Xemelgos (constelación)
- Para ver referencias ó signo zodiacal ir a: Xémini (astroloxía)
- Para ver referencias ó programa espacial tripulado ir a: programa Gemini
Xémini[1] ou Xemelgos[2] (do latín: Gemini; símbolo , Unicode ♊) é a terceira constelación do zodíaco, e atópase a uns trinta graos ó noroeste de Orión. William Herschel descobreu Urano preto de η Geminorum no 1781, e Clyde Tombaugh fixo o propio con Plutón preto de δ Geminorum.
Gemini | |
---|---|
Nome latino | Gemini |
Abreviatura | Gem |
Xenitivo | Geminorum |
Simboloxía | Os Xemelgos |
Ascensión recta | 7 h |
Declinación | 20° |
Área | 514 graos cadrados
Rango 30º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
4 |
Estrela máis brillante | Pólux (β Gem)
(magnitude ap. 1.1) |
Choiva de meteoros | |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre +90° e −60°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de febreiro | |
Estrelas principais
editar- α Geminorum (Cástor) é a segunda estrela máis brillante da constelación (magnitude visual 1,58). Dase a circunstancia de que Cástor é en realidade un sistema de seis estrelas (sistema estelar múltiple), só visibles con telescopios potentes.
- β Geminorum (Pólux), a estrela máis luminosa da constelación (magnitude 1,16), xigante de cor laranxa a 36 anos luz de nós.
- γ Geminorum (Alhena), a terceira máis brillante con magnitude 1.93, unha binaria espectroscópica formada por unha subxigante branca acompañada dunha anana amarela.
- δ Geminorum (Wasat), sistema binario cunha estrela amarela e outra laranxa, pódese ver este sistema binario cun pequeno telescopio.
- ε Geminorum (Mebsuta), que se atopa na perna dereita de Cástor.
- ζ Geminorum (Mekbuda), estrela variable cunha magnitude que oscila entre 3,7 e 4,2 nun período de dez días.
- η Geminorum (Tejat Prior), sistema estelar onde a estrela principal é unha variable semirregular cunha magnitude oscila entre 3,2 e 3,9.
- μ Geminorum (Tejat Posterior), a cuarta máis brillante con magnitude 2,87, xigante vermella e variable irregular. Interesante para observación visual ou con prismáticos.
- ξ Geminorum (Alzir), de magnitude 3,35, unha subxigante amarela a 57 anos luz.
- σ Geminorum, estrela variable RS Canum Venaticorum.
- 1 Geminorum, sistema estelar múltiple de magnitude 4,15 que marca a posición do solsticio de verán.
- 37 Geminorum, anana amarela idéntica ó Sol que está sendo obxecto de grande interese por se existe vida no seu redor.
- U Geminorum, arquetipo dun tipo de estrela variable, as novas ananas.
- TU Geminorum, estrela de carbono dunha cor vermella intensa.
- HD 59686, xigante laranxa cun planeta ó redor.
- Geminga, pulsar que emite raios gamma e raios X; pénsase que poden se-los restos dunha supernova que estourou hai uns 300.000 anos.
Obxectos notables do espazo profundo
editar- Cúmulo aberto M35 ou NGC 2168, facilmente visible con prismáticos: a través de calquera telescopio aparece formado por unha gran cantidade de estrelas de brillo medio.
- Moi preto de M35 e en claro contraste co mesmo, o cúmulo NGC 2158, moito máis antigo e distante.
- Cúmulo aberto NGC 2420, 4º ó leste de Wasat (δ Geminorum).
Ademais en Xémini hai varias nebulosas interesantes, entre as que destacan:
- NGC 2392, Cara de Pallaso ou Nebulosa Esquimó, de magnitude 10 cunha brillante estrela central.
- A pequena nebulosa planetaria NGC 2371.
- Abell 21 ou Nebulosa Medusa, nebulosa planetaria grande e antiga, de 5 arcmin de diámetro.
- IC 443, nebulosa difusa remanente dunha supernova, preto de Tejat Prior (η Geminorum).
Mitoloxía
editarNa mitoloxía grega, os xemelgos son Cástor e Polideuco (Pólux para os romanos). Naceron dun ovo que puso Leda, a raíña de Esparta, despois de copular con Zeus convertido en cisne. Cástor, o mortal, era fillo do rei Tíndaro; o inmortal Polideuco era fillo de Zeus.
Ambos participaron en varias fazañas colectivas: na cacería do xabarín de Calidón e na viaxe dos Argonautas, entre outras.
Os xemelgos tiveron unha disputa cós seus primos Idas e Linceo. Idas asasinou a Cástor cunha lanza, ós que Polideuco, malia as súas feridas, respondeu matando a Linceo. Zeus interveu e matou a Idas. Polideuco rexeitou a súa condición de inmortal se non podía compartila con Cástor. Por isto Zeus colocounos entre as constelacións.
Visualización gráfica
editarAs estrelas da constelación de Xémini poden ser conectadas dun xeito alternativo, tal como amosa o gráfico, amosando a dous xemelgos collidos da man.
O xemelgo da dereita é Castor, onde a súa estrela máis brillante é alpha Geminorum (máis comunmente coñecida coma Castor), é de segunda magnitude, e representa a cabeza de Castor. O xemelgo da esquerda é Pollux, a súa estrela máis brillante é beta Geminorum (máis coñecida coma Pollux), é de primeira magnitude, e representa a cabeza de Pollux.
O torso de Pollux é representado pola estrela upsilon Geminorum, a man dereita de Pollux é representada por iota Geminorum, e a man esquerda por kappa Geminorum: as tres estrelas de cuarta magnitude.
A pelve de Pollux é a estrela delta Geminorum, o xeonllo dereito de Pollux é zeta Geminorum, e o pé dereito é gamma Geminorum, o xeonllo esquerdo de Pollux está representado pola estrela lambda Geminorum, e o pé por xi Geminorum. Gamma Geminorum é de segunda magnitude, delta e xi Geminorum son de terceira.
O torso de Castor está representado pola estrela tau Geminorum, a man esquerda por iota Geminorum (que é compartida con Pollux), e a man dereita é theta Geminorum: as tres estrelas son de cuarta magnitude.
A pelve de Castor está representada pola estrela epsilon Geminorum, o pé esquerdo por nu Geminorum, e o pé dereito por mu Geminorum e eta Geminorum: epsilon, mu, e eta Geminorum son de cuarta magnitude.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xémini.
- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xemelgos |