Caixa Xeral de Aforros de Ferrol

caixa de aforros galega

A Caixa Xeral de Aforros de Ferrol foi unha institución financeira galega existente entre 1902 e 1978 co nome de Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol. Tiña a súa sede en Ferrol e desenvolvía a súa actividade na Ferrolterra.

Caixa Xeral de Aforros de Ferrol
Tipocaixa de aforros
Data de fundación1902
Data de disolución1978
SedeFerrol
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]
Edificio que albergou a sede da Caixa Xeral de Aforros, na Praza de España (Ferrol)

Historia

editar

A entidade naceu ao abeiro do Círculo Católico de Obreiros de Ferrol. Esta asociación foi fundada en 1894 e respondía aos principios da Doutrina social da Igrexa: ademais de desenvolver actividades pastorais e pedagóxicas, creou nos seus anos iniciais unha cooperativa de consumo. Dende 1896 o Círculo Católico ferrolán estudou a posibilidade de crear unha caixa de aforros que permitise estimular e salvagardar o aforro. Finalmente, o 20 de setembro de 1902 a xunta directiva do Círculo Católico de Obreiros de Ferrol votou por unanimidade a creación da Caixa de Aforros do Círculo Católico, cuxo acto fundacional foi o 5 de outubro. A entidade gañou importancia nos seguintes anos ata supor a principal actividade da asociación que a promovera.

Con todo, en 1929, o Real Decreto-Lei número 2531[1] obrigou as caixas de aforro a desligarse da dependencia de calquera outra institución, polo que o consello de administración da Caixa de Aforros empredeu unha reforma estatutaria para independizarse do Círculo Católico de Obreiros de Ferrol. Así, en febreiro de 1930 foi aprobada a modificación dos estatutos da entidade, que adoptou o nome de Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol. Aínda que estatutariamente se debían incorporar aos órganos reitores persoas próximas á Igrexa, tamén se abría a representantes municipais.

O crecemento da entidade continuou trala Guerra Civil; así, se en 1940 contaba con 1528 impoñentes, en 1950 a cifra ascendía a 6966. O desenvolvemento urbano da cidade departamental na década de 1960 favoreceu tamén a Caixa Xeral, que contaba en 1970 con 2 504 541 970,40 pesetas en saldo grazas ao aforro de máis de 67 500 impoñentes. En 1975, nos prolegómenos da súa fusión con outras caixas galegas, contaba cun saldo de 5 123 619 247,10 pesetas e máis de 116 000 clientes[2].

A mediados da década de 1970, as caixas da Coruña-Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela exploraron a posibilidade de fusionárense para crear unha grande entidade galega. Unha primeira tentativa fracasou en 1976 pola oposición da compostelá[3]. Finalmente, o 3 de abril de 1978 a Caixa Xeral de Aforros de Ferrol fusionouse coa Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña e Lugo para dar lugar a Caixa de Aforros de Galicia. O acto para a fundación da nova entidade contou coa presenza dos presidentes das dúas entidades, Manuel López Companioni pola Coruña-Lugo e Juan Cardona pola Caixa Xeral de Ferrol; e mais de Manuel Lucas, presidente da Caixa de Santiago e que actuaba como como presidente da Federación Galega de Caixas de Aforro[4]. O derradeiro director xeral da Caixa de Aforros de Ferrol, José Luis Méndez (1977-1978) ocupará a dirección xeral de Caixa Galicia dende 1981 ata 2010.

Oficinas

editar

No momento previo á fusión, a Caixa Xeral de Aforros de Ferrol contaba con oficinas en Cedeira, Cerdido, Valdoviño, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Narón, Xuvia, Neda, Fene, Maniños, Mugardos, Ares, A Capela, Pontedeume, Campolongo, Miño, ademais de Ferrol.

A primeira sede da institución estivo nas oficinas do Círculo Católico, se ben en 1930, coa súa transformación en entidade independente, se trasladou ao baixo do número 18 da rúa Méndez Núñez e, logo, ao 130 da rúa Real. Trala Guerra Civil, co proxecto de urbanización da praza de España, a Caixa encarga a construción dun edificio para as súas oficinas centrais. Ante a dificultade para abastecerse de materiais de construción pola situación da posguerra, recábase o apoio do propio Francisco Franco[2]. Finalmente a entidade trasládase a súa nova sede en 1950.

Obra social

editar

A Caixa Xeral de Aforros de Ferrol, como o resto de entidades desta natureza, destinaba boa parte dos seus beneficios a actividades benéficas e sociais. Durante os primeiros anos, a entidade revertía o seu lucro no Círculo Católico de Obreiros e nos seus asociados, mais a partir de 1930 fíxoo en iniciativas que redundasen no conxunto da cidade. A primeira grande obra foi a construción das vivendas unifamiliares da Sagrada Familia en Catabois, iniciadas en 1954, que foron adxudicadas a renda baixa, co que os inquilinos poderían facerse coa súa propiedade. Esta política continouse coa edificación doutros predios en Ferrol, pero tamén en Cedeira e Ares (1968). Ademais, a Caixa financiaba unha aula de cultura e facía donativos a institucións benéficas diversas. En 1975 o orzamento da obra social ascendía a 13 494 643,36 pesetas[2].

  1. "Gaceta de Madrid, número 335, 1 de decembro de 1929" (PDF). (BOE). Consultado o 24-01-2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Fornies Casals, JF; Ortega Gómez, A.; Palacios Bañuelos, L. (1977). Historia de una institución ferrolana: Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol (1902-1977). Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol. ISBN 84-7231-354-9. 
  3. "No prospera la fusión de las Cajas gallegas". El País (en castelán). 1976-05-06. ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-01-24. 
  4. Manolo Rodríguez (2009-04-05). "De Caixa de Aforros a Caixa Galicia". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2021-01-24.