Grupo Instrumental Siglo XX

O Grupo Instrumental Siglo XX (GISXX) foi creado en 1996 por iniciativa do violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Florian Vlashi, que lle deu este nome como unha homenaxe ao "Gran Século".[1]

Retrato de Florian Vlashi, fundador e director do GISXX

O seu director é o seu impulsor é Florian Vlashi.[2]

Importancia do século XX na músicaEditar

O século XX está considerado como o século no que sucedeu o segundo "gran cambio" na Historia da música. O primeiro aconteceu na Antigüidade e no Medioevo cando se substituíron as escalas gregas e medievais polas escalas temperadas.[3] Isto considerouse unha "agresión do diabólico" (Diabulus in Musica). Este segundo gran cambio sucedeu no século XX, cando se derrumbou o edificio tonal de case tres séculos substituíndose polo sistema de música serial até a estocástica. Por fin, a música era libre, xa non había más códigos dominantes e tabús.[2]

Porén, durante ese século interpretouse máis a música do pasado que a actual, creando así un "divorcio" do público coa música moderna, motivado polos réximes totalitarios que conservaron de forma artificial o romanticismo musical transformándoo en "dogma" contra o moderno, e procurando a arte comercial, fácil.[2]

Finalidade do Grupo Instrumental Siglo XXEditar

A finalidade do grupo é a de interpretar as mellores obras de música de cámara escritas desde comezos do século XX até os nosos días. O grupo considera esencial a estreita colaboración co compositor. Os solistas do grupo investigan sobre a creación de novas técnicas para o seu instrumento, e colaboran activamente cos compositores cos que traballan na aplicación destas técnicas ás súas obras.[1]

ActividadesEditar

O GISXX estreou máis de 84 obras e ten, no seu extenso repertorio, máis de 160 obras de autores desde Stravinski, Falla, Richard Strauss, até Messiaen, Xenakis, Ligeti ou Crumb.[1] Porén, céntranse especialmente en autores galegos: Paulino Pereiro, en cuxo catálogo figuran obras escénicas e cinematográfias á marxe das sinfónicas e de cámara; Jesús González que, ao igual que Pereiro, pertence á Asociación Galega de Compositores; o prematuramente falecido Manuel Balboa e Manuel Rodeiro, compositor, escritor, profesor e fundador do Departamento de Música do Centro Galego de Arte Contemporánea.[4]

O grupo participou en diversos certames nacionais e internacionais, como os festivais de música de A Coruña (Festival Mozart), Santiago de Compostela, Salamanca, Bilbao (Festival de Música del Siglo XX), Madrid, Bienal NMK de Durrës, Verona, Remusica (Kosovo), entre outros, nos que obtivo as mellores críticas e fervorosos aplausos do público. Seus concertos foron gravados por Radio Clásica, de Radio Nacional de España, e foron transmitidos pola TVE 2 e polo Canal Internacional da RTVE.[1]

O GISXX é un grupo experimental que está aberto a novos proxectos e espazos que combinan a música nova coa poesía, o teatro, a danza, os vídeos e as artes plásticas. Ultimamente saíu ao mercado seu CD Manuel Balboa – Obra completa para conjunto instrumental, e o DVD O arame, ópera nun acto de Juan Durán.[1]

Membros do grupoEditar

Os seus membros son brillantes solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia que proveñen de máis de 10 países diferentes e que recibiron unha formación especializada de excelencia en centros de gran prestixio internacional. Todos os solistas son expertos profesionais de altísimo nivel no seu campo, e posúen unha dilatada experiencia na práctica instrumental orquestral e como solistas. A composición do grupo é flexíbel e o número de intérpretes varía dependendo das obras do programa que se interprete.[1]

O GISXX está fomado por 7 violinistas, 4 violistas, 4 violonchelistas, 1 contrabaixo, 1 frauta, 3 clarinetes, 1 óboe, 1 fagot, 1 trompeta, 1 trompa, 1 trombón, 2 percusionistas, 1 pianista, 1 guitarrista e 1 arpista.[2]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 UDC. "Grupo Instrumental Siglo XX". Consultado o 13 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Grupo Instrumental Siglo XX.
  3. Unha escala musical temperada é a que divide a octava en 12 tons iguais.
  4. Xornadas de Música Contemporánea 2017 Centro Nacional de Difusión Musical. Ministerio de Cultura y Deporte.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar