O Cuarteto Quiroga é un cuarteto de cordas español de música clásica. O cuarteto foi fundado coa firme vontade de recuperar a memoria do violinista galego Manuel Quiroga, baixo o alento do pedagogo e cuartetista francés Charles-André Linale e está formado na actualidade por Aitor Hevia (primeiro violín), Cibrán Sierra (segundo violín), Helena Poggio (violoncelo) e Josep Puchades (viola).

Cuarteto Quiroga Heidelberger Frühling 2013

Historia editar

O Cuarteto Quiroga dedica o seu nome á homenaxe do virtuoso violinista galego Manuel Quiroga, un dos instrumentistas máis sobresalientes da historia musical española xunto con Pau Casals e Pablo de Sarasate.

O grupo formouse co mestre Rainer Schmidt, membro do Cuarteto Hagen e profesor na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid. O cuarteto ampliou estudos na Musikhochschule de Basilea e nos cursos Prol Quartet-CEMC co mestre Walter Levin, membro do Cuarteto LaSalle e na ECMA (European Chamber Music Academy) con Hatto Beyerle, membro do Cuarteto Alban Berg. Outros grandes mestres que influíron na personalidade musical do cuarteto son Ferenc Rados, György Kurtág, Andras Keller, Johannes Meissl e Eberhard Feltz.[1]

O Cuarteto Quiroga ten a súa residencia habitual actual na Fundación Museo Cerralbo de Madrid.

Carreira profesional editar

O Cuarteto Quiroga actuou na Wigmore Hall de Londres, a Filharmónica de Berlín, a Colección Frick de Nova York, a sala Da Camera dos Ánxeles, a Heidelberger Frühling, o Concertgebouw de Ámsterdam, De Doelen de Rotterdam, o Auditorio Nacional de Madrid, a sala Nybrokajen de Estocolmo, Os Inválidos en Paris, o Auditorio de Barcelona, l sala Gonfallone de Roma, o Liceo de Cámara de Madrid, a Filharmónica de Bilbao, a Martinu Hall de Praga, a Quincena Musical Donostiarra, a Kaisersaal de Frankfurt, Buenos Aires, Bogotá, o Teatro Solís de Montevideo, a National Gallery de Washington, etc., e os seus concertos foron gravados e retransmitidos por RNE, Radio France, a BBC, a RAI, Mezzo TV, a RadioSueca-P2, a SWR2, a WDR3, Sony, etc.

En xuño do 2014 foi responsable do ciclo Contrapunto de Verán do CNDM no Auditorio Nacional de Madrid, interpretando seis concertos cos op.20 de Haydn, os cuartetos de Mozart dedicados a Haydn e a integral de Kurtág para cuarteto, compositor do cal estrearán unha obra encarga do CNDM. Entre os seus colaboradores habituais en escena están músicos do talle de Valentin Erben, Javier Perianes, Vladimir Mendelssohn, Alain Meunier, Clive Greensmith, Jeremy Menuhin, J. Enrique Bagaría, Darío Mariño, Jonathan Brown, Tomas Djupsjöbacka, Chen Halevy, David Kadouch, Julia de Castro, o coreógrafo Hideto Hesiki, o dramaturgo Peter Ries ou o actor José Luis Gómez García.

En 2013 foron convidados a unirse á formación "Orquestra Da Camera" promovida por Ibercamera, xunto a membros do Cuarteto Casals entre outros músicos nacionais e internacionais. O concerto inaugural con obras de Bach, Mozart e a Noite transfigurada de Schönberg foi dirixido pola violinista alemá Antje Weithaas.[2]

Os seus membros son profesores no Curso Internacional de Música de Llanes, responsables da Cátedra de Cuarteto de Corda do Conservatorio Superior de Música de Aragón e convidados regularmente a impartir clases en Conservatorios e Universidades de toda Europa, ao Orlando Festival de Holanda e á JONDE.

Galardóns editar

O Cuarteto Quiroga foi nomeado en 2014 cuarteto residente responsable da colección de Stradivarius decorados do Palacio Real de Madrid. Foi galardoado en relevantes concursos internacionais como os de Bordeus, o Premio Paolo Borciani, Pequín, Xenebra, FNAPEC-Paris, Palacio da Música de Barcelona. En 2007 recibiu o Premio Ojo Crítico de Música Clásica que outorga anualmente Radio Nacional de España. Na tempada 2011-12 e 2012-2013, o Cuarteto Quiroga foi convidado como grupo residente no Auditorio Miguel Delibes de Valladolid. Cibrán Sierra toca en cesión dos herdeiros de Paola Modiano o violín “Arnold Rosé” fabricado por Nicola Amati en 1682.

Discografía editar

En 2012 publicouse o disco “Statements” coa discográfica holandesa Cobra (Diverdi) galardoado co Premio ao Mellor Álbum de Música Clásica 2012 pola Unión Fonográfica Independente. O disco “(R)evolutions” foi dedicado á música temperá da segunda escola de Viena, mereceu o selo “Excepcional” da revista especializada Scherzo e foi chamado “disco para a historia” da revísta “Ritmo”.

Notas editar

  1. Cuarteto Quiroga (ed.). "Página web del Cuarteto Quiroga". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2014. Consultado o 30 de setembro de 2014. 
  2. El Periódico de Catalunya (ed.). "Concierto inaugural Da Camera". Consultado o 30 de setembro de 2014. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar