Fermín Galán

militar español

Fermín Galán Rodríguez, nado en San Fernando (Cádiz) o 4 de outubro de 1899 e finado en Huesca o 14 de decembro de 1930, foi un militar español.

Fermín Galán
Nacemento4 de outubro de 1899
Lugar de nacementoSan Fernando
Falecemento14 de decembro de 1930
Lugar de falecementoHuesca
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar e spanish legionary
PremiosCruz Laureada de San Fernando
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Quedou orfo de pai en 1909, que fora veterano da guerra de Cuba, e a súa viúva trasladouse xunto aos seus tres fillos a Madrid, Fermín estudou no colexio militar de orfos de guerra de Guadalaxara en réxime de internado e ao acabar en 1915 ingresou na Academia de Infantería de Toledo.

En xuño de 1918 foi destinado ao 53º Rexemento de Infantaría Guipúscoa, localizado en Vitoria e formou parte da unidade destinada a participar na guerra de Marrocos, tras permanecer un ano nesa unidade pasa á Policía Indíxena de Ceuta, onde é xefe de sección, aprende árabe e bérber e en maio de 1923 presentou na Liga Africanista de Madrid unha memoria sobre as cabilas., en agosto de 1923 pasa a formar parte dos servizos do khalifa en Tetuán e en xuño de 1924 pasou ao Terzo da Lexión, ferido en combate o 1 de outubro de 1924 recuperouse no Hospital Militar de Madrid.

Destinado en Tarragona entrou en contacto con sectores opostos á ditadura de Primo de Rivera. Foi detido o 24 de xuño de 1926 pola súa participación na sanjuanada, un complot contra Primo de Rivera. Un consello de guerra condenouno a seis anos de prisión no castelo de Montjuïc. En prisión comezou a súa radicalización política e tivo ocasión de concluír unha novela antimilitarista iniciada durante a convalecencia: La bandera organizada, novela del Tercio. Escribe así mesmo o ensaio político de carácter socialista Nueva creación. Este ensaio publicouse en 1930, logo de saír do cárcere como consecuencia dunha amnistía xeral decretada por Dámaso Berenguer, quen substiuría a Primo de Rivera na presidencia do Goberno. O 28 de maio dese ano recibe destino para o Rexemento Galicia nº 19, de Jaca.

Tras a sinatura do Pacto de San Sebastián, en agosto de 1930, Fermín Galán contacta co Comité Revolucionario Nacional que reúne as principais forzas republicanas. Pretende que o exército se subleve para proclamar a República. En Madrid entrevístase con Alejandro Lerroux, quen non consegue convencelo para que non se subleve antes do 15 de decembro, a data prevista para o alzamento militar republicano tras unha serie de adiamentos.

Pero Galán desconforme e considerando que era mellor sublevarse na fin de semana comeza a sublevación o día 12 de decembro, coñecida como a Sublevación de Jaca. Secundado polos capitáns Ángel García Hernández, Salvador Sediles, Luis Salinas e Miguel Gallo e un número indeterminado de paisanos consegue o control de Jaca, aínda que non pode evitar a morte de dous carabineiros e o sarxento da Garda Civil, os sublevados reciben tamén a desaprobación do Comité Revolucionario, aínda así proclámase a República en Jaca e proclámase alcalde ao presidente do Círculo Republicano local.

Uns 750 homes saen para Ayerbe coa pretensión de tomar Huesca, mentres o gobernador militar de Huesca sae o encontro dos sublevados pero resulta gravemente ferido nun enfrontamento con eles. En Cillas, a tres quilómetros de Huesca, na madrugada do 13 de decembro produciuse o enfrontamento entre os sublevados e unha forza comandada polo capitán xeneral de Aragón composta por 1.500 efectivos. Fermín Galán reprégase cara a Ayerbe e alí rende as súas tropas mentres el se entrega ao alcalde de Buscarrués. A Garda Civil condúceo a Ayerbe e finalmente a Huesca á espera da celebración dun consello de guerra, que se celebra o 14 de decembro e que tan só dura unha hora e corenta e cinco minutos. Fermín Galán, xunto a Ángel García Hernández, son condenados a morte e fusilados ás tres da tarde dese día.