Cadière de Ana da Bretaña

antiga moeda francesa de ouro
Cadière de Ana da Bretaña [1]
R/: Cruz renacentista con N uncial no centro e con cruces nos seus extremos entre pétalos de lirio.

Lendas: SIT * NOMEN * DOMINI * BENEDICTUM *

A/: Ana da Bretaña sentada no trono, con cetro na man dereita, espada na esquerda e coroa na cabeza. Abaixo data.

Lenda: ANNA . D . G . FRAN . REGINA . ET . BRITONVM . DVCISSA

  • Datas de emisión: 1498
  • Ceca: Nantes
  • Gravador: Jean Bourdichon.
  • Metal: Ouro.
  • Diámetro: 28,1 mm.
  • Peso: 3,42 g.
  • Espesor: 28 mm.

A cadière de Ana da Bretaña é unha moeda de ouro do reino de Francia cuñada na ceca de Nantes a finais do século XV, caracterizada por amosar unha imaxe da raíña consorte Ana da Bretaña (1477-1514) sentada no seu trono.[2][3][4]

Contexto

editar

A finais do século XV, Ana da Bretaña era duquesa da Bretaña e raíña de Francia viúva de Carlos VIII (1483-1498). Ana decidiu cuñar unha nova moeda —privilexio reservado ao rei e ao príncipe con rango de rei— en conmemoración da soberanía do Ducado da Bretaña e para confirmar a súa autoridade, antes do seu próximo matrimonio co novo rei, Lois XII (1498-1515).[5][6][7][8][9]

Caracterización

editar

Trátase dunha moeda cuñada en ouro, cun peso de ca. 3,50 gramos e un diámetro de 28 milímetros.[1][8][9]

Anverso

editar

No anverso, a duquesa Ana amósase sentada nun trono con maxestade, un motivo xa utilizado anteriormente por diversos monarcas franceses. Porta un cetro na súa man dereita e unha espada na súa man esquerda, e a súa cabeza está coroada. As súas roupaxes e o seu manto levan os símbolos de Bretañaarmiños— e de Franciaflores de lis—. Aos seus pés figura a data de emisión.[1][7][9]

A lenda que rodea este motivo é ANNA.D.G.FRAN.REGINA.ET.BRITONVM.DVCISSA ("Ana, pola graza de Deus, raíña dos franceses e duquesa dos Bretóns").[1][7][9]

Reverso

editar

A figura central do reverso é unha cruz de inspiración renacentista, cargada no centro por un N uncial. A cruz está coroada en cada extremo por cruces entre senllos pétalos de lirio.[1][9]

A lenda en latín do reverso é SIT NOMEN DOMINI BENEDICTUM ("Bendito sexa o nome do Señor"), con pequenos armiños separando as palabras.[1][9]

Denominación

editar

O termo cadière fai referencia ao trono en que senta a duquesa (do latín cathedra, en galego "cadeira"). A representación do soberano pódese comparar con outras moedas de ouro denominadas à la chaise na tradición numismática francesa, emitidas polos reis de Francia, especialmente por Filipe VI (1328-1350) e por Xoán o Bo (1350-1364).[6] No entanto, estoutras moedas pesaban arredor de 4,5 gramos e tiñan un diámetro de 29 milímetros.

Exemplares e tipos

editar

Aínda que consonte a documentación de época se calcula que se cuñaron arredor de 10.000 exemplares da cadière de Ana da Bretaña, o feito é que poucos deles chegaron aos nosos días. Coñécense dous tipos, con reverso idéntico e executados aparentemente polo mesmo gravador, Jean Bourdichon (ca. 1456 - ca. 1520), pintor do rei.[6]

O primeiro tipo, do que se coñecen tres ou catro exemplares, amosa uns trazos máis propios da moeda medieval e carece de data expresa. O segundo tipo amosa un estilo máis renacentista e amosa a data de 1498 en cifras árabes baixo os pés da raíña, no seu anverso. Deste segundo tipo coñécese unha decena de exemplares.[6]

O exemplar do Museo da Bretaña

editar
 
A cadière de Ana da Bretaña, exposta no Museo da Bretaña, en Rennes.

O Museo da Bretaña, en Rennes, posúe un exemplar deste segundo tipo, con data de 1498.[7] Este espécime foi roubado durante a noite do 13 ao 14 de abril de 2018[10] no Museo Departamental Thomas-Dobrée, de Nantes, onde estaba exposto formando parte dunha exposición titulada "Viaxe nas coleccións".[11]

Foi atopado o 21 de abril do mesmo ano en Saint-Nazarie, xunto co resto do botín.[12]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "1 Cadière - Anne". Numista.com
  2. "Cadiere d'or". En Münzen Lexikon (Reppa.de)
  3. "Cadière". En Frey, A. R. (1916). Páxina 38.
  4. "Cadiere Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915).. Páxina 49.
  5. "Les RDV de Grand Patrimoine #3 : la Cadière d'or d'Anne de Bretagne". Département Loire-Atlantique.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Gildas Salaün (2018).
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 "Monnaie en or d’Anne de Bretagne dite cadière". Musée de Bretagne.
  8. 8,0 8,1 "La cadière d’or d’Anne de Bretagne". La Porte de Pierre.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 "Cadière[Ligazón morta]". Musée Dobrée.
  10. "Liste prévisionnelle des œuvres volées". Musée Dobrée.
  11. "Nantes : l'écrin du cœur d'Anne de Bretagne volé au musée Dobrée". En France Bleu. 14 de abril de 2018.
  12. "Le reliquaire d’Anne de Bretagne retrouvé samedi soir dans la région de Saint-Nazaire". En Ouest France. 22 de abril de 2018.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar