Comparación co tamaño dun humano
Comparación co tamaño dun humano

Estado de conservación
DD [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Globicephalinae
Xénero: Globicephala
Especie: G. macrorhynchus
Nome binomial
Globicephala macrorhynchus
Gray, 1846 [2]
Mapa de distribución do caldeirón tropical
Mapa de distribución do caldeirón tropical

Mapa de distribución do caldeirón tropical
Sinonimia
Referencia:[3]
  • Globicephala brachypterus Cope, 1876
  • Globicephala scammonii Cope, 1869
  • Globicephala sieboldii Gray, 1846

Canda o caldeirón común (Globicephala melas) integra o xénero Globicephala.

Características editar

As principais características corporais do caldeirón tropical son:

  • Corpo relativamente repoludo, pero alongado, que se vai facendo máis repoludo coa idade.[6]
    O tamaño é de entre 6 e 6,7 m de lonxitude nos machos e de 5 a 5,5 m nas femias,[7] alcanzando pesos, nos adultos, de entre 1 a 4 t. As crías miden ao nacer de 140 a 190 cm, e pesan uns 60 kg.[5][6]
  • Cabeza arredondada e bulbosa, máis pronunciada nos machos, especialmente nos vellos.
    A boca, sen bico, é pequena e está inclinada cara a arriba; está armada con pequenos dentes cilíndricos (entre 14 e 18) rematados en punta en cada hemimandíbula.[6]
  • Aleta dorsal de posición moi adiantada, base moi ancha e de forma triangular, variábel segundo os espécimes, o sexo e a idade, co extremo arredondado e o bordo posterior cóncavo.
    As aletas pectorais son longas (pero menos que as do seu conxénere o caldeirón común), delgadas, en forma de fouciño e rematadas en punta, cun cóbado máis ou menos marcado no bordo anterior, e situadas preto da cabeza.
    O pedúnculo caudal é groso, rematado nunha aleta caudal cos lobos triangulares, rematados en punta e cos bordos posteriores cóncavos, separados por unha fendedura central ben marcada.[6]
  • Coloración do corpo negra acibeche ou gris lousa escura, cunha estreita banda de cor gris máis clara a case branca que vai, en diagonal, desde o ollo até a base da aleta dorsal. Presentan unha mancha de cor branca agrisada, en forma de W, na gorxa.
    Os inmaturos son de cor máis clara.[6]

Distribución e poboación editar

Distribución editar

 
Globicephala macrorhynchus. Pode verse moi ben o espiráculo, e tamén a banda clara que vai desde o ollo até a base da aleta dorsal.

O caldeirón tropical é unha especie de ampla distribución por todas as augas tropicais e subtropicais dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, aínda que non se coñece o ámbito exacto debido a que en moitos informes se producen confusións coa do caldeirón común, que é moi semellante e coa que coincide en numerosos lugares, pero é máis tropical que este último.[6]

Prefiren as augas profundas, pero ás veces se encontra tamén no bordo das plataformas continentais.[5]

Ademais, esta entidade taxonómica trátase usualmente como unha única especie, aínda que hai algunhas probas de que pode ser un complexo de dúas ou máis especies (ou, polo menos, de varias subespecies). Por exemplo, hai dúas formas xeográficas fronte ás costas do Xapón, ao norte e ao sur, que difiren na súa morfoloxía externa e na cranial.[8]

Poboación editar

Existen diversas estimacións da abundancia da especie para varias áreas xeográficas. A subpoboación do norte do Xapón estímase entre 4 000 e 5 000 individuos, mentres que a forma meridional, que é máis numerosa, cóidase que comprende preto de 14 000 animais. Hai ao redor de 589 000 individuos no Pacífico tropical leste, e 304 estimados en augas da costa oeste. En augas hawaianas, estímase que viven preto de 8 846 individuos, mentres que no golfo de México hai polo menos 2 388 animais, e 31 139 no Atlántico norte occidental.[7]

A súa presenza en augas próximas a Galicia é accidental,[5] aínda que o límite setentrional da súa área de distribución no Atlántico nororiental pode fixarse na Estaca de Bares, e non é raro ver grupos desorientados que varan nas praias do país, como os que se produciron en outubro de 2013.[9][10]

Bioloxía editar

Comportamento editar

Desprázase en grupos de entre 10 a 30 animais, cunha estrutura social formada por femias coas súas crías.[5]

 
Caldeiróns tropicais nadando entre as illas de Tenerife e La Gomera.
 
Sopro dun caldeirón tropical.

Moi raramente pódense ver agrupacións de varios centos de individuos.[6] Ás veces vense mandas enteiras que parecen flotar á deriva, amosándose amistosas cos barcos. En ocasións pódense ver caldeiróns tropicais golpeando a auga coa aleta caudal, ou emerxendo a cabeza para observar. Poden practicar surf, pero raramente saltan.[6]

Comunícanse entre si mediante vocalizacións, e probabelmente utilizan a ecolocalización para cazar as súas presas en augas profundas.[7]

Viven en grupos cohesionados que son guiados por un só líder, posíbel razón pola cal ocorren ás veces varamentos masivos. Son moi sociábeis, podéndose ver frecuentemente en compaña doutros delfínidos, especialmente arroaces.[7] Polo xeral son nómades, pero sen migracións fixas, aínda que algúns desprazamentos cara ao norte están relacionados co alimento ou con incursións de augas cálidas.[6]

Alimentación editar

Aliméntanse case sempre de noite, facendo inmersións que poden durar até 10 min ou máis. O seu principal alimento está constituído por cefalópodos e pequenos peixes.[6]

Reprodución editar

Os labores de crianza son compartidos por todo o grupo, e teñen un sistema polígamo no que as femias se reproducen con intervalos de 3 a 10 anos. Estas alcanzan a madurez sexual aos 9 anos de idade, cando miden uns 3 m de lonxitude, mentres que os machos a acadan entre os 12 e os 16 anos, medindo entre 4 e 5 m. A xestación dura entre 15 e 16 meses, e as femias paren entre os meses de abril e outubro.[5][7]

Ameazas editar

Caza editar

O caldeirón tropical foi explotado durante séculos no Pacífico noroccidental. As capturas máis grandes tiveron lugar recentemente no Xapón, onde se capturaron varios centos de exemplares anuais. Nos últimos anos, a forma meridional continúa cazándose máis que a forma setentrional. En 1982 reanudouse a pesca en Taiji, ampliándose a caza da forma do norte en Sanriku e Hokkaido. Entre 1982 e 1985, cazáronse 1 755 caldeiróns da forma do sur, e 519 da forma do norte. Entre 1985 e 1989, o Xapón cazou un total de 2 326 caldeiróns tropicais, e só no ano 1997, 347.[11]

Unha pequena pesca, activa intermitentemente, cazou ao redor de 220 caldeiróns tropicais ao ano en San Vicente, e hai informes doutra pequena pesca en Santa Lucía,[12] pero non hai datos fiábeis destas cacerías do Caribe. A especie tamén se caza en Indonesia e Sri Lanka, e tampouco se presentaron informes periódicos dos niveis de captura.

Dolar et al. informaron sobre a caza de mamíferos mariños nas Visayas centrais e meridionais, no norte de Mindanao e en Palawan (Filipinas). Cazadores de catro dos sete portos pesqueiros investigados cazaban os cetáceos para engado ou para consumo humano. Alí cázanse a man con arpóns ou, cada vez máis, con arpóns modificados, mediante fusís. Ao redor de 800 cetáceos cázanse anualmente polos cazadores nos lugares investigados, sobre todo durante o período entre as precipitacións monzónicas. A carne dos caldeiróns e outros golfiños consómese ou véndese nos mercados locais, e algúns cranios límpanse e véndense como curiosidades. Aínda que a caza foi prohibida en decembro de 1992, isto non permitiu que cesase totalmente a caza de baleas e golfiños, pero parece que diminuíu a venda de carne abertamente nos mercados.[13][14]

En augas do Atlántico dos Estados Unidos, captúranse incidentalmente caldeiróns de ambas as especies en varias pescarías.[15] (Olson e Reilly, 2002). Por outra parte, con base en datos preliminares, estímase que na pesca de luras en augas do sur de California capturáronse 30 caldeiróns tropicais nun ano. Na pesca con redes de deriva, en California, entre 1993 e 1995, capturáronse unha media duns 20 individuos ao ano desta especie,[12] e unha media de 4 individuos/ano mátanse na pesca de palangre en Hawai.[16] Tales interaccións tamén se rexistraron no océano Índico tropical occidental (datos aínda non publicados). Por outra banda, no océano Pacífico aproximadamente morren anualmente entre 350 e 750 individuos de Globicephala macrorhynchus en redes de deriva e trampas xaponesas,[12] e un número indeterminado perecen nas redes de deriva peláxicas de Taiwán oriental.

 
Un investigador do Laboratorio Mariño da Universidade de Duke, aplica un D-TAG [17] a un caldeirón tropical en augas da costa de Kona, Hawai, para estudar os efectos do son no seu comportamento.

As causas máis comúns de mortes de cetáceos causadas por humanos observadas en augas de Porto Rico e as Illas Virxes Estadounidenses e británicas foron por capturas accidentais e por quedaren os animais enredados, seguidas polas debidas a disparos e as feridas polo lanzamento de arpóns.[18]

Contaminación sonora editar

Esta especie, o mesmo que ocorre cos golfiños, é probábel que sexa vulnerábel a sons fortes antropoxénicos, como os xerados polos sonares navais e de exploración sísmica. Aínda que a miúdo se carece de evidencias concluíntes de causa e efecto, os varamentos de caldeiróns foron espacial e temporalmente asociados con altos niveis de sons antropoxénicos.[19]

En Taiwán e áreas adxacentes, unha serie de infrecuentes varamentos de caldeiróns tropicais coincidiu con exercicios militares a grande escala en 2004, aínda que se descoñece se estes varamentos estaban relacionados con ditos exercicios.[20]

Cambio climático editar

Os impactos previstos do cambio climático global no medio mariño poden afectar aos caldeiróns tropicais, aínda que a natureza dos impactos é incerta.[21]

Estado actual editar

En 2008 o caldeirón tropical foi catalogado na Lista vermella da UICN como "DD" (datos insuficientes) debido a que non existe claridade na súa clasificación taxonómica, como se apuntou anteriormente, e en razón ás ameazas que se citaron máis arriba.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (2008): Globicephala macrorhynchus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2010.3.
  2. Globicephala macrorhynchus Gray, 1846 no ITIS.
  3. Wlison & Reeder (eds.) (2005): Globicephala macrorhynchus en Mammal Species of the World. 3ª ed. Johns Hopkins University Press.
  4. Daviña Facal, Luís (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 734. ISBN 84-95335-46-8
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Díaz da Silva e Cartelle (2007), pp. 118-119.
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 Carwardine, M. (1995), pp. 148-149.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Globicephala macrorhynchus Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. en Centro de Conservación Cetacea (CCC). Chile.
  8. Rice, D. W. (1998): Marine Mammals of the World: Systematics and Distribution. Society for Marine Mammalogy, Lawrence, Kansas.
  9. Varan 22 calderones en la playa del Porto de Bares, en Mañón La Voz de Galicia. 8 de outubro de 2013.
  10. Estaca, el Finisterre del calderón tropical La Voz de Galicia, 9 de outubro de 2013.
  11. Olson, P. A. and Reilly, S. B. (2002): "Pilot whales Globicephala melas and G. macrorhynchus". En: W. F. Perrin, B. Wursig and J. G. M. Thewissen (eds), Encyclopedia of Marine Mammals, pp. 898-903. Academic Press.
  12. 12,0 12,1 12,2 Bernard, H. J. and Reilly, S. B. (1999): "Pilot whales Globicephala Lesson, 1828. En: S. H. Ridgway and R. Harrison (eds.) Handbook of marine mammals, Vol. 6: The second book of dolphins and the porpoises, pp. 245-279. San Diego:Acdemic Press.
  13. Dolar, M. L. L. (1994): "Incidental takes of small cetaceans in fisheries in Palawan, Central Visayas and northern Mindanao in the Philippines". Reports of the International Whaling Commission 15: 355-363.
  14. Dolar, M. L. L., Perrin, W. F., Taylor, B. L., Kooyman, G. L. and Alava, M. N. R. (2006): "Abundance and distributional ecology of cetaceans in the central Philippines". Journal of Cetacean Research and Management 8 (1): 93-112.
  15. Olson, P. A. and Reilly, S. B. (2002): "Pilot whales Globicephala melas and G. macrorhynchus". En: W. F. Perrin, B. Wursig and J. G. M. Thewissen (eds.) Encyclopedia of Marine Mammals, pp. 898-903. Academic Press.
  16. Forney, K. A. and Kobayashi, D. (2005): "Updated estimates of mortality and injury of cetaceans in the Hawaii-based longline fishery, 1994-2004". Southwest Fisheries Science Center, National Marine Fisheries Service, La Jolla, CA, USA.
  17. Un D-TAG é unha gravación acústica dixital utlizada para o estudo do compotamento dos mamíferos mariños.
  18. Mignucci-Giannoni, A. A., Pinto-Rodríguez, R., Velasco-Escudero, M., Montoya-Ospina, R. A., Jiménez-Marrero, N. M., Rodríguez-López, M. A., Williams, E. H. and Odell, D. K. (1999): "Cetaceans strandings in Puerto Rico and the Virgin Islands". Journal of Cetacean Research and Management 1 (2): 191-198.
  19. Hohn, A. A., Rotstein, D. S., Harms, C. A. and Southall, B. L. (2006): "Multispecies mass stranding of pilot whales (Globicephala macrorhynchus), minke whale (Balaenoptera acutorostrata), and dwarf sperm whales (Kogia sima) in North Carolina on 15-16 January 2005". NOAA Technical Memorandum NMFS SEFSC 537: 222.
  20. Wang, J. Y. and Yang, S. C. (2006): "Unusual cetacean stranding events of Taiwan in 2004 and 2005". Journal of Cetacean Research and Management 8: 283-292.
  21. Learmonth, J. A., Macleod, C. D., Santos, M. B., Pierce, G. J., Crick, H. Q. P. and Robinson, R. A. (2006): "Potential effects of climate change on marine mammals". Oceanography and Marine Biology: An Annual Review 44: 431-464.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar