Pacto de San Sebastián

reunión co obxecto de liquidar a monarquía borbónica e instaurar a República en España

O Pacto de San Sebastián foi unha reunión promovida por Niceto Alcalá-Zamora e Miguel Maura, que tivo lugar na cidade de Donostia o 17 de agosto de 1930.[1][2] A esta reunión enviaron representantes practicamente tódalas correntes republicanas (a excepción foi o Partido Federal Español, tamén coñecido como Partido Republicano Federal, herdeiro do histórico Partido Republicano Democrático Federal, que non enviou representantes porque estaba á espera dun congreso).[3] O obxectivo foi xuntar a tódalas forzas republicanas para liquidar a monarquía borbónica e instaurar a República en España. En outubro do mesmo ano, en Madrid, sumáronse ao pacto as organizacións socialistas: o PSOE e maila UGT.[3]

Retrato de Niceto Alcalá-Zamora
Retrato de Niceto Alcalá-Zamora.

Antecedentes editar

Nos últimos anos da ditadura de Primo de Rivera, os problemas amoreábanse. Entre o malestar do estamento militar, a conspiración da noite de San Xoán de 1926 e a crise económica comezada en 1929, que ocasionou a desvalorización da peseta e un déficit comercial e a oposición política que comezaba a aumentar, o ditador viuse sen apoios por parte dos xefes militares e dimitiu o 28 de xaneiro de 1930.

Trala aceptación da dimisión por Afonso XIII, este nomeou novo presidente de goberno ao xeneral Dámaso Berenguer co propósito de retornar á "normalidade constitucional", como intentando amosar que a Coroa non participara na suspensión da Constitución de 1876 con que se iniciara o golpe de estado de setembro de 1923 dado por Primo de Rivera e que fora consentido polo rei.[4]

En marzo de 1930, aínda baixo a dictablanda de Berenguer, as forzas republicanas, xunto coa UGT e mailo PSOE, acordaron a instauración dunha república federal no chamado Manifiesto de la Inteligencia Republicana. O líder socialista Indalecio Prieto nunha conferencia pronunciada no Ateneo de Madrid, o 25 de abril de 1930, afirmou que para el "era una hora de definiciones... Hai que estar co rei ou contra o rei". Uns días antes, o exministro monárquico Niceto Alcalá-Zamora, que viña de se pasar ás ringleiras do republicanismo, afirmaba que só existía un poder lexítimo: o das Cortes Constituíntes. Foise así levando a cabo a confluencia de partidos republicanos, novos e vellos, que se reuniron en Donostia.

Os políticos republicanos e os autodesignados "monárquicos sen rei" (como Ángel Ossorio y Gallardo), así como numerosos xuristas, denunciaron que esa volta á "normalidade constitucional" era imposible. O xurista Mariano Gómez escribiu o 12 de outubro de 1930: "España vive sen Constitución". A Ditadura de Primo de Rivera, ao viola-la Constitución de 1876, abrira un proceso constituínte, afirmaba Gómez, que só a Nación podía pechar cun retorno á normalidade conducido por:[5]

"un Goberno constituínte, unhas eleccións constituíntes, presididas por un poder neutral que non fora parte belixerante no conflito creado pola Ditadura, un sistema de liberdade e garantías cidadás de plenitude constituínte e Cortes con autoridade suprema para crea-la nova legalidade común"

Asistentes editar

A reunión celebrouse no domicilio social da Unión Republicana de San Sebastián baixo a presidencia de Fernando Sasiaín (presidente do Círculo Republicano de San Sebastián), e a ela asistiron segundo se indicou nunha "Nota oficiosa" feita pública ao día seguinte:

- polo Partido Republicano Radical: Alejandro Lerroux;
- por Acción Republicana: Manuel Azaña;
- polo Partido Radical-socialista: Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz e Ángel Galarza;
- pola Derecha Liberal Republicana: Niceto Alcalá-Zamora e Miguel Maura;
- por Acció Catalana: Manuel Carrasco i Formiguera;
- por Acció Republicana de Cataluña: Macià Mallol Bosch;
- por Estat Català: Jaume Aiguader i Miró;
- pola Organización Republicana Gallega Autónoma: Santiago Casares Quiroga;
- a título particular: Indalecio Prieto, Felipe Sánchez-Román, Fernando de los Ríos e Eduardo Ortega y Gasset, irmán do filósofo.
- Gregorio Marañón non puido asistir, pero enviou unha carta de adhesión.

O tema principal da reunión foi o tema de Cataluña.[6] Os representantes cataláns que foron a San Sebastián condicionaron o pacto a ver recoñecidas as súas aspiracións de autorgoberno. Aínda que varios republicanos como Maura ou Albornoz estaban en contra, finalmente chegouse a unha solución xurídica aceptada no Pacto pola que Cataluña expresaría a súa vontade nun Estatuto de Autonomía refrendado polo pobo e sometido á aprobación das Cortes constituíntes[7], na parte referida á delimitación de atribucións entre o goberno de España e o goberno de Cataluña. Nese momento Casares Quiroga, reclamou o mesmo para Galicia e o País Vasco.[8]

O segundo tema relevante foi o plan político, a creación dun comité revolucionario onde se evitou a figura de Lerroux, que era moi criticada polos republicanos cataláns e por outros presentes.

Da xuntanza non se levantou acta senón que Indalecio Prieto publicou unha nota na que precisaba que as decisións foran tomadas por unanimidade. Porén, os delegados cataláns non estaban moi satisfeitos e reuníronse no Hotel de Londres para levantar, eles, acta da reunión. Nela precisaron que os acordos aceptados por eles foran precedidos pola aceptación unánime, por parte dos republicanos españois, do compromiso de resolución da cuestión catalá tendo como base o principio de autodeterminación manifestado na creación dun estatuto aceptado pola maioría dos cataláns mediante un referendo por sufraxio universal.[9]

Consecuencias do pacto editar

O principal obxectivo do pacto conseguiuse ao xuntar a case todo o republicanismo español, incluíndo o catalán. Poucos días despois, uniríanse a UGT mailo PSOE.

Nesta reunión constituíuse o comité revolucionario, presidido por Alcalá-Zamora, que chegaría a ser o goberno provisional da Segunda República Española. Este comité estaba en contacto permanente cun grupo de militares co que estudou un pronunciamento militar para traer a República, que finalmente quedou previsto para o 15 de decembro de 1930. Porén, dous oficiais da guarnición de Jaca, o capitán Fermín Galán e o capitán Ángel García Hernández adiantáronse o 12 de decembro, o que provocou o fracaso do pronunciamento trala derrota posterior ao enfrontamento coas tropas mandadas polo goberno e o fusilamento de Galán e de García Hernández, feitos que se coñecen como Sublevación de Xaca. Ese mesmo día o comité revolucionario foi detido[10] polo goberno de Berenguer, aínda que algúns, como Prieto, conseguiron escapar.[11]

Consecuencias para Cataluña editar

En cumprimento do Pacto de San Sebastián, o 14 de abril de 1931, tralas eleccións que deron a maioría ao seu partido, Esquerra Republicana de Catalunya, Lluís Companys proclamou a República dende o concello de Barcelona e izou a bandeira tricolor.[12] A seguir, Francesc Macià, presidente de Estat Català, dende a Deputación de Barcelona, se pronunciou a prol da República Catalá, dentro da Federación española.[12] Estas proclamacións preocuparon ao goberno provisional da República, que enviou en avión a Barcelona, o 17 de abril, aos ministros Fernando de los Ríos, Marcelino Domingo e Lluís Nicolau d'Olwer. Tras tensas conversacións, chegouse ao acordo de que o consello formado en Barcelona, actuase como goberno da Generalitat de Cataluña. A recuperación dunha denominación histórica na que ninguén pensara antes, permitiu resolver o conflito e abriu o camiño a un novo xeito de autonomía catalá.

Máis adiante, cando o proxecto de Estado Federal non tivo éxito, Francesc Macià viuse obrigado a aceptar un Estatuto de autonomía para Cataluña e el foi o presidente do goberno catalán, coa denominación de Generalitat, dende 1.932 até a súa morte en 1933.

Notas editar

  1. Juliá, Santos (2009), op. cit. pp. 24-25.
  2. Tamames (1974), p. 8
  3. 3,0 3,1 Juliá, Santos. op.cit. páx. 129.
  4. Juliá, Santos. op.cit. páx. 13 ("«Fue el golpe de Estado de 13 de septiembre de 1923 un acto de fuerza que, al establecer por decreto un directorio militar, dejó en suspenso la Constitución de la Monarquía Española de 1876»).
  5. Juliá, Santos. op.cit. páx. 13 («un Gobierno constituyente, unas elecciones constituyentes, presididas por un poder neutral que no fuera parte beligerante en el conflicto creado por la Dictadura, un sistema de libertad y garantías ciudadanas de plenitud constituyente y Cortes con autoridad suprema para crear la nueva legalidad común»).
  6. Pabón, Jesús (1999) p. 1082.
  7. Lacamba, Juan Antonio (octubre-diciembre 1981). "Las autonomías en la segunda República". Documentación Social. Revista de estudios sociales y sociología aplicada (nº 45): p.109. 
  8. Pabón, Jesús (1999) p. 1083.
  9. Pabón, Jesús (1999) pp. 1083-1084
  10. Thòmas, Joan María (2017). José Antonio: Realidad y mito. Debate. ISBN 9788499927503. 
  11. Pérez Peña, F. (2005). Exilio y depuración política en la Facultad de Medicina de San Carlos. Madrid: Editorial Vision Net. p. 31. ISBN 84-9821-004-6. 
  12. 12,0 12,1 Tamames (1974), p. 10

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Juliá, Santos (2009): La Constitución de 1931. Madrid: Iustel. ISBN 978-84-9890-083-5.
  • Pabón, Jesús (1999). Cambó: 1876-1947. Barcelona: Editorial Alpha. ISBN 84-7225-740-1
  • Tamames, Ramón (1974). La República. La era de Franco. Colección: Historia de España Alfaguara VII. Madrid: Alianza Editorial/Alfaguara. ISBN 84-206-2051-3.