Club Peña Trevinca - Montañeiros de Galicia
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia é unha asociación deportiva sen ánimo de lucro, adicada basicamente aos deportes de montaña e escalada e a actividades ao aire libre. Ten a súa sede na cidade de Vigo e mantén unha cifra aproximada ao redor dos 800 socios. Este club, pioneiro en Galicia, foi fundado en 1944 e dende aquela mantense activo con constantes actividades dentro e fóra da comunidade galega, tendo visitado, ademais de todos os macizos a nivel nacional, os grandes macizos europeos. Os seus socios realizaron grandes conquistas nos Alpes, Andes, África, Alasca así como no Himalaia.
Club Peña Trevinca - Montañeiros de Galicia | |
---|---|
Tipo | asociación deportiva e club alpino |
Data de fundación | 1944 |
Premios | Vigués distinguido |
Sede | Vigo |
País | Galicia |
Na rede | |
http://www.trevinca.es | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O club, dadas as distintas modalidades que fomenta e practica, está adscrito á Federación Galega de Montañismo, á Federación Galega de Deportes de Inverno e á Federación Galega de Espeleoloxía. Ten asinado un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, desenvolvendo e organizando distintas actividades no campus vigués. A implicación nos ámbitos federativo e formativo dos seus socios fai que nos últimos anos figure na cabeza de Galicia no número de licenzas de montañismo e na participación nos cursos da Escola Galega de Alta Montaña (EGAM).
Desde o ano 2022, en torno ao 26 de marzo, Día Mundial do Clima, o club organiza o Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo. Este ciclo consta de proxeccións e conferencias ao longo de tres xornadas e conta co apoio do Concello de Vigo, a Universidade de Vigo e a FEDME.
Así mesmo, a Vogalía de Medio Ambiente publica mensualmente artigos de divulgación científica nas redes sociais do club, na sección de Medio Ambiente.[1]
O presidente desde novembro de 2022 é José Luis Faro Fortes.
Obxectivos
editarAs finalidades do club, recollidas no capítulo III dos seus estatutos, son as seguintes:
- Desenvolver actividades relacionadas cos deportes de montaña, escalada, espeleoloxía e de inverno.
- Fomentar, promover e divulgar a idea do exercicio físico e o deporte en xeral.
- Colaborar e poñer en práctica os mecanismos necesarios para incrementar a seguridade e os coñecementos na práctica destes deportes.
- Difundir o coñecemento das belezas naturais que se atopan no ámbito da montaña.
- Organizar e levar a cabo actividades dedicadas á xuventude: escalada, montañismo, espeleoloxía etc.
É, polo tanto, unha entidade de carácter xeral onde se organizan e se fan actividades deportivas, culturais, de animación social, divulgación, protección e defensa da natureza, ademais de educativas.
Historia
editarGonzalo Gurriarán, médico represaliado logo da sublevación de 1936, confinado no Barco de Valdeorras en que nacera, tratou de resolver a minguada área de relación dos bando perdedor da guerra coa creación dun club de montañismo.[2] Estaba inspirado polo ambiente institucionista no que se educara na Residencia de Estudiantes de Madrid entre 1923 e 1928, época dourada deste organismo educativo. Así, xunto con outros afeccionados ao esquí e á montaña, Antonio Villaverde e Natalio Abad entre eles, procedentes de Vigo, fundaron en marzo de 1944 o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, primeiro club independente de ámbito galego.
O club, que no seu inicio destacaba pola dedicación ao esquí, mantivo no seu abrollar relacións co Centro Galego de Buenos Aires e da Habana. En 1945 tiña funcionando oito delegacións en Galicia e unha en Madrid. Nos inicios do club eran socios deste institucións educativas e filocientíficas como o Instituto Padre Sarmiento, o Instituto Masculino de Santiago, a Facultade de Filosofía e Letras, o Instituto Rosalía de Castro e personalidades galeguistas como Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda) o doutor Obella ou Ramón Otero Pedrayo, que foi nomeado Socio de Honra tras dar unha conferencia no Pazo de Fonseca en xaneiro de 1951 co gallo do “Día de Peña Trevinca” en Santiago. Isto dá idea do carácter de difusión da cultura galega, como o feito de que os carnés do club levaban, dende o número un, impresa a bandeira galega.
No eido deportivo, destaca a organización do 1º Campionato Galego de Esquí en 1946 con máis de cen esquiadores. Así mesmo tamén se organizou en 1948 o 1º Campionato Social Feminino de Esquí (La Noche, Meta e Pueblo, de Madrid, marzo do 48), fito nos deportes da muller en Galicia. Ricardo Gurriarán Rodríguez, historiador e fillo do fundador do club, recolleu nun dos seus libros, Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), a fundación do Club Peña Trevinca.
Recoñecementos
editarDende a década dos noventa o club recibiu en repetidas ocasións o Galardón da FGM como o mellor club de montañismo de Galicia.
A Universidade de Vigo outorgoulle, na Gala do Deporte 2018, o premio ao Fomento da Iniciación Deportiva.[3]
En outubro de 2020, o Concello de Vigo outórgalle ao club o título de Vigués Distinguido.[4]
En outubro de 2021 a Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE) premia ao Club Peña Trevinca M. G. co Premio Galicia pola Xestión Sostible no Deporte do ano 2020.[5]
Instalacións
editarA entidade conta cun local social propio no que se realizan cursos, conferencias e mais exposicións, ademais de ter tamén unha biblioteca e un boulder. Así mesmo, os seus socios gozan do préstamo de material deportivo e de escalada de xeito gratuíto. O club dispón tamén do refuxio do montaña Abel Alonso na Escola de Escalada de Faro Budiño.
Notas
editar- ↑ "Web Peña Trevinca - Sección de Medio Ambiente". Web Peña Trevinca - Sección de Medio Ambiente. Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2023. Consultado o 03/04/23.
- ↑ Tarrío, Matías (26 de xuño de 2019). "Club Peña Trevinca. 75 anos de paixón pola montaña". Vinte. Consultado o 27 de xuño de 2019.
- ↑ O esforzo, a solidariedade e a constancia triunfan na Gala do Deporte Universitario
- ↑ https://www.vigoalminuto.com/2020/10/01/a-cidade-premia-as-suas-viguesas-e-vigueses-distinguidos/
- ↑ [1]