Casca (zooloxía)

A casca,[1][2] ou carapa,[3][2][nota 1] é unha cuberta dura e ríxida casca que posúen numerosos animais que, entre outras funcións, serve para protexer as partes brandas dos mesmos. Neste sentido, sería sinónimo de exoesqueleto.

Debuxo dun lagostino, coa súa casca ou exoesqueleto (en laranxa), destacando o cacho (en vermello).

É o caso da maioría dos crustáceos e moluscos, nos que é de natureza calcaria, de todos os artrópodos, nos que está constituído por queratina (nos crustáceos reforzada por sales cálcicos) e dos quelonios (tartarugas), nos que é de natureza ósea e córnea.

Crustáceos

editar
Véxase tamén: Cacho.
 
Vista ventral do cacho dunha centola.

Nos crustáceos a casca presenta diferentes graos de calcificación e, por tanto, de consistencia, segundo os grupos.[4]

Os crustáceos que forman parte do zooplancto tamén teñen casca. Entre eles estás os cladóceros, os ostrácodos e os isópodos. Porén, os isópodos só tieñen unha casca que cobre a cabeza, o denominado "escudo cefálico".

Cando se proxecta cara a adiante, máis alá dos ollos, esta proxección do exoesqueleto denomínase rostro (en latín científico, rostrum).

Nos decápodos, na casca distínguese o cacho, peza única do exoesqueleto que cobre o cefalotórax, e que está especialmente desenvolvida en centolas, bois, nécoras, lagostas, lumbrigantes, cigalas, lagostinos e camaróns.

Arácnidos

editar
 
Diagrama dun arácnido, coa casca sinalada con cor púrpura.

Nos arácnidos a casca está formada polo cefalotórax.

É unha cobertura na parte superior formada pola fusión dos terxitos nunha soa placa, e é onde están situados os ollos (ocularium) e os ozóporos dos opilións, entre outros órganos e faneras.[5]

Nalgunhas ordes, como nas dos solífugos e os esquizómidos, a casca pode estar dividida.

Quelonios

editar
Artigo principal: Coiraza (tartarugas).
 
As placas que forman a casca ou coiraza dunha tartaruga.

A casca ou coiraza das tartarugas está formado xeralmente por placas óseas revestidas por placas córneas, pero ás veces só por placas córneas.

A columna vertebral e as costelas fusiónanse formando placas baixo a pel e forman a casca. Exteriormente, a pel está cuberta por escudos, placas córneas que a protexen de maneira máis eficaz.[6][7]

As tartarugas poden sobreviviren de maneira sorprendente a graves lesións da casca, e as profundas gretas ou partes desaparecidas de tecido poden recompoñerse até o óso e curar.

Nalgunhas tartarugas, como nos trioníquidos, na tartaruga de nariz de porco (familia Carettochelyidae) de Australia ou na grande tartaruga de coiro, faltan os escudos e a casca cóbrese só coa pel.

As cascas de moitas tartarugas presentan cores brillantes con motivos orixinais que permiten identificar individuos da mesma especie a certa distancia.

Moluscos

editar
Artigo principal: Cuncha.
 
Cuncha do mexillón (Mytilus galloprovincialis).

Nos moluscos a casca recibe o nome de cuncha, que pode estar formada por unha soa peza ou placa (gasterópodos, escafópodos, cefalópodos e monoplacóforos), por dúas (chamadas valvas nos bivalvos), ou por varias (nos poliplacóforos).

Estas placas están constituídas por unha proteína (a conquiolina, unha escleroproteína) endurecida por carbonato de calcio na forma de cristais de aragonita.

Algúns moluscos reduciron o tamaño da cuncha, que practicamente non existe; por exemplo, nas lesmas, tanto nas terrestres ou lesmas ou limachas propiamente ditas como nas mariñas (borrachas). E outros fixéronas internas; por exemplo, nas luras e en case todos os cefalópodos.

  1. Anteriormente era aceptado o termo *caparazón, González Gurriarán e Méndez (1985) e Ramonell, R. (1985), pero nas seguintes revisións das normas do galego o termo foi desbotado.
Referencias
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para casca.
  2. 2,0 2,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), "Caparazón dos moluscos: casca", recollido por E. B. Carril e Eladio Rodíguez, p. 58.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carapa.
  4. Carapace Arquivado 23 de setembro de 2013 en Wayback Machine., en Dean Pentcheff (ed.): Crustacea Glossary. Los Ángeles: Natural History Museum of Los Angeles County. (en inglés) Consultada o 31/12/2012.
  5. Beccaloni, Jan (2009): Arachnids. University of California Press. ISBN 978-0-520-26140-2.
  6. A. S. Romer (1956): Osteology of the Reptiles. University of Chicago Press.
  7. R. Zangerl (1969): "The turtle shell", en C. Gans, D. d'A. Bellairs & T. A. Parsons (eds.) Biology of the Reptilia Volume 1. London: Academic Press, pp. 311–340.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar