Círculo Católico de Obreiros de Ferrol

asociación galega

O Círculo Católico de Obreiros de Ferrol foi unha asociación fundada en Ferrol en 1894 con finalidades recreativas, pastorais e para garantir a asistencia social e a formación dos seus membros.

Círculo Católico de Obreiros de Ferrol
Tipoasociación
Data de fundación1894
SedeFerrol
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Contexto editar

A finais do século XIX a Igrexa católica procuraba dar resposta ás profundas transformacións sociais (a sociedade de clases), económicas (industrialización) e políticas (asentamento do Estado liberal) que se asentaran nese tempo. A difusión das ideoloxías socialistas, ateas e críticas coa relixión, e os inicios da secularización da sociedade, foron especialmente preocupantes para a Igrexa. O papa León XIII sistematizou o pensamento da Igrexa Católica e da súa Doutrina Social a partir da encíclica Rerum Novarum (1891), ao tempo que chamaba aos católicos a formar asociacións confesionais, véndoas como unha ferramenta para combater os efectos considerados negativos do mundo capitalista de finais do XIX e da súa alternativa socialista.

Paralelamente, en España, a Restauración borbónica permitiulle á Igrexa Católica recuperar influencia social. A Constitución de 1876 non só restableceu un Estado confesional e o financiamento público ao culto e clero católico, senón que prohibía a manifestación externa de calquera outra relixión. Neste marco, o xesuíta valenciano Antonio Vicent, realiza unha intensa campaña na difusión dos círculos católicos.[1] A orixe destas asociacións está en Francia, e incluían tanto a obreiros como a patróns. As súas finalidades eran variadas: lecer, actividades formativas para os socios, axuda social, sempre cunha notoria vontade evanxelizadora. Dende unha concepción moi paternalista, procuraban contribuír á mellora das condicións de vida e traballo dos obreiros, ao tempo que buscaban frear a difusión do socialismo marxista e o anarquismo entre un proletariado que querían achegar á Igrexa. Así pois, no eido laboral, buscaban solucionar de forma dialogada os hipotéticos conflitos laborais.[2] Entre 1890 e 1905 fundáronse moitas destas organizacións, especialmente en Castela a Vella, Aragón, Córdoba e o litoral mediterráneo. En Galicia, o movemento difúndese neses anos: o primeiro círculo en fundarse foi o de Pontevedra (1893), seguido do de Ferrol, A Coruña (1895), Santiago (1896) e Vigo (1904).[3] Alfredo Brañas louvou estas iniciativas considerando que servían para resolver os problemas sociais "pola fe e polo amor" ao seren ámbitos de socialibilización de obreiros e burgueses, ao tempo que arredaba aos traballadores das "malfadadas teorías actuais" en alusión ás ideoloxías socialistas.[4]

Doutra parte, Ferrol, a finais do XIX era unha cidade de arredor dos 25 000 habitantes.[5] Era un dos principais núcleos industriais da Galicia do momento grazas á construción naval asociada ao Arsenal. Mostras da súa crecente organización obreira son a fundación da Agrupación Socialista local en 1891 e a existencia de prensa como El Obrero (1890), da mesma tendencia.[6]

Fundación editar

O 19 de marzo de 1894, logo de dez días de predicación, o xesuíta Juan Conde, os párrocos de San Xiao de Ferrol, A. Luis Panique, do Socorro, Jesús Penabad, e das Angustias, Antonio María Agrelo, propuxeron a creación dun círculo católico en Ferrol. Constituíuse unha xunta organizadora na que se integraban os párrocos ferroláns mencionados, xunto con directores da prensa local (El Correo Gallego, La Monarquía e El Departamento) así como outros profesionais liberais senlleiros da cidade.[1]

O Círculo Católico ferrolán quedou baixo a presidencia de honra do bispo de Mondoñedo, Manuel Fernández de Castro e Menéndez Hevia, e a presidencia do párroco de San Xiao de Ferrol. A inauguración oficial da asociación foi o 8 de xullo de 1894; o acto contou cos socios (xa sumaba máis de 500), a directiva e autoridades civís, militares e eclesiásticas; leuse o telegrama de parabéns da raíña rexente, María Cristina de Habsburgo-Lorena, así como a bendición apostólica do papa León XIII.[1]

O Círculo Católico diferenciaba entre varios tipos de membros: os socios (obreiros) que debían pagar unha peseta mensual de cota, e os protectores (profesionais liberais ou empresarios, fundamentalmente) que achegaban voluntariamente "a cota que a súa caridade lles dite".[3][7]

O Círculo Católico despregou a súa actividade en diferentes ámbitos, destacando:[1]

  • O financiamento de centros de estudos para a formación escolar. A Comisión de Ensino do Círculo, dirixida entre 1905 e 1911 por Manuel Comellas, foi moi activa, aínda que a falta de recursos económicos lastrou as súas posibilidades.[1] O proxecto máis cobizoso foi a apertura dunha escola diúrna gratuíta en novembro de 1911. Con todo, a súa experiencia foi efémera pois pronto atravesa problemas de financiamento que levaron ao seu peche logo de 1917.
  • Actividades culturais, como un certame literario e musical presidido por Alfredo Brañas en febreiro de 1899 no Teatro Jofre.[4]
  • A asistencia médica, que supuxo o 21% dos gastos da asociación nos anos 1897-1898.[3]
  • A creación dunha cooperativa de consumo en 1905 que se mantivo ata 1929.[1]
  • O establecemento dunha caixa de aforros e monte de piedade en 1902. Esta foi gañando importancia ata que en 1929 se renomeou Caixa Xeral de Aforros de Ferrol, xa como unha entidade de seu.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Fornies Casals, J.F.; Ortega Gómez, A.; Palacios Bañuelos, L. (1977). Historia de una institución ferrolana: la Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol (1902-1977). Caja General de Ahorros de El Ferrol. ISBN 84-7231-354-9. 
  2. Milán García, José Ramón (1998). "El asociacionismo católico español en 1900: un intento de aproximación.". Hispania Sacra 50 (102): 639–645. ISSN 0018-215X. doi:10.3989/hs. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Miguez Cacho, A.; Cabo Villaverde, M. (2010). ""Reconquistar Galicia para Cristo. Un balance del catolicismo social en Galicia (1890-1936)". Ayer (79): 223–245. ISSN 1134-2277. 
  4. 4,0 4,1 Seoane, L. (Febreiro 1899). "Certamen literario y musical del "Círculo Católico de Obreros" del Ferrol". Revista Gallega: semanario de literatura e intereses regionales (204): 5. 
  5. "INEbase. Alteraciones de los municipios". www.ine.es. Consultado o 2021-01-26. 
  6. "Fernández García, Francisco". Fundación Pablo Iglesias (en castelán). Consultado o 2021-01-26. 
  7. "Real Academia Galega". academia.gal. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-01-27. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar