Lagosta (crustáceo)

Lagosta
Palinurus elephas
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Familia: Palinuridae
Xénero: Palinurus
Especie: P. elephas
Nome binomial
Palinurus elephas
(Fabricius, 1787)
Sinonimia

Palinurus vulgaris Latreille, 1803

A lagosta común (Palinurus elephas, Fabricius 1787) é un crustáceo macruro (de abdome ben desenvolvido), un dos mariscos máis valorados, tanto en Galicia como no resto do Estado. Tamén se denomina lagosta europea ou lagosta vermella.

Descrición

editar
 
Debuxo do pintor xaponés Kuniyoshi Utagawa.

Corpo robusto, dividido entre cefalotórax (pereión) e abdome (pleón), ámbolos dous cubertos por un exoesqueleto de natureza calcárea (casca), de forma máis ou menos cilíndrica, dotado de numerosos saíntes de tamaños desiguais dispostos en liñas lonxitudinais (ós que lle debe o seu nome inglés: Spiny lobster). A casca está dividida por sucos lonxitudinais e transversais, aspecto característico da familia Palinuridae.

Os adultos son de cor castaña ou violácea. No abdome presenta manchas amarelas simétricas.

Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecemos a lagosta no prato, cociñada, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

O rostro está formado por un pequeno saínte con dúas espiñas laterais, diverxentes e prominentes (como cornos), sobre os ollos, pedunculados e globosos.

O primeiro par de antenas son pequenas (anténulas), curtas e bifurcadas ó final. O segundo par de antenas está moi desenvolvido, chegando a ser máis longas có corpo do animal, e consta dunha base ou pedúnculo curto e espiñoso e un látego formado por incontables artellos. As antenas teñen unha función esencialmente táctil.

 
Cola de lagosta cocida.

O abdome é grande e arqueado. De aí a súa vella clasificación como macruro, en contraposixión ós braquiuros, como a centola, de abdome pequeno e recollido baixo o cefalotórax.

Posúe seis segmentos (pleuras) móbiles. Cada segmento posúe un par de a modo de pequenas patas (pleópodos) que, nesta especie, non son útiles para a natación. A súa función é copuladora e ovíxena: as femias suxeitan a posta de ovos contra o abdome con estes pleópodos.

O último segmento abdominal está transformado nunha aleta caudal membranosa. Está constituída por unha placa central (telson, redondeado ou truncado) e catro uropodios.

Posúe cinco pares de patas locomotoras (pereiópodos), coma tódolos crustáceos decápodos, rematados nunha uña forte, excepto o primeiro par, máis curto e ancho e rematado nunha pequena pinza. Nas femias, o último par de patas tamén remata en pinza (carácter que serve para diferencia-los exemplares dun e doutro sexo). Ovos vermellos.

Mide entre 25 e 35 cm e pesa ó redor de 1 kg, aínda que pode chegar ós 50 cm e pesos de 4–7 kg. A madurez sexual alcánzase ós 4-5 anos, cuns 20 cm de lonxitude. No Mediterráneo son xa maduras ós 3 anos, cuns 10 cm.

As lagostas son unisexuais (cos sexos separados). O desenvolvemento é moi lento, chegando ós 15-20 anos. Como tódolos invertebrados dotados de exoesqueleto, muda e cambia de casca periodicamente. A lagosta presenta numerosas mudas anuais, que van a menos coa idade (10 veces no primeiro ano, 1-2 veces ó ano cando vellos).

Hábitat

editar

É unha especie demersal, que vive nos fondos rochosos onde poida agocharse en covas e gretas, a profundidades de 20 a 70 metros, se ben no inverno desprázase a profundidades de 250 m ou máis.

Presente no atlántico oriental, desde a altura de Irlanda ou o sur de Noruega ata os Azores e Mauritania. Tamén é moi abundante no Mediterráneo.

A alimentación é omnívora, principalmente carnívora, a base de moluscos, outros crustáceos, equinodermos, algas etc.

En Galicia cada vez é máis escasa, pola sobrepesca á que é sometida. Boa parte da lagosta que se comercializa procede do Reino Unido.

Péscase con nasas especiais (nasas lagosteiras), pero ás veces vén enliada noutras artes de pesca.

O talle mínimo permitido para a lagosta capturada en augas galegas é de 25 cm.

A lagosta no mercado e na cociña

editar

Normalmente, comercialízase a partir de cetarias, nas que se estabula trala captura ata o momento da súa venda.

A presentación habitual é fresca, viva. Recoñécese sen dificultade: o abdome debe de estar curvado cara a dentro e, cando a collemos na man adoita batelo con forza. Ademais, mostra reaccións reflexas nos ollos, antenas e patas ó contacto.

Tamén pode atoparse conxelada, pero neste caso se trata de lagostas foráneas.

Existe no mercado un sucedáneo de forma e sabor semellante ás colas de lagosta, baixo o nome de “colas de mar”. Trátase dun preparado elaborado a base de surimi (músculo de peixe picado e texturizado).

Consómese cocida en salpicón ou con distintas salsas, e tamén á prancha.

Festa da lagosta

editar

Celébrase na Guarda, o último domingo de xuño.

Sinonimia histórica

editar
  • Palinurus vulgaris Latreille 1804
  • Palinurus quadricornis Fabricius 1798
  • Astacus elephas Fabricius 1787

Denominación noutras linguas

editar
  • castelán, asturiano: langosta
  • vasco: Otarrain
  • catalá: llagosta
  • valenciano: llangosta
  • francés: langouste, langouste rouge
  • inglés: Spiny lobster, Common Spiny lobster
  • portugués: lagosta
  • italiano: aragosta
  • alemán, danés: languste
  • grego: astakos
  • holandés: langoesten

Especies semellantes

editar

No comercio pódense atopa-las seguintes especies semellantes:

  • lagosta moura ou mauritánica, tamén chamada lagosta rosada ou lagosta diamante, procedente das costas africanas (Palinurus mauritanicus), máis grande e ancha cá nosa.
  • lagosta verde ou real, tamén chamada lagosta portuguesa (Panulirus regius), de menor tamaño cá nosa.

Non parece razoable confundi-la lagosta co lumbrigante (Homarus gammarus), pero ás veces podemos atopar textos que describen este último baixo a denominación de lagosta (ou lagosta americana).

A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar