Orión (constelación)
Orión,[1] o cazador, é unha constelación prominente, quizais a máis coñecida do ceo. As súas estrelas brillantes e visibles dende ambos hemisferios en inverno fan que esta constelación sexa recoñecida universalmente.
Orion | |
---|---|
Nome latino | Orion |
Abreviatura | Ori |
Xenitivo | Orionis |
Simboloxía | Orión |
Ascensión recta | 5 h |
Declinación | 5° |
Área | 594 graos cadrados
Rango 26º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
8 |
Estrela máis brillante | Rigel (β Orionis)
(magnitude ap. 0,12) |
Choiva de meteoros | |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre +85° e −75°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de xaneiro | |
Orión atópase preto da constelación do río Eridanus e apoiado polos seus dous cans de caza Canis Major e Canis Minor loitando coa constelación de Taurus.
Estrelas principais
editar- α Ori (Betelgeuse), superxigante vermella variable cun brillo que flutúa entre magnitude 0,5 e 1,3. Aínda que Betelgeuse ten a denominación Alpha, Rigel aparece na actualidade coma a máis brillante.
- β Ori (Rigel), con magnitude 0,12 é a estrela máis brillante da constelación. É un sistema estelar triplo onde a súa compoñente principal é unha superxigante azul moi luminosa.
- γ Ori (Bellatrix), a terceira estrela máis brillante da constelación con magnitude 1,64 é unha xigante azul a 240 anos luz. É coñecida tamén coma Estrela Amazona.
- δ Orionis (Mintaka), complexa estrela múltiple a 915 anos luz. Xunto a Alnitak e Alnilam, forman o coñecido cinto de Orión; tamén son coñecidas coma as tres Marías.
- ε Orionis (Alnilam), superxigante azul de magnitude 1,7 que ilumina a nebulosa NGC 1990. É a estrela máis brillante do cinto de Orión.
- ζ Orionis (Alnitak), sistema estelar triplo de magnitude 1,89.
- η Orionis, binaria eclipsante e variable Beta Cephei.
- ι Orionis (Hatysa), xigante azul e binaria espectroscópica cunhas compoñentes que se moven nunha órbita moi excéntrica.
- κ Orionis (Saiph), xunto a Betelgeuse, Rigel e Bellatrix completa o cuadrilátero de Orión.
- λ Orionis (Meissa), estrela binaria onde as súas compoñentes están separadas 4,4 segundos de arco.
- μ Orionis, sistema estelar cuádruplo onde as súas compoñentes están demasiado próximas para ser vistas a través do telescopio.
- π3 Orionis (Tabit), anana amarela a 26,3 anos luz da Terra.
- π4 Orionis, binaria espectroscópica composta por dúas estrelas azuis.
- χ1 Orionis, anana amarela próxima que parece ser moito máis nova co Sol.
- χ2 Orionis, distante superxigante ou hiperxigante 410.000 veces máis luminosa co Sol.
- ψ1 Orionis (25 Orionis), estrela con envoltura, estrela nova con envoltura de magnitude 4,89.
- S Orionis, variable Mira cun brillo que varía entre magnitude 7,2 e 14 ó longo dun período de 414 días.
- U Orionis, variable Mira cun período de 368,3 días. Cando se atopa no seu brillo máximo acada magnitude 4,8.
- W Orionis, estrela de carbono e variable semirregular.
- HD 38858, análogo solar a 50,8 anos luz do Sistema Solar.
- GJ 3379 e Gliese 205, dúas ananas vermellas respectivamente a 17,2 e 18,6 anos luz do Sistema Solar.
Obxectos Notables do espazo profundo
editarO Complexo de Nubes Moleculares de Orión é unha xigantesca estrutura de hidróxeno, po, plasma e estrelas nacentes que abarca a meirande parte da constelación. O complexo situado a unha distancia de 1.500 anos luz da Terra está formado por nebulosas de emisión, nebulosas de reflexión, nebulosas escuras e rexións HII. Destaca especialmente por ser unha rexión de intensa formación estelar e polas extraordinarias nebulosas que a forman:
- M42, a Nebulosa de Orión, unha rexión de intensa formación estelar.
- M43, coñecida coma a Nebulosa de Marian
- M78
- O Bucle Barnard
- NGC 2024, coñecida coma a Nebulosa da Cabeza do Cabalo.
- A Nebulosa IC 434
- NGC 2024 A Nebulosa da Chama
- A Nube Molecular de Orión 1
- A Nube Molecular de Orión 2
Localizando outras estrelas
editarOrión é moi útil para localizar outras estrelas. Estendendo a liña do cinto para o sueste, Sirius (α CMa) pode ser atopada; para o noroeste, Aldebaran (α Tau). Unha liña para o leste atravesando os ombreiros de Orión indican a dirección de Procyon (α CMi). Unha liña a partir de Rigel pasando a través de Betelgeuse apunta para Castor e Pollux (α Gem e β Gem). Adicionalmente, Rigel é parte do Círculo de Inverno. Sirius e Procyon, as cales poden ser atopadas dende Orión trazado liñas, tamén son puntos tanto dentro do Triángulo de Inverno coma do Círculo.[2]
Mitoloxía
editarNa mitoloxía grega, Orión, o gran cazador, fillo de Poseidón (Deus do Mar) e Euriale, era coñecido por liberar o mundo das bestas, e dicíase que era tan alto que podía cruzar o mar camiñando polo leito mariño sen perder pé. Porén, o seu poder, orgullo e prepotencia, convertérono nun ser presumido que afirmaba que ninguén podería derrotalo. Tal arrogancia despertou a ira da Deusa Hera, quen ordenou a Escorpión que o mordera no talón para ferilo de morte. Escorpión mordeulle e Orión matouno co seu garrote. Dende entón ámbolos dous son inimigos e ocupan posicións diametralmente opostas na bóveda celeste: cando Orión sae, Escorpión ocultase.
Noutra versión, Orión foi un xigante que naceu dos ouriños dos deuses Zeus, Poseidón e Hermes. Un día os deuses visitaron a un ancián chamado Hirieo que non podía ter fillos pero desexaba ter un. En agradecemento pola súa hospitalidade concederonlle-lo seu desexo: ouriñaron na pel do boi que tiña comido. Cando remataron dixéronlle que enterrara a pel e que dentro de nove meses tería ó seu fillo. Despois do prazo mencionado naceu un neno que foi chamado Orión en lembranza dos ouriños que o tiñan enxendrado.[3]
Existen máis versións do mito de Orión. Unha delas contase que Orión violara a Mérope, filla de Enopión, por este feito Enopión deixaría cego a Orión. Helios devolveríalle a vista e a continuación Orión converteuse en compañeiro de caza de Artemisa e Leto. Prometeu aniquilar todo animal que existise sobre a terra, polo que Gea enfadouse e fixo nacer un escorpión enorme que trabou a Orión e lle deu morte. Noutra versión foi Artemisa a que lanzou o escorpión contra Orión.[4]
Existe outra tradición que sostiña que Artemisa estaba namorada de Orión, feito que espertou os celos en Apolo, irmán xemelgo de Artemisa. Un día Apolo, vendo a Orión o lonxe, fixo unha aposta coa súa irmá a que non podía atinarlle cunha frecha ó animal (ou a un punto brillante lonxe no océano, noutra versión) que se movía ó lonxe dentro dun bosque (ou moi lonxe no mar). Artemisa lanzou a súa frecha e deu, coma sempre, no branco. Cando foi ver a súa presa, deuse conta de que matara ó seu amado Orión. Foi tan grande a súa tristura, os seus laios e malia que decidiu colocar a Orión no ceo para consolarse.[5]
Outra lenda conta que Orión acosaba ás Pléiades, fillas do titán Atlas, polo que Zeus colocounas no ceo. Aínda parece que, no ceo, Orión continúa perseguindo ás Pléiades.[6]
Orión está representado por un guerreiro alzando o seu arco, a súa espada ou garrote e cubríndose do inimigo cun vélaro ou escudo. Ó seu carón atópanse ós seus cans de caza: Canis Major e Canis Minor.
Na mitoloxía exipcia a constelación de Orion representaba ó deus Osiris.
Orión noutros contextos
editarNa literatura fantástica de J. R. R. Tolkien, Orión é coñecido coma Menelgavor ou Menélmacar e representa xa sexa a Eonwë, heraldo dos deuses, ou a Túrin, un heroe tráxico no libro O Silmarillion.
Notas
editar- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
- ↑ "Orion Constellation". Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2010. Consultado o 23 de outubro de 2008.
- ↑ Ovidio. Fastos v, 499.
- ↑ Eratóstenes. Catasterismos, xxxii.
- ↑ Hixino. Astronomía ii, 34, 3.
- ↑ Hixino. Astronomía ii, 21, 4.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Orión |
Bibliografía
editar- Ian Ridpath e Wil Tirion (2007). Stars and Planets Guide, Collins, Londres. ISBN 978-0-00-725120-9. Princeton University Press, Princeton. ISBN 978-0-691-13556-4.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Map of Orion (en inglés)
- The Deep Photographic Guide to the Constellations: Orion (en inglés)
- Anne Wright's page on Orion Note: Astrological perspective (en inglés)
- Melbourne Planetarium: Orion Sky Tour (en inglés)
- The clickable Orion (en inglés)
- Star Tales – Orion (en inglés)
- Guía Fotográfica de las Constelaciones: Orión (en castelán)
- La constelación de Orión en Astrored. (en castelán)
- La constelación de Orión vista en infrarrojo. Arquivado 10 de xaneiro de 2007 en Wayback Machine. (en castelán)