Galiza Ceive-OLN

organización independentista galega
(Redirección desde «Galiza Ceive»)

Galicia Ceibe-OLN (posteriormente cambiou o nome a Galiza Ceive-OLN) foi unha organización independentista de esquerdas, impulsada orixinalmente polo Partido Galego do Proletariado en 1980 e máis tarde constituída como partido.

Galiza Ceive-OLN
Logo
Tipopartido político
Data de fundación1980
Data de disolución1988
Organización relacionadaExército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive e Loita Armada Revolucionaria
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Orixes

editar

Galicia Ceibe xurdiu en 1979 coma unha plataforma do Partido Galego do Proletariado (PGP) para concorrer ás eleccións municipais de 1979 en Vigo, nas que acadou 1926 votos, o 2,22% do total. A pesar do fracaso en Vigo, o PGP si acadou 3 concelleiros nas listas de Unidade Galega (en Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Vilaboa) e outros 2 en Salvaterra de Miño a través dunha agrupación de electores. En 1980 o PGP decidiu disolverse e converterse en Galicia Ceibe-OLN (GC-OLN).

Primeiros anos

editar

Tras a disolución final do PGP en 1981, GC-OLN ocupou o seu espazo político, defendendo a independencia nacional sen excluír á loita armada. En 1982 foi unha das forzas que deu orixe ó BNG pero deixou a organización na propia Asemblea Constituínte ao se decidir a participación do BNG nas eleccións. O seu voceiro era a revista Espiral. No referendo de autonomía de Galicia de 1980 o partido apoiou tanto a abstención coma o voto negativo[1]. Nas eleccións autonómicas de 1981 GC-OLN presentou unha candidatura pola Provincia de Pontevedra, co obxectivo de utilizar os espazos de propaganda electoral para emitir mensaxes de apoio aos presos galegos. Pouco antes das eleccións o partido anunciou que defendería a abstención e "retirou" a súa candidatura[2], a pesar do cal conseguiu 1.433 votos (o 0,46% do total na Provincia de Pontevedra)[3]. Ese mesmo ano, GC-OLN convocou a súa primeira manifestación independentista no Día da patria galega en Santiago de Compostela, baixo o lema Independencia e Socialismo.

Nas eleccións de 1983 formou xunto ó PCOE e independentes as Candidaturas de Unidade Popular que presentou candidaturas en Vigo e Pontevedra. En consecuencia dos malos resultados acadados, só 814 votos en Vigo e 182 en Pontevedra, Xosé Luís Méndez Ferrín propuxo a finais de ano na VI Asemblea Nacional a autodisolución da organización, o que foi rexeitado pola maioría; parte da militancia abandonou a organización. Nesa Asemblea decidiuse mudar o nome a Galiza Ceive-OLN e adoptar a ortografía reintegracionista, Antón Arias Curto converteuse no líder máis destacado.

editar

En 1986, prodiciuse outra escisión na Unión do Povo Galego (UPG), o chamado Colectivo Comunista 22 de Marzo, que se opuña a que o BNG participase nas eleccións ao Parlamento de Galicia. A escisión deu orixe a un novo partido, denominado Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), liderado por Mariano Abalo, Manuel Caamaño e Xan Carballo, na altura Secretario Xeral da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). A escisión non se culminou até 1987, cando na III Asemblea Nacional do BNG, o PCLN é expulsado polo seu apoio a Herri Batasuna nas eleccións europeas de 1987.

Coa expulsión do PCLN, GC-OLN e outros colectivos independentistas menores, coma os Grupos Independentistas Galegos (GIGa), comezaron un proceso constituínte para unha nova coalición, que se formalizou finalmente en 1988 co nome de Frente Popular Galega (FPG). O PCLN autodisolveuse dentro da FPG pouco despois. Non foi o caso de GC-OLN, que continuou organizada dentro da FPG coma un partido autónomo. As disputas cos ex-membros do PCLN, principalmente no relaccionado co apoio de GC-OLN á loita armada do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), activo desde 1987, xeraron unha profunda división na coalición. A situación rematou coa saída de GC-OLN da FPG só un ano despois da súa creación.

Assembleia do Povo Unido e desaparición

editar

Unha vez fóra da FPG, o apoio ao EGPGC volveuse máis evidente e decidido, até o punto de que se converteu de facto no seu brazo político. En 1989 GC-OLN decidiu autodisolverse nunha nova organización, a Assembleia do Povo Unido (APU), que recolleu a militancia e as ideas de Galiza Ceive-OLN.

  1. "Da viabilidade económica das pequenas naçons [1]". www.primeiralinha.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2020-06-14. 
  2. "Da viabilidade económica das pequenas naçons [1]". www.primeiralinha.org. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2020-06-14. 
  3. "Resultado Elecciones al Parlamento de Galicia 1981 | datoselecciones.com". www.datoselecciones.com. Consultado o 2020-06-14. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar