Florian Vlashi

músico albanés

Florian Vlashi Velaj, nado o 8 de novembro de 1963 en Durrës, é un violinista, director de orquestra e pedagogo albanés.

Florian Vlashi
Retrato de F. Vlashi (2009)
Nome completoFlorian Vlashi Velaj
Data nacemento8 de novembro de 1963
Nado enDurrës (Albania)
CónxuxeRediana Lukaçi
FillosDaniel, Martin
OcupaciónMúsico, compositor, director de orquestra, pedagogo
XéneroOrquestra sinfónica, música de cámara
Instrumento(s)Violín
Tempo en activoDesde 1970
editar datos en Wikidata ]

Desde 1992 forma parte da sección de violíns primeiros da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) da Coruña.

Traxectoria editar

Florian Vlashi comezou os estudos de violín á idade de 6 anos. Seu pai, Gjergj Vlashi, prestixioso escritor e director de teatro, tivo un papel decisivo no seu futuro. Florin obtivo na Academia de Belas Artes de Tirana o primeiro posto, por unanimidade.

En 1989 gañou o Primeiro Premio no Concurso de Solistas e de Orquestras Sinfónicas de Albania. Ese mesmo ano foi director e solista da Orquestra de Corda Jan Kukuzeli, coa que realizou numerosos concertos e gravacións para a Radio Televizioni Shqiptar (Radio Televisión Albanesa), a súa primeira xira de concertos por Italia. Perfeccionou a súa técnica con G. Egger (Bachakademie Stuttgart) e con L. Muller (Concertino da Orquestra de Cámara de Viena).[1]

Desde 1992 é membro da Orquestra Sinfónica de Galicia. A súa actividade profesional esténdese tamén ao campo da pedagoxía e da difusión das técnicas e estética interpretativa do violín, sobre o que publicou diversos traballos e ditado conferencias en prestixiosos centros de investigación (Conservatorio Superior de Música da Coruña, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Rioxa, etc).[1]

Foi invitado a tocar na inauguración da temporada de concertos do Centro de Arte Moderna Raíña Sofía, na Fundación Juan March, no Auditorio Nacional de Música de Madrid, na Academia de España de Roma, no Instituto Cervantes de Nápoles, no Estate Musicale Maffeiana de Verona, en Pristina, Suíza, São Paulo, Montevideo etc., e en moitos festivais de música da Coruña (Festival Mozart), Santiago de Compostela, Vigo, Bilbao, e colaborou como solista co Plural Ensemble de Madrid. Compositores como E. Buharaja, Carlos López García-Picos, J. Vara, X. De Paz, P. Pereiro, D. Malumbres, Juan Durán, Fernando Buide del Real, A. Koci, D. Malumbres, ou Wladimir Rosinskij, dedicáronlle obras súas.[1]

En 1996 creou o Grupo Instrumental Siglo XX, integrado por solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe na actualidade. Ese grupo estreou máis de 80 obras de autores, en gran parte españois, algunhas das cales foron encargadas polo propio grupo.[1]

Concertos seus foron transmitidos por Radio Clásica de Radio Nacional de España, pola TVE 2 e polo Canal Internacional de RTVE.[1]

Florian Vlashi toca un violín francés do século XVIII de J. Bocquay.[1]

Unha vez ao ano, como un ritual, Vlashi acode ao Museo del Violino de Cremona, a casa dos Stradivarius. «É incríbel, hai unha persoa que todos os días vai tocalos un pouco. O violín, se non se toca, morre».[2]

Vida na Coruña. Conversa cun albanocoruñés editar

Florian Vlashi forma parte da orquestra Sinfónica de Galicia case desde o seu inicio:

Perdín o primeiro concerto, pero semanas despois xa estaba na Coruña. Vin coa miña muller. Non coñecía absolutamente nada de Galicia... ben, algo de Camilo José Cela e do Camiño de Santiago.

Vlashi case leva tanto tempo na Coruña como o que pasou en Albania:

Os músicos temos algo de trobadores, que van dun lado para outro, pero non podo imaxinar non vivir aquí. A comida, a xente, ou o fresquiño que xa me atrapou sen sabelo. Saín do mar Adriático e cheguei ao océano Atlántico. Os albaneses e os coruñeses somos parecidos en moitas cousas.

A súa muller, Rediana Lukaçi, violoncelista, participou en concertos coa Orquestra Sinfónica de Galicia, é profesora nas Escravas, e forma parte con Florian do Grupo Instrumental Siglo XX:

Levamos 20 anos e xa estreamos 144 obras, que é unha cifra importante. Tamén estou na Camerata Brigantina.

Durante as súas vacacións Florian ofreceu cantidade de recitais, moitos deles de carácter solidario. Non dubida en confesar que, ademais do violín, a súa outra paixón é o viño:

Os brancos galegos son únicos, como o marisco, non os encontrei iguais aos de aquí. Son un agasallo de Deus. Encántame escapar a bodegas, e teño na casa unha pequena cantina. Colecciono, e tamén bebo, viños que lle gustaban a Verdi ou a Beethoven. O curioso é que os seus gustos non coinciden coas súas obras. A Wagner encantáballe o champaña, o que non o imaxinas escoitando as súas composicións; a Mozart, os viños españois fortes, e a Verdi, por exemplo, os lambruscos.

Críticas editar

  • «Unha persoa sen a cal a música contemporánea en Galicia non sería o que é, a unha persoa que cre na música actual e nos compositores que exercen o seu labor no noso país». Paulino Pereiro, sobre a Sonata nº 2 Vlashiana.
  • «Unha das vantaxes de contar cunha grande orquestra como a Sinfónica de Galicia é que está formada por músicos de gran categoría como Florian Vlashi,... (O seu recital) foi un concerto realmente magnífico». Enrique Sacau, Coruña cosmopolita.
  • «Hai na súa interpretación unha sobresaliente execución técnica cunha expresividads e emotividade moi adecuadas. A súa dixitación é inmaculada, e as pasaxes máis virtuosísticas afróntaos cunha naturalidade e confianza impresionantes. Tecnicamente a lectura de Vlashi pareceume cegadora». Paco Yañez, Convicción y compromiso.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Florian Vlashi en udc.es (web da UDC). Consultada o 6 de novembro de 2021.
  2. La Voz, Redacción (17 de setembro de 2017). "Florian Vlashi: «Bebo vinos que le gustaban a Verdi o a Beethoven»". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Vídeos editar

Audios editar