Pobo fula

(Redirección desde «Fulani»)

Os fula ou fulani (tamén chamados peul ou fulbe) (en fula: Fulɓe), son o pobo nómade máis grande do mundo, cuxa orixe é descoñecida. Espallados pola África occidental, a maioría moran no Sahel, onde, xunto aos hausa, suman arredor de 30 millóns. Atópanse tamén no Malí (1,6 millóns), en Nixeria, en Guinea (1,4 millóns), no Camerún (1,1 millóns), o Senegal (1 millón), o Níxer (950.000), Burkina Faso (550.000), Guinea-Bissau (210.000) e en número menor en Ghana, Mauritania, Serra Leoa, Togo e o Chad. Tamén aparecen no sur de Exipto, Libia e o Sudán. Os fulas non son o grupo maioritario en ningún destes países, agás en Guinea. Son pobos tradicionalmente nómades que pratican o pastoreo. Falan fulfulde ou fula e estiveron entre os primeiros grupos africanos que acolleron o islam.

Pobo fula
Mulleres fula
Poboación
Poboación total:
c  20–25 millóns[1][2]
Rexións principais:
Nixeria Nixeria7 millóns[3]
Guinea Guinea4,7 millóns[4]
Mali Malí2,8 millóns[5]
Níxer Níxer1,5 millóns[6]
Camerún Camerún700 000[3]
Chad Chad128 000[3]
Sudán Sudán90 000[3]
Aspectos culturais
LinguaLingua fula
Relixión Islam
Grupos
relacionados
Hausa, kanuri e toucouleur

Etimoloxía

editar

Os fulani son un dos pobos que máis denominacións recibe. Autodenomínase fulbe (en singular: pullo ou foulah), malia estar moi espallado o nome fulani co que lle chaman os hausa e os pobos do Sáhara, así coma exploradores e etnógrafos de fala inglesa. Tamén é frecuente a denominación fulbe que lles dan os mandé e mais a de peul que lle deron os wolof, a cal adoptaron os exploradores e etnógrafos de fala francesa.

Características físicas

editar

O fula, malia seren clasificados no complexo de pobos sudaneses, non comparten demasiadas características físicas con estes. Xeralmente, teñen a pel de cor caoba clara, a complexión espigada, o nariz recto ou algo curvo (xamais chato), os ollos amendoados e o pelo magro, non tan crecho como as tribos veciñas.

 
Moza da etnia peul ou fulani en Malí.

Téñense estudado moitas hipóteses arredor da orixe desta etnia. Por mor ás citadas características físicas, ademais das manifestacións artísticas, trátase dun pobo mestizo. Moitos consideraron a hipótese dunha orixe afastada do continente africano. Algúns sitúana no sur do Cáucaso, outros no actual Iemen.

Porén, a lingua dos fula clasifícase na rama lingüística de Níxer-Congo —malia agupala outros nas linguas afroasiáticas xunto idiomas achegados coma o hausa ou o bérber—. Así pois, moitos situarían as súas orixes nas marxes do Nilo; outros opinan que este pobo é o resultado dunha mestizaxe entre pobos sudaneses e nómades do Sáhara.

Historia

editar

Os primeiros datos sobre os fula remóntanse ao século IX, cando moraban entre a curva do río Níxer e a conca do Volta Negro. A principios do século XII, por mor da presión islámica (relixión que daquela rexeitaban) fuxiron cara distintas zonas, espallándose deste xeito por toda a África Occidental, mais os seus meirandes focos foron o macizo de Fouta Djallon, o Val do Senegal, Macina e mais a zona que correspondería ao actual norte de Nixeria.

Durante os dous séculos a seguir, ficaron baixo o dominio do Imperio de Malí, até comezaren a rivalidade co nacente Imperio songhay. Logo, os fulani, liderados por Tenguela I, conseguiron a autonomía do Estado de Bundu (localizado na actual Senegambia), a cal lles durou pouco, xa que o Imperio Shongai tivo tanta influencia que estendeu o seu poder até aquelas latitudes, sometendo así a todos os pobos conquistados.

A finais do século XV reagrupáronse de novo no Fouta Djallon, con capital en Timbo, liderados por Koli Tenguela, fillo do anterior, o cal creou a dinastía dos Siratigui e rematou converténdose ao islam. A partir do século XVII, eetenderon o seu territorio por zonas achegadas ao Fouta Djallon e polo Macina, enfrontándose así coas poboacións autóctonas de ditas terras.

Durante os séculos XV e XVII, paácticamente todos os fulani se converteran ao islam, máis concretamente a un movemento relixioso chamado Kadiriya, converténdose así na primeira etnia saheliana en acoller esta relixión. Só durante aqueles séculos chgaron a convivir pacificamente cos hausas nas terras do actual norte de Nixeria, aos cales lles servían coma conselleiros relixiosos.

En Macina, durante o século XVIII, fundouse outro reino fula, con capital en Hamdallayi, cuxa figura estelar foi cheikú Amadú, tamén coñecido coma o Emir dos crentes.

Aínda que sen dúbida algunha, o suceso histórico máis importante protagonizado polos fulani ou peul foi a Xihad fulani, unha campaña militar que libraron contra os seus veciños hausas. Había problemas entrambos por mor de que os hausas tiñan pouca convición no islam, chegando a mesturar ritos musulmáns con prácticas animistas. Os fulani eran moito máis devotos, é máis, tiñan unha figura chamada Usman Dan Fodio. Este atraía a moitos crentes que ollaban escandalizados as prácticas dos xefes hausas e que admiraban o misticismo relixioso de Dan Fodio. Serían estes fieis os que nomearían Comandante dos Crentes e lle acompañarían o 21 de febreiro de 1804 na súa viaxe de Gobir a Gudu, e, rememorando esta semellanza coa héxira musulmá, declarou a xihad rebelándose contra os hausa. Á revolta uníronse súbditos dos hausa que odiaban a estes reis, así coma fulanis nómades non musulmáns (no bando dos hausa). Contodo, a xihad produciu unha alta conciencia islámica no norte do Camerún e serviu de factor unificador para os hausa cos fula.

Contra 1810, os fulani conquistaron o país hausa, espallando así a xihad cara ao leste, o que desembocaría nun imperio creado por Usman Dan Fodio e que se estendía en toda a zona saheliana comprendida entre o Camerún e o Macina, abranguendo a súa capial en Sokoto. De aí que se coñecera co nome de Califato de Sokoto. Puxo en práctica así a súa teoría política, con catro visires con funcións claramente diferenciadas.

Para garantir unha mellor administración do Imperio, Usman dividiuno en dúas partes. A oriental, entregoulla a seu fillo Bello, e a occidental, a seu fillo Abdallah. A unidade imperial foise languidecendo co tempo, e, en 1860 xa non ficaba pegada ningunha desta unidade. A desaparición deste reino consagraría que os fulani se ciscasen por gran parte do continente africano.

Os fula na actualidade

editar

Senegambia

editar

Os fulani do Senegal e de Gambia moran na súa maioría na zona central do país.

Malí e Guinea

editar

En Malí moran principalmente no gran delta interior do río Níxer, na rexión de Mopti. En Guinea moran principalmente na rexión de Fouta-Djallon. No proceso de descolonización os fulani formaron un propio partido político, pero co xurdimento do Partido Democrático de Guinea, de Ahmed Seku Touré, aquel perdeu gran parte do seu poder.

Camerún

editar

Os fulani do Camerún moran na parte setrentrional do país, que conquistaron durante a xihad do século XIX. Foron influentes durante o período colonial e, trala independencia en 1960, apoiaron ao presidente do Camerún, Ajmadú Ajidyo. Coa dimisión de Ajidyo, en 1982, reduciuse a influencia social, económica e política dos fula.

Níxer, Burkina Faso e Guinea-Bissau

editar

A meirande parte dos peul que moran en Níxer emigraron a este país dende Nixeria durante o período colonial. Viven principalmente ao longo do río Níxer. En Burkina Faso concéntranse no norte e no leste, e en Guinea-Bissau moran unha extensa rexión entre as cidades de Gabú e Bafatá.

Xeito de vida

editar
 
Mulleres fulanis en Paoua.

Economía

editar

Basicamente nómade e pastoral, a riqueza atópase no número de gando que un teña. Crían bois, vacas, cabras, ovellas... Parte dos produtos que elaboran son comercializados. Tradicionalmente, trocaban carne e leite por especias e froitas con outros pobos. Actualmente, os fulani poden chegar a comercializar a grande escala os seus produtos (lácteos principalmente), algúns até os exportan a outros países africanos; o que demostra que teñen un sistema produtivo moi eficiente, que serviu de exemplo incluso para algunhas multinacionais occidentais.

O xefe da familia decide o nivel de produción do leite e o seu sino, mentres que as mulleres deciden canto do leite destinado a elas (a que non é destinada a elas, será para alimentar as crías do gado) se gardará para o autoconsumo e canta se venderá. As mulleres xamais acostuman vender o leite fresco; previamente o procesan:

En tempada húmida: Primeiro, fan a manteiga, e, co leite desnatado sobrante fan un líquido chamado nono (mestura de leite, azucre, e un gran moído chamado fura). Ademais, preparan un queixo tenro que cortan en cubos e friten.

En tempada seca: Ao nono engádeselle auga e mais kuka, que é o ácido que se atopa no froito do baobab, moi rico en vitamina C.

Costumes

editar

Antes de adoptar o islam, os fulani dicían proceder dun paraíso chamado O País de Heli e Yoyo, unhas terras con abundantes recursos naturais e onde reinaba a fortuna e a vida (O equivalente ao Paraíso dos cristiáns), lugar que creara Gueno, o deus creador. Conta a lenda que, con tanta abundancia, os habitantes do País de Heli e Yoyo tornáronse mesquiños e ruíns. Así Gueno, o deus creador, encheuse deles, decidindo así crear a Njeddo Dewal, a nai de todas as calamidades (o equivalente ao demo).

Como tense demostrado ao longo da historia africana, dende que adoptaron o islam, son bastante teocéntricos e moi devotos, os nenos van a escolas coránicas, onde aprenden o árabe coma unha lengua sagrada. Aínda que xa escasos, aínda existen casos de poligamia.

Contodo, aínda hai prácticas pre-islámicas que non abandonaron (que adoitan estar prohibidas en bastantes países):

-Ritos de iniciación (circuncisión do pene en nenos, e, en menor medida, mutilación do clítoris nas nenas). Faise entre os 7 e os 14 anos, xa que os fulani dividen as fases da vida de 7 en 7.

-Sharot ou proba de paus: Dous mozos danse mutuamente con paus por quendas.

-As súas prioridades, sobre todo nos sungrupos bororo e fulbé nai (a seguir) son: o gado, a beleza e a familia.

Organización social dos fulani

editar

Non todos os fulani son gandeiros ou nómades; moito menos na actualidade, onde circunstancias como a desertización ou a globalización poden chegar a persuadir para levares un xeito de vida sedentario ou urbano. Outrora posuían un sistema feudal, formado pola aristocracia, o rimbe ou persoas ceibas, os matchube ou escravos, os cales se dividían á súa vez en domésticos ou servos. Os relixiosos e os artesáns formaban castes a parte. Hoxe en día, posúen unha organización algo cambiada, este sistema social acentúase a medida que nos despracemos cara ao leste, no antigo califato de Sokoto (Nixeria, Camerún...)

Torobé

editar

En fulfude, quere dicir o que reza con nós. Descendentes dos antigos artistócratas e do clan de Usman Dan Fodio; moitos mesturáronse con hausas e con tukolor. Xa non son nómades, mais conservan a terra e os seus numerosos rabaños, servíndose de vasalos e servos para os coidar. Posúen riquezas e teñen contacto co mundo occidental. As mulleres destes non venden directamente os seus produtos lácteos; véndenllo a un intermediario.

Fulbé Sure

editar

"Peul de cidade". Abandonaron totalmente o nomadismo gandeiro para se dedicar ao comercio.

Fulbé Ladde

editar

"Peul de matogueira". Non abandoron de todo a vida nómade. Recorren á agricultura por mor a que non posúen gado de abondo. Combinan ciclos sedentarios agrícolas con desprazamentos na procura de pasteiros.

Fulbé Nai

editar

Conservan o seu nomadismo tradicional e o seu fanatismo relixioso musulmán, e desprezan os que perderon estas características. Adoitan coidar o gado dos torobé.

Bororo ou Woddabé

editar

É o banzo social máis baixo, conservan todas as características dos fulani pre-islámicos (son animistas). Divídense por clans, e practican nomadismo estacional, desprazándose por zonas sahelianas. Levan ao extremo os coidados corporais. Algúns adoitan ser servos dos torobé.

  1. Felicity Crowe; et al. (2010). Marshall Cavendish, ed. Modern Muslim Societies. p. 262. ISBN 978-0-7614-7927-7. 
  2. Steven L. Danver (2015). Native Peoples of the World: An Encylopedia of Groups, Cultures and Contemporary Issues. Routledge. pp. 31–32. ISBN 978-1-317-46400-6. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kays, Stanley J. (2011). Springer Science & Business Media, ed. Cultivated Vegetables of the World: A Multilingual Onomasticon. p. 747. ISBN 9086867200. 
  4. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015. 
  5. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2015. Consultado o 15 de agosto de 2015. 
  6. Cia.gov (ed.). "The World Factbook". Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2020. Consultado o 15 de agosto de 2015.