Colexio de Santiago Alfeo

(Redirección desde «Pazo de Fonseca»)

Coordenadas: 42°52′46″N 8°32′43″O / 42.879444444444, -8.5452777777778

O Colexio de Santiago Alfeo ou Colexio Novo, coñecido na actualidade maioritariamente como Colexio de Fonseca (e como pazo de Fonseca ao edificio que o albergaba), foi un Colexio Maior, xerme da Universidade de Santiago de Compostela, fundado polo arcebispo Alonso III de Fonseca en 1526.

Porta principal do Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca.

O edificio segue formando parte da Universidade; é a sede da Biblioteca Xeral, e tamén alberga, no antigo refectorio e na capela, a ambos os lados do vestíbulo, salas de exposicións temporais.

Historia editar

Orixes editar

A finais do século XV Lopo Gómez de Marzoa, membro do Concello de Santiago promoveu a creación na cidade dun Colexio de Estudantes Pobres, motivo polo cal se dirixiu ao abade do bieito mosteiro de San Martiño Pinario frei Juan de Melgar na procura do seu apoio.

Deste xeito, o 4 de setembro de 1495 outorgáronse as escrituras de doazón nas que se fixaron as contribucións económicas que debían as partes para a fundación. Os de San Martiño doaron como sé o Convento de San Paio de Antealtares, agás a igrexa, e o notario doou bens por un valor total de 50.000 marabedís de renda anual.

Este estudio de San Paio tivo unha vida moi curta, xa que o 18 de xullo de 1499 os relixiosos, en capítulo presidido polo prior xeral e reformador xeral da orde de San Bieito para o Reino de Galicia, acordaron anular o contrato e instalar en San Paio ás monxas bieitas de Galicia.

O Estudio Vello editar

O 17 de xullo de 1501 de novo Lopo Gómez de Marzoa, xunto con Diego de Muros II, bispo das Canarias, e Diego de Muros III, deán de Santiago, fixeron unha segunda fundación, na que configuraron un Estudio Xeral coa súa propia normativa e a súa sé nunha casa da Rúa Nova onde se impartiron clases de Gramática e Cánones. En 1504 unha bula do papa Xulio II confirma a fundación de dito estudio.

Fundación polo arcebispo Alonso III de Fonseca editar

 
Monumento de Ramón Conde a Alonso III de Fonseca, no claustro do Colexio de Santiago Alfeo.

En 1522 o arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca comeza a xestionar a creación dun Colexio Novo, ao que denominaría Colexio de Santiago Alfeo.

Fonseca conseguiu que o papa Clemente VII aprobara, mediante bula outorgada o 15 de marzo de 1526, a fundación do Colexio, na que se autorizaba a construír un colexio novo ou ampliar o existente Estudio Vello, que quedou englobado no Novo, ao que se lle anexionaron as rendas, e a establecer as ensinanzas de Artes, Teoloxía e Dereito, e outorgándolle os mesmos privilexios que o colexio fundado polo Cardeal Cisneros en Alcalá de Henares.[1] Nacía así a Universidade de Santiago.

O terceiro dos Fonseca fixou o proxecto do novo Colexio no seu testamento de 1531, incluíndo a dotación os executores e o proxecto de construción, pero á súa morte, no ano 1534, en Alcalá de Henares aínda non se puxera en marcha.

Nos anos 1551 e 1552 algúns testamenteiros reuníronse co patrón do Colexio, Alonso de Zúñiga e Acevedo Fonseca conde de Monterrei e sobriño do arcebispo Fonseca III, co obxecto de poñer en marcha o colexio. O edificio xa estaba feito pero carecían da normativa organizativa, polo que chegaron a valorar a entrega da institución aos xesuítas para que fosen eles os que a organizaran. Finalmente, o 25 de outubro de 1553 promulgáronse as primeiras ordenanzas, pero estas non chegaron a aplicarse. Xa había tempo que o Colexio de Santiago Alfeo estaba construído nos terreos doados polo propio Fonseca do soar familiar da Rúa do Franco.

As reformas de Cuesta e Portocarrero editar

As liortas entre os partidarios de entregar a institución aos xesuítas, principalmente o arcebispo Xoán Álvarez de Toledo, e os testamenteiros, fixo que o cabido recorrese á arbitraxe de Filipe II. Este, por medio da provisión real do 26 de xuño de 1555, encomendoulle ao doutor Andrés Cuesta o estudo e reorganización do colexio. Seguindo a encomenda organizou o Colexio de Santiago Alfeo diferenciándoo da propia Universidade. Só os colexiais do devandito colexio podían obter os graos académicos tendo que esperar a consolidación definitiva até o 10 de decembro de 1567, cando o Consello Real estableceu as graduacións da Universidade de Santiago de Compostela. A Coroa foi desde entón o principal patrón da institución.

No ano 1577 solicitouse de novo a intervención da Coroa para reformar os estatutos da universidade. A consecuencia foi a visita de Pedro Portocarrero e a posterior aprobación da súa reforma en outubro de 1588. Nela especificábanse mais polo miúdo as competencias e funcións dos diferentes órganos e establecíase a residencia para teólogos e xuristas no Colexio Maior de Santiago Alfeo e a dos artistas no de San Xerome, deixándolle a ensinanza de Gramática á Compañía de Xesús.

Ao longo do século XVI a universidade chegou a ter, durante varios cursos, 3.000 estudantes, que procedían principalmente de Galicia e Asturias.

No século XVII a universidade consolidouse coa incorporación das facultades de Leis e Medicina ás xa existentes de artes, Teoloxía e Cánones, e contaba con até cinco colexios: o de antigo Alfeo, o de San Xerome, o de San Clemente, o de San Patricio dos Irlandeses e o efémero de San Salvador. A finais do século non chegaba a 300 o número de estudantes.

A Universidade Ilustrada editar

O século XVIII trouxo consigo unha profunda transformación na Universidade de Santiago de Compostela, completándose así o proceso de secularización da institución ao afastarse do control eclesiástico. A dinámica centralizadora á que se vían sometidas as institucións nesta época contribuíu a que a Universidade perdera certa autonomía. Foi daquela cando Carlos III lle concedeu a condición de rexia á Universidade de Santiago de Compostela, engadindo ao seu distintivo a coroa real que, sobre as armas de Castela, León e Galicia, e xunto aos emblemas heráldicos dos seus fundadores máis salientados, integrouse no escudo.[2]

Despois da expulsión dos xesuítas ordenada por Carlos III, o monarca español concedeulle á Universidade os terreos e edificios que esta orde relixiosa posuía en Santiago de Compostela, pasando a constituír o centro da nova universidade ilustrada. De inmediato realizouse un novo plan de estudos que recuperaba disciplinas cedidas a certas congregacións relixiosas, creou graos académicos e introduciu novas ensinanzas prácticas e científicas, como Física Experimental ou Química.

O edificio editar

 
Claustro do Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca.
 
Outra vista do Claustro, coa torre do edificio, con bandeiras. Ao fondo, as torres da catedral.

O Pazo, de estilo renacentista con trazos platerescos, está unido ao Colexio de San Xerome e posúe dous corpos en altura e un gran patio interior arroupado por un fermoso claustro rematado por unha cristaría plateresca.

Nos muros exteriores ábrense vans con arcos de medio punto apoiados en columnelas que animan, xunto coa porta principal, a seriedade do muro.

O edificio construíuse sobre a casa onde nacera o arcebispo Fonseca III (lugar hoxe indicado por unha lápida) on trazas de Juan de Álava, que supervisou Alonso de Covarrubias, continuándose a construción entre 1522 e 1544 polos mestres de obras Alonso de Guntín e Jácome García.

Na fachada, rematada máis tarde (1688) por Diego de Romay, destaca a porta principal, de gran xenerosidade ornamental, nunha especie de enxalzamento do cristianismo. A porta, arco triunfal de acceso, está coroada por un friso onde está, no entro, o escudo do fundador rodeado das figuras de San Gregorio o Grande, Santo Ambrosio, Santo Agostiño e San Xerome, os catro doutores da Igrexa latina, e enmarcada por columnas exentas acanaladas, apoiadas en importantes basas que sosteñen o corpo superior.

As dúas figuras inferiores corresponden a Santiago Alfeo e á Virxe dos Praceres, e as que coroan o conxunto son San Pedro, Santa Catarina, Santo Ildefonso e San Paulo. O resto da ornamentación compóñena as figuras duns enigmáticos dragóns (que algúns autores identifican con imaxes de inspiración maia).

La airosa puerta de Fonseca, muda,

me mostró sus estatuas y relieves
primorosos, encanto del artista;
y del gran Hospital, la incomparable
obra del genio, ante mis tristes ojos
en el espacio dibujose altiva.

Rosalía de Castro

A porta dá paso a un vestíbulo, con bóveda de crucería, que separa, á esquerda, o salón artesoado (o antigo refectorio e, despois, sala de graos) con artesoado de tipo mudéxar, hoxe destinado a sala de exposicións, e a capela gótica, obra tamén de Diego Romay, cunha fermosa bóveda de crucería, tamén usada na actualidade como sala de exposicións.

Máis adiante sáese ao patio, rodeado polo claustro: a súa dupla arcada superposta de estilo tipicamente plateresco, con arcos rebaixados e enxutas decoradas mediante medallóns e bustos, e que se completa cunha cristaría na parte superior.

Usos posteriores do pazo editar

O edificio tivo diversos usos ao longo da súa historia:

  • Colexio Maior.
  • Convento da nobreza.
  • Hostal para campesiños e comerciantes.
  • Lugar de acollida dos católicos irlandeses que estudaban en Santiago desde tempos de Filipe II, cando o seu Colexio Maior, chamado Colexio de San Patricio ou Colexio dos Irlandeses, resultou destruído durante a Guerra da Independencia.
  • Seminario de Estudos Galegos.
  • Facultade de Medicina.
  • Facultade de Farmacia.

Na actualidade, o edificio do Colexio de Fonseca segue formando parte da Universidade de Santiago e dedicado a diversos usos: fundamentalmente, é a sede da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e tamén alberga, como quedou dito, salas de exposicións.[3]

Despois do franquismo, nos primeiros anos da autonomía de Galicia, o Salón Artesoado de Fonseca foi a sede do Parlamento de Galicia. Foi a segunda sede do Parlamento tras o pazo de Xelmírez (sede entre 1981 e 1982) e até o seu traslado en 1989 ao pazo do Hórreo, edificio da Escola de Veterinaria de Santiago, suprimida en 1924 e transformado o edificio en cuartel de infantaría.[4]

Notas editar

  1. AER Arquivo AGS, Sinatura CRC,458,13 de data 1556.
  2. O escudo da universidade pode verse, entre outros lugares, na decoración do teito do antigo Paraninfo, o tamén en: Universidade de Santiago de Compostela (2007): Sigillum: Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, capítulo Tempos e figuras da Universidade de Compostela (Ramón Villares Paz). Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978 84 9750 784 4, p. 19.
  3. Santiago Virtual. Colegio de Fonseca (en castelán).
  4. La Escuela de Veterinaria de Santiago de Compostela (1882-1924) (en castelán).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar